— ...Ñ ...O ...P. A ver: Palacios... Pastor...
Pereira... —o dedo da secretaria baixaba veloz polo listado de nomes que enchía as follas que tiña
diante. Sentado enfronte da mesa, Miguel miraba para aquel dedo coma se, de repente, toda a súa vida futura
dependese del. Finalmente, a uña vermella quedou parada enriba do que andaba a buscar. A rapaza leu con
voz triunfante:
—Pérez Lestón, Miguel. É
o seu nome, ¿non si? Xa lle dixen que era imposible que houbese ningunha confusión.
Miguel aínda tentou insistir; podía
ser que na empresa traballase outro operario co seu mesmo nome, tampouco os seus apelidos eran tan raros. Pero
a secretaria, cun aceno de impaciencia, explicoulle que todo estaba moi claro. Mentres llo dicía, miraba
xa para o home que agardaba na fila detrás del, desexoso de ocupar o seu lugar.
Ergueuse e saíu da oficina. Ficou parado
na beirarrúa, sen saber qué camiño coller. O que menos desexaba era ir outra ver para a súa
casa, así que botou a andar sen rumbo fixo, meténdose por rúas polas que nunca transitara.
Así chegou a unha pequena praza con árbores, estrañamente afastada dos ruídos da cidade.
Sentou nun banco que había libre na zona da sombra. Protexido polas pólas da árbore e acariñado
por unha leve brisa, recuperou o acougo necesario para repasar aquelas poucas horas que fixeran mudar a súa
vida dun xeito radical.
Todo comezara pola mañá, a iso das
dez e media. Acababa de erguerse e dispúñase a almorzar na sala, cando chamaron ó timbre.
Era o carteiro, que traía unha carta certificada; a carta era da súa empresa, axiña recoñeceu
o logotipo. Despois de que o carteiro marchou, Miguel mirou con prevención o sobre que sostiña na
man; unha das cousas que aprendera na vida era a desconfiar das cousas imprevistas. ¿Como é que lle
escribían da empresa? Aínda era o 24 de agosto, faltábanlle seis días para volver ó
traballo. ¿Sería posible que o necesitasen antes de tempo?
Abriu o sobre. Dentro viña unha carta moi
breve, asinada polo xefe do Departamento de Recursos Humanos. Nela indicáballe que, a resultas da recente
fusión, a empresa debía prescindir de 218 empregados. El fora un dos elixidos, polo que o seu contrato
quedaba rescindido. Debía pasar canto antes polas oficinas centrais, para facer todo o papeleo e poder cobrar
a liquidación que lle correspondía.
Leu a carta con incredulidade. Levaba máis
de vinteseis anos na empresa; había uns meses, o Director impuxéralle a medalla de honra por todos
os seus anos de traballo ¡Non era posible, tiña que tratarse dunha confusión!
Vestírase ás présas e marchara
ata as oficinas. Cando chegara, xa había unha cola formada por outros empregados na mesma situación
ca el. Por fin, aquela rapaza das uñas pintadas de vermello, sen deixar de mastigar chicle en ningún
momento, confirmáralle o que a carta lle poñía: estaba despedido, nunca máis traballaría
nas instalacións de PROGASA.
Despois de repasar os feitos unha e outra vez,
decidiu regresar á súa casa. Carme xa estaría intranquila, pois non lle deixara ningunha nota.
Andou ata a parada máis próxima e agardou por un autobús que o deixase na súa rúa.
Non tardou en pasar un. Ía repleto de xente, pero Miguel nin se decatou; o seu cerebro non podía
deixar de pensar na nova situación que se abría na súa vida.
Xa na casa, contoulle o ocorrido á súa
muller. Carme acolleu a noticia con resignación, como se fose a consecuencia lóxica dun destino irremediable.
—¿E que pensas facer agora? —preguntoulle,
mentres comían.
—Non o sei —respondeu Miguel—. Supoño que
terei que pasar polas oficinas do paro.
—Pero tes dereito a unha indemnización.
¿Reclamáchela?
—Na oficina xa me deron vez, teño que volver
dentro de catro días. Supoño que se encargarán eles de todo o papeleo.
Unha semana despois, liquidada enteiramente a
súa relación coa que xa era a súa antiga empresa, Miguel achegouse ata as oficinas do paro.
Atendeuno un home novo, que lle mandou cubrir algúns impresos. Cando llos devolveu, o home examinounos con
atención.
—¿Ano de nacemento, 1948? ¿Está
vostede seguro? —preguntoulle, con cara de abraio.
