Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade / ActividadesVolver a TitularesVolver a Fondo Galego
Codesenvolvemento: Unha aposta do municipalismo galego
O Porriño, 7 de outubro de 2005
 
 

  Seminario Codesenvolvemento, clic para aumentar
Seminario de Codesenvolvemento en O Porriño.
 
Consideramos de interese a celebración das Xornadas sobre Codesenvolvemento, unha aposta do municipalismo galego por varias razóns: porque queremos dar contido a este termo que relaciona as migracións e o desenvolvemento, nunha etapa de crecemento sostido de poboación inmigrada nos concellos galegos e porque nos permite analizar novos retos e oportunidades en canto ás relacións norte-sur. Estas xornadas foron un paso máis nesta dirección.

Entendemos o codesenvolvemento como un conxunto de estratexias, no contexto do incremento dos movementos migratorios a nivel mundial, tendentes a promover a interculturalidade, a integración das persoas inmigradas nas sociedades de acollida e o desenvolvemento dos seus lugares de orixe.

Dende a aparición do termo en 1997, acuñado por Samir Nair, e a celebración do Cumio de Tampere en outubro de 1999 tense debatido sobre a pertinencia dun “ novo achegamento global” (a new comprehensive approach) no que se enfatiza a necesidade de prestar atención ao contexto internacional no que se producen as migracións, deixándose de estudar única e exclusivamente dende a óptica dos países de acollida e incorporando a colaboración coas comunidades do Sur.

Polo tanto, o codesenvolvemento pon sobre a mesa con maior énfase as ideas de reciprocidade, bilateralidade e igualdade nas relacións entre o Norte e o Sur.

Eis, as migracións internacionais puideran ser unha oportunidade histórica para o desenvolvemento dos pobos do sur. Converter os fluxos migratorios en instrumentos ao servizo dunha cooperación ao desenvolvemento máis eficiente. O codesenvolvemento non é outra cousa que o conxunto de actuacións prácticas que derivan da vontade de poder artellar políticas migratorias pensadas coa finalidade primeira de cooperar ao desenvolvemento dos países de orixe.

De aí que sexa preciso afondar no grao de vontade política á hora de facer efectivos os compromisos asumidos e vertebrar unha xestión migratoria co fin de alcanzar os obxectivos de desenvolvemento dos países emisores.

Esta xornadas:

- son unha resposta aos cambios das vagas migratorias en Galicia, que pese a ser aínda país emisor de emigrantes, sobre todo da poboación máis nova, é receptor tamén de marroquís, de caboverdianos, de iberoamericanos, etc.

- mudan de enfoque, de perspectiva, e diríxense e céntranse nas demandas e no diálogo coas comunidades do Sur.

- fannos reflexionar en torno á idea da formación, da capacitación e da dotación de recursos humanos e orzamentais nos Concellos, que asumen novas competencias nun marco cada vez máis descentralizado e próximo aos veciños e veciñas.

O codesenvolvemento é unha posible liña de traballo no ámbito da cooperación por parte das entidades locais, a partir dun diálogo coas diferentes comunidades de inmigrantes presentes nos concellos galegos que nos conduza a un modelo de sociedade diferente, máis xusta, máis democrática, onde as institucións estean ao servizo dos cidadáns e cidadás. Así, a relación entre migracións e desenvolvemento e o marco local ábrense como unha dimensión máis, como un escenario para o diálogo, identificación e formulación de problemas e de definición de novas axendas.

Consideramos pertinente unha maior concienciación e diálogo sobre a necesidade de xestionar intereses compartidos entre as entidades de desenvolvemento e as de inmigración ante a existencia de diferentes enfoques: a integración dos inmigrantes na sociedade de acollida, a convivencia social e o codesenvolvemento.

Do resultado das diferentes mesas e diálogos mantidos, identificamos a adopción das seguintes medidas:

1. Apostar por modelos de codesenvolvemento centrados na cooperación en proxectos de desenvolvemento consensuados cos países emisores e cofinanciados polos países de acollida.

2. Afondamento nas versións de codesenvolvemento que non busquen como único obxectivo implícito incentivar retornos definitivos.

3. Formación dos inmigrantes e incentivación da participación en ditos procesos, incluíndo o financiamento de estancias temporais e voluntarias nos seus propios países de orixe para responsabilizarse dos proxectos de cooperación.

4. Elaboración dun listado de asociacións de emigrantes e das organizacións de desenvolvemento dos países nos que temos desenvolvido proxectos e das áreas xeográficas identificadas como prioritarias.

5. Creación de redes e alianzas e aposta pola educación baseada na solidariedade recíproca e na corresponsabilidade.

6. Formación de inmigrantes como cooperantes e mediadores transnacionais.

7. Constitución dun Laboratorio de proxectos de codesenvolvemento en Galicia impulsado polo Fondo.

8. Pertinencia de formación específica nas localidades dirixida ao persoal técnico dos concellos do Fondo Galego.

9. Promover procedementos financeiros para posibilitar as transferencias económicas dos e das inmigrantes aos seus países de orixe, así como o investimento dos seus capitais en produtos ligados ao desenvolvemento das súas zonas de procedencia.


O Porriño, 7 de outubro de 2005.

 
Volver a TitularesVolver a Fondo Galego



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 19/10/2005
Fernando Pol


Subir