Dossier Exterior / nº 019-19/2006 de 27 de novembro Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior
Independencia e tensións entre albaneses e serbios
Un estatuto final para Kosovo
 
 
Análise

     
   

O referendo constitucional celebrado en Serbia o pasado 28-29 de outubro confirmou, cun 52,3% de aprobación, a “inviolable soberanía serbia” sobre a rexión de Kosovo, considerándoa parte integral do Estado serbio aínda que recoñecendo a súa autonomía. A participación electoral global cifrouse en 53,5%.

Este referendo foi especialmente significativo nas zoas de Kosovo onde habitan os serbios, principalmente no norte da provincia. Nestas rexións, o índice de aprobación á nova Constitución serbia alcanzou o 89,7%, con díxitos de participación de 81,6%. Non obstante, na rexión serbia setentrional de Vojvodina (cunha importante minoría húngara), a aprobación ao texto constitucional foi do 43% e na Serbia central (incluída Belgrado), apenas superou o 50%.

O goberno serbio había fixado o electorado en 6.639.385 persoas, incluíndo aos serbios que habitan nas rexións kosovares con maioría albanesa. Pero os medios occidentais acusaron a Belgrado de impedir a votación dos albaneses de Kosovo que, seguramente, votarían polo rexeite do proxecto constitucional e cuxa participación electoral foi moi baixa. Do mesmo xeito, os albano-kosovares acusaron ao goberno serbio de falsificar as cifras sobre a participación electoral que, segundo eles, non superou o 50%.

Esta elección ocorre dentro dunha conxuntura delicada, remarcada polos retrasos na promulgación dun estatuto final para Kosovo (e a súa eventual independencia) e as tensas negociacións de admisión serbia na Unión Europea, que poden verse entorpecidas a consecuencia deste referendo.

En Bruxelas e Washington, así como por parte dos líderes albano-kosovares, rexeitaron o resultado do referendo constitucional serbio, considerando que complicaba as súas respectivas relacións con Belgrado e a resolución do estatuto final para Kosovo.

Un día despois do referendo, o primeiro ministro serbio, Vojislav Kostuniça, ameazou con “serias consecuencias” cara os países que non recoñezan este resultado electoral e que acepten un estatuto de independencia para Kosovo.

Simultaneamente, o goberno kosovar iniciaba unha ampla campaña diplomática internacional para obter o recoñecemento externo á súa eventual independencia, nunha estratexia similar á utilizada meses atrás por Montenegro, ata a súa posterior separación da federación con Serbia.

Neste sentido, o primeiro ministro kosovar Agim Ceku, visitou Montenegro, feito que foi interpretado por Belgrado como un recoñecemento lexítimo do goberno montenegrino á independencia de Kosovo. O líder nacionalista radical serbio, Tomislav Nikolic, ameazou con consecuencias e a ruptura de relacións con Montenegro.


Os riscos do retraso

Dende Belgrado acusaron ao mediador da ONU en Kosovo, o finlandés Martti Ahtisaari, de fracasar no seu cometido de concretar unha política de convivencia entre a minoría serbia e os albano-kosovars independentistas. Esta acusación pode reflectir o descontento serbio ante os intereses europeos de potenciar un eventual Kosovo independente, illando deste xeito política e territorialmente a Serbia.

Ahtisaari esperaba concretar o estatuto definitivo para Kosovo a finais de 2006, pero anunciou o pasado 10 de novembro que o seu reporte non será presentado ata finais de xaneiro de 2007, á espera dos resultados das eleccións presidenciais e lexislativas serbias, previstas para o día 21 de xaneiro.

Todo este panorama semella anunciar que os mecanismos para a resolución do estatuto final para Kosovo ameazan con provocar, nos próximos meses, unha crise política na rexión balcánica que obrigará á UE e á OTAN a concentrar a súa atención neste delicado mosaico étnico e relixioso.

Mesmo témese unha renovación na explosión da violencia interétnica entre albano-kosovares e serbios, tal e como acontecera en marzo de 2004. O presumible retraso ata o primeiro trimestre de 2007 na adopción dun estatuto final moi probablemente provocará frustración entre os albano-kosovares, potenciando aos elementos independentistas máis radicais como o Partido Democrático de Kosovo, PDK, herdeiro do Exército de Liberación de Kosovo, UCK.


