Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Un “mitch” de solidariedade para a reconstrucción
en Centroamérica
COMUNICADO
Ante a gran calamidade provocada polo furacán “Mitch”, tanto en vidas humanas como en patrimonio físico, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade,
MANIFESTA:
Primeiro
A súa solidariedade activa coas poboacións afectadas de Guatemala, Honduras, O Salvador, Nicaragua e Costa Rica, conscientes de que en moitas delas víñanse realizando ou estaban proxectadas accións de cooperación ó desenvolvemento financiadas por concellos ou deputacións de Galicia. Sen ir máis lonxe, o propio Fondo decidira, o pasado 28 de outubro, custear proxectos de cooperación en Guatemala e Nicaragua, ademais de noutros países próximos.
Segundo
Cómpre advertir que, alén da resposta á emerxencia inmediata derivada dos gravísimos danos causados polo furacán, xurdirán proximamente mil e unha emerxencias silenciosas que soamente poderán ser remontadas cun mínimo de garantías se existe un compromiso sólido e un esforzo estable dos diferentes axentes da sociedade internacional. Neste sentido, efectuamos un sincero chamamento ás entidades locais de Galicia para incrementar, nos próximos anos, os apoios e recursos destinados á cooperación ó desenvolvemento de xeito que, progresivamente, nos aproximemos ó 0,7% dos orzamentos locais.
Terceiro
Convidar ós concellos e deputacións de Galicia para que se integren no Fondo a fin de reforzar este instrumento cooperativo, posibilitar unha maior participación nas políticas de solidariedade (especialmente dos concellos pequenos e medianos) e configurar unha LIÑA ESPECIAL DE AXUDA para facilitar o desenvolvemento da rexión e garantir a progresiva restauración dos principais servicios básicos. Os integrantes do Fondo Galego visitarán nos próximos días diferentes institucións locais para facilitar maiores adhesións a esta iniciativa.
Cuarto
Alentar o compromiso da sociedade civil coas víctimas, reforzando a colaboración coas organizacións non gobernamentais e as institucións para afrontar a reconstrucción da rexión en estreita coordinación cos axentes e institucións das áreas afectadas.
Quinto
Sumarse ás demandas de condonación da débeda externa dos países afectados por estimar que se trata dun mecanismo de primeira importancia para aliviar a dramática situación que se vive en toda a zona e facilitar a súa rápida recuperación.
En Santiago de Compostela, a 12 de novembro de 1998.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/11/98