Veñen petando na porta. Están aí.
O oitenta por cento da poboación mundial non coñece a electricidade, nin vai á escola, nin
ten teléfono e, nunha elevada porcentaxe, pasa fame. Fame de sobrevivir. Fame que deforma o ventre dos pequenos,
fotografados polas axencias internacionais, e pon unha luz opaca, impenetrable, nos ollos das nais que nos observan
dende o papel cuché ou dende os apretados quince segundos do telexornal da noite. “Parecen animais”, sentinlle
dicir unha vez a un xornalista en Africa. Pero están aí.
Cada cinco minutos prodúcese unha morte
violenta no mundo. Morte de guerra, en conflictos perfectamente identificados. O sesenta por cento dos casos non
son noticia, nin sequera aparecen nos medios, sobre todo cando se producen no continente africano, que é
a meirande parte das veces. Na mercadoría internacional da información, o Terceiro Mundo non vende.
Dino os programadores, os analistas do share, os traficantes de contidos. Deitada diante do televisor, a sociedade
da opulencia consume espectáculo mentres o modelo de crecemento (acelerado pola desregulamentación
dos mercados, a globalización e as novas tecnoloxías da comunicación) radicaliza as diferencias:
os ricos cada vez máis ricos e os pobres cada día máis empobrecidos. Pero están aí.
Algunhas voces claman pola necesidade dunha nova
orde internacional que, con criterios de equilibrio, estableza unhas reglas de xogo capaces de evitar a radicalización
do abismo. Mais ata agora as voces claman no deserto e o abismo (obxectivamente) crece. Acosados pola desesperación,
mozos e mozas, homes e mulleres, seres humanos entre dezaoito e vintecinco anos, no mellor da vida, pois os outros
non teñen esa oportunidade, amoréanse na outra beira do estreito á espera de dar o salto.
Veñen dos pozos máis profundos:
da Mauritania, do Senegal, do Niger, pero tamén de Casablanca, de Túnez... Ás veces tardan
anos en chegar, logo de mil intermediarios. Outras, emerxen das sentinas dos cargueiros que fan a rota da Guiné
ou aparecen conxelados entre as maletas dos avións nun aeroporto de Frankfurt.
¿Cantos son? Nin se sabe. Disque este verán
multiplicouse por dez o número de pateras que, clandestinamente, cruzan as nove ou dez millas que separan
Africa de Europa por Xibraltar. Ó amañecer, o mar deita cadáveres. Algúns son interceptados
polos celadores da finca, pero outros logran pasar e, paseniñamente, aparecen logo nos campos do Maresmes,
nas hortas murcianas, na minería de Leon (xunto cos polacos), nos trens de descarga de Mercamadrid, nos
talleres clandestinos de costura, nas lixeiras, apañando restos, nos furos escravos das casas de puterío,
nas estradas, nos tenderetes das feiras, cando non apretados en furgonetas camiño do Pirineo.
¿De que Europa falamos cando falamos de
Europa? ¿De que mundo, cando falamos do mundo? Non hai futuro sen resposta axeitada a estas preguntas. Eles
tamén están. No rebumbio dos macroeconomistas parece que non se vén. Os grandes números
actúan coma cortinas de fume a adiar seguido a realidade. Pero están. A realidade é tozuda,
empuxa, acaba sempre impoñéndose, con rostros e voces concretas, e a intelixencia (incluso o instinto
de supervivencia) debería advertirnos que a súa solución é a nosa solución,
a súa vida é (irremediablemente) a nosa vida.