Lembro con nitidez como empezou todo. Aquela tarde
de domingo coma sempre que o tempo mo permitía, camiñei ata o parque co meu libro baixo o brazo.
Incluso recordo que, por non abrir a carteira, metera un billete entre as páxinas. Unha hora de lectura
ó aire libre, sentir o bico tépedo dunha raiola no corpo e o abanar dunha ponla de chopo refrescándome
a cara, adoitaban ser un eficiente antídoto para liberar as tensións provocadas polas responsabilidades
cotiás. Pero aquel día non fun quen de me concentrar, presentía que algo ía mudar a
miña vida. Quizais o esgotamento... Uns ollos mouros incrustados nunha pel morena desacougáranme
días atrás e levaba unha semana sen a penas durmir.
—Señor, ¿unha moeda? —pregárame
unha voz de nena que estendía a man cara a min.
Fíxenlle un aceno para que se afastase
e seguín conversando cuns amigos mentres degustabamos un aperitivo na terraza máis céntrica
da miña cidade.
—¿Algo, señor? Deme algo, por favor...
—porfiou.
—¡Fóra de aquí, non molestes!
—foi todo o que lle contestei.
Os meus amigos e máis eu discutiamos sobre
as posibilidades dunha fusión que nos permitise incrementar o capital e non ser engulidos polas macroempresas
que facían tambalear a nosa supervivencia como libreiros. Deramos cunha solución que a min se me
antollou interesante e deixei escapar unha instintiva puñada de xúbilo na mesa. Os cacahuetes caeron
ó chan e aparteinos co pé contra un lateral. Seguimos conversando co entusiasmo de quen ve unha porta
que abre cara á luz e, nun principio, non me decatei do que acontecía ó meu carón.
A nena xitana afanábase en comer os graos dos manises co degoiro dun paxaro que dese cun alcouve de sementes
sabedeiras.
—¡Porcalleira! ¿Que fas? —saíume
espontáneo.
A nena miroume. Non souben ler naqueles ollos
tan negros coma o pelo, non captei se me pediu con aquelas mans pequenas e sucias que abriu de vez, se pregou aqueles
brazos espidos porque se asustou, se aquel sorriso partido era un reproche... Antes de que botase a correr, aínda
gravei un nariz pequeno, uns rizos chamizos, unhas orellas núas e un vestido encarnado, descolorido, no
que ben caberían dúas coma ela. Era bonita aínda así. Pareceume unha boneca e reparei
en que a raza humana está formada por matrioskas de diferentes tamaños, as pequenas corren o risco
de ser engulidas polas grandes. Confeso que me sentín mal, coma se adquirise unha obriga que había
de pagar.
A imaxe daquela nena quedara incrustada na miña
memoria coma un cravo e eu tentaba arrincalo coa lectura. Ese domingo a rapazada dérase cita no parque e
disfrutaba dos seus enredos. Os gritos de ledicia, as discusións... as voces resoaban nos meus oídos
como se saísen do interior dunha igrexa. De súpeto o sol desapareceu engulido por unha nube negra
e algo inexplicable cambiou a paisaxe. Luzadas intermitentes batían no espello da tarde. Era un solpor derretido.
Nenos e nenas berraban aturdidos tentando fuxir da mesta néboa que o ceo fixo caer sobre a terra coma unha
arañeira. Eu quería acougar e razoar. Precisaba asegurarme de que non era un mal soño. E non
o era. Aqueles nuboeiros escuros enchouparon o aire dunha calor insoportable que me mantiña inmobilizado.
¡Canto daría por que todo fose un pesadelo! Pero era real; mesmo puiden comprobar como a lúa,
xa sen cara, íase desdebuxando sen deixar rastro do seu disco. Nenos e nenas enleábanse en salvaxes
pelexas. A violencia e a discordia semellaban imparables. Eu non podía facer nada. Cada vez había
máis cativos. Dende Serra Leona, Etiopía, Chechenia, o Sáhara, a India... Todos tiñan
ollos turbios, de mirar rebelde, vingativo e impenitente. Unha forza maligna e descoñecida atraíaos
ata o parque. Pouco a pouco os seus berros desesperados foron minguando e puiden observar a súa terrible
transformación. Presenciei o seu camiñar errático e moribundo, xa sen o atributo das bágoas,
serpeando os corpos rebentados que ían caendo inertes e tentando non tocar aquel sangue aínda quente
que humedecía a terra. Un cheiro nauseabundo impregnou o aire. Todo se derrubaba. Alguén, algunha
forza descoñecida e maléfica sementara a traxedia. Aquilo non podía ser obra de ningún
deus, pois aínda que se lle pasara mil veces polo sentido a idea de destruír ó xénero
humano, sempre remataran por atopar razóns para non facelo. Sabía, ademais, que un deus nunca desfai
a obra doutro deus. Dei en pensar que a maldade é propia do ser humano e que aquela situación apocalíptica
había de ter nun humano a súa orixe. ¿Sería eu directamente culpable? Se cadra desoín
os gritos da infancia cando estaba a tempo. Algo me fixo levar as mans ás orellas que, como me temía,
volvéranse triangulares, deformándose ata semellaren ás dunha fera ou quizais dun burro (tal
como lle acontecera, segundo a mitoloxía helénica, ó rei Midas por non saber valorar a arte
da cítara de Febo). Axiña me veu á memoria unha escena que cría ter esquecida e que
mesmo identificara cun delirio da infancia.