Un estatuto envelenado

Os mecanismos de resolución do estatuto final para Kosovo e os seus constantes retrasos involucran a Serbia, o goberno interno de Kosovo, a Unión Europea, a ONU e o “Grupo de Contacto” conformado por EEUU, Rusia, Alemaña, Francia, Italia e Gran Bretaña. Estas negociacións para un estatuto final comezaran en Viena o pasado 20 de febreiro.

A estrutura de negociación para o futuro estatuto de Kosovo comprende catro aspectos fundamentais: a descentralización política e administrativa; os dereitos das comunidades; a protección da Igrexa Ortodoxa Serbia e os seus sition relixiosos en Kosovo; e a avaliación das demandas sobre os dereitos de propiedade das comunidades serbia e albano-kosovar.

Os escasos avances en concretar acordos neste puntos propiciaron un retraso nos prazos, agrandados diante da celebración do referendo constitucional serbio a finais de outubro. O fracaso de Ahttisaari e o referendo serbio permitiron a Belgrado, co apoio ruso, levar adiante unha táctica política dirixida a amosar internacionalmente o fracaso da UE e a ONU para atopar unha solución conveniente sobre o estatuto kosovar.

O plano final que debía presentar Ahttisaari estaba temporalmente sinalado para finais de 2006, pero os constantes retrasos obrigarán á súa presentación final formal, probablemente, para marzo de 2007. En principio, estaba pautado un modelo similar ao adoptado para Bosnia-Hercegovina en 1995, tralos acordos de paz de Dayton.

Pero a resolución que debería tomarse en marzo de 2007 pode non constituír unha garantía da completa independencia de Kosovo. É probable que esta resolución aceptada pola ONU estipule que o goberno de Kosovo non teña autoridade nalgunhas das rexións serbias do norte, a fin de non provocar friccións coa veciña Serbia.

As posicións dos principais actores sobre o estatuto de Kosovo poden resumirse do seguinte xeito:

a) Unión Europea e EEUU: favorecen oficialmente a independencia estatal formal de Kosovo, aínda que no caso europeo non todos os estados membros da UE están a favor dunha independencia total.

Neste sentido, o goberno español declarou ante a UE a súa oposición a que o enviado da ONU, Ahtisaari, propoña que “a provincia serbia de Kosovo teña o dereito de autodeterminación ou unha independencia ilimitada” por considerar prexudicial un novo caso de separatismo nos Balcáns. O secretario de Estado español ante a UE, Alberto Navarro, declarou que non existe na Constitución serbia recentemente aprobada “unha base xurídica” para prever a separación de Kosovo.

Pola súa banda, o goberno francés, tradicionalmente pro-serbio, amosa actualmente unha política non tan condescendente co goberno de Kostunica. Gran Bretaña e Alemaña adoptan unha posición mais acorde coas demandas separatistas kosovares e o plan de Ahtisaari.

b) Albania, Montenegro, Croacia, Eslovenia e a Federación Croata-Musulmán de Bosnia-Hercegovina: favorecen a independencia de Kosovo, principalmente por existir similitudes entre os albaneses, montenegrinos, croatas e bosnios-musulmáns na estratexia de evitar o reforzamento do Estado serbio.

c) República Serbia de Bosnia-Hercegovina: Ente gobernamental pertencente á Federación de Bosnia-Hercegovina, considera o estatuto de Kosovo como unha posible xustificación para premer a Occidente polos seus intereses autonomistas dentro da Federación de Bosnia-Hercegovina, pero achegando a súa posición a Belgrado.

d) Serbia, Rusia e Grecia: Contrarios á independencia de Kosovo e o estatuto que intenta impulsar Ahtisaari, principalmente por existir factores de alianza histórica e cultural entre estes tres países, algo que foi patente nas guerras balcánicas da década dos noventa, co apoio ruso e grego a Slobodan Milosevic.

Tomando en conta que o estatuto semella un fait accompli apoiado dende o exterior, o goberno serbio avoga por unha partición de Kosovo entre un Estado albano-kosovar e unha entidade serbia ao norte, ligada a Belgrado.

