Dossier Exterior / nº 021-21/2006 de 26 de decembro Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior
A histórica decisión do Parlamento canadense
Unha nación para Quebec
 
 
Análise

     
   

Quebec volveu a ocupar a atención da opinión pública internacional grazas á histórica aprobación por parte do Parlamento canadense, realizada o pasado 28 de novembro, de recoñecer que “os quebequeses conforman unha nación dentro dunha Canadá unida”.

Esta votación foi produto dunha moción presentada polo Partido Progresista Conservador do actual primeiro ministro, Stephen Harper, o pasado 21 de novembro, que provocou certo estupor na clase política e na opinión pública canadense. O resultado foi unha contundente aprobación de 266 votos e 16 en contra a favor de recoñecer os dereitos nacionais dos habitantes desta provincia francófona.

A moción foi aprobada grazas ao apoio do Partido Conservador, a maioría do Partido Liberal, o separatista Bloque Quebequés (BQ) e o socialdemócrata Novo Partido Democrático (NPD). Os votos en contra foron de parte de 15 deputados liberais, entre eles o coñecido escritor Michael Ignatieff, así como o independente Garth Turner.

Non obstante, a polémica moción aprobada supón un recoñecemento “máis dende o punto de vista sociocultural que legal”, tal e como explicou o primeiro ministro Harper, evitando con isto apoiar calquera demanda separatista de Quebec co respecto á estrutura constitucional federal canadense.


Á sombra dun novo referendo

A aprobación parlamentar provocou a primeira crise política do goberno Harper, debido á dimisión do ministro de Asuntos Intergobernamentais, Michael Chong, contrario á votación aprobada. Chong era o encargado das relacións entre o goberno federal en Ottawa con Quebec e as demais provincias.

A pesares de que a súa renuncia non significou romper coas políticas conservadoras de Harper, especialmente en materia criminal, económica e medioambiental, o agora ex ministro Chong declarou que “recoñecer aos quebequeses como unha nación, aínda que sexa dentro dunha Canadá unida, supón un recoñecemento (dunha étnia nacionalista) que non podo apoiar”. Anteriormente, Chong realizara unha célebre declaración na que argumentaba: “non creo nun nacionalismo étnico”.

O importante desta votación é que, segundo a estratexia do primeiro ministro Harper, aprobar esta moción podería significar, dende a perspectiva política, contentar as demandas nacionalistas e separatistas do Bloque Quebequés e retrasar as súas presións para celebrar un novo referendo separatista, tralos dous anteriores realizados en 1980 e 1995, perdendo o BQ en ambos.

A diferenza na actual conxuntura é que o BQ considera que está capacitado para triunfar nunha nova convocatoria, que espera axilizar no 2007. As derradeiras enquisas consideran que o BQ conserva un apoio sociopolítico en Quebec superior ao 50%. Tomando en conta que no referendo de 1995, a opción nacionalista e separatista perdeu por só 54.000 votos, un 49,5% contra un 50,5% a favor do carácter federal quebequés dentro de Canadá, os nacionalistas quebequeses esperan superar estes díxitos e alcanzar o seu status independente.

Paralelamente, diversos sectores da opinión pública canadense, críticos coa xestión de Harper, consideran que a aprobación desta moción, lonxe de contentar ou afastar os desexos independentistas do BQ, máis ben podería reforzalos nas súas teses. Estes sectores tamén consideran que a renuncia de Chong coloca nunha delicada situación ao gabinete de Harper, con posibilidades de caída do goberno, e contribúe a radicalizar a situación en Quebec.

Non obstante, en principio, as reaccións da dirixencia do BQ á aprobación parlamentar foron favorables á estratexia de Harper: o BQ empregará esta simbólica modificación lexislativa e constitucional para esixir maiores poderes autonomistas para a provincia, incluíndo o seu dereito a participar nas xuntanzas internacionais oficiais de Canadá.

