Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade Volver ó índice


¡¡ Movámonos por Timor-Leste !!
Os concellos de Galicia amosan a súa solidariedade cos habitantes da ex-colonia portuguesa
(Artigo publicado na revista Territorios de outubro/99)

Durante varias semanas, a poboación maubere de Timor-Leste foi víctima da represión máis brutal e indiscriminada. As milicias proindonesias, organizadas baixo a protección das tropas do xeneral Wiranto, camparon ás súas anchas destruíndo canto atopaban ó seu paso e asasinando e intimidando ós habitantes locais. O seu principal obxectivo consistía en impedir o libre exercicio do dereito de autodeterminación da illa, ocupada militarmente dende hai 25 anos.

A illa de Timor foi descuberta polos portugueses no ano 1420, aínda que a parte occidental sería colonizada polos holandeses (1613-18). A fronteira entre a parte holandesa (occidental) e a portuguesa (oriental) estableceuse, despois de longas e reiteradas guerras durante o século XVIII, en diversos tratados (1859, 1893 e 1904). En 1942, a illa foi ocupada polos xaponeses; unha vez rematada a II Guerra Mundial, a parte holandesa incorporouse a Indonesia (1954) mentres que a parte oriental permaneceu baixo dominio de Lisboa e formando parte das súas provincias de ultramar. Referimonos pois a un territorio dunha extensión aproximada de 19.000 quilómetros cadrados, nos que deben incluirse a illa de Atauro, islote de Jaco e o enclave de Oé-Cusse, na parte occidental da illa de Timor.

Indonesia, a potencia invasora, e Portugal, a potencia colonial e formalmente aínda administradora, pactaron, coa mediación de Nacións Unidas, un calendario para a resolución pacífica deste conflicto. Sen embargo, os feitos posteriores evidenciaron a dobre lingoaxe de Iacarta. Pese á súa tardanza, a intervención internacional baixo mandato de Nacións Unidas permite abrigar esperanzas de pronta restauración da normalidade.

Neste contexto, o Fondo Galego dirixiuse ó conxunto da opinión pública para expresar a súa máis rotunda condena daqueles actos de violencia que tratan de impedir a libre expresión democrática dos dereitos individuais e colectivos do pobo de Timor-Leste, urxindo a retirada inmediata do seu territorio de todas as tropas indonesias e a plena culminación do calendario establecido por Nacións Unidas.

Igualmente, o Fondo Galego reclamou a fin da indiferencia dalgúns sectores da comunidade internacional, especialmente daqueles que teñen nas súas mans boa parte do control da política indonesia, urxindo de todos unha implicación activa, cando menos similar á advertida en supostos similares (na recente guerra por Cósovo, sen ir máis lonxe) para garantir a efectiva implementación do dereito de autodeterminación.

Por outra banda, considerase indispensable impedir que as violacións dos dereitos humanos cometidas durante estas semanas queden impunes e, polo tanto, debese garantir a investigación dos crimes cometidos polas milicias proindonesias, a detención dos culpables e o seu procesamento e condena.

Ademáis de felicitar ó pobo de Timor-Leste pola súa dignidade e valentía, o Fondo Galego convidou a todos os Concellos e entidades locais de Galicia para que expliciten a súa solidariedade activa co pobo de Timor-Leste, contribuíndo de maneira xenerosa ó actual proceso de reconstrucción.

Numerosos alcaldes de varias vilas de Galicia mantiveron contactos con representantes do Consello Nacional de Resistencia Maubere e transmitironlle esa vontade de cooperación.

FONDO GALEGO
MOVÁMONOS X TIMOR
CONTA:
2091.0209.16.3040016786
en CAIXA GALICIA

Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 5/10/99