O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
é unha entidade municipalista que pretende desenvolver accións de apoio ás colectividades
máis desfavorecidas. Actualmente agrupa a máis de cincuenta Concellos e varias deputacións
galegas e executa proxectos en varios países de Centroamérica e África, principalmente.
Este Fondo trata de homoxeneizar e impulsar as
políticas de cooperación e solidariedade dende o poder local galego, atendendo a criterios materiais
de favorecer o desenvolvemento e o benestar social, de superación do atraso, a pobreza e as desigualdades,
pero tamén de plasmación de mecanismos de xestión democrática das comunidades do Sur,
habilitando fórmulas para a máis activa participación e control cidadá.
Dende o comezo, tentamos desenvolver estratexias
de aproximación ó conxunto da sociedade para sumar as maiores vontades a fin de que Galicia desapareza
das últimas posicións nas listas que reflicten o nivel de esforzo económico solidario, por
exemplo, entre as diferentes Comunidades Autónomas do Estado. Trátase de levar adiante iniciativas
globais e indiscriminadas, pero tamén de promover outras de carácter selectivo, conscientes de que
non todo depende do compromiso dunhas determinadas Corporacións, persoas ou partidos, senón tamén
do nivel de conciencia social e da disposición crítica do conxunto da cidadanía. Nese empeño
sensibilizador cómpre contextualizar unha proposta como esta que non sería viable sen a receptividade
de CaixaGalicia e a comprensión activa dun selecto panel de vintetrés figuras das nosas letras.
Dende o Fondo agradecemos a todos os que colaboraron
neste proxecto a súa aportación desinteresada.