—Pois si —contestou Miguel, amolado—. Teño
agora 52 anos, así que faga vostede a conta.
—¡52 anos! Pois, con esa idade...
—¿Que lle pasa á miña idade,
se o podo saber?
—Non se me altere, xa sei que vostede non ten
a culpa. Pero con eses anos imos ter difícil atopar algo para vostede. ¡As empresas queren xente nova
e non abuelos que xa teñen un pé na xubilación!
Miguel calou, non gañaba nada indignándose
con aquel impertinente que ben podería ser o seu fillo. Eran poucas as persoas coa súa experiencia;
estaba seguro de que logo había chegar algunha oferta de traballo.
Pero pasaron os días, e as semanas, e os
meses. Cansou de visitar a oficina do paro, cansou de atoparse sempre coas mesmas respostas. Miraba tamén
as ofertas de traballo dos xornais, pero, cando dicía a idade, en todos os lugares o despedían sen
contemplacións.
Acabou pasando a maior parte do tempo na casa,
porque cada vez lle resultaba máis estraño andar pola rúa. Vía aqueles homes que camiñaban
apresurados coas súas carteiras, aquelas mulleres que taconeaban enérxicas coma se o mundo fose delas...
e parecíanlle tan distintos e afastados coma seres doutro planeta. "Aínda que quizais",
pensaba con amargura, "quen son doutro planeta son eu. Do planeta dos parados, quén sabe se xa para
sempre".
* * *
Unha mañá, cando se dispuña a afeitarse no cuarto de baño, Miguel notou que lle custaba
traballo ver a súa cara no espello. Refregou os ollos e volveu mirar, pero só a duras penas podía
distinguir o contorno do seu rostro. Asustado, ollou para as súas mans, para o seu corpo enteiro: tampouco
o vía con nitidez, tamén aparecía borroso e difuminado coma un debuxo esvaído polo
paso do tempo.
"Son os ollos", pensou. "A idade
non perdoa, seguro que xa empezo a ter problemas coa vista". Pero cando mirou ó seu redor e comprobou
que os obxectos do baño os vía coa mesma nitidez que antes, decatouse por fin de que algo estraño
lle estaba a ocorrer: non eran os seus ollos; era o seu corpo, que estaba a facerse estrañamente transparente.
Non se atreveu a contarlle nada a ninguén,
nin tan sequera a Carme, aínda que tamén ela parecía afectada polo mesmo mal. Algunhas veces,
descubríraa mirándoo de modo estraño, como se ela tamén estivese asustada. ¿Serían
todo imaxinacións súas? ¿Estaría a tolear, despois de tanto tempo no paro? Oíra
dicir que algunhas persoas acababan necesitando tratamento psiquiátrico. Pero el por dentro sentíase
ben, sobre todo agora que tiña horas e horas para pensar.
Algúns días despois tivo que renderse
á evidencia. Mirábase no espello, completamente espido, e só con moito traballo conseguía
ver o contorno do seu corpo, unha liña difusa semellante á das pompas de xabón cando voan
polo aire. Mesmo alcanzaba a ver xa os obxectos que o seu corpo debería ocultar. Imposible negalo, non podía
agachalo por máis tempo: ¡o seu corpo era transparente! De seguir así, acabaría por
volverse totalmente invisible.
Vestiuse ás présas e saíu
á rúa. Necesitaba que lle dese o aire, precisaba atopar o acougo necesario para examinar polo miúdo
o que lle estaba ocorrendo. Camiñou ata o parque da Praza Maior e sentou nun banco que viu libre. Pasados
uns minutos, cando xa estaba máis sereno, escoitou unha voz que viña da súa dereita:
—Desculpe vostede, pero creo que deberiamos falar
da nosa invisibilidade.
Asustado, Miguel mirou ó seu redor. Estaba
só no banco, non había dúbida. ¿De onde viña logo aquela voz? ¿Atoparíase
tan mal que xa oía sons imaxinarios?
—Non se asuste, home —continuou a voz—. ¿Por
que non me mira con máis atención?
Entón Miguel, forzando a vista, distinguiu
ó seu carón os contornos doutro home que, coma el, tamén tiña o corpo transparente.
Parecía sorrir, e tendíalle unha man que, despois dalgunhas vacilacións, Miguel estreitou
con ansiedade.
—Ola, eu son Luís. Benvido ó mundo
dos seres invisibles. ¿Ou acaso pensabas que o teu era un caso único?