Pola súa banda, nos derradeiros meses, a posición rusa amosou sinais de certa incerteza pero demostrando que a súa votación corresponde un factor clave na resolución do conflito. En Moscova poden estar calculando unha sorprendente variante: aceptar a independencia de Kosovo a cambio da non interferencia occidental nos seus intereses no Cáucaso, principalmente a respecto dás minorías rusas en Xeorxia e Moldavia.

e) Macedonia: Mantén unha política prudente en torno ao estatuto kosovar. Non rexeita completamente a súa independencia pero prefire defender unha postura autonomista, tendo en conta a presenza dunha ampla comunidade albanesa neste país. A moderación macedonia explícase pola existencia de reclamacións territoriais cara Serbia e Bulgaria e a necesidade de manter unha política saudable de convivencia cos seus veciños.

f) Liga Árabe e países musulmáns: As simpatías do mundo islámico cara os seus “irmáns” kosovares, sensibilizados tralas matanzas de bosnios e albano-kosovares por parte das milicias serbias nas guerras balcánicas dos noventa, explica o práctico consenso cara a aceptación dun Kosovo independente.

g) China: Outro actor de importancia, a nivel de votación final no Consello de Seguridade da ONU. Beijing aceptou “moderadamente” unha posible aprobación do estatuto de independencia de Kosovo sen que isto implique unha referencia internacional noutros ámbitos territoriais, probablemente tomando en conta a situación das minorías nacionais no país asiático.


O asunto das minorías e das municipalidades

Dentro do estatuto final de Kosovo, un asunto que motiva a unha constante fricción o constitúen as relacións entre as diversas minorías, principalmente no relativo ao reparto das municipalidades e a convivencia das comunidades étnico-relixiosas alí presentes.

Se o estatuto garante a completa independencia de Kosovo, podería existir unha demanda secesionista dentro do novo Estado, representada na comunidade serbia que habita ao norte de Kosovo. En novembro de 2005, creouse un “Comité Consultivo para as Minorías”, un corpo que ha amosado ter escaso poder decisorio dentro do goberno local kosovar.

Na conferencia de Viena, a comunidade internacional obviou varias das demandas das minorías étnicas e relixiosas, concentrando excesivamente a súa atención na resolución das diferenzas entre os albano-kosovares e os serbios. Neste sentido, non existe un marco de resolución convincente sobre a convivencia e o respecto dos dereitos para comunidades étnicas e nacionais como os goranis, os arrumenos, os ashkalios, os montenegrinos, os turcos e os croatas.

A cima da crise estopou o pasado 8 de agosto en Viena: os debates concentráronse no status dos serbios no futuro de Kosovo, onde a representación serbia boicoteou varias resolucións aducindo que non se considerarán unha “minoría dentro da súa propia terra”. Un representante serbio declarou que nunca aceptarán uns resultados que lexitiman “unha limpeza étnica que comezou despois da guerra de 1999” e que “permitiron que o 60% dos serbios foran expulsados de Kosovo”.

Outro aspecto de suma importancia ten que ver coa descentralización administrativa e o asunto do autogoberno nas municipalidades de Kosovo, tema clave na resolución do asunto das minorías.

Na negociación de Viena, Ahtisaari propuxo unha fórmula denominada “5+1”, dividindo a provincia en cinco grandes municipalidades: Gracaniça, Mitrovica-norte, Ranillug, Partesh, Klokot e unha ampliación da cidade de Novo Brdo: Ademais, acordou crear novas municipalidades con ao menos 5.000 habitantes.

O problema é que Ahtisaari non se pronunciou sobre as demandas de autoxestión dos serbios kosovares do norte, enfocando o seu plan na homoxeneización étnica. Velaí que as tensións entre os serbios e os albano-kosovares están focalizándose en áreas máis grandes como Obilic, Gracaniça, Mitroviça e Prístina, onde a división étnica urbana é máis visible.

Belgrado, a traveso dos serbios kosovares e o influínte Consello Nacional Serbio, aspira establecer municipalidades nas zonas de Kosovo onde os serbios son maioría e tomar o control dos sistemas xudicial, policial, educativo e sanitario. Mesma aspiración existe de parte albano-kosovar nas localidades onde son maioría. Pero o conflito aumenta diante da radicalización dos serbios do norte, auspiciada por Belgrado, na medida en que os albaneses contan co tácito apoio occidental.

