Dossier Exterior / nº 018-18/2006 de 13 de novembro Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior
Un novo sandinismo no poder
Nicaragua: O retorno de Daniel Ortega
 
 
Análise

     
   

Tras 16 anos na oposición, a Fronte Sandinista de Liberación Nacional, FSLN, liderada por Daniel Ortega, regresou ao poder en Nicaragua pola vía electoral. Para o martes 7 de novembro, cun 62% dos votos escrutados, Daniel Ortega alcanzaba o 38,59% dos votos, seguido do seu principal rival Eduardo Montealegre, da coalición Alianza Liberal Nicaragüense-Partido Conservador (ALN-PC), cun 30,94% dos votos.

Outros candidatos foron José Rizo, do Partido Liberal Constitucionalista (PLC), cun 22,93% e, cun 7,6% dos votos, Edmundo Jarquín Calderón, un disidente do FSLN. Edén Pastora, ex comandante guerrilleiro sandinista, posteriormente involucrado na CIA contra o sandinismo na década dos oitenta e, actualmente, líder da Alternativa polo Cambio (AC), apenas superou o 0,6%.

A lei electoral nicaraguana establece que, para proclamarse Presidente de la República na primeira volta, o candidato vencedor necesitaba alcanzar o 40% dos votos, ou ben o 35% pero cunha vantaxe de cinco puntos porcentuais sobre o seu inmediato seguidor.

Con estes parámetros, Ortega cumpría ambos requisitos electorais, polo que a tendencia a medida que aumentaba o escrutinio ratificaba ao sandinismo como a nova forza gobernamental e a Daniel Ortega nunha nova etapa política no goberno, tras ser presidente entre 1984 e 1990.


Un “renovado” Ortega

Con 61 anos, tres derrotas electorais nas súas costas e unha serie de acusacións sobre a súas ética na vida civil, pouco queda da bagaxe ideolóxica do “revolucionario” Daniel Ortega, aquel que contribuíu á caída da ditadura de Anastacio Somoza en 1979 e o triunfo da revolución baseada nos ideais de Augusto César Sandino e o marxismo revolucionario.

Sen esquecer o seu discurso populista e sen esquecer no seu programa as vellas demandas como o reparto de terras e a loita contra a desigualdade socioeconómica, o Ortega da era post-sandinista amosou un marcado nivel de pragmatismo político, involucrándose en pactos políticos cos gobernos conservadores e liberais e un conveniente acercamento cara súa secular rival Igrexa Católica. Paseniñamente algúns dos seus correlixionarios da revolución foron desviando os seus ideais, para centrarse no enriquecemento persoal ou dos seus contornos familiares. Froito destas e doutras contradicións foron aparecendo liñas disidentes nas filas do sandinismo.

Neste sentido, esta variante pragmática do “novo Ortega” foi unha das pezas claves na configuración política da Nicaragua post-sandinista a partires de 1996, afastándose de moitos dos postulados revolucionarios iniciais. Dentro das estruturas internas do FSLN, a súa figura política permitiu o reforzamento da súa imaxe “caudillista”, cunha autoridade non discutida e cunha marcada inflexibilidade cara a disidencia.

A tal punto foi evidente esta obrigada “conversión ideolóxica” que o sandinismo de Ortega votou en contra da lei do aborto, fixando a súa posición xunto á cúpula católica nicaragüense. Na campaña electoral, o propio Ortega enfocaba gran parte do seu discurso en referencias relixiosas cara Deus, o perdón, a reconciliación e o pacifismo.

Este xogo de reconciliación, pragmatismo e conveniencia política de Ortega posibilitou o nomeamento como próximo vicepresidente de Jaime Morales Carazo, ex banqueiro e ex líder da “contra” establecida por EEUU en Honduras na década dos oitenta, contra o sandinismo.

Outro apartado serán as relacións con EEUU. Parcialmente abandonada a retórica revolucionaria antiimperialista, aínda que aliado de Hugo Chávez e posicionado inicialmente contra do ALCA, Ortega probablemente buscará un reaxuste nas relacións entre Washington e Managua, principalmente pola preponderancia dos temas comerciais e de inmigración.


O pacto liberal-sandinista

Unha constante da política nicaraguana nos últimos anos foi a inédita alianza bipartidista entre dous personalidades políticas, o ex presidente Arnoldo Alemán, do liberal PLC, e Daniel Ortega, do FSLN. Este pacto substituíu a polarización na sociedade entre sandinistas e antisandinistas que marcou a vida política trala derrota electoral do FSLN en 1990.

O pacto Alemán-Ortega e PLC-FSLN significou non só un pernicioso reparto do poder dentro das principais institucións estatais e políticas senón unha notoria variante deseñada para o seu mantemento no poder.