O líder parlamentar do BQ, Gilles Duccepe, considerou que a moción aprobada “é unha vitoria para os soberanistas” e que este recoñecemento constitúe “un avance na causa separatista” do seu partido. Sen embargo, horas despois de aprobar a citada moción, o Parlamento federal canadense rexeitou outra moción presentada polo BQ, que especificaba a Quebec como “unha nación”, sen especificar se dentro ou fora de Canadá.

Outro factor a tomar en conta ten que ver coa influencia que terá esta moción simbólica para Quebec de cara ás comunidades indíxenas e aborixes no Canadá, principalmente no relativo a posibles prexuízos de cara aos seus dereitos lingüísticos e culturais e o seu estatuto dentro do país. Constitucionalmente, as comunidades indíxenas en Canadá son cualificadas como “Primeiras Nacións” (First Nations).

O xefe da Asemblea das Primeiras Nacións (Assembly of First Nations, AFN), Phil Fontaine, declarou que espera agora que os deputados canadenses recoñezan o estatuto e os dereitos dos 1,3 millóns de indíxenas que viven no Canadá e que están representados na AFN. Nos derradeiros anos foron comúns as manifestacións e demandas indíxenas polos seus dereitos territoriais, mesmo con accións violentas.

Esta petición de Fontaine foi aceptada polo primeiro ministro da provincia da Columbia Británica, Gordon Campbell, quen aseguroulle que premerá ante Harper para recoñecer os dereitos indíxenas.

En todo caso, a proba de fogo para Harper e o BQ estarán nas eleccións provinciais en Quebec pautadas para o 2008. Na provincia francófona goberna actualmente o Partido Liberal de Quebec, polo que un eventual futuro goberno do BQ aceleraría as demandas para celebrar un terceiro referendo.


As tensións políticas

A simbólica moción aprobada no Parlamento volve a colocar o status de Quebec no tapete dentro do escenario político canadense e a manifestar os manexos e contactos políticos sobre a posibilidade de aumentar as demandas autonomistas da provincia francófona ou ben presenciar a posibilidade dunha separación territorial.

A interpretación legal da moción aprobada deixa diversas visións entre os partidos. No caso do gobernante Partido Progresista Conservador de Stephen Harper, a posición oficial se manifesta no recoñecemento nacional de Quebec pero sen cuestionar a unidade territorial do Canadá. En poucas palabras, recoñece aos “quebequeses” pero non a soberanía completa do territorio quebequés.

No bando dos soberanistas do BQ, a moción abriu unha importante xanela para anunciar que o Estado canadense recoñecía oficialmente a Quebec como nación. Neste sentido, interprétase este paso lexislativo como un camiño máis curto para facilitar a separación territorial, tomando como mecanismo o referendo que esperan aplicar a partires do 2008.

Pero a clave semella estar na posición do Partido Liberal, incluíndo a súa sección quebequesa. Tradicionalmente, os liberais defenderon unha condición centralizada do Estado canadense, aínda que mantendo certa orientación favorable cara os dereitos das provincias dentro dun marco de cooperación con Ottawa.

Esta política mantívose nos anos de goberno do Partido Liberal de Quebec entre 1985 e 1994. Pero, a partires desta data onde se celebrou o segundo e, polo de agora, último referendo en Quebec, as tensións comezaron a aumentar entre Quebec e Ottawa, cos conservadores no poder en Quebec e os independentistas aumentando o seu apoio social.

Incluso, estas tensións manifestáronse nos obstáculos dende Ottawa cara a prerrogativa quebequesa de manter unha ampla rede de representación exterior en diversos cumios internacionais, como o Cumio das Américas celebrado en Quebec no 2001 ou na petición do BQ de celebrar un referendo en Quebec para votar pola aplicación do NAFTA nesa rexión.

Pero na actualidade, a división entre os liberais a respecto ao status de Quebec é bastante manifesta. Algúns deles votaron a favor da moción no Parlamento, pero outros sectores rexeitaron a votación. Outro sector, encabezado polo intelectual Michael Ignatieff, considera que é posible satisfacer a gran parte dos nacionalistas quebequeses pero tamén, a súa vez, desactivar a carga conflitiva que trae o termo “nación”, principalmente de cara ás relacións coas comunidades anglófonas, indíxenas e alófonas que habitan en Quebec.

