Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade / Actividades Volver ó índice
Municipalismo e Solidariedade: Aspectos Prácticos
Encontro de traballo FEGAMP
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2001
 
 

1. O obxectivo central deste encontro consiste en analizar o tipo de problemas aos que se enfronta a realidade da cooperación municipalista en Galicia, detectalos e individualizalos un a un, establecer un intercambio de ideas arredor dos mesmos e propiciar unha serie de medidas que nos permitan mellorar a realidade actual e homologar certas prácticas administrativas e políticas, de xeito que a cooperación internacional ao desenvolvemento poida experimentar un novo impulso.

Constatamos felizmente que un maior número de Concellos e Deputacións de Galicia asomase ó mundo da cooperación. A propia realidade do Fondo Galego e a súa evolución nos anos de funcionamento indica ben ás claras que existe unha sensibilidade en positivo que cómpre afortalar. Coidamos nese sentido que impulsar a cooperación en Galicia e no municipalismo é inseparable da idea de afortalar o Fondo Galego como instrumento coordinador e homologador.

2. A hora de abordar os aspectos prácticos, coidamos de interese establecer dous campos ben diferenciados.

2.1. En primeiro lugar, o ámbito da xestión, política e económica. Formulamos as seguintes recomendacións:

• Incluir unha denominación: cooperación (sensibilización, cooperación). É importante que a cooperación se visualice socialmente no organigrama e no nomenclator municipal. A entidade do esforzo económico e das actividades programadas neste campo poida que non xustitifique a priori a existencia dun departamento específico, pero si a constatación desa referencia sensibilizadora. En cada caso, debe avaliarse a conveniencia de incluir neste apartado a xestión dos irmanamentos, todos ou parte deles, pois en moitos a cooperación pode ser o contido predominante.

• De non existir un departamento propio, xurde naturalmente a cuestión da ubicación. O máis tradicional é que os asuntos da cooperación se aborden dende a área de Benestar social, como unha prolongación internacional da acción social local. Noutros casos, é no ámbito da Alcaldía donde se ubica. En non poucos, acontece tamén que a fragmentación acada niveis moito máis amplos (educación, xuventude, muller, etc), de xeito que numerosos departamentos xestionan illadamente uns dos outros, programas de consecuencias exteriores.

Cómpre neste sentido, salientar o seguinte:

1. A cooperación internacional é unha materia política de primeira orde e afecta ao ámbito da acción exterior dos Concellos e Deputacións de Galicia. Por iso, consideramos que esa debe ser a identidade prevalecente e vertebradora de actuacións dispersas, dende irmanamentos ata programas sociais, educativos e culturais que por verificarse no exterior deben conectarse entre si.

2. Nesa perspectiva, a cooperación ao desenvolvemento debe insertarse prioritariamente a un mesmo nivel que as relacións con Portugal (Eixo Atlántico) ou a participación en programas comunitarios.

3. Por iso, cómpre identificar un departamento especifico que asuma no organigrama municipal esta responsabilidade, concretada ademais nunha identificación persoal efectiva que garanta a plena operatividade de todos os vinculos internos e externos (incentivar o uso de medios electrónicos).

• Igualmente no ámbito funcionarial, cómpre establecer un responsable administrativo e determinar un espacio fisico que permita a acumulación de documentación e a súa ordenación, a dinamización de actividades, a coordinación con outras entidades, etc. Nesa perspectiva, importa atender ás políticas de formación, á dotación de bibliotecas da cooperación, etc. Non se trata de que sexa esta a unica actividade a realizar pero tampouco que a súa marxinalidade sexa de tal calibre que non resulte de valor ningún.

• No financeiro, é fundamental asegurar unha practica progresivamente homologable. A actual casuística presenta ribetes esperpénticos. Nalgúns Concellos basta unha factura do Fondo, noutros esixen convenio; nalgúns contemplan a posibilidade de anticipos, outros esixen a realización do proxecto para poder financialo; nuns esixen facturas detalladas de todas e cada unha das actuacións, noutros basta unha memoria para xustificar a realización do gasto.

Compartimos a preocupación por garantir tanto a transparencia como un adecuado uso de fondos públicos, por iso cómpre uniformar un sistema que asumindo esa prioridade posibilite unha acción cooperativa eficaz. De entrada, as cantidades a aportar ao Fondo (minimas ou superiores) deben contar cun epigrafe especifico no presuposto, ao igual que as destinadas a programas de sensibilización local ou a proxectos financiados con carácter exclusivo e sen intermediación do Fondo e nas Bases de execución do presuposto debe contemplarse un mecanismo concreto de xestión.

2.2. No ámbito das actividades.

• Cómpre fomentar unha maior participación social nas actividades de cooperación. Tan importante é a recaudación e xestión de recursos como a explicitación da comprensión social do que se está a facer. É a garantía de manter un avance prolongado. Esa sensibilización pode ser indiscriminada ou selectiva, propiciando a formación dun tecido asociativo local ou afortalando o existente.

• Nesa perspectiva, resulta especialmente importante prestar atención á comunidade educativa, habilitando fórmulas de aproximación do profesorado e do alumnado a través das súas propias estructuras (delegados, consello escolar, claustros, etc) e alentando actividades de fácil divulgación e aplicación nese ámbito, utilizando a capacidade de resonancia de xornadas como o Día Internacional para a erradicación da pobreza ou similares.

• En cada caso debe valorarse a formacion de consellos municipais de cooperación.

• No que atinxe ás convocatorias de axudas, cómpre camiñar cara a convocatoria única, xestionada dende o Fondo, e, no seu defecto, asegurar na medida do posible, a homologación das Bases.

 

Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/11/2001