|
Nome oficial: República Bolivariana de Venezuela, instituída oficialmente trala
aprobación, vía referendo constitucional, o 15 de decembro de 1999. A designación de “Bolivariana”
corresponde ao recoñecemento da figura e ideas de Simón Bolívar, Liberador na loita independentista
nacional.
Anteriormente (xullo de 1999), un referendo popular
convocado polo recen asumido goberno de Chávez, aprobou a conformación dunha Asemblea Nacional Constituínte
que permitira a reestruturación estatal venezolana, incluíndo unha nova Constitución.
Reclamacións territoriais: Existen dous históricos conflitos limítrofes:
a rexión do Esequibo, ao oriente do país, en reclamación co goberno da República Cooperativa
da Guíana (ex colonia británica ata 1966).
No extremo noroccidental do país, dentro
do estado Zulia, existe un litixio xudicial internacional na zoa do Golfo de Venezuela, en fronteira marítima
con Colombia. En Bogotá, esta zoa coñécese como Golfo de Coquivacoa.
Poboación: 26.700.000 de habitantes (datos da ONU no 2005). A súa densidade
demográfica é de 28 hab/km2.
Área: 912.050 km2.
Goberno e estrutura do Estado: Venezuela é unha república federal e democrática,
con marcado carácter presidencialista e centralista. As funcións de xefe de Estado e de Goberno están
en mans do presidente da República.
A Constitución aprobada en 1999 ampliou
os períodos presidenciais de cinco a seis anos e a posibilidade dunha reelección.
Dentro da estrutura do Estado, a Constitución
Bolivariana instituíu unha división administrativa entre Poder Público Nacional e Poder Público:
No relativo ao Poder Público Nacional están
incluídos o Poder Executivo (Presidencia e Vicepresidencia), o Poder Lexislativo (Asemblea Nacional), o
Poder Xudicial (Tribunal Supremo de Xustiza, tribunais competentes e xulgados), o Poder Cidadán (Fiscalía
Xeral, Contraloría Xeral e Defensoría do Pobo) e o Poder Electoral (Consello Nacional Electoral,
CNE).
Dentro do Poder Público están incluídos
o Poder Municipal, o Poder Estadal e o Poder Nacional.
División administrativa: Existen 20 estados federados: Amazonas, Anzoátegui,
Aragua, Apure, Barinas, Bolívar, Carabobo, Cojedes, Falcón, Trujillo, Lara, Mérida, Táchira,
Miranda, Monagas, Portuguesa, Nova Esparta, Sucre, Yaracuy e Zulia.
Existen catro zoas federais: Distrito Capital
(zoa metropolitana de Caracas), Territorio Federal de Vargas, Territorio Federal de Delta Amacuro e as Dependencias
Federais Venezolanas.
Composición étnica, lingüística
e relixiosa: O carácter mestizo
da poboación venezolana (aproximadamente un 69%), constitúe o seu principal resgo racial e étnico,
ampliado á masiva chegada de inmigrantes entre as décadas de 1940 e 1970, principalmente europeos,
latinoamericanos e asiáticos, correspondendo co proceso de desenvolvemento nacional produto da renda petroleira.
A poboación de raza branca ocupa un 20%
mentres a de compoñente negro están un 9%. Pola súa banda, as poboacións indíxenas
e aborixes venezolanas (pemones, waraos, yanomamis, goajiros, etc), ocupan un 2% da poboación total.
O idioma oficial é o español, con
variantes locais. As linguas aborixes e indíxenas están recoñecidas na Constitución
de 1999 como linguas oficiais.
Un 96% dos venezolanos manifesta a súa
profesión da fe católica, aínda que existen amplas comunidades evanxélicas, así
como protestantes, xudeus, cristiás ortodoxos e os que profesan os ritos afro-caribeños, principalmente
na costa caribeña.
Partidos políticos: Tradicionalmente, o sistema político venezolano
estivo caracterizado pola preeminencia do multipartidismo, algúns deles de recente creación. No actual
escenario político, os seus principais partidos están balanceados segundo á súa pertenza
entre simpatizantes e opositores do presidente Chávez:
No escenario “chavista” están incluídos
o Movemento Quinta República, MVR (partido do presidente Chávez, de carácter esquerdista e
nacionalista, defensor do legado e a ideoloxía bolivariana. Posúe elementos socialistas e indixenistas);
Patria para Todos (sindicalista, centro-esquerda, escisión da Causa R); Movemento Electoral Popular, MEP
(centro-esquerda), Partido Comunista de Venezuela, PCV; PODEMOS (esquerda, escisión do Movemento ao Socialismo,
MAS).
No amplo e variado sector da oposición,
anteriormente incluídos na desaparecida “Coordinadora Democrática”, están Acción Democrática,
AD (socialdemócrata); o Comité de Organización Política Electoral Independente, COPEI
(demócrata-cristiá); Movemento ao Socialismo, MAS; A Causa Radical (sindicalista, centro-esquerda);
Proxecto Venezuela (centro-dereita, escisión de COPEI); Primeiro Xustiza (conservador e centrista, escisión
de COPEI); Converxencia (centro-dereita, escisión de COPEI); e Un Novo Tempo, UNTC (centrista, disidentes
de AD).
