Mentres almorzaba lía sempre algo. Era
o seu costume. Unha cunca de café con leite, unhas torradas con algo de manteiga, e uns ronseis de marmelada
ás veces, ou de mel...; unhas voltas de culler ao café, que poñían algo de música
a aquel silencio case ritual, e o eco temesiño dunhas páxinas de prensa diaria ou semanal que el
sempre pasaba con lentitude cerimoniosa. Por detrás da xanela, que lle proporcionaba a luz precisa e madrugadora,
a cerdeira do xardín lucía unha inmensa constelación de flores brancas, en certeira información
de que a primavera estaba estoupando.
Non é que lese polo miúdo. Gustaba
de dar unha primeira pasada rápida e logo detíñase naquelas noticias que máis lle chamaban
a atención, sobre todo as que se referían a temas económicos, que era o que máis lle
interesaba por mor da súa actividade profesional. Xa lle dera unha volta ao xornal naquel domingo fresco
e luminoso, e agora, entre petiscada de torrada e grolo e grolo de café, repasaba a revista dominical que
acompañaba o xornal. Remexía coma un autómata o café, máis por rutina que para
esluír o azucre que xa estaba máis ca esluído; e co mesmo automatismo parsimonioso pasaba
as follas satinadas e coloridas da revista. Non emprestaba grande atención, pois os artigos e imaxes que
se sucedían eran para el dunha frivolidade que roldaba o absurdo, e non se lle ofrecía nada que lle
resultase particularmente interesante; fixábase máis nos anuncios de automóbiles e de roupa
ca en ningunha outra cousa. Mais, de súpeto, os seus ollos quedaron presos dunha imaxe, dunha fotografía
que apareceu ante el e que o engadou coma supoñía que debía quedar engadada unha robaliza
ante a senrada pendurada do extremo da cana dun pescador. Recoñecía parte daquela imaxe, recoñecía
algo que fora seu e que aparecía ante a súa vista, fotografado na revista, formando parte dun dos
artigos. Non se lle ocorreu pensar no pequeno que era o mundo, nin nas voltas que pode dar a vida, nin nas casualidades
tan sorprendentes que ás veces acontecen. Non se lle ocorreu pensar na harmonía daquelas cores, no
luxo do papel na que estaba reproducida aquela camiseta que fora súa e da que se desfixera cousa dun ano
atrás. Non se ocupou de ler a miudeza da reportaxe e ignorou as circunstancias e as informacións
que lle puidesen aclarar aquela coincidencia. E non se parou porque, de forma inconsciente, decatouse nun repente
de que ningunha outra cousa, ningunha información adicional lle podía importar máis naquela
reportaxe cá imaxe da súa camiseta e da cativa que agora a levaba e a lucía. Era unha rapariga
nova, de resgos orientais, fermosa e sorridente, ben se apreciaba isto pese a que parte da súa cara aparecía
difuminada, sen dúbida como sinal de respecto por manter o anonimato daquela meniña, que tamén
sen dúbida era anónima para a humanidade absoluta.
Tan sequera deu en ler o título completo
da reportaxe; abondáronlle as primeiras palabras para que o seu pensamento comezase a virar coma un muíño,
dando voltas a golpe de lembranzas, virando a forza de incomprensións. A prostitución infantil nos
países do..., ese era o inicio do título daquela reportaxe. Xa non lle fixo falta ler máis
nada para sentir no ámago oculto das súas sensacións a carraxe da impotencia e a náusea
do colaboracionismo. De repente naceulle un golpe de culpabilidade, unha marusía desazosa que lle invadiu
todo o corpo, todo o almorzo, toda a tranquilidade, toda a primavera, todo o seu nome.
Seguramente non tería reparado demasiado
na noticia se non fose pola camiseta. Aquela camiseta amarela que el recoñeceu inmediatamente na fotografía
que ilustraba o artigo. Recoñeceu a súa camiseta, a camiseta que comprara dous veráns atrás
e que o ano anterior metera nun lote de roupa que lle dera por xuntar para depositar nos bidóns de axuda
a países do terceiro mundo. Era inconfundíbel: lisa e sen peto ningún, amarela e rechamante
coma un pampillo, cunha frase peculiar escrita na parte dianteira. Fora mercada naqueles grandes almacéns,
a un prezo elevado, hai que dicir, porque se trataba dunha prenda personalizada, porque a fixera exclusiva con
aquela lenda, “sorría noite e día”, que el mesmo escribira no interior dunha media lúa deitada
cos cornos para arriba, coa que pretendera simular unha boca sorridente. Non se trataba dunha frase moi orixinal,
pero fora o único que se lle dera por escribir do seu puño e letra naquela máquina que de
forma automática e por medio dunha computadora, imprimía o que se quixese en diferentes prendas de
roupa que nos grandes almacéns se vendía co reclamo de “personaliza o teu vestir, fai o teu propio
deseño”. E así quedara aquela camiseta optimista, sorría noite e día, coa súa
caligrafía en negro intenso sobre aquel ouro de algodón.
Compráraa por capricho e axiña cansara
dela, a penas tres meses de uso. No verán seguinte incluíraa naquel lote. Tiña demasiada roupa
na casa, pantalóns, camisetas novas, camisolas, niquis... Librou o roupeiro dalgunhas prendas pensando en
tiralas ao lixo, pero o concello acababa de colocar pola cidade aqueles bidóns. Axuda de roupa para o terceiro
mundo. Todo serve. O roto repárase ou se transforma; o novo lávase e reutilízase. Aló
foi a súa camiseta.
Sorría noite e día. E aquela meniña
da foto sorría, de noite seguramente si; quen sabe se de día... Os beizos víanselle o suficiente
para se saber que sorría, pero se non sabía a quen sorría, se ao fotógrafo que a retratara,
se a quen a mergullara na indignidade máis profunda, se a quen lle había de roubar o verdadeiro sorriso
que sen dúbida se enterraba nas sombras para ocultarse da amargura, tras daqueles ollos que, a pesar do
neboeiro que os esborranchaba, delataban unha ollada lonxana que miraba para dentro, para o pasado, quizabes.
Sentiu toda a carraxe que se pode sentir. Toda
a carraxe humana que nunca antes sentira e que nin sabía que a tiña enterrada no peito formando parte
de si mesmo.
Deu outra volta á culler e algo de café
se verqueu polo prato. Daquela maldiciu, maldiciu a hora en que escribira aquela frase, maldiciu en silencio a
cantos miraron e se fixaron naquela lenda escrita na camiseta aínda que non fose comprendida, maldiciu a
aqueles que sorriran diante daquela frase que insultaba á humanidade no suave releve do peito incipiente
e volcánico da rapariga. Maldiciuse a si mesmo e chorou, e chorou enriba daquela imaxe satinada, ben impresa
e impecábel.
E unha bágoa, unha soa, caeu sobre a fotografía,
enriba do pampillo dourado que con forma de camiseta florecía naquel corpo infantil e aldraxado. Caeu a
bágoa sobre aquela fotografía e esparexeuse polas letras de tinta negra, que eran coma as guedellas
dunha noite sen final, esparexeuse sobre aquela frase insultante escrita do seu puño e letra. E veu como
se difuminaban as vocais e as consoantes, como desaparecía o significado daquelas palabras desafortunadas;
mais non puido distinguir se era pola guerra que a bágoa lle sacaba de dentro e arrastraba consigo, ou se
polas outras bágoas que enchoupaban os seus ollos, pero que non se atrevían a caer.