Fondo Galego de Cooperación e SolidariedadeVolver ó índice


Razóns dabondo para estar no Fondo
(Revista Territorios da FEGAMP de maio/99)

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FOGACOSO) naceu agora porque, sen dúbida, dábanse as circunstancias políticas e sociais para que un proxecto destas características cuallase entre a cidadanía e abrirase camiño sen resistencias, sen a penas obstáculos e contando cos parabéns de persoas e institucións da vida pública e do conxunto da sociedade civil. A ese contexto non é alleo un certo clima social, máis sensible ás calamidades, máis consciente dos desequilibros e desigualdades, e polo tanto, máis inclinado a asumir o reto da solidariedade e a demandar un calculado compromiso das institucións.

Coa renovación das Corporacións locais e provincias abrirase unha nova etapa que vai permitir a plena consolidación do FOGACOSO. ¿ Por qué? En primeiro lugar porque o Fondo Galego favorece a democratización da solidariedade e permite unha distinción inicial, a veces díficil, entre vontades e recursos económicos. Os Concellos pequenos, a inmensa maioría dos existentes en Galicia, poden participar asi, na medida das súas posibilidades, no desenvolvemento de políticas de cooperación que doutro xeito resultarían practicamente inviables. Co Fondo, todos os Concellos de Galicia poden dicirlle ós seus cidadáns que si poden levar adiante unha política de cooperación específica. O Fondo Galego é o adeus definitivo ó “nós non podemos”...

O Fondo Galego permite, ademais, conxugar vontades de individuos, organizacións sociais e institucións para ser máis eficaces na axuda, é quen de establecer fios directos entre a cidadanía e a cooperación evitando duplicidades e entramados burocráticos que poden enmarañar a xestión. Gañase en profesionalidade e en especialización e faise posible unha resposta áxil e concreta ás emerxencias humanitarias.

O Fondo Galego permite delegar, total ou parcialmente, a xestión da cooperación nunha entidade propiamente municipalista, evitando a reiteración de múltiples convocatorias, facilitando e simplificando o diálogo coas organizacións non gobernamentais, alixeirando a propia burocracia destas (multiplicación de proxectos para presentar a múltiples administracións), posibilitando a cooperación directa e a realización de proxectos de envergadura e inequivoca transcendencia. A través da Oficina de Seguemento de Managua (Nicaragua), o Fondo Galego está en condicións de controlar e avaliar a digna execución dos proxectos subvencionados. Esta Oficina, unha especie de “embaixada local” é un mecanismo indispensable para garantir a mellar cualidade da cooperación e inalcanzable para calquer Concello ou Deputación ailladamente.

Non se pode predicar a cooperación coas comunidades do alén sen practicala aquí, entre nós. É un primeiro paso para que os nosos cidadáns comprendan que a solidariedade non é soamente un capítulo irrenunciable da acción pública senón que ademais pode ser un punto de encontro de todas as sensibilidades políticas e partidarias, o instrumento que pode permitir andar camiños ós que, dende a simple misión social ata a máis severa consciencia crítica da sociedade en que vivimos, cren na necesidade de concretar accións de desenvolvemento e de empoderamento democrático local.

Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 9/5/99