O embaixador Edelstam era un home alto e desgarbado,
modestamente vestido, sen cravata, pouco dado a protocolos, polo que parecía. Estouno vendo na cidade sueca
de Halmstad, nun fermoso parque xunto ó río, subido no alto dunha pequena tribuna de madeira, dando
unha conferencia ó aire libre. Acababa de regresar do Chile recén tomado por Pinochet, onde desempeñara
o seu último destino, e contaba cómo tivera que loitar personalmente cos militares daquel país,
incluso valéndose da axuda duns fornidos compatriotas, xoves mariñeiros de paso por Valparaíso,
para evitar que secuestrasen nun hospital a un enfermo que tivera que ser trasladado con urxencia desde a sede
diplomática, onde estaba refuxiado.
Un grupo nutrido de cidadáns suecos asistían
en silencio, cos rostros tensos pola emoción, á charla do embaixador. Este ía narrando co
pulso seguro dun bon contador de historias, as peripecias nas que se vira metido nos días do golpe, só
por querer salvar a un grupo de xente que lle pedira asilo. Escoitando o relato daquel home, tiven a evidencia,
por primeira vez na miña vida, de que a barbarie política uniformada non respecta nin sequera os
convenios internacionais que declaran as sedes diplomáticas de calquera país nun espacio inviolable.
Estaba claro que Edelstam, indo máis alá daquelo que as súas obrigacións profesionais
lle impuñan, acababa de salvar a vida de varios centos de homes, mulleres e nenos, poñendo en perigo
a súa propia vida.
Logo, explicando a índole das mentiras
que puxeran en circulación os golpistas, o embaixador dixo que estes o acusaran a el mesmo, diante do goberno
sueco, de ter convertido a embaixada do seu país en Santiago de Chile nun refuxio de perigosos terroristas.
Nese instante, facendo unha pausa, Edelstam dirixiu a mirada cara á primeira fila do público e sinalou
coa man a un grupiño de vellos, señoras maiores e nenos, aínda pobremente vestidos, e dixo:
"Aí tedes a esa xente perigosa." Sen entender nada, pois aquelas persoas aludidas non comprendían
a lingua en que se falaba, durante uns segundos, mentres todos os ollos se dirixían cara a eles, deume a
sensación de que pasaban por uns instantes de pánico. Aínda non tiveran tempo de cambiar,
dentro das súa memoria atormentada, o mecanismo que lles permitiría distinguir en adiante entre a
mirada fría dos canallas e a mirada amistosa da solidariedade.