| Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade / Actividades
|
| Asemblea xeral ordinaria de socios de 13 de decembro de 2002 Informe da Comisión Executiva, presentado polo presidente |
|
Estimad@s amig@s, Se convoca esta Asemblea ao abeiro do contemplado no artigo 11 dos nosos estatutos que preceptúa que debe reunirse ordinariamente como mínimo unha vez ó ano e dentro do cuarto trimestre ou primeiro do seguinte. Optamos polo primeiro, habida conta que o próximo será un ano complicado e de moitos compromisos para moitos, por mor da convocatoria electoral. Non obstante, cabe salientar que esta é a terceira Asemblea que celebramos en 2002: as anteriores tiveron lugar o 29 de xaneiro e o 26 de abril. ¿Que salientar deste noso quinto ano de andaina? Destacaría os seguintes elementos: En primeiro lugar, o incremento da nosa capacidade de xestión. En efecto, nos últimos meses puidemos constatar a multiplicación das nosas posibilidades de actuación, especialmente no ámbito do financiamento de proxectos e xestión de iniciativas propias. O carácter e contido da resolución da Convocatoria 2002 da conta dese incremento substancial da nosa capacidade de actuación, sen a penas variar o número de socios pero reforzando o compromiso dalgún deles, en especial das cidades e das deputacións, entre as que cómpre citar xa a de A Coruña. Nesa liña tamén cómpre destacar a realización do Curso de Capacitación en Cooperación ó Desenvolvemento ou a investigación sobre os irmanamentos en Galicia, a recepción a representantes de ONGs do exterior: INPRHU-Somoto, Share-Guatemala ou, noutra orde, ao responsable cubano do proxecto de Santiago. A apertura dunha conta especial para as emerxencias pretende dar satisfacción a unha preocupación expresada en numerosas entidades locais e provinciais. En segundo lugar, o reforzamento da cooperación institucional. O marco de entendemento coa Consellería de Emigración e Cooperación Exterior é moi fluído. Os convenios de sensibilización e de Santiago de Cuba e o instrumentado a través da Fegamp, pese ás dúas dificultades operativas, evidencian a boa marcha desa relación que debe afondarse. Por outra banda, a recepción que o presidente da Xunta de Galicia concedeu á Comisión Executiva o 19 de xullo contextualiza máis se cabe ise marco. No plano estatal, acollemos a xuntanza da Confederación de Fondos, en Vigo, o 27 de xuño. Por outra banda, participamos na xuntanza da Comisión Interterritorial. Non obstante, están lonxe aínda de normalizar as relacións coa AECI. En terceiro lugar, a Lei Galega de Cooperación ao Desenvolvemento. Sen dúbida vai marcar un punto de inflexión na xestión da cooperación en Galicia. Participamos no proceso de discusión, contactamos cos grupos parlamentarios e fixemos ver o noso punto de vista, globalmente favorable. Aínda a pesar das hipotecas e matices, a Lei crea un marco de participación que debe ser aproveitado para que o salto normativo se traduza nun incremento do compromiso social e institucional nesta materia. En canto aos principais desafíos, cómpre destacar: En primeiro lugar, a clarificación e a visibilidade interna, entre os socios primeiro e a sociedade en xeral. Neste senso, no Fondo deben estar quen participe desta idea non quen queira presumir de participar nela sen comprometerse no máis mínimo. As baixas que se propoñen dalgúns socios están máis que xustificadas. Houbo mil e un avisos previos e mesmo se contactaron aos responsables de política municipal de cada unha das principais forzas políticas. Urxe en todo caso, configurar a rede de funcionarios que debe servir de base para proxectar localmente as actividades do Fondo de xeito que, con un paquete significativo de proxectos xa executado, poidamos facer sensibilización propia, estimulando a cooperación coas ONGDs. Incrementar a nosa representatividade. Debemos proseguir. É un capitulo do que non nos podemos aínda sentir satisfeitos. Insistir na vertebración de propostas financiables pola AECI e comezar a formular proxectos que poidan ser asumidos pola Unión Europea. Ampliar a nosa capacidade informativa. Se ben mantemos a periodicidade do “Infórmate a Fondo” e publicamos unha revista-memoria, mesmo un CD-Rom, cómpre mellorar este aspecto para que o Fondo Galego sexa máis coñecido e recoñecido como axente indispensable da cooperación en Galicia.
|
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/07/2003
|