Fondo Galego de Cooperación e SolidariedadeVolver ó índice


Exposición: ¿Solidariedade? A fondo

Esta actividade foi coordinada polo IGADI e está a disposición dos interesados
contactando co noso Instituto ou co Fondo Galego (FEGAMP, Santiago de Compostela)


Panel 1PANEL 1

Título:  UN MUNDO DE CONTRASTES

Cita: "A igualdade na riqueza debe consistir en que ningún cidadán sexa tan opulento como para poder mercar a outro nin ningún tan pobre coma para ter necesidade de venderse".
Jean-Jacques Rousseau (1712-1778).

Entrada: O progreso logrado na reducción da pobreza no século XX é notable e non ten precedentes, pero os adiantos foron desiguais e afectados por retrocesos, e a pobreza segue sendo xeneralizada.

Texto: Durante o século XX a pobreza reduciuse notablemente en moitas partes do mundo. Pero unha cuarta parte da poboación mundial continúa sumida na pobreza severa. Nunha economía mundial de 25 billóns de dólares isto é un escándalo, que reflicte desigualdades vergonzosas e o fracaso inexcusable da política nacional e internacional.

Fonte: Informe Sobre Desarrollo Humano 1997. Publicado polo "Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento".



Panel 2PANEL 2

Título: ¿UN PASO ADIANTE, DOUS PASOS ATRÁS?

Cita: Ninguén pode ser verdadeiramente rico se os seus veciños son pobres.
John F. Kennedy (1917-1963).

Entrada: A discontinuidade e a desigualdade caracterizan o proceso da reducción da pobreza humana. A disparidade resultante e o retraso remanente crean e recrean a pobreza humana, un proceso que é continuo e que se perpetúa, e os pobres loitan constantemente por superalo.

Texto: "A fenda aberta entre ricos e pobres durante a década dos oitenta nos países desenvolvidos seguiu agrandándose nos noventa, segundo os indicadores máis recentes. Estados Unidos é o membro da OCDE no que a diferencia é maior -os máis ricos gañan ata 5,9 veces máis cós máis pobres. En Finlandia, pola contra, esta ratio é de soamente o 2,6".

Fonte: Informe Semanal de Política Exterior nº 4/1995.



Panel 3PANEL 3

Título: UN CRECEMENTO SEN RUMBO

Cita: As sociedades deben ser xulgadas pola súa capacidade para facer que a xente sexa feliz.
Alexis Tocqueville (1805-1859).

Entrada: O crecemento económico pode ser un medio poderoso para erradicar a pobreza. Pode ampliar os ingresos dos pobres, ampliar as oportunidades e as opcións de diversas maneiras. Pero eses éxitos contrastan coa realidade actual.

Texto: "A mellora dos indicadores macroeconómicos non supuxo unha reducción efectiva da pobreza en Iberoamérica. Aínda que a inflacción segue a baixar, hai 64 millóns de persoas en estado de desnutrición. O Banco Mundial considera que a causa principal é o despilfarro dos gobernos populistas da zona e suxire a adopción de medidas para mellorar o acceso á educación e á sanidade e reducir a concentración de riqueza".

Fonte: Informe Semanal de Política Exterior nº 35/1996.



Panel 4PANEL 4

Título: UN MUNDO DE CONFLICTOS

Cita: Non hai camiños para a paz; a paz é o camiño.
Mahatma Gandhi (1869-1948).

Entrada: O século XX comezou co xenocidio dos armenios e remata agora co dos tutsis, os chechenos, os albaneses, os timorenses, etc, en presencia dos cascos azuis da ONU, se é o caso, e de ducias de organizacións non gobernamentais ou da prensa do mundo enteiro. As guerras provocan morte, miseria e a maior das pobrezas.

Texto: Os conflictos acompañaron sempre ó xénero humano. Son causados por moi variadas razóns: diferencias de opinión, falta ou escaseza de recursos esenciais, ambición e desexos de impoñerse sobre os demais, entre outros motivos. Aínda que os conflictos poden resolverse sen necesidade de recorrer á violencia, arredor de 40 conflictos armados estaban en curso no mundo a comezos de 1998. Os conflictos actuais caracterízanse porque a maioría acontecen dentro de determinados estados, febles e que teñen dificultades para se integraren no mercado mundial.