Con maioría parlamentaria na Asemblea Nacional, liberais e sandinistas repartíronse o poder da Corte Suprema de Xustiza (practicamente controlada polos sandinistas), o Consello Supremo Electoral, o Consello Superior da Contraloría, a Procuradoría de Dereitos Humanos e a Superintendencia de Bancos. Mesmo se abriron as portas para unha reforma constitucional que perpetuase no poder a estes dous grandes partidos.

A evidencia do funcionamento operativo deste pacto demostrouse co silencio inexplicable diante da rampante corrupción administrativa no “período Alemán” (1997-2001), sendo este condenado a 20 anos de prisión e arresto domiciliario por lavado de diñeiro e roubo de 100 millóns de dólares.

Os tímidos e infrutuosos esforzos do actual presidente Enrique Bolaños, por converter a loita contra a corrupción nun elemento integrador dentro da fragmentada sociedade nicaragüense, foi tamén consecuencia do pacto Alemán-Ortega.

Co PLC no goberno e o FSLN nunha plácida oposición, os derradeiros índices da organización “Transparencia Internacional” cualificaron a Nicaragua como un dos países máis corruptos de América Latina.


Entre a continuidade e o cambio

Este pacto foi criticado por varios líderes sandinistas e liberais, así como diversas organizacións civís e medios de comunicación. Os primeiros foron liderados por Henry Lewites (falecido por razóns de saúde en xullo pasado) e figuras políticas e intelectuais do sandinismo como Sergio Ramírez, acusaron a Ortega de ir contra os postulados éticos e ideolóxicos do FSLN.

Lewites liderou a alianza, Movemento de Renovación Sandinista, MRS, que ameazaba a continuidade do pacto Alemán-Ortega por constituír un interesante espazo de alternativa política reformista. O seu sucesor: Edmundo Jarquín, ex diplomático e académico, cuns discretos resultados electorais que non foron o suficientemente elevados como para constituírse nunha alternativa reformadora fronte á figura de Ortega.

Lewites mesmo buscou apoios na comunidade internacional e partidos políticos europeos e latinoamericanos, para mostrarse como un “socialdemócrata” denunciando a presunta corrupción e autoritarismo de Ortega, quen respostou cunha estratexia cara a Lewites que procurase a súa desacreditación pública.

Dentro do espectro ideolóxico da dereita, no campo do PLC, tamén se concretou unha alternativa crítica con Alemán e o pacto bipartidista, personificada en Eduardo Montealegre e a ALN-PC. O seu apoio baseouse nunha importante baza de disidentes liberais, outros membros da elite financeira molestos coa corrupción no período de Alemán e, incluso, dende diversos sectores políticos de Washington, ansiosos por atopar un líder transparente e reformador dentro dos liberais que substituíra a incómoda figura de Alemán á que tamén apoiaran con antelación.

Tanto como Montealegre, o goberno e diversos sectores políticos estadounidenses que querían distanciarse da imaxe de Alemán, tamén amosaron as súas simpatías por Lewites, esperanzados en que ambas propostas políticas (Montealegre e Lewites) serviran como atenuantes á hexemonía política Alemán-Ortega.

Compre subliñar a coincidencia en varios puntos dos programas electorais de Lewites e Montealegre, especialmente na relación formal de articulación entre o Estado e o mercado, enfocando tanto na visión dunha economía de mercado como na conciencia social.


Os retos

Pero, a tenor dos resultados electorais, o escenario dentro do próximo goberno nicaraguana seguramente amosará o reforzamento do pacto Alemán-Ortega, agora con este como presidente. O sector pro-Alemán dentro do PLC defendeu a candidatura de José Rizo, quen obtivo un 23% dos votos.

Co case 40% da votación en mans de Ortega, o cálculo político máis seguro será unha alianza Ortega-Rizo que permita superar a opción de Montealegre e os seus simpatizantes dentro da Asemblea Nacional.

Entre os seus retos a partir de xaneiro de 2007, Ortega deberá enfocar a súa política no combate á pobreza, garantindo os servizos de saúde e educación, tomando en conta que Nicaragua é o segundo país máis pobre do hemisferio occidental, xunto a Haití. A loita contra a corrupción tamén será unha tarefa urxente, aínda que moitos consideran que o próximo goberno continuará o seu pacto político cos liberais pro-Alemán, dentro dunha Asemblea con maioría parlamentaria para esta fórmula política.

Outro aspecto ten que ver coa economía. Managua espera construír un canal de tránsito de transporte marítimo entre os océanos Pacífico e Atlántico, similar ao Canal de Panamá, proxecto previsto para os próximos dez anos. O tratado de libre comercio con EEUU, ao que Ortega se opón, tamén será outro reto de goberno.

