Uns días antes de Pascua Florida chegou
Gestrudis á praza de Santo Domingo. Chegou maciza, oronda e tan escura coma os soños máis
deliciosos e impenetrables. Estomballouse prácida e indolente nun banzo ó pe da porta principal da
igrexa -coma unha tentación que espreitase á saída do templo ós cristiáns de
misa diaria- e, de súpeto, toda a praza, as rúas dos arredores, os corredores altos que comunicaban
unhas casas con outras e ata as azoteas entoldadas ficaron impregnadas do aroma a femia que Gertrudis, a negra
Gestrudis, desprendía. Non tardaron en agolparse ós seus pés as reas de admiradores, de jipijapa
ou colombianito, de branco de fillo do pobo ou de negro lustroso de señor, de pés descalzos ou de
leontina enguedellada coma unha fervenza pola pecheira abaixo. Non había diferencias nin distancias nin
exclusións naquela chamada da natureza na que os ulidos do mango e da papaia madura, tamén da piña
recén lograda, se mesturaban co excitante licor do desexo. Mesmo o padre Damián, máis branco
desta vez pola incerteza do abismo recén aberto ós seus pés ca polo hábito dos dominicos
que portaba, recuou vulnerable e aterrado, quizais por primeira vez tamén el cercado polas arañeiras
do pracer que se venta coma o can venta o medo.
Pero entre todos aqueles homes arelantes e indefensos,
entre aquelas mulleres sorprendidas, silenciosas, rivais desarmadas pola forza máis primaria e contaxiosa,
entre todos só Sixto Montoya deu un paso adiante e, vencendo a atracción sobre o reparo, pasou unha
man aspra e delicada a un tempo pola pel tersa e untuosa da negra Gestrudis. A morena esponxouse, recostou aínda
máis o seu dorso impecable e espido sobre a peaña de pedra e, pechando os ollos con aceno de gata
mansa e satisfeita, deixouse querer. Foi o primeiro dunha sucesión interminable de días nos que Sixto
Montoya, abandonando todo labor e afección, todo medo ou rexouba, tamén calquera atisbo de incredulidade
allea, se entregou en corpo e alma a admirar e atender a sensualidade feita estatua de ébano.
Ninguén a partir de entón pareceu
apreciar os perfumes da negra, nin a chamada presta da femia disposta, nin sequera os zumes da froita máis
delicada a aboiar polo ar. Ninguén -nin sequera o padre Damián, que entraba e saía a diario
de misar en Santo Domingo- eran quen de reparar xa naquela saborosa carnalidade a rebosar sobre o chan. Só
Sixto, ninguén máis ca Sixto Montoya se deixou cativar ata o desvarío. E só el foi
aceptado na vivencia dun soño que era real, ou que máis ben se trataba de realidade soñada.
Pasaron as chuvias, e volveron vir. Cunha baeta
de seda, Sixto Montoya enxoitaba o lombo louzán daquela á que el servía e amaba. Chegaron
noticias dos desmáns dos guerrilleiros, e mesmo unha ameaza que ecoou polos televisores coa que o presidente
da nación anunciaba a saída do exercito e da policía militar cara á cidade, mil veces
máis violentos ca calquera furacán. Non tardaron en aparecer mortos, e entre eles, mozos coas partes
queimadas e as cuncas dos ollos baleiras, a testemuñaren a ruindade que pode aniñar no máis
fondo dun home armado. Armado de rifles ou de pichicata. E a cidade enteira ficou deserta, coma cando o Caribe
está a piques de trousar o mar enteiro sobre a xente, e cómpre retirarse contra a espesura ata que
Deus amaine.
Voaron asemade os turistas, aves de gustos evanecescentes,
e a pobreza e a fame foi unha sospeita agre que penetrou coma unha cobra por debaixo das soleiras das portas máis
febles. De nada serviron entón as pasadas promesas de axuda que o presidente gringo ceibara entre vertixes
de cumbia e mareos de ron. Porque os moribundos son quen de prometer o ceo enteiro antes de morrer. E porque nin
todo o ceo enteiro, se chegase, abondaría para satisfacer as ás raspiñeiras dos voitres.
Para colmo de males, mesmo Gabo empeorou no desterro
médico no que vivía condenado, e a noticia vestiu de loito a ollada penetrante dos que agardaban
coa man tendida, privados de todo, tamén do señor de Santa Clara que escribira a memoria que a todos
se lles esgotaba a forza de reinventar as mañás. "Non temos salvación", sentenciou
unha vella que adiviñaba o futuro no fume dos xarutos. E os presentes que a oíron abotoaron os chaleques,
descubriron as cabezas con repecto á fatalidade, e gardaron un silencio sepulcral.
Só Sixto Montoya non deixou de faltar á
súa cita coa morena Gestrudis nin un só día. E só el foi capaz de imaxinar a mellor
das vidas no medio da peor das calamidades. Enfeitizado, baixaba e subía da casa a Santo Domingo e de Santo
Domingo ó rincón guapo. E ver a negra riseira e despreocupada coma todos os días, sen un aceno
de tristura que a turbase, era simplemente para el a fonte da felicidade.
Unha desas veces o médico Benavides -que
tamén andaba polo corredor das ensoñacións finais, aínda que as del fosen doutra clase
e cheirasen a naftalina- reparou desde a súa galería na devoción fervente daquel pobre desherdado
pola contundente fermosura de Gertrudis. E sorriu ata que os ollos se lle humideceron. E pensou que, sen dúbida,
a arte é coma unha petada ó corazón que chega a todos. A el que sabía de estilos e
historias, de libros e autores, de ouros pasados e escouras actuais, e a aquel pobre analfabeto que nin sequera
debía saber escribir o nome.
Baixou do poleiro o médico e, despois de
contemplar máis de preto a admiración rendida que brillaba na ollada de Sixto Montoya, decidiu preguntarlle
ó cortexador a finalidade de tanto desvelo.
Sixto Montoya fitou para el detendo unha miga
o aseo que, a diario desde as vésperas da Pascua Florida, lle procuraba á fermosa Gestrudis sobre
si mesma recostada. Aquela mirada era a propia da febre, da paixón e do abandono, todos por xunto e mesturados
co amor máis verdadeiro.
E á fin dixo:
-Eu... ¿sabe, doutor? Só espero
que algún día ela me fale.