| Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade /
Datos |
||||
| Convenio de colaboración FEGAMP-Fondo Galego Acordo de colaboración entre a Federación Galega de Municipios e Provincias e o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade |
||||
|
Reunidos en Santiago de Compostela, a 6 de outubro de 2005. Dunha banda, José Crespo Iglesias, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, e doutra, Alfredo Novoa Gil, presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade,
Primeiro. Que como xa se recolleu no convenio asinado o 8 de xaneiro de 1998, a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) está interesada en contribuir, na medida das súas posibilidades, ó desenvolvemento de accións de cooperación e solidariedade internacional. Segundo. Que ambas partes constatan un aumento notable da vontade de cooperación dos Concellos e Deputacións de Galicia, como expresión institucional dunha maior conciencia e sensibilidade social respecto dos países menos favorecidos, que cómpre estimular e desenvolver. Terceiro. Que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade pretende sumar os esforzos das entidades locais da nosa Comunidade Autónoma para contribuir á erradicación da pobreza no mundo e a eliminación das desigualdades, actuando como unha axencia municipal para a cooperación internacional. Cuarto. Que a FEGAMP considera positivo e necesario complementar os esforzos que tradicionalmente veñen desenvolvendo algúns Concellos e Deputacións de Galicia vertebrando unha opción ampla, plural, participativa e democrática que posibilite a colaboración de todas as entidades locais galegas con independencia do seu tamaño e posibilidades orzamentarias.
1. A FEGAMP recomenda ós Concellos e Deputacións de Galicia a súa adhesión ó Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, para asentala como a axencia municipal para a cooperación internacional na que todos poidan participar e comprometerse. 2. A FEGAMP, na medida das súas posibilidades e tal como ven facendo dende a súa constitución, brinda ó Fondo Galego todo o seu apoio, material e técnico, apostando polo reforzamento do diálogo en temas de interese común. 3. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade informará puntualmente á FEGAMP dos seus acordos e actividades, establecendo unha liña de comunicación directa e fluída e comprometéndose a facilitar á FEGAMP o asesoramento necesario caso de serlle requirido. Igualmente, o Fondo Galego proporcionará á FEGAMP os contidos sobre cooperación e solidariedade para a súa páxina web. 4. A FEGAMP e o Fondo Galego coordinaranse para desenvolver as iniciativas de cooperación e solidariedade internacional que poidan interesar ós municipios e provincias galegas, a ambas institucións, ou a outras Administracións de ámbito autonómico, estatal, europeo ou mundial. 5. A FEGAMP e o Fondo Galego contribuirán de mutuo acordo ó fomento das políticas formativas en materia de cooperación internacional dos empregados da función pública local. 6. Igualmente, o Fondo Galego e a FEGAMP coordinarán a resposta do municipalismo galego ás situacións de emerxencia humanitaria, en colaboración coas demais Administracións públicas. 7. Por último, ambas entidades se comprometen a coordinar as posicións do municipalismo galego en materia de solidariedade internacional que deban expresarse en todo tipo de foros.
|
||||
|
Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional www.igadi.org ÚLTIMA REVISIÓN: 03/02/2006 |