|
A aprobación por parte da Asemblea Nacional francesa,
o pasado 12 de outubro, dun proxecto de lei que penaliza con 45.000 euros de multa e penas máximas de ata
cinco anos de cárcere, a todo aquel que negue o xenocidio armenio de 1915, deu lugar a violentas protestas
sociais en Turquía, con manifestacións e peticións de boicot aos produtos franceses incluído,
dentro dun escenario que complica as relacións entre Ankara e París.
A decisión lexislativa francesa foi aprobada co voto
a favor de 106 deputados, 19 votos en contra e a contundente abstención de 452 deputados. A pesares de que
esta votación semellou non amosar unha prioridade lexislativa, a súa aprobación está
provocando fortes roces entre Turquía e Francia, ata o punto de que o presidente francés Jacques
Chirac apresurouse a pedir desculpas a Ankara pola decisión lexislativa.
Simultaneamente a esta aprobación en París, a
designación do escritor turco Orhan Pamuk (célebre polo seu recoñecemento deste xenocidio)
como Premio Nobel de Literatura, contribuíu a afondar nesta polémica histórica e política
entre Turquía, Armenia e Europa, nun momento transcendental para as negociacións turcas sobre a súa
admisión na Unión Europea.
Precisamente no 2006, ano decisivo en canto as negociacións
dun eventual ingreso turco á UE, o tema do xenocidio armenio estase a constituír, xunto á
problemática de Chipre que implica tanto a Turquía, Grecia e a UE, como un dos principais obstáculos
de admisión para Ankara.
Neste sentido, a atención política e dos medios
de comunicación cara ao caso armenio supera ao que, nos derradeiros anos, estaba a constituír como
o principal obstáculo turco de admisión: a situación da poboación kurda en Turquía,
no que atinxe ás violacións dos dereitos humanos e á pesada influencia da casta militar dentro
da política turca.
Unha longa polémica histórica
Como exercicio de memoria histórica, o recoñecemento
do xenocidio armenio de 1915 corresponde a un esforzo oficial, realizado por diversos países, institucións
e organismos mundiais, relativo certificar que o mesmo constituíu o “primeiro xenocidio da historia moderna”,
anterior ao Holocausto xudeu durante a II Guerra Mundial.
Se ben 1915 resulta un ano emblemático para a diáspora
armenia, por considerarse que o Estado otomán aplicou unha política oficial de “exterminio contra
o pobo armenio”, dirixido polos altos funcionarios otománs Enver e Talaat Pashá, a traxectoria histórica
das matanzas contra dos armenios remite a unha data anterior, o período entre 1895 y 1896.
Nese momento, presentouse unha aberta represión das autoridades
otománs contra rebeldes armenios en Istambul e outras cidades, presuntamente apoiados por Rusia na súa
intención de debilitar ao Imperio otomán, que provocou centos de milleiros de mortos e desprazados.
Posteriormente, a revolución dos Xóvenes Turcos en 1908, levou ao poder en Istambul aos partidarios
das ideas panturquistas e nacionalistas turcas dentro do territorio do imperio, con negativa repercusión
no seu mosaico étnico e relixioso.
As revelacións históricas consideran que, en abril
de 1915, durante a I Guerra Mundial e co Imperio otomán aliado das “potencias centrais”, Alemaña,
Austria-Hungría e Bulgaria, as autoridades otománs principiaron un violento proceso de desocupación
das poboacións armenias en torno a Diyarbakir e o lago de Van, no actual sureste turco, considerado polos
armenios como a súa “patria histórica” e que, curiosamente, alberga desde entón a maior cantidade
de poboación kurda.
Segundo fontes históricas tanto armenias como europeas,
neste proceso de expulsión morreron aproximadamente millón e medio de armenios, provocando tamén
unha extensa emigración cara a Europa, EEUU e Oriente Medio. Estas fontes estiman que, no labor de expulsión
e exterminio, participaron forzas irregulares non só turcas senón kurdas, circasianas e chechenas,
así como existiu unha minuciosa supervisión de oficiais alemáns dende Istambul.
A derrota militar e o desmembramento do Imperio otomán
en 1918 permitiu a expansión do drama armenio en Europa e EEUU. Foi notoria a influencia que, durante décadas,
tivo en Europa occidental e EEUU a persistencia dos denominados “Arquivos Andonianos”, presentados polo supervivente
armenio Aram Andonian en 1920 ao presidente estadounidense Woodrow Wilson, firme defensor dun Estado armenio independente.
Estes arquivos, baseados en documentos oficiais como a correspondencia
diplomática do embaixador estadounidense en Istambul Henry Morguenthau e outras testemuñas persoais,
foron considerados en Europa occidental e EEUU como a principal evidencia histórica do xenocidio armenio.
Outras fontes armenias engaden unha posterior declaración
de Adolf Hitler, realizada en 1939, que consideraba que “era necesario o exterminio dos xudeus como fixeron os
turcos en 1915 contra os armenios” para afirmar que “despois de todo, ¿quen se lembra hoxe dos armenios?”.
Para os armenios, esta declaración evidenciaba a veracidade do xenocidio de 1915.
Por outra banda, as memorias do oficial venezolano Rafael de
Nogales Méndez, quen combateu ao lado das tropas otománs no sitio de Van, escribiu nas súas
“Memorias” e o seu libro “Catro Anos baixo a Media Lúa”, determinadas testemuñas sobre as matanzas
de armenios, responsabilizando a “tropas irregulares turcas”.
Os recoñecementos oficiais
A nivel oficial, o creador do termo “xenocidio”, o xurista polaco
Rafael Lemkin, citou en 1944 os casos das matanzas de armenios en 1915 e o Holocausto xudeu, como as referencias
máis claras para a utilización do termo “xenocidio”. En 1948, a nacente ONU adoptou tamén
esta idea.
Dende entón, para a numerosa diáspora armenia,
resultaba necesario denunciar a existencia deste xenocidio, tomando en conta a inexistencia dun Estado armenio
e a negativa do nacente Estado turco republicano a recoñecer a súa responsabilidade histórica.
O primeiro país en recoñecer o xenocidio armenio
foi a República Oriental de Uruguai en 1965. Dende entón, un total de 23 países recoñecen
o xenocidio de 1915: Armenia, Arxentina, Austria, Bélxica, Canadá, Chipre, Francia, Alemaña,
Grecia, Italia, Países Baixos, Noruega, Líbano, Lituania, Polonia, Portugal, Rusia, Eslovaquia, Suecia,Suíza,
Uruguai, Cidade do Vaticano e Venezuela.
Outros organismos tamén se unen a este recoñecemento,
como o Instituto do Holocausto e o Xenocidio de Xerusalén, o Instituto para o Estudo do Xenocidio e a Asociación
Internacional de Investigadores sobre o Xenocidio.
Pola súa banda, EEUU, Reino Unido e Israel, evitan utilizar
o termo “xenocidio”, preferindo utilizar o de “matanzas”, para referirse aos sucesos de 1915.
O debate en Europa
No caso europeo, os antecedentes no que atinxe ao recoñecemento
do xenocidio armenio remóntanse a 1987, cando o Parlamento europeo adoptou o seu recoñecemento oficial,
paralelamente á primeira petición oficial de Ankara para ingresar na entón Comunidade Europea.
Para contrarrestar esta decisión europea, o goberno turco
anunciou en 1988 a apertura dos “arquivos otománs” que, presuntamente, negaban a existencia deste xenocidio
desde a perspectiva das fontes armenias.
A nivel oficial e de alto goberno, na década dos noventa,
a polémica histórica sobre o xenocidio armenio non amosou avances significativos, agás determinados
enfrontamentos retóricos entre o Estado turco e o recén creado Estado armenio. Non obstante, o labor
da diáspora armenia permitiu o recoñecemento do xenocidio por parte de varios países e institucións
mundiais.
O punto de inflexión o constituíu a decisión,
o 29 de xaneiro de 2001, por parte da Asemblea Nacional francesa, de promulgar unha lei onde “o Estado francés
recoñece o xenocidio armenio de 1915”, instando ao goberno turco a facer o mesmo.
Isto provocou un forte enfrontamento diplomático entre
Ankara e París, con boicot a produtos franceses e a paralización de acordos militares. Non obstante,
un total de 19 historiadores franceses fixeron público o seu descontento ante decisión adoptada pola
Asemblea francesa.
Posteriormente, Suíza promulgou unha lei no 2004 na que
ameazaba con prisión a todo aquel que negase a existencia do xenocidio armenio.
Con motivo da decisión do Consello Europeo en decembro
de 2004 de aceptar o inicio de negociacións para a admisión de Turquía á UE a partires
de outubro de 2005, o presidente francés Jacques Chirac pediu ao primeiro ministro turco, Recep Tayyip Erdogan,
a necesidade de realizar un “gran traballo de memoria histórica”, para recoñecer o xenocidio armenio
e así pechar as “feridas do pasado” e fortalecer un “camiño para o futuro”.
Non obstante, ante as tensións que o “caso armenio” pode
provocar nas relacións entre Turquía e a Unión Europea, especialmente pola recente decisión
da Asemblea Nacional francesa, o comisario europeo para a Ampliación, Olli Rehn, tentou limar asperezas
con Ankara, asegurando que o xenocidio armenio non será un obstáculo decisivo para unha eventual
admisión a futuro.
A tese turca
Durante décadas, a polémica polo xenocidio armenio
era considerada un tema tabú e prohibitivo na Turquía republicana, amparado por un marco legal de
represión cara a liberdade de expresión e pensamento contra calquera tese revisionista que “atentase
contra a identidade turca”.
O máximo expoñente deste “blindaxe xudicial” o
constitúe a aprobación, en xuño de 2005, do artigo 301 do Código Penal turco, que permite
o castigo con cárcere a todos aqueles que realicen “insultos contra a identidade nacional”, interpretados
estes como recoñecemento das minorías nacionais (kurdos) ou as presuntas responsabilidades históricas
do Estado turco (xenocidio armenio de 1915).
Oficialmente, as teses turcas se sustentan nos traballos de
investigación histórica do profesor Turkäyya Ataöv, consistentes na negación das
matanzas contra a poboación armenia. Ataöv negaba o termo de “xenocidio armenio” e utilizaba, a cambio,
o de “xenocidio turco”.
Esta tese sustentábase, principalmente, nas matanzas
contra campesiños turcos na rexión da Anatolia, por parte de milicias armenias apoiadas por Rusia,
aliado histórico dos armenios, dentro da conxuntura da I Guerra Mundial.
Para Ataöv, detrás destas matanzas estaba a pretensión
rusa e europea occidental de desmembrar o Imperio otomán e repartirse Oriente Medio. En vez de millón
e medio de armenios asasinados e deportados, ocorreron enfrontamentos armados, “propios da confrontación
bélica”, que deixaron entre 300.000 e 500.000 mortos en ambos bandos.
A tese oficial de Ataöv apareceu con forza en Turquía
durante a década de 1980, dentro dunha conxuntura na cal os movementos terroristas armenios, como a ASALA
e o Dashnak, comezaban a atentar contra obxectivos turcos dentro e fora do país.
Na actual polémica pola decisión da Asemblea Nacional
francesa, o goberno de Ankara criticou esta posición que considerou “discriminatoria”, probablemente impulsada
por “intereses electorais” cara a influínte comunidade armenia nese país.
En Turquía afirman que París ten dúas varas
de medir, xa que consideran “impropio” que Francia realice xuízos históricos contra outros países
e se negue a recoñecer a súa participación como colaboracionista co réxime nazi en
1940, na persecución contra os xudeus e as matanzas e a represión contra a poboación autóctona,
durante o seu pasado colonial en Alxeria e outros países, principalmente africanos.
Tamén cómpre considerar que, sen adoptar totalmente
a tese de Ataöv, outros historiadores europeos e estadounidenses como Andrew Mango, Güenther Lewy e Bernard
Lewis, cuestionan nos seus traballos a completa veracidade das fontes históricas armenias e aportan novas
revelacións sobre os “sucesos” de 1915 na rexión de Anatolia. Neste caso, o historiador Lewis foi
multado en 1995 polo diario francés Le Monde, por cuestionar a utilización do termo “xenocidio armenio”
nun artigo publicado.
O efecto do “caso Pamuk”
A represión oficial turca cara o revisionismo histórico
sobre as súas responsabilidades do pasado provocou unha repentina eclosión de figuras intelectuais,
literarias e historiadores, que comezaron a cuestionar a tese oficial de Ataöv, a instar á sociedade
turca a recoñecer o xenocidio armenio e o drama dos kurdos.
Este proceso permitiu a aparición de célebres
figuras como o escritor e actual Premio Nobel, Orhan Pamuk, a tamén escritora Elif Shafak, os historiadores
Taner Akçam (residente en EEUU) e Halil Bektray, e o editor Hrant Dink, acosados internamente pola xustiza
turca e os grupos ultranacionalistas.
O caso de Pamuk é realmente emblemático, tanto
na súa traxectoria literaria como na súa loita por expresar as súas ideas. No 2005, en declaracións
a un diario suízo, Pamuk explicou que “30.000 kurdos e un millón de armenios foran asasinados no
pasado e ninguén se atreve a falar diso”. Inmediatamente, o Tribunal de Xustiza turco aplicou unha citación
xudicial na súa contra, coa posible condea a tres anos de cárcere, seguindo o artigo 301 do Código
Penal.
A testemuña de Pamuk recolleuna a escritora Elif Shafak
en setembro de 2006, cando a xustiza turca tentou aplicar de novo o polémico artigo 301 porque un personaxe
dunha novela de Shafak recoñece a existencia do xenocidio armenio. Unha forte mobilización intelectual
e política en Europa posibilitou a paralización deste proceso e a promesa do primeiro ministro Erdogan
de acabar cos mesmos.
Nos derradeiros anos, diversas figuras da sociedade civil turca
tentan realizar unha necesaria revisión histórica e dos postulados oficialmente “inamovibles” da
identidade turca, para afondar no proceso de democratización. Pero a represión oficial segue a ser
absorbente: a asociación “Iniciativa pola Liberdade de Expresión” contabiliza en 200 o número
de intelectuais, xornalistas e escritores turcos procesados pola súas opinións.
A única iniciativa oficial turca para posibilitar o revisionismo
histórico foi impulsada polo primeiro ministro Erdogan en marzo de 2005, coa creación dunha comisión
de historiadores turcos, armenios e doutros países, para estudar os sucesos do xenocidio de 1915. Incluso,
historiadores turcos revisionistas como Akçam e Bektray, participaron na conmemoración en Ereván,
capital armenia, do xenocidio de 1915.
Nos seus comezos no cargo gobernamental, Erdogan amosou unha
posición aperturista en torno aos casos armenio e kurdo, principalmente por sentir en carne propia os efectos
da represión oficial: sendo alcalde de Istambul en 1998, foi condenado pola xustiza turca tras citar un
poema onde realizaba unha apoloxía ao Islam, o que foi interpretado polas autoridades como un cuestionamento
ao carácter laico e republicano do Estado turco.
Curiosamente, e a pesares da responsabilidade histórica
dos kurdos no xenocidio armenio, as demandas de armenios e kurdos corren hoxe case en sentido paralelo en torno
ao descoñecemento e a negación oficial por parte das autoridades turcas.
O drama kurdo foi un tema sumamente importante nas relacións
entre Turquía e a Unión Europea na década dos noventa, pero a detención do líder
kurdo Abdullah Oçalan en 1999 e a relativa estabilización da rebelión kurda no sureste turco,
deixou unha sensación de abandono desta problemática, cousa que permitiu á diáspora
armenia activar as súas demandas históricas.
O papel do “lobby” armenio
A recente aprobación da Asemblea Nacional francesa seguramente
non tería sido posible sen o persistente e influínte labor da diáspora armenia en Europa e,
principalmente, en Francia.
A influencia da diáspora armenia como lobby político
é notoria en Francia e EEUU, así como a súa repercusión en personaxes públicos
de orixe armenia como o cantante suízo Charles Aznavour e deportistas como o ex piloto francés Alain
Prost, que amosan a súa simpatía pola causa armenia. Do mesmo xeito, a diáspora xoga un factor
clave nas relacións e negociacións de admisión armenias á UE.
En Francia, a causa armenia posúe un elemento político
de peso na figura do ministro de Interior Nicolás Sarkozy, candidato presidencial polo dereitista UMP para
as eleccións de maio de 2007. Sarkozy amosa tamén unha posición escéptica sobre o ingreso
turco na UE. Por outra banda, outros deputados socialistas premeron en abril pasado pola introdución desta
lei de penalización na negación do xenocidio armenio.
Outro aspecto a considerar son as relacións actuais entre
Turquía e Armenia, cuxas repercusións xeopolíticas son notorias na rexión do Cáucaso.
Tanto como as tensións diplomáticas polo recoñecemento oficial do xenocidio armenio, Ankara
e Ereván amosaron na década pasada unha aberta confrontación polo conflito no enclave de Nagorno
Karabakh, entre Armenia e Acerbaixán, que provocou unha guerra entre ambos países no período
1987-1993. Desde entón, están pechadas as fronteiras terrestres turco-armenias.
Non obstante, Armenia e Turquía amosaron nos derradeiros
cinco anos interesantes acercamentos en torno ás súas relacións bilaterais, especialmente
en materia enerxética, debido á distribución territorial de oleodutos dende o mar Caspio ata
o mar Mediterráneo. Pero a polémica histórica segue a ser o principal factor determinante
nas relacións entre ambos Estados.
Dentro da opinión pública e a sociedade turca,
está crecendo con forza unha posición euroescéptica, tendente a amosar frustración
polos obstáculos de ingreso á UE. Se ben o actual episodio do recoñecemento do xenocidio armenio
pode provocar unha crise aberta nas relacións turco-europeas pero, probablemente, tamén pode activar
unha necesaria revisión histórica que contribúa a fortalecer os ideais democráticos
na Turquía laica e republicana.
|