As críticas a este sistema de facto estipúlanse na posibilidade de que estean formándose un sistema de segregación das minorías dentro de municipalidades mono-étnicas. Nas rexións do norte de Kosovo, especialmente nas municipalidades de Zvecan, Zubin Potok e Leposavic, así como na dividida Mitroviça, os serbios posúen pouco respecto pola autoridade da comunidade internacional nin do goberno local kosovar, polo que se espera o seu rexeite á súa integración no estatuto.

Estas tensións interétnicas poden explicar algúns dos crimes cometidos a mediados de ano nalgunhas destas localidades do norte, o cal aumenta a sensación da posibilidade dunha explosión da violencia na medida en que ase afonda o retraso na adopción do estatuto.

Outros aspectos aínda sen resolver e que poden contribuír a potenciar o conflito está no recoñecemento da débeda kosovar, o pago das propiedades confiscadas, a creación dun Exército Kosovar e a desmilitarización dos grupos paramilitares.

Neste derradeiro apartado, a misión da ONU espera conformar un pequeno exército multiétnico de 2.000-3.000 efectivos, lixeiramente equipado e tutelado pola OTAN, con capacidade operativa para o 2011-2012. Pero este consenso non está presente nos intereses e os temores mutuos entre serbios e albano-kosovares.


O impacto xeopolítico dun Kosovo independente

Un Kosovo independente confirmaría a fragmentación territorial definitiva da ex Iugoslavia en todas as súas versións históricas: monárquica entre 1929 e 1945; socialista entre 1945 e 1991; e republicana unitaria con Serbia e Montenegro entre 1991 e 2003.

Desde a desaparición formal de Iugoslavia no 2003, a entidade sucesoria foi a “Unión de Repúblicas de Serbia e Montenegro”, que posteriormente foi dividida oficialmente en dous Estados en xullo de 2006, tralo referendo secesionista en Montenegro.

A pesares de constituír un ente estatal de facto desde 1999, Kosovo formaba parte desta última entidade político-territorial, sempre baixo a soberanía constitucional serbia aínda que conservando un status autónomo, reflectido na Constitución da República Socialista de Iugoslavia de 1974.

Sendo Kosovo un elemento vital na mitoloxía histórica, cultural e relixiosa de Serbia, a súa independencia formal probablemente provocaría un ascenso político dos movementos nacionalistas máis extremistas, como o Partido Radical Serbio, segunda forza política tralas eleccións municipais de marzo pasado.

En Serbia, esta sensación de illamento e frustración co exterior pode tamén prexudicar os esforzos dos partidos e movementos proeuropeístas, atenazados ante unha perda territorial tan sensible como Kosovo. Serbia celebrará en xaneiro de 2007 eleccións presidenciais e lexislativas, co estatuto de Kosovo e as negociacións con Bruxelas como temas clave na campaña electoral.

Paralelamente, habería que coñecer qué países recoñecerían ao novo Estado kosovar. Seguramente, estes países serían Croacia, Eslovenia e Montenegro, así como varios países musulmáns, a UE e EEUU. Pero outros actores de peso como Rusia e Grecia, tradicionais aliados serbios, probablemente estarían receosos de recoñecer ao novo Estado kosovar.

Con Kosovo independente, o mapa balcánico conformaría un mosaico de entidades nacionais moi similar á Europa balcánica de comezos do século XX: Serbia, Croacia, Montenegro, Bosnia-Hercegovina, Macedonia, Eslovenia e Kosovo. Consecuentemente, Kosovo comezaría a concretar os mecanismos diplomáticos para constituírse no 193º país membro das Nacións Unidas.

Con este panorama, a estabilidade balcánica dependería principalmente da achega militar, a traveso da OTAN e a ONU, e da viabilidade dun marco de convivencia rexional que permita garantir os dereitos das minorías nacionais, étnicas, culturais e relixiosas. Velaí que o estatuto de Kosovo encerra en si mesmo todas as claves do delicado mosaico balcánico.


