Fondo Galego de Cooperación e SolidariedadeVolver ó índice
Declaración de apoio das organizacións sindicais da Función Pública Local ó Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
 

Os representantes das organizacións sindicais da función pública local que se citan a seguir:

Central Sindical Independente e de Funcionarios, CSI-CSIF;
Comisións Obreiras de Galicia, FAP-CCOO;
Unión Xeral de Traballadores, UGT-FSP;
Confederación Intersindical Galega,
CIG.

Convocados a instancias do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade,


MANIFESTAN:

1. Que participan da idea de fomentar, como liña de actuación propia das Corporacións Locais e Provinciais de Galicia, a participación en proxectos e programas de cooperación, desenvolvemento e solidariedade internacional, potenciando e asumindo este eixe de actuación como un espacio de encontro para o colectivo de persoal ó servicio da Administración Pública.

2. Que comparten a visión da cooperación como un método e unha estratexia para vertebrar a solidariedade cos pobos e sociedades máis desfavorecidas, comprometendo, impulsando e propiciando a creación dun tecido solidario en cada poboación, de xeito que se abra camiño a unha orde económica internacional máis xusta e se posibilite a erradicación daquelas trabas e
impedimentos que dificultan a eliminación da pobreza e das desigualdades.

3. Que consideran de primordial importancia que dende a Administración local se favoreza e estimule unha maior sensibilización e comprensión arredor da necesidade de exercer unha rica e maior solidariedade do Norte co Sur, con políticas xenerosas e abertas á participación plural dos diferentes e múltiples axentes sociais, conscientes de que non soamente se trata con estas políticas de favorecer un desenvolvemento sostible e integral nos países destinatarios de axuda, senón igualmente de incrementar a conciencia social e crítica dos nosos cidadáns, de potenciar a recuperación dunha ética firmemente asentada en valores humanistas, de convivencia pacífica,
tolerancia e igualdade entre todas as persoas.

4. Que sendo sabedores de que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade nace como unha plataforma democrática, plural, que comparte as premisas recollidas nos puntos anteriores e asumindo o compromiso de desenvolver accións neste sentido, amosamos a nosa unánime disposición para contribuír, na medida das nosas posibilidades, ó fortalecemento desta iniciativa, fomentando a participación na mesma do colectivo de traballadores ao servicio das Administracións locais de Galicia.

En proba de conformidade, asinamos a presente declaración, en Santiago de Compostela, a 12 de decembro de 2000.


CSI-CSIF, UGT-FSP, CCOO-FAP, CIG.

Volver ó índice

Volver ao principio


Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/12/2000