Quixo saír do escondedoiro. E, sen pensalo
moito, saíu da lama. Os horrores da traxedia non foron quen de detela. Ulía a morto. A mortos supervivintes
e a mortos literalmente mortos. Seguiu a camiñar sen rumbo coa barbarie nas costas. A cidade, devastada.
As casas derruídas convertéranse en esqueletos de ladrillo que ollan cunha tristura mergullada na
impotencia. E ela seguiu paseniño, cuberta a cabeza cun pano sen cor, envolta nun chaquetón de cadros,
levando unha bolsa na man esquerda e apoiando a súa tristura nun caxato.
Atrás ficaban ruídos enxordecedores,
as pisaduras das botas negras cheas de po duns homes que perderan o sentido cinguindo os corpos fríos das
metralletas.
Atrás ficaban moreas de seres humanos tralos
aramados coas súas vidas hipotecadas pola miseria, polo medo, pola incerteza.
Atrás ficaban os soños perdidos
desas xentes humildes que noutrora desexaran vivir simplemente coa liberdade enchendo de aire os seus pulmóns
inocentes.
E ela seguiu pola rúa, avanzando pola vía
dun tranvía que fora símbolo das viaxes de ida e volta, que levaba e traía ós homes
e ás mulleres dos seus traballos cotiáns. Un símbolo máis dunha rutina axexada que
rematou por estralar.
E ela seguiu cos seus pasos curtos, imbuída
de canseira, salaiando no silencio dos terrores apagados, sen saber cara a onde se dirixía. Pero ela non
fuxía de ninguén. Xa vivira moitos anos anegada no desespero dos que se senten vixiados. Ela e a
súa xente. E quén sabe se, agora, na súa andaina levaba a esperanza -inxenua ou non- de atopar
esa man solidaria que un día lle parecera ver ó lonxe. Unha man que, quizais, aínda existía.
Esa man descoñecida que estaba a agardar por ela, uns pasos antes da liña do horizonte. Esa man capaz
de trocar a dor e maila atrocidade por unha paisaxe máis limpa onde a xente volvese a respirar.