—Eu son Miguel. ¿Quen es ti? ¿Como
é que a penas te vexo? —non sabía ben cómo reaccionar naquela situación—. ¿É
que queres dicir con iso dos seres invisibles?
—Acouga, Miguel; xa ves que estou na mesma situación
ca ti. E só quero ensinarche a mirar ó teu redor. Así descubrirás que os invisible
somos moitos, ben máis dos que nunca imaxinaches.
Miguel decidiu deixarse levar por aquel home de
voz calma, non tiña nada que perder. Seguindo as súas indicacións, axiña puido ver
diante dos seus ollos unha realidade que ata daquela nin tan sequera fora quen de imaxinar. Andando polo parque
ou polas beirarrúas, descubriu unha morea de homes e mulleres transparentes coma el. As outras persoas actuaban
coma se aquel xentío invisible non existise; pero estaban aí, tan reais como a materia escura que
ocupa unha boa parte do universo.
Mirou para o seu novo amigo, como agardando unha
explicación para aquel raro fenómeno. Pero Luís non falou nada ata que chegaron ás
portas dun importante centro comercial.
—Ti fai o mesmo ca min —díxolle. E de seguido
colocouse fronte á porta, estendendo a man en actitude de pedir, a semellanza doutras persoas invisibles
que estaban alí desde antes.
Miguel imitouno e tamén estendeu a man.
As moitas persoas que saían do centro comercial pasaban ó seu carón, pero ningunha batía
con eles. Todas os esquivaban, aínda que agachasen a cabeza para facer máis evidente que non os vían.
Tan só algúns nenos pequenos os miraban con ollada clara, como avisándoos de que non para
todos eran invisibles.
Despois dun tempo, Luís abandonou o lugar.
Miguel marchou tras del. Agora si que necesitaba unha explicación que lle axudase a entender aqueles feitos.
—¿Aínda non o comprendes? —comentou
Luís—. Toda esa xente venos, pero non nos ve. Venos, está claro, porque senón baterían
contra nós. Pero non nos ven porque para eles non existimos. A súa indiferencia é a que nos
fai invisibles.
—¿Por que nós? ¿Quen somos
os invisibles, como ti dis?
—¿Non o adiviñas? Os parados, as
mulleres, os inmigrantes, os pobres... Todos os que, como din os que dirixen isto, non entramos na categoría
de "consumidores".
—¡Así que estamos condenados a non
existir! —exclamou Miguel—. ¿Non che parece terrible?
—Seríao se non houbese un antídoto.
Ven comigo, aínda che teño que ensinar o máis importante.
Luís botou a andar e Miguel seguiuno. Despois
de atravesar unha chea de rúas, pararon diante dunha casa que, a primeira vista, non se diferenciaba das
outras. Cando entraron nela, Miguel viu que alí había moitos homes e mulleres, ocupados en diferentes
labores. Foi entón cando levou a maior sorpresa da súa vida: o seu corpo acababa de recuperar a consistencia
que tivera noutros tempos. ¡Volvía a ser visible, e tamén Luís! ¿Que significaba
todo aquelo?
—Velaquí o antídoto —díxolle
o seu amigo, sorrindo—. Todas estas persoas son invisibles fóra de aquí. O que as fai visibles é
o feito de estar xuntas. ¡A nosa transparencia desaparece cando nos unimos!
—Pero non podemos estar sempre xuntos —obxectou
Miguel—. Cada un de nós ten a súa propia vida.
—Ben o sei, por iso precisamos unirnos todos —respondeu
Luís—. ¿Entendes agora por qué te abordei no parque? É o noso traballo, descubrir as
persoas transparentes que aínda están soas. E de aquí en diante será tamén o
teu; necesitamos do esforzo de todos para unirnos.
Durante as horas seguintes, Miguel foi de sorpresa
en sorpresa, abraiado antes tantos proxectos daqueles novos compañeiros seus. Ó anoitecer abandonou
o local. Debía volver á súa casa, necesitaba contarlle a Carme todo o que lle ocorrera.
Mentres atravesaba as rúas da cidade, comprbou
unha vez máis cómo as outras persoas pasaban ó seu carón sen velo, convertido de novo
en home transparente. Pero agora non lle importaba. Sabía que, algún día, aquelas rúas
estarían cheas de persoas coma el, e entón non terían máis remedio que reparar nelas
e facerlles caso. Sorriu ó imaxinar aquela futura fervenza de homes e mulleres, unidos cóbado con
cóbado, decididos a construír un mundo novo; un mundo que nunca máis condenase a ninguén
á invisibilidade.