-Xa vai sendo hora de que veñan recollelo...
-Si, desde logo. Esta praia ultimamente dá
noxo.. Non hai ningunha limpeza. Antes daba gusto, pero agora, con esta moda... ¿cómo diría
eu?... esta teima...
-Moito vicio. ¡Se quedasen na súa
terra! Xa temos o mercado ateigado de alfombras. ¡Fooombra! ¡Baratatooo! ¡Foooombra!
-Mira Lucho: estou segura que alí, se o
buscan, teñen traballo abondo, pero púxose de moda isto de vir a España, e agora non hai quen
o pare. Veñen a moreas. ¡E cómo deixan a praia! Anacos de pateras, refugallos de comida, botellas...
-E, aída por riba, ese aí. Veñen
aquí a roubar postos de traballo, nada menos, ¡como se houbese tantos! Xa ves, o pobre Marcial, que
non consegue choio... Se eu fose ministro, ou eso, ben... o que mande niso, poría máis gardacostas
e ametrallaba. ¿Acaso non fan eles o mesmo cos nosos barcos?
-Non fai falta ametrallar, Luchiño. Para
mostra un botón.
E Maripili, moza de bo ver, ao tempo que lle botaba
crema protectora no lombo ao seu noivo Lucho, sinaloulle o cadáver do magrebí mecido polas suaves
ondaxes da orela.
Efectivamente: refugallos de pobres galletas molladas,
roupa azul dun bebe, unha botella de auga mineral sen encetar e unha cestiña de vímbio deixábense
levar polo vaivén das augas, aboiando e encallando nas mouras areas ou atracando, como se de pequenas embarcacións
se tratasen, entre as pernas do corpo dun mozo duns vinte anos que semellaba sorrir á morte cun aceno de
xentil abraio; sen embargo as súas mans crispadas indicaban a loita da noite anterior para aferrarse a unha
táboa de salvación.
-¡Mira que son tardóns os da gardacivil!
-Si. A min se me están remexendo as tripas.
Ten un barrigón que parece que vai estoupar.
-Cala, cala, Lucho... Pobriño. Seguramente
tragou moita auga.
-¡Qué pobriño nin que hostias!
Pobriños nós, que temos que aturar estas cousas. Se queres imos a outra praia.
-Non, cari, esta é a nosa caliña,
ghe, ghe... Xa sabes de qué che falo...
E os noivos olláronse no interior da súa
complicidade, coa promesa das apertas e os arrumacos no lusco-fusco.
-¿Báñaste?
-Agora non. Ata que o leven de aquí eu
non me movo. Pásame a revista.
-¿Esta ou o suplemento?
-O suple.
-Fíxate que cachonda está aquí
a patera rosa.
-¡Ghe, ghe, ghe! ¡A pantera, cari,
a pantera!
Gargalladiñas provocadas polo lapsus atroz
revoaron arredor do cadáver mozo que seguía sorrindo ao infinito. Ao seu carón, dúas
gaivotas roubechonas pelexaban por un anaco de pan Bimbo que xa se comercializaba en Marrocos. Na explanada situada
enriba da cala aparcaba o todoterreo da garda civil, para alivio dos namorados.