Fonte: Los días del futuro. Mariano Aguirre. Icaria editorial.



Panel 5PANEL 5

Título: A INDIGNACIÓN DA SOCIEDADE

Cita: Non son optimista, quero ser optimista.
Emile Zola (1840-1902).

Entrada: Fronte á globalización da miseria, nun mundo secuestrado por poderes políticos e económicos severamente deshumanizados, asistimos desde hai uns anos a unha especie de "boom" da solidariedade.

Texto: Todo empeza cando as grandes cadeas de TV descobren cómo as imaxes da miseria e do abandono disparan os índices de audiencia. Mentres o pragmatismo e a lentitude de moitas institucións, vocacionalmente serenas, piden calma e "estudian" as respostas, a inmensa maioría dos cidadáns rebélanse contra esta situación e son moitos os que se mobilizan de mil maneiras para procurar espantar unha crecida sensación de impotencia.

Fonte: elaboración propia.



Panel 6PANEL 6

Título: A SOLIDARIEDADE COMO CULTURA

Cita: Deberemos arrepentirnos nesta xeración, non tanto das malas accións da xente perversa, senón do pasmoso silencio da boa xente.

Martin Luther King (1929-1968).

Entrada: A cultura da solidariedade está en auxe. ¿Que factores explican esta reacción? Podiamos citar, entre outros, o incremento da pobreza e a agudización das diferencias entre pobres e ricos, o baleiro deixado pola crise das ideoloxías tradicionais, o poder dos medios de comunicación e, incluso, o propio interese dos gobernos e institucións coma o Banco Mundial e o Fondo Monetario Internacional.

Texto: Debemos transcender o fenómero puramente mediático da solidariedade, ir máis alá da actitude lóxica e comprensible da expresión de indignación fronte á miseria, a catástrofe ou o conflicto armado; debemos intentar que a solidariedade se convirta no eixe central das preocupacións dos poderes públicos e organizacións sociais. Soamente deste xeito se poderán superar as concepcións epidérmicas que simultanean solidariedade e indiferencia. Cómpre vivir a solidariedade como un símbolo de denuncia e reivindicación dun mundo á medida dos seres humanos. A igualdade de oportunidades en materia de desenvolvemento é unha prerrogativa universal, tanto das nacións coma dos individuos que as forman.

Fonte: elaboración propia.



Panel 7PANEL 7

Título: A VERTEBRACIÓN DA SOLIDARIEDADE

Cita: É intentando o imposible como se realiza o posible. Henri Barbusse (1873-1935).

Entrada: Agora, nin as organizacións internacionais, nin os Estados, nin as axencias gobernamentais, son os únicos axentes na loita polo desenvolvemento. Con inusitada forza emerxen multitude de iniciativas socio-políticas e organizativas que tentan contribuír á satisfacción desas carencias. As organizacións non gobernamentais, consumados actores da sociedade global, gañaron a pulso unha posición central nesas novas dinámicas de solidariedade e de humanitarismo. Pero é unha relación pluralizada na que participan tamén outros múltiples axentes.

Texto: A Administración Local galega asume como liña de actuación propia a participación en proxectos e programas de cooperación, desenvolvemento e solidariedade internacional, e potencia e asume este eixe de actuación como un espacio de encontro entre as diferentes sensibilidades políticas e partidarias representadas nas corporacións. Este ideario implica ademais o impulso da coordinación das políticas de cooperación no seo do municipalismo para fortalecer o poder local e democrático nos pobos en vías de desenvolvemento, para facilitar a súa incorporación a procesos de progreso baseados en transformacións políticas, económicas e sociais que aseguren un maior e pleno respecto ós dereitos humanos.

Fonte: Declaración Programática do Fondo Galego.