A ambigüidade occidental

Outro factor constitúe o feito de que a opción independentista de Kosovo conta co apoio occidental, principalmente da UE e EEUU, pero pode provocar tamén unha situación complexa e contraditoria, tomando en conta outras realidades similares noutras rexións xeográficas.

Isto afondaría unha sensación contraditoria e ambigua por parte de Occidente no tratamento de determinados casos de secesión territorial, probablemente motivado por imperativos xeopolíticos.

Neste sentido, o goberno da República Serbia de Bosnia Hercegovina, entidade formal da Federación de Bosnia Hercegovina, declarou ter os mesmos dereitos lexítimos de independencia que, por exemplo, Montenegro e Kosovo.

Outros casos de separación territorial como Osetia do Sur e Abxazia, ambas en Xeorxia, e Transnietria en Moldavia, poden tamén aducir este mesmo dereito, a pesares de non contar co frontal apoio occidental que si tivo Montenegro en xullo pasado e ten agora Kosovo. Esta ambigüidade occidental pode provocar futuras crises política con países como Rusia, Xeorxia e Moldavia.

O recente referendo en Osetia do Sur celebrado o 12 de novembro, non recoñecido en Europa occidental, pero si por Rusia, aprobou a súa separación da pro-occidental Xeorxia, complicando o panorama xeopolítico na rexión do Cáucaso sur, onde aínda está sen resolver o problema checheno e doutras minorías étnicas e relixiosas.

Incluso, este escenario caucásico podería ser aproveitado por Moscova para aplicar unha nova estratexia con Europa occidental: recoñecendo a independencia de Kosovo, Rusia esperaría obter o mesmo tratamento ao seu favor por parte de Occidente en escenarios como Osetia do Sur, Abxazia e Chechenia.

Tanto para Rusia como para Europa occidental, o Cáucaso reviste dunha vital importancia xeopolítica, principalmente enerxética, que non posúen os Balcáns. As secesións de Osetia do Sur e Abxazia debilitarían a un aliado occidental como Xeorxia e complicaría a distribución da rede de oleodutos e gasodutos que as compañías occidentais esperan distribuír dende o mar Caspio ata Occidente, favorecendo con isto os intereses das compañías rusas.

     
     
Figuras clave

     
   

Martti Ahtisaari: (61 anos) Mediador da ONU para o estatuto de Kosovo desde outubro de 2005, a súa labor foi duramente criticada por Serbia, acusado de favorecer a independencia de Kosovo e de potenciar os intereses da UE e EEUU nos Balcáns.

Vojislav Kostunica: (62 anos) Primeiro ministro serbio desde marzo de 2004, a principal figura da oposición que provocou a caída do ex presidente Slobodan Milosevic no 2000. Considerado un nacionalista moderado e unha das personalidades mais controvertidas nos Balcáns, defende acerrimamente o carácter integral de Kosovo dentro do Estado serbio.

Fatmir Sejdiu: (55 anos) Presidente de Kosovo desde febreiro de 2006, en substitución de Ibrahim Rugova, histórico líder independentista kosovar, falecido en xaneiro pasado. Un dos propulsores do proceso independentista para Kosovo.

Tomislav Nikolic: (54 anos) Líder do ultranacionalista Partido Radical Serbio, segunda forza política no seu país. Foi vicepresidente de Serbia en 1998. Oponse radicalmente á separación de Kosovo.

Vojislav Seselj: (52 anos) Presidente do Partido Radical Serbio, considerado un aliado do ex presidente Milosevic, está incluído entre os criminais de guerra polo Tribunal da Haia para os Crimes na Ex Iugoslavia. Foi vicepresidente da república de Serbia entre 1998 e 2000.

Boris Tadic: (48 anos) Presidente de Serbia desde xuño de 2004, avoga por unha política proeuropeísta, de economía de mercado e afastada de varios postulados nacionalistas que, segundo considera, “contribuíron ao illamento internacional de Serbia”.

Hashim Thaci: (38 anos) Líder do Exército de Liberación de Kosovo, UCK polas súas siglas en albanés, grupo paramilitar relevante na guerra de 1999 contra as tropas federais serbias. Actualmente é líder do opositor Partido Democrático de Kosovo. PDK, e membro kosovar do grupo de negociación do estatuto final. Pola súa labor na loita independentista, posúe unha grande influencia política e social en Kosovo.

