A solidariedade é algo máis que
unha palabra: necesita para a a súa difusión de palabras cheas de fondo e de contido, coma as que
seguen nestas contribucións de autores galegos baixo os auspicios do Fondo Galego de Cooperación
e Solidariedade.
Tódalas accións que promovan uns
valores e unha ética de solidariedade e cooperación, e que persigan unha sensibilización da
sociedade neles, merecen ser apoiadas. Sementando solidariedade sementámo-lo futuro dos países en
vías de desenvolvemento e da nosa sociedade. As fronteiras actuais neste mundo globalizado non son capaces
de pór freo á pobreza, nin sequera nos países máis industrializados, onde os excluídos
sociais -o chamado cuarto mundo- quedan fóra do sistema.
O concepto de pobreza cambiou nos últimos
anos. Agora, enténdese non só coma escaseza de medios materiais, senón como falta de oportunidades
para levar unha vida digna e aceptable, tendo a posibilidade de recibir unha educación e acadar unha vida
máis saudable e lonxeva. Concluíndo, a pobreza enténdese coma un impedimento para o desenvolvemento
humano.
Erradica-la pobreza do mundo no é só
unha obriga moral: é unha posibilidade real, como afirma un dos Informes do Programa das Nacións
Unidas para o Desenvolvemento. No mundo existen os recursos e os coñecementos para acadar un mundo sen pobreza.
A ampliación das accións solidarias e de cooperación preséntase, xa que logo, coma
unha das vías para proporcionar ás persoas e ás sociedades os medios para desenvolverse coma
tales. A promoción destes valores sensibilizando á sociedade coas problemáticas existentes
é un labor imprescindible para loitar contra as desigualdades.
A Obra Social de Caixa Galicia presta o seu apoio
a actuacións destas características, en relación coa cooperación e o desenvolvemento
e sobre as desigualdades entre o norte e o sur.
O obxectivo da Obra Social nestas colaboracións
é retornar á sociedade a confianza que deposita en Caixa Galicia, detectando as demandas sociais
emerxentes e contribuíndo dun xeito decisivo ó desenvolvemento da comunidade.
Por isto, para nós é unha fonda
satisfacción ter sido invitados a participar neste proxecto de “Palabras con Fondo” e poder estar presentes
no mesmo, contribuíndo co noso modesto graniño de area neste inmenso labor de solidariedade que é
responsabilidade de todos.