O factor enerxético e de investimentos estranxeiros tamén cobra forza, tomando en conta as protestas sociais en agosto pasado contra Unión Fenosa, apoiadas por Ortega, esixindo a expulsión da multinacional española (que controla desde o 2000 o 80% da rede eléctrica nacional), demanda na que se opón o actual goberno de Bolaños.

Non obstante, o impacto da vitoria de Ortega pode ter máis repercusión a nivel rexional hemisférico, tomando en conta a conxuntura actual de confrontación diplomática entre Washington e Caracas.


Os factores externos: Bush e Chávez

Fora das fronteiras físicas e políticas nicaragüenses, o actual proceso electoral presidencial estivo marcadamente influído pola constante inxerencia de dous actores externos, EEUU e Venezuela, e a súa particular poxa xeopolítica a nivel hemisférico.

A influencia de Washington era evidente na persoa do seu embaixador, Paul Trivelli, quen mantivo unha actuación máis política que diplomática desnivelou a balanza de apoios a favor, primeiro de Lewites e, posteriormente, de Montealegre. A tal punto foi a inxerencia que unhas declaracións de Trivelli instaban á dereita liberal e conservadora a “unirse baixo o liderado de Montealegre”. Mesmo, unha misión electoral estadounidense denunciou “irregularidades” no proceso comicial, a diferenza dos informes emitidos pola UE, a OEA e o Centro Carter.

Tanto como a esfera xeopolítica centroamericana, Nicaragua é un peón chave na estratexia de Washington de afondar o Tratado de Libre Comercio, ALCA. Nicaragua ratificou no 2005 o Tratado de Libre Comercio para Centroamérica (CAFTA polas súas siglas en inglés), un preámbulo de aceptación do ALCA dentro da táctica estadounidense de negociar acordos de libre comercio bilateral, diante o fracaso de impoñer o ALCA globalmente. Polo tanto, a vitoria de Ortega supón un serio revés para as aspiracións de Washington.

Outro apartado merece a influencia exercida polo presidente venezolano Hugo Chávez, aliado frontal de Daniel Ortega. Nun ano electoral para América Latina como é o 2006, Chávez impulsou a súa estratexia continental da Alternativa Bolivariana para as Américas, ALBA, en clara contraposición ao ALCA.

Durante a campaña electoral, Chávez ofreceu o seu apoio a Ortega cun convenio de subministro enerxético de 10 millóns de barrís anuais a concellos nicaragüano, a maioría baixo control sandinista, a prezos preferentes.

Tras obter unha contundente vitoria electoral con Evo Morales en Bolivia, Chávez esperaba conseguir, infrutuosamente, o mesmo resultado con Ollanta Humala en Perú e López Obrador en México, á espera da segunda volta en Ecuador onde hipoteticamente podería proclamar ao seu candidato, Raúl Correa, como presidente.

Nesta poxa hemisférica, Nicaragua constitúe un escenario clave para Washington en Caracas, decantado a favor de Chávez coa vitoria de Ortega. Neste sentido, o presidente venezolano espera afondar o seu eixe con Cuba e Bolivia, engadindo agora a Nicaragua.

     
     
Figuras clave

     
   

Daniel Ortega: (61 anos) Líder histórico do FSLN, combateu á ditadura dos Somoza ata o triunfo da revolución en 1979. Presidente entre 1984 e 1990, onde perdeu contra Violeta Barrios de Chamorro. Eterno candidato sandinista, a súa polémica figura provocou diversas disensións dentro do sandinismo.

Eduardo Montealegre: (51 anos) Con ampla experiencia no campo financeiro en Nicaragua e EEUU, foi ministro de Exteriores en 1998, durante o goberno Alemán e ministro de Facenda durante o actual goberno. Dirixe unha alianza liberal e conservadora disidente da figura de Arnoldo Alemán. Defensor da economía de mercado e a regulación do Estado.

Henry Lewites: (66 anos) Falecido en xullo de 2006, foi alcalde de Managua e unha das personalidades máis críticas coa figura de Daniel Ortega dentro do FSLN, organización da que foi expulsado. Lewites creou un movemento disidente cunha considerable forza social que perdeu forza a partires da súa repentina morte.

Arnoldo Alemán: (60 anos) Fillo de dirixentes liberais ligados ao réxime dos Somoza, ex alcalde de Managua e ex presidente (1996-2001), Alemán atópase baixo arresto domiciliario por corrupción administrativa e lavado de diñeiro. O seu pacto político con Ortega asentou a hexemonía política entre liberais e sandinistas. A organización “Transparencia Internacional” cualificouno no 2001 como un “dos dez mandatarios máis corruptos a nivel mundial nos derradeiros 200 anos”.

Paul Trivelli: (53 anos) Embaixador de EEUU desde 2005, con ampla experiencia diplomática en asuntos centroamericanos. Trivelli deseñou unha estratexia de desacreditación a Ortega e apoio frontal e aberto a candidatos como Lewites e Montealegre, amosando unha carta intervencionista máis política que diplomática.

