Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade Volver ó índice
En referencia ao Anteproxecto de Lei de marzo de 2002
Primeiro Pronunciamento do Fondo Galego sobre a Lei Galega de Cooperación ao Desenvolvemento
 
 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2002

1. Valoración xeral

En primeiro lugar, cómpre sinalar que, dende o Fondo Galego, celebramos que finalmente se avance esta primeira formulación dun Anteproxecto de Lei de Cooperación, na medida en que supón unha acertada valoración da necesidade de establecer un marco legal propio en materia de cooperación. Nesa liña, a Lei debuxa un marco normativo no que se contemplan os obxectivos e prioridades comúns da cooperación ao desenvolvemento, unha realidade complexa e difícil en Galicia pero situada nunha tendencia globalmente positiva dende hai uns anos nos que se implementa a participación de numerosos axentes, tanto do ámbito público como privado.

É neste sentido que consideramos tamén importante destacar a necesidade de que este Anteproxecto avance na súa tramitación avalada por un amplo consenso de toda a sociedade e moi especialmente de todos os axentes interesados e involucrados na cooperación, entre os que cómpre sinalar tanto as organizacións non gobernamentais como os Concellos e Deputacións e institucións locais supramunicipais solidarias.

O feito de que esta formulación apareza nun momento tan inicial da actual lexislatura autonómica pero tardía na municipal, debe convidarnos a propiciar un equilibrio que alente a dinamización, o debate e o incremento da sensibilización dos actores públicos, municipais e provinciais no que ao Fondo atinxe, do que poidan derivarse un maior compromiso operativo das entidades locais coas políticas de cooperación ao desenvolvemento e unha maior aportación dos pareceres de todos.

Coidamos que, en xeral, o texto responde á dimensión actual do mundo da cooperación ao desenvolvemento en Galicia. A opción por un articulado modesto nas súas definicións (especialmente o Título I), pero detallado nas estructuras e compromisos, seméllanos o máis acaído ás circunstancias actuais nas que precisamos de accións decididas para enriquecer o panorama da cooperación ao desenvolvemento na nosa Comunidade.


2. Observacións concretas

2.1. Denominación

Parécenos correcta a que se propón.


2.2. Preámbulo

Bótase en falla unha máis explicita referencia no I ás desigualdades Norte/Sur, ás causas que a motivan e a expresar a firme vontade de impulsar mecanismos que permitan avanzar cara unha nova orde económica internacional máis xusta.

No segundo párrafo, engadiriamos –punto e seguido- unha referencia á Axenda 21, co seguinte texto: “En Río (1992), a Conferencia sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento aprobou o Plan de Acción ou Programa de Nacións Unidas para o século XXI, máis coñecido como “Axenda 21”, co obxectivo de impulsar unha asociación mundial para o desenvolvemento sostible.

Reflexión: Coidamos que é importante reflectir no Preámbulo os lugares comúns que sirven de referencia para contextualizar adecuadamente as políticas de cooperación ao desenvolvemento.

No II, despois do párrafo seis e antes de “A presente Lei de Galicia...”, engadiriamos o seguinte texto: “Por outra banda, a creación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, co apoio da FEGAMP en primeira instancia e tamén da Administración autonómica, permitiu a asunción por parte do municipalismo galego dunha liña de actuación propia promovendo a participación en proxectos e programas de cooperación, desenvolvemento e solidariedade internacional, evitando atomizacións, competitividades, fraccionamentos ou duplicidades e postulando a práctica dunha cooperación que en ningún caso anula a autonomía de cada quen”.

Reflexión: Á hora de destacar o camiño seguido pola cooperación en Galicia, coidamos que é importante reflectir o salto cualitativo que implicou a creación do Fondo no que hoxe participan máis de sesenta entidades que representan a preto do 60 por cento da poboación de Galicia, incluindo a todas as cidades.


2.3. Articulado

Artigo 2

Apartado d) completar: “... apoiando as accións de reconstrucción”.

Reflexión: En ningún punto da Lei se menciona a importancia de abordar a reconstrucción despois da emerxencia, aspecto substancial. Sinalanse varias expresións da emerxencia pero enfocada parcialmente á atención da poboación no momento que se produce, pero sen contemplar a continuidade da acción na reconstrucción, nin na priorización futura das zonas que padeceron algunha situación de emerxencia para financiamentos posteriores.

Engadir no 2e), ao final: “...potenciando unha ética firmemente asentada en valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade entre todas as persoas”.

Engadir un apartado 2f): “Promover unha aproximación progresiva da porcentaxe que as respectivas entidades destinan a políticas de cooperación ao mínimo ético do 0,7% dos recursos propios”.

Reflexión: Aínda que hoxe esteamos lonxe dese obxectivo, coidamos que é importante referencialo como un valor en si mesmo, a ter presente por todos aqueles actores que participamos do compromiso cooperativo por un mundo máis digno e de conformidade cos compromisos asumidos pola propia Administración española nos foros internacionais.

Artigo 3

3.1.b). Proponse engadir: “... evitando toda discriminación por razón de cultura, raza ou relixión”.

3.1.c). Proponse engadir unha referencia explícita ao conxunto dos dereitos humanos (políticos, económicos, sociais e culturais).

Reflexión: Fundamentalmente para reivindicar a importancia destes últimos, a miúdo esquecidos, pero que forman parte da substancia principal da cooperación e que vinculan de xeito indisoluble o esforzo pola superación das desigualdades, os dereitos humanos e a democracia.

3.1.e). Proponse engadir un principio e criterio máis: “O recoñecemento do dereito dos pobos á promoción e defensa da súa cultura, lingoa e identidade propias, asi como dos valores da convivencia pluricultural”.

3.1.f). Proponse engadir un principio e criterio máis: “O fomento da paz, a igualdade e a xustiza nas relacións individuais e colectivas, entre comunidades e estados, a fin de prever e solucionar de forma pacífica os conflictos e as tensións sociais, fortalecendo a convivencia en paz”.

3.3.e). Redactar doutra maneira: “O respecto ás liñas básicas de acción exterior definidas pola Administración galega”.

Reflexión: É obvio o respecto á política exterior do Estado, pero quizáis sería máis apropiado, en expresión da nosa autonomía, facer referencia á propia acción exterior da Xunta de Galicia –que se contextualiza necesariamente naquel marco-, plenamente lexítima e definida polo Consello no Programa Cuatrienal de Acción Exterior.

Artigo 4

No punto 2, párrafo segundo, engadir: “con especial atención aos países de expresión cultural lusófona”.

Reflexión: Non soamente formamos parte da comunidade iberoamericana de nacións, senón tamén da iberoafricana, e se priorizamos uns debiamos ser coherentes.

No punto 3.f), engadir: “..., así como minorías en xeral”.

Engadir un punto 3.k).: “A protección e mellora do medio ambiente, estimulando a conservación e utilización racional da biodiversidade”.

Reflexión: En todo texto normativo, hoxendía debemos valorizar a transcendencia da cuestión medioambiental, tan importante nos países en vías de desenvolvemento.

Título II

Artigo 8

8.3. Proponse falar de “axuda humanitaria e de emerxencia”.

Reflexión: A humanitaria é máis ben a xeral, e a de emerxencia, a particular, con outras manifestacións como a rehabilitación, reconstrucción, etc (vid. Art. 12 Lei 23/1998 de 7 de xullo). Importa manexar os conceptos adecuadamente.

Artigo 9

En coherencia co anterior, no apartado c), invertirianse os párrafos e incluiríamos unha referencia á axuda para a reconstrucción, tanto das infraestructuras físicas como das económicas e sociais, con mención, ademáis das catástrofes, dos conflictos ou guerras.

Reflexión: A idea de reconstrucción é moi importante para interiorizar a necesidade de continuidade nestas accións.

Artigo 10

No 10.3., mencionar, a carón dos Concellos, as Deputacións.

Título III

Globalmente, valoramos como moi positivo o compromiso de establecer un plan estratéxico ou director cuatrienal, que pode supor un salto importante respecto da situación actual e unha mellora cualitativa da cooperación. Importa en todo caso recoller a necesidade de elaboración dun informe detallado e fiable da situación de partida, a fin de poder avaliar, á volta duns anos, o impacto da aplicación da lei. Nese sentido, podiase incorporar mediante a fórmula dunha disposición adicional, contemplando un prazo de nove meses para a súa elaboración.

Capítulo III

Celebramos igualmente a creación dos tres órganos previstos, que establecen mecanismos de coordinación interna dos diversos departamentos da Administración e de interlocución estable coa Administración local e os axentes sociais, favorecendo, en conxunto, maior coordinación e transparencia.

Artigo 16

Proponse un cambio de denominación: Comisión de Coordinación coas Entidades Locais (non é estrictamente local na medida en que participa a propia Xunta de Galicia e responde mellor ao seu perfil e funcións).

2.a). “Asegurar un intercambio de información permanente...”.

2.e). Proponse engadir un novo apartado –se ben podería alterarse a orde actual- no seguinte sentido: “Estimular a coordinación de pareceres, propostas e iniciativas das dúas Administracións en relación ás estructuras de ámbito estatal, europeo ou internacional, na que ambas estén presentes”.

Reflexión: Por exemplo, a Comisión Interterritorial de Cooperación ao Desenvolvemento dependente do MINAEX.

18.3.b). Proponse engadir: “... e propor, no seu caso, en función de circunstancias especiais, a modificación do correspondentes Plans”.

18.4. Proponse que “estará formado polas persoas que, en representación da Administración, e demáis axentes da cooperación, determine regulamentariamente a Xunta de Galicia”.

Reflexión: evitamos problemas sobre quen debe estar e quen non, na medida en que no artigo seguinte se precisa quen é axente da cooperación.

Título IV

Artigo 19

No apartado b) proponse: “Administracións Locais e instancias de coordinación supramunicipal da Comunidade Autónoma de Galicia”.

Reflexión: Cabe dar entrada máis directa ao Fondo Galego, máis alá da mención xeralista g). O Fondo non é, strictu sensu, unha Administración local.

Título VI

Por último, a introducción dun réxime de infraccións e sancións, debe ser consensuado cos actores da cooperación, a fin de ter en conta as peculiaridades do seu exercicio en determinadas circunstancias, por regla xeral, moi alonxadas das facilidades presentes na nosa vida cotidiana. Especial relevo ten o apartado 2, do artigo 29. Se ben non se di “en prazo”, conviría engadir, “... desatendendo os seus requerimentos”.

Por outra banda, a inclusión deste Título pobería conlevar tamén a atribución dalgunha función nesta orde ao Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, no senso, por exemplo, de “emitir informe previo á imposición das sancións”, sen prexuizo de aplicar o procedemento administrativo sancionador xeral.

Reflexión: Sen negar, a priori, a necesidade de introducir un réxime de infraccións e sancións, cabería pensar sobre a conveniencia de incorporalo directamente no texto da Lei ou reservalo para un nivel regulamentario. A minuciosidade relativa deste Titulo VI contrasta coa escasa profundización do Título I (non hai referencias a valores nin se define a cooperación ao desenvolvemento, por exemplo). Se no Título I poidera non ter moito sentido entrar a recoller grandes definicións científicas e políticas, xa presentes noutros textos que nos sirven de soporte –e que non inclúen disposicións disciplinarias-, na medida en que reflicten modelos teóricos que non atopan soporte físico e instrumental na realidade do movemento da cooperación solidaria en Galicia –e nese sentido a súa modestia é coherente, por asi dicilo, se ben pode levarnos a unha modificación da Lei a curto prazo-, poidera pensarse que en Galicia deronse casos serios de “indisciplina” que obrigan a regulamentar rigorosamente este asunto, cousa que, coidamos, non se corresponde tampouco coa realidade.

Por outra banda, a “novidade” da Lei galega en relación a outras normas do mesmo tipo no Estado sería a introducción deste Título disciplinario, cando o movemento solidario da nosa Comunidade precisa máis de acentuar os aspectos positivos, os estímulos, a súa dignificación social, sen prexuízo dunha regulamentación de infraccións e sancións por vía de decreto. No marco en que se instrumenta e no momento actual da cooperación en Galicia, podería ser distorsionadora a súa inclusión, ao desviar a atención do fundamental.

Artigo 29

No punto 3, hai un erro: é artigo 23.2 da presente Lei.

Artigo 30

No punto 4, hai un erro: é artigo 23.3.b) desta Lei.

Disposición Adicional

Proponse a seguinte: “No prazo máximo de nove meses a partir da entrada en vigor desta Lei, a Xunta de Galicia elaborará un informe detallado e global sobre a situación da cooperación internacional ao desenvolvemento na nosa Comunidade Autónoma”.


Santiago de Compostela, a 31 de maio de 2002.

 

Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 02/07/2003