—¿Cantos irmáns sodes? —interrogárame
aquela muller que, pola apariencia, non podía ser máis ca unha sorte de meiga.
—Sete —contestáralle.
—¿Todos homes? —insistira ela.
—Si...
—Huuum... ¿E ti que número fas?
—Son o máis novo.
A cor daquela muller virara branca, como comida
pola lixivia.
—Túa nai... ¿non nacería
en Portugal?
—Si —dixen, sorprendido das súas eficaces
dotes de adiviñación—, é portuguesa.
—Hei de te informar de que, por ser o sétimo...
—aquí tomou aire— pertences a Satanás. Un día has percibir como o teu corpo muda...
Recordar aquela sentencia e desexar tocarme foi
instantáneo. Uns dedos, peludos e pardos xa, apoupiñaron os meus ollos oblicuos. Fixeime nas propias
uñas sólidas e fortes. Unha pelame curta e tupida cubría de amarelo o meu ventre. Toquei instintivamente
o pescozo e notei a crin eréctil que o rodeaba. Viña de me transformar nun gran cánido salvaxe,
nun animal proscrito pola raza humana, nun lobo, tal e como augurara a meiga. Mirei ó fronte e vin ducias
de corpos infantís mutilados. A angustia de que eu, insconscientemente, fose o causante daquela imaxe dantesca
oprimíame o corpo enteiro. Desexei converterme nun ser todopoderoso e ordenar aquel caos, restablecer o
curso dos ríos, amainar o ruxido do vento, deter a caída da última árbore e, sobre
todo, rescatar a infancia. Pero non podía facer nada. Estaba condenado a presenciar as horas monótonas,
iguais, terribles... Cerrei as pálpebras con forza e collín todo o aire que me coubo nos pulmóns
coa intención de lanzar o máis grande ouveo de rebeldía, pero afogóuseme na boca.
—Señor, señor... —outra vez aquela
voz esmagándome a conciencia. Desorientado, abrín de novo os ollos e vina perante miña—. Durmiuse
e caeulle o libro, señor... E tiña isto dentro... ¿Damo, señor?
Aínda houben de mirar ós lados para
recoñecer o entorno, e situar aquela voz no seu contesto. Volvía ser a nena xitana de deliciosos
ollos mouros que destacaban na pel escura como vagalumes na noite. Seguía levando aquel vestido vermello,
máis sucio co paso dos días. Alonguei o brazo para coller o meu libro e o billete. Ela achegouse
sen deixar de sorrir e preguntoume:
—¿Que di aquí, señor?
—Seguín o ritmo que marcaban os seus dediños
cotrosos e lin:
—“Las me-ta-mor-fo-sis”... Publio Ovidio Nasón.
A nena rompeu a rir e exclamou:
—¡Nasón! Parece de nariz...
—É de nariz —respondín á
súa agudeza—. Na familia do autor tiñan un nariz moi grande e de aí herdou o apelido.
Antes de me dar o libro aínda pasou unhas
follas...
—É feo —dixo—. Non ten debuxos.
—Pero ten palabras fermosas —expliqueille.
Miroume con aqueles ollos enormes, de neón,
que non me entenderan, e quixen aclararlle:
—Fala de persoas que os deuses transforman en
vaca, en pedra, en burro... Pero... ¿non sabes ler?
—Non... —tatexou—, aínda non...
—¿E logo na escola...?
—Non vou —faloume moi seria—, teño moitos
irmáns, moitos curmáns pequenos que coidar, moitísimos avós velliños velliños...
¿Podo quedarme co diñeiro, señor?
Sospeitei que mentía, pero pareceume simpática
e asentín antes de que fuxise cos cartos e houbese de lle condonar o débito por insolvente. Non sei
que maxia podía haber naquelas mans miúdas. Alí mesmo comecei a amortecer parte da miña
débeda. Intuín que o pesadelo e o desacougo ían continuar, anque permanecese esperto, se persistía
en ignorar a situación agochándome no descoñecemento. Recordo que o primeiro que fixen foi
preguntarlle o nome.
—¿Como te chamas?
—Lola, Lola Heredia, señor.
—Non é preciso que me digas “señor”...
—correxina.
—É que non sei o seu nome...
—Non importa... son un libreiro...
Calei. Distraeume outro neno miúdo, de
non máis de seis anos, que nos observaba dende certa distancia mentres tiraba follas no estanque. Aquelas
ondas concéntricas que provocaban na auga trouxéronme outra vez á memoria as bonecas rusas...
e foi coma unha revelación. Unha grande pode engulir a unha pequena... ¡pero non a moitas asemade!
O primeireo que fixen foi facerlle señas
ó cativo, que se achegou receoso. Os mocos, resesos xa, parecían formar parte da súa pel.
—¡Corre! —pedinlle—. Límpate na auga
e volve.
Merqueilles cadanseu xeado e comprobei que aquelas
bocas, grandes en proporción coa cara, tiñan as mesmas propiedades ca un forno arroxado. Non tardaron
nin medio minuto en derretelo. Axiña souben que se trataba de nenos da rúa, de excluídos,
afeitos a remexer no lixo e a soportar un vivir non mellor có dun cadeliño abandonado. Decateime
de que eu só non podería cambiar o mundo, pero o mundo xa me estaba cambiando a min.
Hoxe os libreiros da miña cidade formamos
unha asociación por unha infancia digna(ALID). Isto só é un exiguo grao de area, somos conscientes
de que é unha onda que ha de expandirse. E se é certo que a mente humana só pode imaxinar
o posible, conseguirémolo.