Rastrexa-la conciencia é un labor ingrato,
e o resultado sempre deita un saldo altamente insatisfactorio cando remáta-la xornada laboral e te miras
no espello. É daquela cando te decatas de que o traballo non é a necesidade imperiosa de sobrevivir,
senón máis ben a coartada para escapar de ti e do mundo.
A esta conclusión cheguei malia disfrutar
dunha vida profesional en plenitude: son unha arquitecta convencida e seducida pola miña ocupación,
que imbrico no resto das actividades como unha parte esencial da miña existencia, como un labor de dimensión
social ó que aplica-la miña creatividade. Ata fixen do meu fogar un estudio. Se cadra ese é
o cerne da incerteza que me asalta dende aquel día.
Vivo no ático dun edificio de oficinas.
No ascensor coincido a cada paso con toda caste de xente, de modo que xa nada me sorprende no colorario humano
do mundo da xestión, ou tal vez sexa porque ando á miña. Gústame a idea de vivir no
meu estudio, de habitar nun espacio alleo ás singularidades domésticas dos veciños. É
nesa paz urbanícola onde disfruto a complicidade do meu fillo: quero pensar que trala súa incipiente
rebeldía de once anos hai un fondo mesto e sensitivo que nos une e que toma corpo na realización
das súas maquetas, miniatura dos meus proxectos. Calquera podería pensar que son unha misántropa
insolidaria, pero nada hai diso: teño ducias de amigos que me visitan e, doutra parte, son membro de varias
ONGs de axuda ó terceiro mundo e protección do medioambiente. É só que me gusta preserva-la
miña privacidade á marxe dos clientes da perruquería, dos do avogado e dunha interminable
peregrinación ás consultas médicas. Non obstante, aquela tarde algo me debeu chama-la atención.
Volvía eu co meu fillo dun acto contra
a explotación infantil e os meus ollos toparon coa figura dun home negro. Quizais me sorprendeu que non
carrexase unha bolsa de pins, pulseiras e CDs, ou o feito insólito de pasear mirando os carteis anunciadores.
Cando entramos no portal, xa el esperaba o ascensor. Vencín o abraio, recriminándome ese asomo de
medo racial, de exclusión do inagardado, e vestín o traxe da conciencia social: atopábame
diante doutro dos centos de usuarios do meu ascensor e este, previsiblemente, demandaba dedicación. En efecto,
chegados onda el preguntou onde era que alugaban un piso e eu, co mesmo sorriso que el me dirixía, confesei
a miña ignorancia.
Tal vez foi o feito diferencial de ser el doutra
raza, ou a amabilidade coa que me falaba, ou a mala conciencia da miña propia sorpresa ó topalo no
portal. O caso é que me brindei a acompañalo ó enderezo que el levaba, sen esperanza ningunha
de que a xestión dese bos resultados. Na viaxe en ascensor intercambiamos vagas cortesías e atentas
observacións. Tres poderosas raias a cada lado do nariz, coma a rabuñadura dun enorme gato, permitíronme
deducir unha orixe tribal. O acento xa delatara a procedencia africana.
-¿Vés de fóra?
-Si, de Senegal –recoñecín que dixo,
a pesar da pronuncia- ¿Ti es de aquí?
-Si, son.
-¡Que simpática!
Como era de prever, a oficina xa pechara, pero
aínda procuramos información na consulta do pediatra, que nos deixou como estabamos. Vino quedar
confundido fronte á placa dunha porta pechada e despedímonos del. Valorei a posibilidade de invitalo
a unha conversa tomando café, pero pareceume improcedente, de modo que subín á casa, onde
me agardaba a batería de preguntas sobre o sucedido que o rapaz me reservara. Gustoume a natural implicación
coa que se refería ó caso, a súa fascinada curiosidade polas tres marcas do rostro.
Sei que todo o que ocorreu naqueles días
veu forzado pola situación de desacougo que carrexara a construcción que tiña entre mans.
De feito, a elaboración dos planos vírase retrasada pola incomprensible demora do meu deliñante,
sempre ausente. A proximidade das vacacións e probas abondas de incompetencia e desidia mantíñanme
nun estado de inquedanza, como presaxio de males maiores, do que só me salvaba o meu absoluto control de
min mesma. Doutro modo, a obsesiva alinsistencia do meu fillo verbo de peircings, pendentes e tatuaxes –ignoro
qué seducción exerce ese afán de distingui-lo corpo entre os rapaces- tería sido a
mecha que fixese estoupa-lo noso illó de calma e camaradería en torno á miña mesa do
estudio e á súa maqueta.
Volvín ver aquel home ó día
seguinte, e ó outro máis. A cordialidade do primeiro encontro permitiume saber que tramitaba o aluguer
dun piso para el e mais outros tres compañeiros, o que o obrigaba a facer viaxes de interminable rutina
burocrática á axencia do noveno para satisfacer non souben ben qué esixencias administrativas.
Polas preguntas do neno, inocentes e ó parecer certeiras, colixín que malia o permiso de residencia
lle cumpría un contrato laboral que avalase a súa condición de inquilino solvente. Naquel
momento pensei ofrecerme para axudalo cos papeis ou mesmo para orientalo na elección coa miña experiencia
en habitabilidade e lexislación de vivenda. Pero a impaciencia que me mantiña en vilo era máis
forte. Despois de todo, ninguén me dera vela no enterro, e mesmo podía sentirse violento coa miña
intrusión. Ou iso coidei. Non obstante, gabei moi cortesmente a súa determinación. Pensei
preguntarlle pola súa formación, pero considerei que podería sentirse en certa desventaxe
co intercambio de datos persoais, e non quería que interpretase a miña cordialidade como un interese
ambiguo. E calei.
