-¡Ibrahim Isabel! –leu o funcionario en
voz alta, sen erguer os ollos do expediente, dirixíndose ao fato de persoas que agardaban expectantes.
-¿Ibrahim Ibn-Sahel? ¿Non será
Ibn-Sa-hel, señor? –demandou á súa vez, pronunciando de vagar un home alto, novo, de tez escura
e bigote poboado, que se adiantara de entre o grupo.
-A ver –voltou ler o funcionario- Ibn... Iso mesmo,
logo, ¿é vostede? –ante o asentimento do home o funcionario tendeulle a carpeta- Velaí ten
a súa resolución: denegado.
-¿Denegado? ¡Non pode ser, señor!
–o home palidecera ante o anuncio e tremía visibelmente- Ten que haber un erro.
O funcionario abriu a carteira, displicente, e
ensinou un papel ao africano, ante as protestas deste.
-Vexa vostede mesmo, non hai erro. Vostede non
reune os requisitos establecidos pola nova regulamentación de residencia, fáltanlle vinte días
de permanencia en situación de alta laboral no territorio nacional por acreditar. Vinte días –repetiu
seco- Seguinte: Mohamad...
-Pero, señor, un momentiño nada
máis... –interrumpeu Ibrahim- Escoite. Era a última prórroga de regularización... Vinte
días en cinco anos... –o home nin era quen sequera de rematar as frases.
-Non teño tempo de escoitalo. Recurra se
quere, pero non lle valerá de nada, o regulamento está ben claro.
-¡Pero é que vostede coñéceme!
–espetoulle ao funcionario, fitándolle direitamente aos ollos- Sabe que levo máis de cinco anos traballando
no seu país... Sempre traballei... Non fun vago nin delincuente... Vostede sábeo... ¿Qué
vou facer agora?... a miña familia...
-Eu a vostede non o coñezo de nada, ¡éche
o que me faltaba por ouvir! ¡Vaiche boa! ¡Déixese de historias! –cortou o funcionario, facendo
un visíbel aceno aos vixilantes uniformados que, perto deles, non lles tiraban ollo dende o inicio da discusión-
Non é asunto meu. Busque un bo avogado, ou vaia co seu conto á televisión, se cadra aínda
lle pagan por riba. Ou senón volva a África, cos seus. Seguinte...
Ibrahim tentou achegarse aínda á
mesa, pero xa dous axentes de seguranza o premían de cadanseu brazo e o acompañaban á porta
sen contemplacións, mentres os papeis do expediente, esfargallados, se esparexían polo chan. O funcionario
comprobou que os seguranzas fechaban a porta e seguiu co seu traballo.
Aquela noite o funcionario foi ao teatro. Era
a estrea de O mercader de Venecia de William Shakespeare, en montaxe do Centro Dramático Galego. A expectación
creada pola montaxe era moita, e a demanda de localidades aquel día superaba, con moito, o aforo. O funcionario
conseguira dúas entradas de patio gracias á xenerosidade do seu xefe de negociado, e estaba fachendoso
do feito. Convidou á súa moza e vestiu as mellores galas. Mentres aagardaban turno, á porta
do teatro, para entrar, unha voz preguntou, dirixíndose a el:
-¿Un carabel para a súa dona, señor?
Vostede é un cabaleiro, ela unha flor belida, e soamente son dous euros –exaltado polo afago, o funcionario
tendeu o billete maquinalmente, de puro costume, sen identificar, por mor da aglomeración, ao seu interlocutor.
-¿Ve como me coñecía, señor?
–proclamou entón Ibrahim Ibn-Sahel, tendéndolle a flor envolta en celofán e perdéndose
entre o xentío.
O funcionario estupefacto, co pasmo pintado na
cara, mostábralle agora á moza unha cara insólita; e ela, notando a súa estrañeza,
non sabía aínda a que carta quedarse.
-Non é nada, muller, un que se me puxo
farruco á mañá na oficina. Veña, entramos, que vai empezar.
Mais para desgracia do funcionario, a memoria
inconscente comezara a traballar xa pola súa conta. Como o funcionario era home cultivado e galante, e non
perdía unha función sen causa de forza maior, lembrou daquela que levaba tempo mercándolle
carabeis ás súas mozas sucesivas á entrada do teatro, sempre ao mesmo home. Desde case dez
anos antes, cando unha estrea de Cunqueiro. Deste detalle estaba certo, sempre era o mesmo home. Nunca até
hoxe reparara na súa cara, nin soubera o seu nome.
Maldeciu as coincidencias. Invadiuno un impreciso
malestar e tardou en centrarse no espectáculo. Finalmente, ao comezo do acto terceiro case fora quen de
desbotar as súas inquedanzas; despóis de todo o regulamento era o regulamento e todos os africanos
se asemellan uns aos outros como pingas de auga. Pero, sería cousa do demo, a noite non podía levar
piores trazas, a natureza empeñábase en imitar á arte, ¿ou era do revés? e velaí
o famoso monólogo de Shylock, cando o funcionario foi invadido por escuros presaxios:
- ... “riu das miñas perdas, fixo burla
das miñas ganancias, menosprezo da miña nación, enguedellou os meus negocios, arrefriou os
meus amigos, encirrou os meus inimigos; ¿e cal é a razón que ten para facerme todo isto? Que
son un xudeo. ¿É que un xudeo non ten ollos? ¿É que un xudeo non ten maos, órganos,
proporcións, sentidos, afectos, paixóns? ¿É que non está nutrido dos mesmos
alimentos, ferido por idénticas armas, suxeito ás mesmas enfermidades, curado polos mesmos medios,
quentado e arrefecido polo mesmo verao e polo mesmo inverno que un cristián? Se nos picades, ¿non
sangramos? Se nos facedes cóxegas, ¿non rimos? Se nos envelenades, ¿non morremos? E se nos
aldraxades, ¿non nos vingaremos? Se nos parecemos en todo o demais, perecerémonos tamén niso”...