Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
O Fondo, paso a paso
(Revista Territorios da FEGAMP de xaneiro/99)
Baixo o titulo “¿Solidariedade? ¡A fondo!”, a través dunha exposición, de maneira clara e pedagoxica, acheganse as claves e as reflexións que fundamentan o nacemento do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade como expresión desa crecente sensibilidade institucional e municipalista arredor deste novo ámbito de actuación do poder local. A idea máis salientable que vertebran os oito paneis que a compoñen é a de que “a cooperación comeza aquí”, entre nós mesmos, para ser máis eficaz ali onde se precisa.
O Fondo Galego estase a construir como unha asociación voluntaria do municipalismo para aglutinar e coordinar as políticas de cooperación dos diferentes concellos e deputacións. Deste xeito asegura a súa coherencia global, unha maior eficacia, e democratiza a solidariedade ó brindar ós concellos pequenos a oportunidade de sumar o seu esforzo ós grandes, de todos participar sen importar a súa dimensión demografica, territorial ou orzamentaria.
Polo seu deseño especialmente atractivo e sinxelo aínda que non simplista, esta exposición é unha actividade especialmente idónea para visitas de escolares e pode servir de eixe para organizar múltiples actos complementarios arredor da solidariedade implicando ós mais diversos axentes da sociedade civil. A exposición propón un breve percorrido polo actual mundo de contrastes e conflictos que pode facilitar a comprensión da nosa cidadanía sobre a importancia de vivir a solidariedade como unha cultura firmemente enraizada, obxecto de atención permanente para construir un mundo mais xusto e humano.
Os seus contidos e paneis poden consultarse dixitalmente (http://www.arrakis.es/~igadi) e o Fondo Galego pretende que milleiros de persoas de toda Galicia a visiten nos próximos meses. Os concellos interesados en recibila, gratuitamente, poden contactar co IGADI ou co propio Fondo Galego, a través da FEGAMP. Sírvese acompañada dun tríptico informativo.
BANDO
Reproducimos a continuación o modelo de Bando redactado por Carlos Casares, Presidente do Consello da Cultura Galega, para dar a coñecer ós veciños a adhesión dun concello ó Fondo.
Faise saber a todos os vecños que este Concello decidiu participar no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Este Fondo naceu como unha asociación voluntaria de municipios para xuntar e coordinar as políticas de cooperación dos concellos e as deputacións. Como se sabe, unha cuarta parte da poboación mundial vive na pobreza, en tanto que a economía move 25 billóns de dólares. Un escándalo semellante ten mobilizado en todo o mundo a millóns de persoas que desexan facer algo para remediar esta inxustiza.
A solidariedade exténdese como un rego por todas partes: son miles as organizacións de voluntarios e grupos privados que loitan contra a pobreza, as guerras ou a discriminación. É nese marco de solidariedade no que se inscribe a nosa participación.
Somos conscientes de que deste xeito non só loitaremos contra a inxustiza cometida con moitos seres humanos inocentes e indefensos, senón que axudaremos tamén a afondar na nosa democracia, pois nesta tarefa coincidiremos todos, máis alá da color política de cada un de nós. O noso municipio, polo tanto, quere reafirmarse como un espacio de solidariedade cos demais e de convivencia democrática entre todos.
, a....de.................de 199
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 12/12/98