Tomei libre o serán seguinte. Fomos ó
cine e vagamos polos itinerarios dos paseantes, curiosenado entre as mantas nas que vendedores ventureiros expoñían
pulseiras, CDs de foulards.
-¡Ola-neno-ollos-grande!
Xunta dun enorme e sorrinte mercader, o home da
cara raiada chocaba os cinco que lle estendía meu fillo.
-¿Mancoute un león?
-Non, é tatuaxe.
-Eu tamén vou facer unha tatuaxe.
Naquel momento, non souben se me sentía
irritada polo encontro fóra do protocolo adoito ou polo estímulo que aquelas marcas significaban
para o tema de discordia.
-Na miña tribo debes medrar para estas
marcas. Na tribo áhusa poñémolas cando somos grandes. Elas doen. Falan do noso valor e da
nosa familia. Coma un nome. Eu son Yéli, e o nome da miña familia é Iop. ¿Cómo
te chamas?
Nin sequera estas palabras, que quitaban ferro
á descuberta do prohibido, conseguiron relaxarme, porque resultaba evidente que o cativo establecera un
fío especial de comunicación con aquel home inusual. O neno presentouse e presentoume, falou con
orgullo das súas maquetas que reproducían as miñas construccións, e así foi
como descubrimos que Yéli realizara estudios de deliñación no seu país, aínda
que as súas aspiracións no noso se circunscribían a un contrato como albanel.
-¡É deliñante! Podería
traballar contigo, e habíao facer mellor ca Bermúdez. ¿Virás ve-las miñas maquetas?
¿Mamá, poderá vir?
-Un día, si.
Sen dúbida era a tensión daqueles
días a que produciu a crecente incomodidade, mesmo a frialdade que non deu disimulado o sorriso. Evidentemente,
non teño nada en contra da inmigración -mesmo pertenzo a unha organización de axuda-, e non
cabe dúbida de que esa era a ocasión que de seguro el soñaba, a que eu mesa desexara para
calquera. Pero molestábame a familiaridade que se ía tecendo arredor daquel encontro. Detestaba transmitir
daquel modo unha imaxe de desapego, peroasí a todo a despedida foi abrupta. Foi a derradeira vez que vin
a Yéli Iop, pero aínda había agardar uns días para saber del.
Aquela tarde de agosto fora aciaga. A conclusión
do proxecto que levaba entre mans mantíñame encadeada á mesa de traballo, atormentada pola
tensa discusión co meu deliñante, que anticipara as súas vacacións por consenso unilateral.
Na sombra da terraza, o neno encolaba sebes sintéticas en torno á súa vivenda. A canícula
e o desacougo premíanme o peito, e só a evidencia doutra tormenta aínda máis estrondosa
cá que se ventaba no aire tirou de min para o exterior. Pola terraza tamén aberta do noveno chegaba
a voz displicente do xestor: un contrato laboral en vintecatro horas; xa tiña outro inquilino apalabrado.
De socato, recoñecín tamén ó interlocutor: o acento e a impericia sintáctica,
a desesperación, incidiron no meu cerebro ó tempo que notaba na caluga a presión da mirada
do rapaz. Yéli precisaba o aval dun traballo; eu precisaba un deliñante. Necesidades recíprocas.
Daquela pensei en baixar e facer de mediadora, arriscarme a traelo para o maldito proxecto. Pero reparei en que
nada me chamaba a unha intrusión unha conversa privada, e ignoraba por completo a competencia de Yéli
en temas profesionais. Claro que me sentía incómoda fronte a aquela situación, e precisaba
de forma urxente un axudante. Mais, ¡como presentarme no piso de abaixo xustificando un encontro casual!
A discusión cortouse de súpeto e oín bate-la porta. Se baixaba, aínda o daría
colldo. Pero non atinaba coa fórmula que me permitise ofrecerlle unha solución non paternalista.
Ocorréuseme que tamén el transixiría co suposto proteccionismo, pero eu tiña dúbidas
de conciencia. O silencio fíxose nas escaleiras e durante uns segundos valorei satisfactoriamente a miña
arroutada solidaria, pero un temor que non sabería explicar me mantivo inmóbil. Cando escoitei o
ascensor aínda imaxinei o sorriso de Yéli fronte á proposta, o orgullo do meu neno; mesmo
a acollida da iniciativa entre o eu frupo “sen fronteiras”. Fantaseei varios minutos máis, á fin
dos cales calculei que xa Yéli saíra polo portal, que non o daría alcanzado. Invadíame
o desacougo pola miña demora irracional, e daquela fiquei abraiada, paralizada de novo pero esta vez polo
fresco tacto da brisa traidora que viña do Sul. Imposible actuar, pensei. Mellor esquecelo todo, acepta-los
erros.
Aspirei o recendo tormentoso que viña da
praia, levei a imaxinación ó descanso dos corpos sobre a area e dei a volta. O rapaz seguía
alí, fronte á maqueta, peroaxiña baixou a mirada vergoñenta e triste.
Nunca soubemos máis de Yéli. Doutra
banda, o meu proxecto retrasouse ata inicios do outono, e por algunha razón meu fillo non deu rematado a
súa construcción. Agora, cando subo con el no ascensor, topamos con velliños que acoden ó
médico, e con outra xente común e estraña que vai resolver quen sabe que asuntos. Non sei
polo que, pero con frecuencia é daquela cando quero ignorar ó resto e pregúntolle cando escomeza
a nova maqueta. El responde que un destes días, pero sei que me esquiva mentres olla a imaxe dos velliños
reflectida no espello do ascensor.