Agim Ceku: (46 anos) Primeiro ministro kosovar desde marzo de 2006 e membro do equipo de negociación do futuro estatuto. Orixinalmente independentista, nos derradeiros meses moderou a unha posición de mais tolerancia cara a minoría serbia.

Torbjorn Sohlstrom: (32 anos) Diplomático sueco que dirixe o “Equipo de Planificación da Oficina Civil Internacional” (ICO), composto por dez funcionarios (nove da UE e un dos EEUU), encargado de relevar as funcións da misión da ONU e a MINUK en Kosovo.

Joachim Rücker: Representante especial do secretario xeral da ONU en Kosovo, instituíu no 2001 o sistema da Provisional Institution of Self Governemnt, PISG, o Institución Provisional para o Auto Goberno, que representa ao goberno local ou Asemblea de Kosovo.

     
     
Radiografía de Kosovo

     
   

Nome oficial: Provincia autónoma de Kosovo, pertencente á República de Serbia. Josova en albanés e Kosova i Metohija en serbio. A capital é Prístina.

O recente referendo constitucional en Serbia ratificou a “inviolabilidade” da soberanía serbia sobre Kosovo, aínda que recoñeceu a súa autonomía.

Desde xuño de 1999, tralo fin da guerra, Kosovo está baixo administración da Misión Interina de Nacións Unidas en Kosovo, MINUK (resolución 1.244), unha especie de protectorado que conta coa colaboración da Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa, OSCE, a Unión Europea e a OTAN. O organismo militar conxunto da OTAN e a ONU é a KFOR.

Non obstante, a MINUK non puido impoñer totalmente un goberno local en Kosovo, a traveso da Institución Provisional de Auto Goberno (Provisional Institution of Self Government, PISG), nin unha efectiva política de integración entre as comunidades.

Poboación: 1.900.000 persoas. Antes da guerra de 1999 habitaban en Kosovo unha dous millóns de persoas, pero as constantes “limpezas étnicas”, principalmente entre albaneses e serbios, afectaron a estrutura demográfica.

Área: 10.887 km2.

División administrativa: Con seu carácter de provincia autónoma, Kosovo posúe un sistema de subdivisións administrativas, coñecidas como opstinas (condados), polo xeral nomeadas en torno ás cidades. As principais son Prístina, Metohija, Mitroviça, Prizren, Pec e Graçanica. Esta división é herdeira do sistema federal da ex Iugoslavia e non reflicte necesariamente ás subdivisións posteriores realizadas polo goberno paralelo albanés.

Composición étnica, lingüística e relixiosa: O mosaico étnico kosovar amosa un 90% de poboación albanesa (1.230.000 persoas); aproximadamente un 6% de serbios (entre 100.000 e 130.000, aínda que outras fontes aumentan esta cifra a 200.000), un 1,9% de bosnios (35.000) e goranis (musulmáns que falan unha lingua emparentada co serbio e o macedonio); un 1,7% de ciganos da etnia roma, así como ashkalios (de orixe exipcio), arrumenos (de orixe macedonio-romanés) e montenegrinos; un 1% de turcos (19.000) e un 0,2% de croatas.

O albanés é a lingua máis falada, xunto ao serbio. Tamén existen variantes do turco e macedonio.

O 80% dos kosovares profesan a relixión musulmán sunnita, aínda que o carácter secular estatal garante a separación entre os asuntos civís e relixiosos. As comunidades serbia e montenegrina profesan a relixión cristiá ortodoxa de rito greco-serbio mentres os católicos están localizados na comunidade croata.

