Fondo Galego de Cooperación e SolidariedadeVolver ó índice
Programa de actuación
Estratexias para o período 1999-2003
 

Coa celebración da Asemblea do pasado 15 de outubro, o Fondo Galego pecha un período que podiamos definir como "constituínte" e inicia unha nova etapa con un horizonte temporal claramente prefixado o suficientemente amplo como para programar o desenvolvemento das súas principais actividades e orientacións, previa definición de prioridades e obxectivos.

Xa no momento constitutivo elaboramos e aprobamos un texto sobre "A orientación estratéxica do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Liñas básicas de actuación para o período 1998-1999". Se analizamos retrospectivamente aquel documento podemos comprobar como os seus liñamentos básicos foron respectados e os seus obxectivos logrados no esencial.

O noso punto de partida actual, a partir do anexo gráfico e estatístico que se incorpora a este documento, evidencia que o Fondo Galego está a botar raíces no municipalismo, afianzándose cada vez máis como unha referencia dinámica das políticas públicas de cooperación e solidariedade.


Sobre estas premisas, cómpre definir como obxectivos elementais do novo período:

  • Incrementar substancialmente a base asociativa en termos absolutos e relativos, é dicir, aumentando o número efectivo de socios e igualmente o soporte demográfico do Fondo, de xeito que o seu ámbito de influencia abarque á maioría dos cidadáns de Galicia.

  • Convertirse nunha referencia pública e social das políticas municipalistas de cooperación e solidariedade, de forma que, dende os concellos, as deputacións, ata outros organismos da vida pública, se instale unha práctica lexitimadora do Fondo como unha institución a ter en conta por que se gañou a pulso unha posición de respecto e de primeira liña neste ámbito, porque é digna de confianza.

Non será posible a culminación progresiva destes obxectivos (que son instrumentais para a realización dos nosos cometidos fundacionais) sen un eficaz desenvolvemento de actividades, tanto en materia de sensibilización como de xestión de proxectos.


As liñas de traballo para o novo período podiamos resumilas nas seguintes propostas de intervención:


1. Afondar na sensibilización dos axentes locais e favorecer a política de adhesións ó Fondo Galego (Fogacoso)

O momento actual é especialmente idóneo, pois, en moitos casos, podemos atopar unha maior receptividade por parte das novas corporacións e corporativos/as. En todo caso, como eixes concretos de actuación debemos sinalar os seguintes:

  • Proseguir e reforzar a nosa política nesta materia, utilizando tácticas informativas indiscriminadas e selectivas, é dicir, procurando achegarnos de maneira global e indiferenciada a todos os Concellos e deputacións non membros, pero tamén mantendo esa política de tratamento individualizado que tan excelentes resultados nos proporcionou ata hoxe. A efectos informativos, o papel do dossier, debidamente actualizado, é fundamental para o contacto bilateral, pero deberiamos incorporar xa outros elementos (tríptico, folleto DinA3), máis lixeiros, para facilitar a divulgación do proxecto con baixos custes.

  • Establecer, dado o elevado número de entidades locais que aínda están pendentes de adhesión, criterios de selección que faciliten a captación de socios. Debemos culminar o capítulo das Deputacións e dos Concellos máis grandes, e prestar unha maior atención ás mancomunidades de municipios pois a través da súa presidencia podemos multiplicar sensiblemente o efecto do noso traballo.

  • Planificar, en especial coas Deputacións que xa están asociadas, a celebración de sesións informativas sobre "A xestión da solidariedade e o Fondo Galego", aproveitando a capacidade de convocatoria dos entes provinciais.


2. Contemplar como área de atención prioritaria a atención ós asociados

Este é un capitulo da nosa actividade que debemos atender e perfeccionar en maior medida. O papel do asociado debe ser máis valorado. Cómpre fuxir da súa simple consideración como un mero aportante de recursos económicos. A priorización da política de adhesións ou de financiamento de proxectos en ningún caso debe conlevar a ausencia de actuacións que faciliten unha ampla participación dos socios nas actividades do Fondo e unha maior cohesión que facilite o éxito da nosa intervención. A tal efecto, propoñense os seguintes obxectivos operativos:

  • Proseguir coa publicación da folla "Infórmate A Fondo", solicitando a colaboración das entidades asociadas para facer chegar a edición a todos os membros da Corporación e entidades potencialmente interesadas (centro de información xuvenil, ongs locais, etc).

  • Facilitar ós gobernos municipais os medios para que poidan informar ós seus cidadáns do destino dos recursos económicos e das actividades do Fondo. É o momento oportuno para pensar na edición anual dunha pequena revista para informar dos proxectos financiados (custe, memoria, financiamento, execución, fotografías, etc). Igualmente, cómpre asumir o compromiso de efectuar unha visita anual a cada entidade asociada para establecer un diálogo directo e fluido entre os responsables municipais e do Fondo Galego.

  • Mellorar a nosa capacidade de resposta en temas de actualidade procurando chegar rapidamente con información e alternativas que permitan ós concellos situarse á altura das necesidades e esixencias da comunidade e secundar adecuadamente as peticións das ongs locais.

  • Reforzar, en definitiva, a capacidade asesora do Fondo de xeito que se convirta nunha referencia obrigada e solvente nesta materia.

  • Organizar e ofertar actividades, tanto de carácter xenérico (de sensibilización) como concreto (axuda a Guatemala, por exemplo) e mesmo aproveitar a nosa base asociativa para funcionar en rede, tal e como xa fixemos coa exposición.

  • A oferta de programación de actividades formativas, tanto para o persoal técnico como para os responsables políticos, constitúe outra variable a ter en conta que podiamos abordar na segunda metade deste mandato.

Estas actuacións permitirán unha maior dinamización dos comportamentos cooperantes e solidarios no seo do municipalismo e da cidadanía.


3. Potenciación da presencia social do Fondo Galego

O Fondo Galego ainda é moi descoñecido. Sair dese anonimato, difundir e animar os nosos obxectivos e apoiar os procesos de vertebración da cooperación en Galicia esixe:

  • Perfeccionar aqueles mecanismos que nos poden permitir reforzar a nosa presencia social, especialmente no medio municipalista insistindo e perseverando na liña iniciada coa revista da FEGAMP (Territorios) pero abrindose tamén ós medios de comunicación xeral (prensa, radio, televisión) buscando a proxección pública da nosa actividade tanto a nivel global como local.

  • Negociar cos medios a posibilidade de insertar publicidade en idénticas condicións ás ONGs.

  • Promover proxectos-piloto que permitan acadar ese elevado nivel de implicación social que transcenda as limitadas fronteiras do propio municipalismo (xornalistas, escritores, etc).


4. Promover a extensión do compromiso cooperante a outras administracións públicas e axentes sociais

  • A nosa actual dimensión representativa permitenos xa formalizar un diálogo directo coa Xunta de Galicia, principalmente a través da Dirección Xeral de Relacións Institucionais (fundamentalmente para desenvolver campañas de sensibilización en Galicia) e da Secretaría Xeral para as Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior (a fin de explorar as posibilidades de cooperación a través da AECI).

  • Cómpre establecer mecanismos de contacto cos sindicatos da función pública local, especialmente para recabar a súa complicidade na mobilización do persoal en campañas de resposta a situacións de emerxencia e fomentar a súa sensibilidade en relación a estas políticas.

  • Afondar no diálogo coas Ongs e equilibrar a súa implicación activa nas actuacións do Fondo Galego (por exemplo, nas campañas de divulgación) co desenvolvemento de proxectos de interese común especialmente en materia de documentación e formación.


5. Atracción de maiores recursos económicos

O novo sistema de cuotas mínimas aprobado na Asemblea xeral do 15/O vainos permitir unha certa racionalización pero tamén un lixeiro incremento das aportacións. Ainda asi, son moi reducidos se os comparamos cos orzamentos xestionados por outros Fondos semellantes. Cómpre actuar a varios niveis:

  • Os Concellos con prácticas de cooperación máis consolidadas (por experiencia e presuposto) deberían reflexionar sobre a posibilidade de incrementar progresivamente a súa aportación de xeito que ó final deste periodo un minimo do 50% desa partida sexa xestionada polo Fondo Galego. Este exemplo podería estimular as aportacións dos que se incorporan ex novo á cooperación, ademáis de culminar definitivamente o proceso de asentamento do Fondo.

  • Iniciar unha política de diálogo coa Administración autonómica que permita a transferencia de recursos, en especial para programas de sensibilización cidadá.

  • Incentivar a participación económica dos particulares, en especial dos empregados públicos locais e dos propios corporativos, tanto para o financiamento de programas globais de emerxencia como de proxectos concretos.

  • Favorecer a participación de entidades financeiras a través da transferencia de recursos da súa Obra Social.

  • Contemplar puntualmente a participación de outras entidades, en especial das empresas relacionadas coa actividade económica local.


6. Diversificación e dinamización da xestión de proxectos

  • Diferenciar as actuacións en Galicia en materia de sensibilización, daquelas relacionadas cos proxectos de cooperación ó desenvolvemento a executar no exterior, efectuando unha convocatoria distinta para cada caso.

  • Valorizar máis o ámbito territorial da Oficina de Seguemento en Centroamérica, Caribe e México á hora de decidir sobre o financiamento de proxectos en América Latina, habida conta que deste xeito facilitamos a súa avaliación contrastada.

  • Incorporar ámbitos xeográficos máis relacionados coas dimensións da proxección exterior de Galicia.

  • Combinar a actuación sistemática a curto e medio prazo coa resposta ás situacións de emerxencia.

  • Considerar, chegado o caso, a conveniencia de impulsar algún proxecto piloto de xestión directa.


Santiago, 3 de novembro de 1999.

 
Volver ó índice

Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/11/1999
Fernando Pol