Hugo Chávez: (52 anos) Presidente de Venezuela desde 1999, ingresou directamente na campaña electoral nicaragüense marcando o seu apoio a Daniel Ortega e ofrecendo subministro enerxético a diversas alcaldías, principalmente baixo poder do FSLN. A vitoria de Ortega constitúe tamén unha vitoria xeopolítica para Chávez na súa confrontación con Washington.

     
     
Radiografía de Nicaragua

     
   

Nome oficial: República de Nicaragua. A súa capital é Managua.

Conflitos territoriais: Está baixo disputa con Colombia as illas de San Andrés, Providencia e Quita Sueño no océano Pacífico.

Poboación: 5.500.000 habitantes.

Área: 130.000 km2.

Goberno: República unitaria de réxime presidencialista. Constituída por 16 departamentos e dúas rexións autónomas.

Poder Lexislativo: Asemblea Nacional, conformada por 92 deputados.

Composición étnica, lingüística e relixiosa: A principal composición étnica e racial é mestiza, con compoñentes europeos hispánicos. Tamén existen amplas comunidades indíxenas como os misquitos, os sumus, os rama e os garífunas, coa súa propia lingua aborixe.

O idioma oficial é o español, aínda que tamén fálase o inglés e unha variante crioula. A relixión católica ocupa o 85% da poboación.

Partidos Políticos: O Fronte Sandinista para a Liberación Nacional, FSLN, de esquerda marxista revolucionaria baseada nos principios de Augusto César Sandino. O Partido Liberal Constitucionalista, PLC, de tendencia liberal. A Alianza Liberal Nicaragüense-Partido Conservador, ALN-PC, liberal e conservadora, disidente do PLC. O Movemento de Renovación Sandinista, MRS, disidente do FSLN, de tendencia socialdemócrata. A Alternativa polo Cambio, AC, liderado polo ex guerrilleiro e ex axente da CIA, Edén Pastora.

Economía: Tras Haití, Nicaragua é o segundo país máis pobre do hemisferio occidental, cun PIB per cápita de 742 dólares. Nos derradeiros 15 anos, a súa economía experimentou un crecemento promedio de 3,7% anual.

Tras anos de incontrolada hiperinflación, a taxa actual se localiza no 7,9%, o desemprego está no 12,9% e o subemprego ocupa o 25% da poboación economicamente activa. Na década dos oitenta, Nicaragua tivo unha das maiores débedas externas a nivel mundial, circunstancia que obrigou aos constantes reacomodos cos organismos financeiros internacionais, FMI e Banco Mundial.

Nicaragua depende das exportacións de produtos agrícolas (café, cana de azucre e banana), sendo EEUU, Venezuela, O Salvador e Costa Rica os seus principais socios comerciais. O sector turismo xera importantes divisas, valoradas en 155 millóns de dólares.

Sociedade: A existencia dun millón de emigrantes nicaraguanos, principalmente en EEUU, América Central e España, asiste con divisas estranxeiras a unha considerable parte da poboación, pero tamén evidencia unha realidade social preocupante: a alfabetización está no 69,5%, a taxa de mortalidade infantil está no 30% mentres un 70% da poboación vive baixo índices de pobreza, cun dólar ao día.

     
     
Revista de prensa

     
1   16 años después, el sandinismo vuelve al poder”, por Ana Fernández, en El Nuevo Diario (Nicaragua), 7 de novembro de 2006.

Aunque el fervor antiimperialista de antaño se ha ido difuminando con fuertes dosis de pragmatismo y doble juego –bajo la presidencia de un sandinista el parlamento nicaragüense ratificó el Tratado de Libre Comercio (TLC) con Estados Unidos- Nicaragua parece estar interesada también en integrarse en la Alternativa Bolivariana para América (ALBA) que promueve Chávez.
     
2   Último tren para Ortega”, editorial en El País (España), 7 de novembro de 2006.

El Ortega de hoy, pasados los 60 años, es un hombre más preocupado por coger el último tren del poder que llevar adelante un programa izquierdista. Pese a su amistad con Hugo Chávez o Fidel Castro, Ortega invoca hoy en sus discursos con más frecuencia a Dios que a los iconos de la revolución.
     
3   Sandinistas de regreso”, por José Adán Silva, en InterPress Service en español (Italia), 7 de novembro de 2006.

Para el analista político Carlos Tunnerman, es urgente que quien resulte ganador convoque a un diálogo nacional a todos los sectores. “Hay un sentimiento de incertidumbre, nadie sabe qué esperar del futuro con el FSLN. Hay miedo de que ocurran cosas del pasado”.
 
Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/11/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta