Fondo Galego de Cooperación e SolidariedadeVolver ó índice


Poder local e cooperación humanitaria
Por Xulio Ríos

Fronte á globalización da miseria, nun mundo secuestrado por poderes políticos e económicos profundamente deshumanizados, asistimos desde hai uns anos a unha especie de “boom” da solidariedade. A mesma secuencia repítese unha vez tras outra: fenómeno mediático primeiro, social despois, institucional por último. Trátase dun berro que emerxe basicamente da propia sociedade civil como unha expresión xeralizada de indignación, moitas veces impulsiva, pero que cada vez máis incorpora doses de rexeitamento da inoperancia e da incapacidade do propio sistema imperante para xerar os mecanismos equilibradores chamados a pór fin ó cruel avance das desigualdades e a unha pobreza que anega amplas zonas e capas da xeografía mundial. Con inusitada forza emerxen multitude de iniciativas socio-políticas e organizativas que tentan paliar esas carencias. As organizacións non gobernamentais (ONGs), consumados actores da sociedade global, gañaronse a pulso unha posición central nesas novas dinámicas de solidariedade e de humanitarismo. Pero trátase dunha relación pluralizada na que participan outros múltiples axentes.

Un deles, tamén recén chegado, é o representado polo poder local: os Concellos e as Deputacións. Por estar tan perto do cidadán é decisivo o seu compromiso coa sensibilización social arredor destes problemas. Tamén os propios cidadáns están en mellor situación para esixir dos seus representantes máis inmediatos unha actuación firme e clara para desenvolver estas liñas de actuación. Cada ano sumánse máis e máis Corporacións á idea de destinar unha determinada parte dos seus fondos para o financiamento de proxectos de solidariedade e de cooperación. En Galicia, con unha fragmentación territorial-institucional tan abrumadora, sen instrumentos de coordinación supramunicipal de cáracter eficaz e consolidada traxectoria, cunha poboación raquítica e en descenso, cuns recursos severamente limitados, cómpre pór o acento na necesidade de cooperar aquí, entre nós mesmos primeiro, para despois axudar ali, onde se precise.

É un bon momento pois para someter a debate entre os representantes dos poderes locais a necesidade de dar un salto cualitativo para mellorar a coordinación e a xestión da solidariedade internacional. Sen merma da autonomía de cada quen, e mesmo no seu exercicio, podería/debería crearse un fondo galego do poder local para financiar proxectos de cooperación e solidariedade. ¿Que conseguiriamos con iso? En primeiro lugar, facilitar que os moitos concellos pequenos de Galicia que hoxe desbotan consignar partidas específicas para este fin debido á súa escasa contía, contasen cun “peto maior” no que os seus depósitos acadarían outra dimension cuantitativa e cualitativamente máis importante; en segundo lugar, permitiría promover proxectos de certa envergadura ó acumular e dispoñer de fondos suficentes para iso; en terceiro lugar, meditar e racionalizar máis a operatividade de tan limitados recursos. Naturalmente, a existencia dise “peto maior” que contaría cun selo de identidade propia para englobar ó conxunto das administracións municipais e provinciais, non tería por qué excluir a subsistencia de petos locais.

Unha xestión a nivel galego dos fondos destinados polo poder local para a solidariedade e a cooperación facilitaría ademais: a necesaria homologación de criterios para axilizar o entendemento coas ONGs; para mellorar a súa acción e o seguemento da aplicación dos proxectos; a formación de persoal adecuadamente capacitado; un aforro considerable en gastos de xestión. Inevitablemente, configurado un contexto destas características, en quen primeiro repercutiría positivamente é nos propios destinatarios da cooperación. Este sumar esforzos no seo dun poder local que hoxe conta con un instrumento magnífico de representación (a FEGAMP) completaríase coa creación dun órgano permanente de diálogo e de coordinación coas Ongs que estén interesadas no desenvolvemento de accións de solidariedade.

Pero tamén compre reflexionar sobre o tipo e sentido das accións a desenvolver. Está ben, é indispensable, corresponder ás peticións urxentes de axuda humanitaria, veñan de onde veñan, levados pola “man invisible” dos medios de comunicación; pero sen deixar de ser conscientes de que en numerosos casos, é só isa dimensión informativa a que catapulta á globalidade do mundo desenvolvido un problema que, con toda seguridade, estarán vivindo moitas outras comunidades esquecidas do planeta, aqueixadas en termos cualitativos e cuantitativos de doenzas quizáis máis graves aínda. Fronte a isa “manipulación” humanitarista, compre aplicarse con empeño ó diseño de políticas a medio e longo prazo que contribúan á erradicación da pobreza e do atraso, o auténtico núcleo duro de tódalas crises políticas e sociais que hoxe habitan na nosa pequena aldea global. Ben sabemos que a inmensa maioría das crises a enfrontar non son producto da fatalidade senón que obedecen a causas estructurais, e que, por iso, a solidariedade debe ser vivida non só como un xesto, tamén como unha reivindicación de ruptura, de búsqueda dunha nova síntese de xustiza e de liberdade.

¿Deberían gardar estas políticas certa coherencia con unha hipotética acción exterior de Galicia? Formulada seria e coherentemente non debería darlle as costas. Sen condicionala en termos absolutos, bo sería que unha parte dos fondos destinados a cooperación tivese en conta aqueles países e comunidades que por razóns históricas ou contemporáneas atópanse vencellados a nós. En resume, axudar a quen nos axuda ou axudou. Se os mariñeiros galegos van pescar a augas de Namibia, poñamos por caso, tendo en conta os graves problemas de desenvolvemento deste país, non estaría de mais que parte disas consignacións se destinasen á mellora da saúde ou a educación dos seus habitantes.

Son aspectos dun debate que o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) propón hoxe ó poder local e ás ONGs nesta Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán).

Xulio Ríos é director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI).

Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 7/9/98