| Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade / Actividades |
| Maremoto en Asia ¿como actuar? |
|
Ante a catástrofe provocada polo terremoto que sacudiu varios países asiáticos, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, como entidade asociativa do municipalismo galego, pon os seus medios a disposición de todos os Concellos e Deputacións para canalizar a axuda directa ós damnificados. A nosa conta para emerxencias é a seguinte: Caixa Galicia Fene: 2091.0209.10.3040019000 Pregamos ás Corporacións locais e provinciais que canalicen as axudas propias, dos seus corporativos, dos seus funcionarios e dos seus traballadores, a traveso desta conta. Deste xeito evitaremos a improvisación e a dispersión de recursos, facilitaremos a entrega directa e máis rápida, melloraremos a súa xestión e reforzaremos o Fondo Galego como instrumento de referencia na vida municipal para impulsar as accións de solidariedade. O Fondo coordinará as axudas recibidas coa Xunta de Galicia e a AECI. Igualmente lembramos a todos que é de suma importancia contemplar a etapa de reconstrución, cando a nosa axuda pode ser de maior utilidade. Cómpre advertir que, alén da resposta á emerxencia inmediata derivada dos gravísimos danos causados polo terremoto, xurdirán proximamente mil e unha emerxencias silenciosas que soamente poderán ser remontadas cun mínimo de garantías se existe un compromiso sólido e un esforzo estable dos diferentes axentes da sociedade internacional. Neste sentido, efectuamos un sincero chamamento para incrementar, neste e nos próximos anos, os apoios e recursos destinados á cooperación ó desenvolvemento de xeito que, progresivamente, nos aproximemos ó 0,7% dos orzamentos locais. O Fondo Galego alenta o compromiso da sociedade civil coas víctimas, reforzando a colaboración coas organizacións non gobernamentais e outras institucións para afrontar a reconstrucción da rexión en estreita coordinación cos axentes e institucións das áreas afectadas. O Fondo Galego súmase ás demandas de condonación da débeda externa dos países afectados por estimar que se trata dun mecanismo de primeira importancia para aliviar a dramática situación que se vive en toda a zona e facilitar a súa rápida recuperación. |
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/01/2005 |