Existen ademais cerca de 66 partidos pequenos,
a nivel nacional e rexional, rexistrados no Consello Nacional Electoral.
Economía: A excesiva dependencia petroleira dentro da estrutura económica
venezolana se evidencia tomando en conta que Venezuela e o quinto exportador mundial e as remesas petroleiras corresponden
ao 75% dos ingresos no fisco nacional por concepto de exportacións. Considerase que na Faxa Petrolífera
do Río Orinoco (Plataforma Deltana), están as maiores reservas de hidrocarburos e gas natural do
hemisferio occidental.
O factor petroleiro practicamente altera calquera
intento por descentralizar e reformar a súa estrutura económica, especialmente cara outras áreas
produtivas como os sectores agro-industrial e de servizos.
A súa condición de país petroleiro
labrou unha estreita relación entre Venezuela e EEUU, principal consumidor no hemisferio occidental. Colombia
e Brasil son outros socios comerciais de gran importancia. De recente data é a actual relación estratéxica
con Cuba, enfocada dende imperativos enerxéticos, políticos, educativos e sanitarios.
As constantes crises económicas e financeiras
contemporáneas (devaluación do signo monetario en 1983, programa neoliberal con alto custe social
en 1989, caída do sistema bancario en 1994) e os vaivéns no prezo do petróleo (Chávez
asumiu o poder en 1999 cun barril en $7, hoxe está en $65), condicionan ao sistema económico venezolano,
confrontado coa caducidade do modelo rentista petroleiro propio dos anos setenta, a caída na calidade de
vida da súa poboación e a necesidade dunha profonda reforma económica.
A pesares do alto custe orzamental do goberno
de Chávez en programas de ampla asistencia sanitaria e educativa (mellor coñecidas como “as Misións”),
que apuntalan a súa popularidade nos sectores mais desfavorecidos, Venezuela segue a presentar crónicos
problemas estruturais: diversas medicións estatísticas consideran que un 43% da poboación
aínda vive baixo o espectro da pobreza, a pesares de que as cifras oficiais ofrecen unha redución
ao 32,5%; o desemprego alcanza un 10,6%, paralelo ao crecemento dunha economía informal dentro da poboación
economicamente activa, que estatisticamente corresponde ao 30% das familias venezolanas.
Paralelamente, e salvo nos sectores petroleiro,
gasífero e mineiro (bauxita, aceiro), o país ven experimentando unha caída nos niveis de investimentos
exteriores, así como de competitividade internacional. Non obstante, o aumento nos prezos do petróleo
e a recuperación da política da OPEP durante o goberno de Chávez, propiciará que a
economía venezolana medre un 15% no 2006, o índice mais elevado a nivel de América Latina,
tras rexistrar niveis de crecemento do 9% nos dous derradeiros anos.
En termos económicos, o PIB per capita
en Venezuela está calculado sobre os $4.810 (segundo recentes datos do Banco Mundial no 2006), mentres a
medición estatística do crecemento económico entre 1990 e 2003 foi pírrica, dun 0,5%.
A taxa de inflación no 2005 foi de 23,7%.
Sociedade: En termos xerais, Venezuela é unha sociedade maioritariamente xoven, con
aproximadamente un 55% da poboación entre 15 e 55 anos e un 32,2% ten menos de 15 anos.
Socialmente, o país posúe unha tradición
igualitaria, a pesares de que as diferenzas socioeconómicas derivadas da renda petroleira permitiron a manifestación
dunha elevada exclusión social cara os sectores mais desfavorecidos e pobres, elemento primordial para entender
a asunción de Chávez.
Non obstante, a confrontación política
dos derradeiros anos define a unha sociedade con preocupantes síntomas de polarización sociopolítica
entre partidarios e detractores do presidente Chávez, co cal dificultan a concreción e o consenso
dun proxecto de unidade nacional.
As recentes crises políticas (“Caracazo”
de 1989; intentos de golpe de Estado en 1992; polarización sociopolítica desde 1999) e económicas
anteriormente descritas, así como os elevados niveis de delincuencia e inseguridade persoais (desde 1998
morreron en Venezuela mais de 45.000 persoas por sucesos de violencia social), tamén propiciaron un aumento
da emigración desde 1990, un fenómeno inusual para un país tradicionalmente receptor de inmigración.
EEUU e Europa son os principais destinos da emigración venezolana, especialmente focalizados nos sectores
de clase media.
Un 93,4% dos venezolanos están alfabetizados
(os programas de alfabetización constitúen un dos piares do goberno de Chávez). O marcado
éxodo rural, principalmente desde a década dos cincuenta, permite cifrar a poboación urbana
venezolana nun impresionante 88%. As expectativas de vida son de 70 anos para os homes e 76 para as mulleres (datos
da ONU, 2005).
|