Panel 8PANEL 8

Título: O FONDO GALEGO DE COOPERACIÓN E SOLIDARIEDADE

Cita: Máis vale actuar expoñéndose a ter que arrepentirse do feito que arrepentirse de non ter feito nada. Giovanni Boccaccio (1313-1375).

Entrada: O Fondo Galego nace como unha asociación voluntaria do municipalismo para aglutinar e coordinar as políticas de cooperación dos diferentes concellos e deputacións. Deste xeito asegura a súa coherencia global e unha maior eficacia, e democratiza a solidariedade ó brindar ós concellos pequenos a oportunidade de sumar o seu esforzo ós grandes; así posibilita a participación de todos, sen importar a súa dimensión demográfica, territorial ou orzamentaria. Porque a cooperación e a solidariedade co exterior debe exercerse primeiramente entre nós e dende aquí.

Texto: A finalidade principal do Fondo Galego consiste en estimular unha maior sensibilización e comprensión cidadán arredor da necesidade de exercer unha rica e maior solidariedade do Norte co Sur, con políticas xenerosas e abertas á participación plural dos diferentes e múltiples axentes sociais, conscientes de que non soamente se trata con estas políticas de favorecer un desenvolvemento sostible e integral nos países destinatarios de axuda, senón igualmente de incrementar a conciencia social e crítica dos nosos cidadáns, de potenciar a recuperación dunha ética firmemente asentada en valores humanistas, de convivencia pacífica, tolerancia e igualdade entre todas as persoas.

Fonte: Declaración Programática do Fondo Galego.



Panel 9PANEL 9

Título: A COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO

Cita: Se das peixe a un home famento mataraslle a fame dun día. Se lle ensinas a pescar, non pasará fame en toda a súa vida. Lao Tsé (século VI a.n.e.).

Entrada: Cando se comparten concepcións de desenvolvemento e se traballa conxuntamente na consecución de obxectivos concretos, pódese falar de cooperación. Se este traballo conxunto se realiza entre axentes do Norte (achegando recursos ou técnicas) e axentes do Sur (definindo as necesidades e executando as accións ideadas) falamos de cooperación internacional. Para que a axuda beneficie autenticamente ós desfavorecidos, tería que centrarse no ser humano e promover a súa participación.

Texto: No mundo continúan a darse situacións de pobreza, desamparo e desigualdade. Hai poboacions que non teñen garantidas as súas necesidades básicas e sociedades enteiras atópanse en situación de perigo e exterminio. Hai varias modalidades de axuda: a cooperación, a asistencia, a axuda humanitaria ou os programas de emerxencia. Segundo a súa orixe, a axuda pode ser pública ou privada. Pode ser canalizada a través de instancias propias do goberno, a través de organismos internacionais, organizacións non gobernamentais ou empresas privadas. Ademais, toma múltiples formas: hai axuda non reembolsable (donacións en metálico, en especie ou de servicios...) e axuda reembolsable (créditos concesionais...).

Fonte: Centro de Investigación para la Paz. "Más allá del 0,7%". 1997.



Panel 10PANEL 10

Título: UN MUNDO MÁIS HUMANO, XUSTO E SOLIDARIO

Cita: Se o home fracasa en conciliar a xustiza e a liberdade, fracasa en todo. Albert Camus (1913-1960).

Entrada: Poñer fin á pobreza humana require un espacio democrático no que a sociedade poida articular as súas demandas, actuar colectivamente e loitar por unha distribución máis equitativa do poder.

Texto: A Administración Local galega entende a cooperación como un método e unha estratexia para vertebrar a solidariedade cos pobos e sociedades máis desfavorecidas, comprometendo, impulsando e propiciando a creación dun tecido solidario en cada poboación de xeito que se abra camiño a esixencia dunha nova orde económica internacional máis xusta e a erradicación daquelas trabas e impedimentos que dificultan a eliminación da pobreza e as desigualdades.

Fonte: Declaración Programática do Fondo Galego.

Volver ó índice


Volver ó principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional

ÚLTIMA REVISIÓN: 7/9/98