Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Nova convocatoria de axudas do Fondo Galego
(Publicado na revista Territorios de febreiro 2000)
A Comisión Executiva do Fondo Galego aprobou recentemente as bases da convocatoria de axudas a proxectos de cooperación ó desenvolvemento correspondente ó exercicio de 2000. Previamente, o borrador foi discutido no Consello Municipalista da Cooperación, unha instancia creada dende o Fondo para institucionalizar o debate coas organizacións non gobernamentais. Nese proceso, as ONGs presentaron as súas enmendas ó articulado que, na súa inmensa maioría, foron aceptadas pola Comisión Executiva. O texto definitivo pode consultarse na rede, visitando a web: www.iaga.com/igadi.
En suma, esta convocatoria vén a consolidar a actividade do Fondo como instrumento redistribuidor dos recursos aportados polas entidades locais e provinciais de Galicia, a fin de reforzar a eficacia das políticas de cooperación e solidariedade municipalistas. O prazo para a presentación de proxectos remata o próximo 28 de abril, e no mes de xuño unha Asemblea de socios do Fondo deberá pronunciarse sobre as axudas a conceder. Aínda que esta convocatoria pública é o pilar esencial do desenvolvemento de proxectos, o Fondo Galego non descarta a posibilidade de programar actuacións de cooperación directa a medio prazo.
Reunións itinerantes
Tal como se recolle no Plano Estratéxico 1999-2003, a Comisión Executiva comezou a celebrar as súas xuntanzas fóra da sede da FEGAMP en Santiago de Compostela. O pasado día 3 de Decembro reuniuse en Vigo e o día 8 de febreiro en Ourense. En ambos os dous casos, ademáis da xuntanza ordinaria do organismo, os membros da Comisión Executiva foron recibidos polos respectivos Alcaldes, Lois Pérez e Manuel J. Cabezas. Tanto o Sr Castrillo como o Sr Enríquez expresaron a súa convicción respecto da funcionalidade do Fondo e da necesidade de incrementar o compromiso público local no fomento da solidariedade e da conciencia cívica, de reivindicar e alentar unha actitude ética fronte ós desequilibrios e as desigualdades universais.
Nestas xuntanzas, a Comisión Executiva realiza tamén comparecencias públicas ante os medios de comunicación para contribuír á divulgación da propia existencia do Fondo Galego; e programa igualmente xuntanzas de presentación do Fondo ós municipios límitrofes, a fin de favorecer o incremento de entidades asociadas. A pesar da intensidade da axenda, Alfredo Novoa, Presidente do Fondo Galego, valora moi positivamente esta iniciativa, pois,entre outras cousas, permite un contacto máis directo cos corporativos, socios e non socios, e un rico intercambio de impresións sobre as actividades e perspectivas do Fondo Galego.
Xornadas de cooperación en Pontevedra
Na mesma liña inclúese a celebración dunha primeira xornada provincial de cooperación que terá lugar en Pontevedra o próximo 23 de Marzo. Co apoio da Deputación, pioneira no seu día no compromiso provincial co Fondo Galego, convidarase a todos os Concellos da súa demarcación para presentar o Fondo e debatir sobre as políticas de cooperación e solidariedade municipalistas. A organización convidou xa a D. José Angel Cuerda, ex-alcalde de Vitoria, para participar nestas Xornadas, que poden dar un novo impulso á nosa base asociativa. Iniciativas similares están previstas para as provincias de Ourense, A Coruña e Lugo, a desenvolver no decurso do presente ano.
Novas altas
Os concellos de A Guarda, Ferrol, Poio, Lugo, Redondela, Soutomaior, ingresaron no Fondo
Galego. Coas novas altas supera xa os 50 asociados.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/02/2000