Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Solidariedade con Centroamérica
A Administración local sumase ás múltiples
mostras de apoio á reconstrucción da zona
(Artigo publicado na revista Territorios editada pola FEGAMP de decembro/98)
O desastre provocado polo furacán Mitch ó seu paso por Centroamérica provocou unha inmediata e importante resposta solidaria tanto a nivel social como institucional. En Galicia, o esforzo conxunto de iniciativas públicas e privadas posibilitou o desenvolvemento dunha acción sen precedentes e ben indicativa da crecente sensibilidade do conxunto da nosa cidadanía a respecto das cuestións humanitarias. En moitos concellos das catro provincias galegas anunciaronse de inmediato transferencia de diferentes importes económicos, cada quen á medida das súas posibilidades, para contribuír a aliviar os efectos de tan grave calamidade; corporativos e persoal ó servicio das entidades locais, a titulo individual, tamén sumaron os seus donativos para ser canalizados a través de diversas organizacións non gobernamentais que desenvolven proxectos na zona; en sesións plenarias e comisións de goberno tratouse o asunto adoptando medidas e resolucións de solidariedade coas víctimas. Sen embargo, as necesidades de reconstrucción da rexión non fixeron mais que comezar.
Precisamente, nunha xuntanza especial e extraordinaria da Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que se celebrou na sede da FEGAMP, considerouse oportuno chamar a atención sobre o feito de que, máis alá das necesidades inmediatas derivadas dos gravísimos danos causados polo furacán, xurdirán proximamente mil e unha emerxencias silenciosas que soamente poderán ser remontadas cun mínimo de garantías se existe un compromiso sólido e un esforzo estable dos diferentes axentes da sociedade internacional.
Neste sentido, desde o Fondo Galego faise un sincero chamamento ás entidades locais de Galicia para incrementar, nos próximos anos, os apoios e recursos destinados á cooperación ó desenvolvemento de xeito que, progresivamente, nos aproximemos ó 0,7% dos orzamentos locais para este capitulo. Pero, ademais, convidase ós concellos e deputacións para que se integren no Fondo Galego a fin de reforzar este instrumento cooperativo, posibilitar unha maior participación nas políticas de solidariedade (especialmente dos concellos pequenos e medianos) e configurar unha LIÑA ESPECIAL DE AXUDA para facilitar o desenvolvemento da rexión e garantir a progresiva restauración dos principais servicios básicos.
Os reunidos, decididos a alentar o compromiso da sociedade civil coas víctimas do furacán e a reforzar a colaboración coas organizacións non gobernamentais e as institucións para afrontar a reconstruccion da rexión en estreita coordinación cos axentes e institucións das áreas afectadas, acordaron sumarse ás demandas de condonación da débeda externa destes países por estimar que se trata dun mecanismo de primeira importancia para aliviar a dramática situación que se vive en toda a zona e facilitar a súa rápida recuperación.
Por último, expresaron a súa solidariedade activa coas poboacións afectadas de Guatemala, Honduras, O Salvador, Nicaragua e Costa Rica, conscientes de que en moitas delas viñanse realizando ou estaban proxectadas accións de cooperación ó desenvolvemento financiadas por concellos ou deputacións de Galicia. Sen ir mais lonxe, o propio Fondo decidira, o pasado 28 de outubro, custear proxectos de cooperación en Guatemala e Nicaragua, ademais de noutros países próximos.
Para mellor canalizar a axuda económica ou técnica, para que a cooperación resulte verdadeiramente eficaz, cómpre alentar a cooperación aquí, entre nós mesmos, reforzando o Fondo Galego como instrumento representativo e participativo do municipalismo galego, dando resposta a esas demandas da nosa cidadanía dun maior compromiso cos desfavorecidos, perfeccionando a nosa coordinación e valéndose dos medios de que dispomos sobre o terreo (unha oficina de seguemento de proxectos en Managua) para que a boa vontade se transforme en axuda plenamente útil para os seus destinatarios.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/12/98