Partidos Políticos:

a) En Kosovo: Están a Liga Democrática de Kosovo, o Partido Democrático de Kosovo, a Alianza polo Futuro de Kosovo, a Alianza de Cidadáns de Kosovo, o Partido Parlamentario de Kosovo, o Movemento Nacional de Liberación de Kosovo, o Movemento do Pobo de Kosovo, o Partido de Unificación Albanés, a Unión Albanesa de Demócratas Cristiáns, o Partido Albanés Cristián Demócrata de Kosovo, o Partido da Acción Democrática, o Partido Centro Liberal de Kosovo, o Partido Bosnio de Acción Democrática de Kosovo, o Partido Democrático Nacional Albanés, o Partido Republicano de Kosovo, o Partido Democrático de Reformistas Musulmáns e o Partido Democrático dos Ashkali Albaneses de Kosovo.

b) En Serbia: Están a Coalición Democrática de Oposición de Serbia, o Movemento de Renovación de Serbia, o Partido Radical Serbio (escisión do anterior), a Alianza Cívica de Serbia, o Partido Democrático, a Unión Social Democrática, a Liga de Socialistas Democráticos de Vojvodina (provincia autónoma serbia); a Coalición Vojvodina, a Nova Democracia, o Movemento para a Serbia Democrática, o Partido Socialista Serbio, a Unión de Húngaros de Vojvodina e o Partido da Esquerda de Iugoslavia.

Economía: Probablemente a rexión máis pobre da ex Iugoslavia e dos Balcáns, a economía de Kosovo é principalmente rural. A pesares de vixilancia internacional, o poder dos grupos mafiosos de contrabando de drogas, armas e tráfico humano, están dominando practicamente todos os resortes da economía kosovar.

A MINUK declarou o Euro como moeda oficial, aínda que o Dinar serbio segue a circular como moeda oficial, principalmente dentro das comunidades serbias ao norte da provincia. Tamén utilízase o Franco suízo e o Dólar como moedas correntes.

Sociedade: Existe unha ampla diáspora kosovar diseminada nos Balcáns, principalmente en Albania, Grecia, Macedonia, Serbia, Montenegro e Federación Croato-Musulmán de Bosnia-Hercegovina. Tamén están noutros países occidentais como Austria, Suíza, Francia, Alemaña, Italia e EEUU.

As matanzas de poboación e a dura reconstrución da guerra de 1999 exercen un gran impacto social dentro de Kosovo, aínda que o factor social mais notorio é a ríxida estratificación en clans de orixe familiar e a activa presenza de grupos mafiosos, que vertebran unha economía de contrabando, principalmente de drogas, armas e tráfico humano (prostitución), como corredor territorial dende Turquía, Oriente Medio e Asia Central cara Europa occidental.

     
     
Revista de prensa

     
1   Kosovo status: delay is risky”, por International Crisis Group (Bélxica), 10 de novembro de 2006.

The longer the Kosovo Albanians are forced to wait, the greater the chance they will discredit themselves with unilateral independence moves or riots. The pendulum of international support and sympathy would then swing away from the, as after the March 2004 riots. That would virtually finish prospects for retaining the Serbs of the north in a multi-ethnic Kosovo and see many leave the south.
     
2   Kosovo vs South Ossetia”, por Jen Alic, en International Relations and Security Network (Suíza), 15 de novembro de 2006.

The international community is vague about why Kosovo and South Ossetia cannot be compared, and the answers lie in geopolitics rather than principles of self-determination and international law.
     
3   Statut de Kosovo: on verra ça l'an prochain...”, por Jeta Xharra e Krenar Gashi en Le Courrier des Balkans (Francia), 13 de novembro de 2006.

Les dirigeants politiques du Kosovo répugnent à voir un lien quelconque entre la question de leur statut et les mouvements d'autres régions comme l'Abkhazie en Géorgie, ou la Transnistrie en Moldavie. Pour eux, le cas du Kosovo est “sui generis” et ne peut pas servir de précédent pour d'autres conflits.
     
4   A province prepares to depart”, en The Economist (Gran Bretaña), 2 de novembro de 2006.

Despite its last minute manoeuvring, Serbia now seems certain to lose Kosovo.
     
5   Kosovo: c'est aux Albanais de tendre la main aux Serbes”, por Augustin Palokaj, en Koha Ditore (Albania), 6 de novembro de 2006.

Les Serbes du Kosovo ont besoin d'une grande aide. Ils n'ont pas besoin de projets ni de caméras de télévision. Plus que de l'aide de Belgrade ou de Bruxelles, ils ong aujourd'hui besoin de l'aide de leurs concitoyens albanais.
 
Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/11/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta