Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
O Fondo Galego elixirá en outubro unha
nova Executiva
(Artigo publicado na revista Territorios nº 27 da FEGAMP)
O próximo día 15 de outubro celebrarase unha nova Asemblea xeral de asociados do Fondo Galego. O asunto central do encontro será a elección da Comisión Executiva que xestionará o Fondo nos próximos catro anos. Segundo establecen os seus Estatutos, despois da celebración dos comicios locais, os membros da Comisión Executiva actuarán en funcións por un tempo máximo de catro meses.Á nova Executiva agárdalle un horizonte de adicación e compromiso, de empeño e resolución para a mellora da cantidade e calidade da cooperación municipalista realizada en e desde Galicia.
O espíritu que marca a elección da nova directiva do Fondo Galego ven marcado pola necesidade de dar cabida ós intensos cambios producidos durante estes case dous anos de andaina. A Executiva actual responde a unha realidade de 12 asociados; a nova deberá concretar os equilibrios necesarios para representar a máis de corenta. Os criterios territorial, de traxectoria comprometida coa cooperación, de tamaño, de representatividade das diferentes forzas políticas presente na vida local galega, serán valores a considerar, pero sempre mediatizados por esa componente consensual que define a solidariedade como un punto de encontro das diferentes sensibilidades políticas.
A última Asemblea do Fondo Galego celebrouse o pasado 26 de marzo, escasos meses antes das eleccións municipais e do verán. Daquela dicíase que "neste primeiro ano de andaina confirmaronse as expectativas de consolidación do Fondo Galego como unha realidade operativa e influínte tanto no mundo da cooperación como do municipalismo... Conseguimos asentar as bases dese proceso, bases sólidas e con garantía suficiente como para auspiciar un xiro de maior intensidade ás nosas actividades". Unhas afirmacións unánimemente compartidas daquela por todos os presentes e que definen o perfil básico da orientación do traballo na etapa que agora se aveciña. Os detalles, obxectivos e liñas principais a desenvolver nos próximos catro anos serán cousa que definirá, naturalmente, a Comisión Executiva que se elixirá o próximo día 15 de Outubro nas dependencias da FEGAMP.
Estimase no Fondo Galego que con independencia do resultado concreto experimentado por cada unha das forzas políticas que concorreron ó recente proceso electoral, as novas Corporacións Locais serán máis receptivas, comprometeranse máis, coa cooperación e a solidariedade. Os contactos mantidos coas diferentes forzas políticas con carácter previo ás eleccións permitiron detectar esa ampla vontade, hai anos moi verde e sen embargo hoxe, con máis ou menos intensidade, presente sempre como un capítulo máis e irrenunciable da acción pública. Existe fundamento para asegurar que soplan a favor as expectativas de alargamento da presencia e influencia do Fondo Galego.
En segundo lugar, esas posibilidades de avance na base asociativa deben atopar a súa correspondencia nun maior despregue de iniciativas e actuacións do Fondo Galego. Todos os asociados están comprometidos coa idea de propiciar unha maior presencia social de xeito que o Fondo sexa capaz de mellorar a comunicación non soamente cos socios senón sobre todo co conxunto da sociedade galega. É o momento de convertir o Fondo Galego nunha referencia social da cooperación e da solidariedade na nosa Terra.
Igualmente, habida conta dos cambios rexistrados nalgúns Concellos que son membros do Fondo Galego (Porto do Son, Moaña, Nigrán, A Pobra do Caramiñal) e que obrigaron a algúns amigos e amigas da cooperación a deixar formalmente un compromiso que viñan desenvolvendo de xeito particularmente activo, deixase constancia pública do agradecemento a todos e cada un deles (persoal e institucional) por tanta colaboración entusiasta. Estamos convencidos de que os seus substitutos, a quen lles damos unha cordial benvida, tomarán o relevo con idéntico empeño.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/8/99