As negociacións políticas serán relevantes a partir de agora, tanto en Ottawa como en Quebec. A composición do Parlamento canadense observa que o Partido Liberal conta con 132 deputados, os conservadores con 99, o BQ con 54 e os socialdemócratas de Nova Democracia con 19 deputados. Nas eleccións de xaneiro pasado, a vitoria conservadora de Harper puxo fin a 12 anos de hexemonía política liberal en Ottawa.

Un novo líder dos liberais quebequeses será elixido internamente a principios de decembro, onde se manifestarán as marcadas divisións neste partido co respecto ao status de Quebec. Mentres o primeiro ministro canadense Harper pode verse obrigado a adiantar eleccións xerais no 2007, debido á crise política actual.


Un Quebec independente?

En todo caso, e principalmente tras desta moción parlamentar, na opinión pública canadense e os analistas políticos, tanto en Ottawa como en Quebec, ven como inevitable a celebración doutro referendo como mecanismo legal e constitucional para acordar o status de Quebec e a súa conflitiva relación con Ottawa.

A derradeira gran enquisa sobre a opinión pública para solicitar un referendo en Quebec, foi realizada no 2005 e amosou o marcado ascenso do Partido Quebequés, cun nivel de aceptación arredor do 48%. Trala aprobación da moción parlamentar, unha enquisa non oficial considerou este aumento a un 54%, o máis alto desde 1998. Pola súa banda, os liberais manifestan unha forte caída, tendo só a aprobación dun 18%.

Esta medición de 2005 considerou que un 49% dos quebequeses amosaron o seu apoio á celebración dun novo referendo como mecanismo legal e político para solucionar a crise do status de Quebec e a súa relación con Ottawa.

É de resaltar que outras medicións provenientes do exterior tamén axudan a reforzar as opcións independentistas. Un informe económico da OCDE considerou, no 2005, que se Quebec alcanzara eventualmente a independencia de Canadá, converteríase na 19º economía máis importante do mundo, tomando en conta o seu notable desenvolvemento económico e poboación profesionalmente cualificada.

A clave estará nas eleccións provinciais en Quebec no 2008 e as posibilidades electorais do BQ para, posteriormente, impulsar un terceiro referendo. No seu slogan segue a estar presente a famosa frase do ex presidente francés Charles De Gaulle pronunciada durante a súa visita a Quebec en 1967: “Vive le Quèbec livre!”.

     
     
Figuras clave

     
   

Stephen Harper: (47 anos) Primeiro ministro canadense tralas eleccións federais de xaneiro de 2006. Líder do Partido Progresista Conservador, Harper auspiciou a actual votación parlamentaria que recoñecía a Quebec como “unha nación dentro dunha Canadá unida”.

Gilles Duceppe: Actual líder do Bloc Quèbecoise, atópase nunha difícil situación política dentro do seu partido, con opinións encontradas sobre a súa permanencia na dirección do mesmo.

Michael Chong: (50 anos) Ministro de Asuntos Intergobernamentais, renunciou unha vez se consumara a votación no Parlamento. Opositor ao recoñecemento de Quebec como nacionalidade, foi célebre pola súa afirmación “non creo nun nacionalismo étnico”.

Michael Ignatieff: (59 anos) Prestixioso xornalista, historiador e analista internacional, Ignatieff é membro do Parlamento polo Partido Liberal. Crítico coas posicións radicais de nacionalismo étnico e lingüístico, Ignatieff manifestou as súas reservas cara o recoñecemento de Quebec como nación, que causaron gran polémica en Canadá e unha división no Partido Liberal.

Garth Turner: (57 anos) Líder independente canadense, foi elixido deputado en xaneiro de 2006 dentro do Partido Conservador, para ser expulsado meses despois, converténdose en independente. Actualmente vinculado aos ecoloxista, Turner é tamén xornalista e home de negocios. Rexeitou a moción favorable ao recoñecemento de Quebec como nación.

