Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
Dunha cooperación a outra
(Territorios, marzo 2000)
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade prosegue o seu labor, intensificado nestes meses polo acrecentado empuxe das novas Corporacións locais e provinciais. Fiel a esa idea de que a cooperación co exterior debe comezar aquí, entre nós mesmos, o Fondo Galego presta unha enorme atención á creación desa rede diversa, ampla, plural, de institucións e organismos que asumen o valor da solidariedade como un imperativo irrenunciable do noso tempo.
Nese xogo de implicacións e interrelacións a diversos niveis, cabe destacar, en primeiro lugar, o acordo acadado coa Xunta de Galicia para establecer un convenio marco de colaboración para levar adiante programas de sensibilización en Galicia. De carácter plurianual, un Plano Operativo concretará as accións financiables en cada exercicio con aportacións de ambas as dúas partes. Segundo Jesús Alfonso Vaquero, Director Xeral de Relacións Institucionais, a instrumentación da colaboración entre a Administración autonómica e local é esencial para que avance o compromiso solidario de toda a nosa sociedade.
Dende outro ámbito, representantes do Fondo Galego principiaron os contactos coa Obra Social de Caixa Galicia para asinar un convenio de colaboración que pode contemplar tanto accións en materia de sensibilización como de financiamento de proxectos de cooperación directa, é dicir, non executados a través de organizacións non gobernamentais, senón asumindo unha relación directa do Fondo Galego coas municipalidades beneficiarias dos países en vías de desenvolvemento, unha cooperación de entidade pública a outra pública con financiamento dunha entidade financeira privad. En opinión de Manuel Aguilar, director da Obra Social da Caixa Galicia, máis ou menos intensa, esa cooperación pode levarse a cabo. Segundo Alfredo Novoa, unha vez perfilados os contidos, o acordo pode ser asinado nos próximos meses.
Nesa perspectiva de asentar unha referencia de liderato institucional na plasmación de políticas de cooperación en Galicia, o Fondo Galego pretende implicar a outros sectores. En primeiro lugar, ós sindicatos da función pública local, de xeito que os axentes sociais poidan facer chegar tamén a mensaxe solidaria ós milleiros de empregados públicos que prestan servicio nos concellos e deputacións de Galicia. En segundo lugar, alentando o compromiso de escritores e artistas galegos coa cooperación, a través de iniciativas de divulgación (dende a participación nun libro ata nunha conferencia) que permitan un maior achegamento da sociedade, principal sostén dunhas políticas que deben ser afianzadas plenamente.
As Xornadas que con carácter provincial realizará o Fondo Galego no presente exercicio permitirán tomar o pulso da cooperación na vida local. Pero ademáis, proporcionarán informacións e argumentos para tirar deste carro, a fin tamén de que Galicia desapareza desa última posición nos gráficos que reflicten as aportacións das Corporacións Locais de todo o Estado nesta materia. En efecto, segundo se recolle no Informe 1998-1999 sobre a cooperación descentralizada dos entes locais, publicado pola FEMP e a AECI (Axencia Española de Cooperación Internacional), a porcentaxe de recursos destinados por Galicia a este capitulo foi do 0,16% en 1999, a última posición, mentres que outras Comunidades, como Madrid (22,20%), País Basco (20,77%), Cataluña (15,14%), ou Andalucía (14,79%), consolidan posicións diametralmente opostas que non se xustifican polas diferencias de renda, senón de conciencia.
Certamente Galicia non pode quedarse atrás na mellora das comunicacións, na
defensa do medio ambiente, na recuperación do emprego ou na inversión das tendencias demográficas;
pero tampouco na explicitación dese compromiso solidario que nun mundo en crise procura contrarrestar con
xenerosidade o avance das desigualdades.
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/03/2000