Phil Fontaine: (62 anos) Líder indíxena da etnia Ojibway pola provincia de Manitoba, é o actual xefe nacional da Assembly of First Nations, AFN. Trala moción que recoñecía a Quebec como nación, pola que amosaba os seus receos, iniciou unha ampla campaña política para afondar o recoñecemento dos dereitos indíxenas.

     
     
Radiografía de Canadá e Quebec

     
   

Nome oficial: Canadá é unha confederación autónoma, pertencente á Mancomunidade británica (Commonwealth). O seu nome oficial é Canadá.

A súa capital administrativa é Ottawa, sendo Toronto a cidade con maior poboación.

Pola súa banda, a capital da provincia de Quebec é a cidade de Quebec, sendo Montreal a cidade máis poboada.

Goberno: A forma de Estado canadense é federal e o tipo de goberno é dunha monarquía parlamentar, na que o seu xefe de Estado é a Raíña Isabel II do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte.

Dentro dos cargos locais, a posición de tenente-gobernadora está en mans de Michaëlle Jean, como representante directa da autoridade da Raíña Isabel II. O primeiro ministro e xefe de goberno é o conservador Stephen Harper.

O poder Lexislativo é bicameral, dividido en Cámara dos Comúns (308 membros) e o Senado (105 membros), elixidos para un período de cinco anos.

Na provincia de Quebec, o cargo de tenente-gobernador está en mans de Lise Thibault e o cargo de primeiro ministro en Jean Charest, do Partido Liberal do Quebec.

Representación exterior de Quebec: Nos derradeiros cincuenta anos, Quebec constituíuse nun dos estados federados máis activos do mundo en relacións internacionais. Desde 1965, Quebec concluíu arredor de 550 acordos internacionais, 300 deles aínda en vigor, principalmente en materia educativa, sanitaria, enerxética, cultural, ecolóxica e de telecomunicacións.

O Ministerio de Relacións Internacionais da provincia de Quebec conta con representacións en 28 países, incluíndo a existente en París con estatuto de embaixada corrente. Este ministerio conta cun total de 652 funcionarios, 278 deles no estranxeiro.

Unha delegación particular do goberno de Quebec inclúese dentro da representación canadense en organizacións como a ONU, a OMC, a UNESCO e a Organización Internacional do Traballo, OIT. Incluso Quebec participa cunha delegación no Foro Económico Mundial que se celebra anualmente en Davos (Suíza).

Cómpre subliñar que, para o ano 2003, un total de 45 axentes quebequeses recrutaban inmigrantes para obter permisos de traballo en Quebec, tendo en conta o descenso demográfico na provincia.

Poboación: Canadá ten un total de 31.900.000 habitantes. A densidade demográfica é de 3 habitantes por km2.

Segundo un censo de 2004, a rexión de Quebec tiña un total de 7.542.800 habitantes, dos cales 3.607.200 habitan na capital, Montreal. A súa densidade demográfica está en 4,90 hab/km2.

Área: A superficie total de Canadá é de 9.982.000 km2. En Quebec é de 540.673 km2. Tras de Rusia, Canadá é o segundo país máis grande do mundo en extensión territorial.

División administrativa: A provincia de Quebec posúe 17 rexións administrativas: Abitibi-Témiscamingue, Bas-Saint Laurent, Capitale-Nationale, Centre-du-Québec, Chaudière-Appalaches, Côte-Nord, Estrie, Gaspésie-Îles-de-la-Madeleine, Lanaudière, Laurentides, Laval, Mauricie, Montérégie, Montreal, Nord-du-Québec, Outaouais, Saguenay-Lac-Saint-Jean.

A nivel estatal, Canadá está dividida en 10 provincias (Alberta, Columbia Británica, Manitoba, Novo Brunswick, Terranova e Labrador, Nova Escocia, Ontario, Illa do Príncipe Eduardo, Québec e Saskatchewan) e 3 territorios (Nuvanut, Territorios do Noroeste e Yukón).

As dúas provincias máis importantes son Ontario e Quebec, que concentran o 63% da poboación. En 1999, entrou en funcións o goberno dun novo territorio, Nunavut (“A Nosa Terra” en lingua aborixe inuktitut), pertencente á etnia inuit.

Composición lingüística: Sendo o inglés a lingua estatal oficial en Canadá (falado polo 59,7% da poboación), xunto ao francés, a loita polo recoñecemento lingüístico en Quebec tras anos de dominio anglosaxón permitiu a particularidade de que o francés sexa a lingua oficial na provincia, grazas á aprobación da Lei 101 en 1976, concibida tralo triunfo electoral do Partido Quebequés nas eleccións provinciais desde ano. Incluso, nos lugares públicos en Quebec, existen inspectores lingüísticos que revisan o uso da lingua francesa.

No censo do 2001, determinouse que o francés é falado polo 81,2% da poboación en Quebec, un 22,7% da poboación total canadense. Un 10% fala unha lingua non oficial, denominada alófona (principalmente chinés, francés e alemá). Un 8% é completamente anglófono e só existe un 0,8% de bilingües.

A nivel estatal, tamén existen comunidades aborixes e indíxenas cos seus respectivos idiomas e dialectos, aínda que non totalmente recoñecidos oficialmente.

Partidos políticos: En Quebec, o escenario político está practicamente dominado por dous partidos: o Partido Liberal Quebequés (Parti Libéral du Québec), de tendencia centro-dereita, e o Partido Quebequés (Parti Québécois), nacionalista e independentista e que só ten participación política e electoral nesta provincia. Tamén existe a Acción Democrática de Quebec.

En Canadá, dentro dun ámbito federal e nacional, están o Partido Liberal, o Partido Progresista Conservador, o Novo Partido Democrático (socialdemócrata), a Alianza Canadense (conservadora) e o Bloque Quebequés, BQ, que representa ao Partido Quebequés no Parlamento canadense.

Economía: A elevada industrialización da provincia de Quebec ven completada pola abundancia de recursos naturais, nos que destacan os bosques de coníferas, os lagos, os minerais, a madeira, a auga doce, que permite unha alta produción hidroeléctrica tanto para consumo interno como para a súa venda en EEUU.

O vale de San Lorenzo é unha rexión agrícola moi fértil, que produce gando, produtos lácteos, froitas, verduras e azucre de arce, no cal Quebec é o primeiro produtor a nivel mundial.

No apartado estatal canadense, o PIB por habitante alcanza os $27.105, cunha tendencia de crecemento económico do 3,3% entre 1990 e 2003 e un desemprego estimado en 7% da poboación economicamente activa.

Canadá forma parte das oito principais potencias económicas e industrializadas do mundo, reunidas no Grupo dos Oito, así como do Tratado de Libre Comercio para América do Norte, NAFTA, xunto a EEUU e México, a OTAN, a OSCE, a Cooperación Económica de Países de Asia Pacífico, APEC, entre outros. Os seus principais socios económicos son EEUU, China, Gran Bretaña e Xapón.

Sociedade: Existe unha alta densidade de poboación urbana en Quebec, calculada para o 2004 nun 80,4%, rexistrando unha porcentaxe de inmigrantes de 12% da poboación total. A esperanza de vida en Quebec é de 81,9 anos para as mulleres e 76,3 para os homes. A alfabetización alcanza o 99% da poboación.

Existe unha recente emigración canadense a EEUU, alentados por maiores salarios, baixos impostos e oportunidades de traballo en tecnoloxía punta.

O principal compoñente étnico canadense é anglosaxón, xunto ao irlandés e francés. Tamén existen comunidades de orixe eslavo (ruso, ucraíno), xudeu, indio, asiático, africano e aborixe indíxena.

En tanto credos relixiosos, o catolicismo alcanza cerca do 40% da poboación, mentres un 32% son baptistas e un 20% anglicanos.

     
     
Revista de prensa

     
1   ¿Qué es una nación?”, editorial en El País (España), 29 de novembro de 2006.

El primer ministro (Stephen Harper) ha traducido esa posición en una fórmula que atribuye la condición de nación a “los quebequenses” (las personas y no el territorio) en el seno de una unidad canadiense no cuestionada.
 
Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/01/2007
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta