|
O referendo suízo sobre a inmigración e o recente
ascenso electoral dos partidos xenófobos en Austria e Bélxica, confirman a consolidación,
vía electoral, dos partidos e movementos de extrema dereita en Europa, un fenómeno político
de recente data e que teñen ao Fronte Nacional de Jean Marie Le Pen en Francia e o Partido Liberal en Austria
como principal referencia política e electoral.
Este efecto electoral expansivo da extrema dereita europea é
un proceso de avance paseniño desde 1991, cos antecedentes de vitorias electorais de Le Pen e, posteriormente,
coa vitoria lexislativa do Partido Liberal de Jörg Haider en Austria en 1999, e que estivo a piques de situar
a un partido de extrema dereita no goberno dun país membro da Unión Europea.
O posterior éxito electoral de Le Pen nos comicios presidenciais
franceses de 2002, onde alcadou a segunda volta contra do actual presidente Jacques Chirac, foi o sinal máis
claro de que un líder xenófobo podería chegar á presidencia dun país referente
chave para a Unión Europea como é Francia. Agora foi a quenda de Bélxica para o partido separatista
e xenófobo flamenco Vlaams Belang, nas recentes eleccións municipais.
Non obstante, e a pesares do avance destes partidos, existen
elementos que convén analizar, a fin de contribuír a matizar determinados enfoques sociolóxicos
e políticos cara estes movementos e partidos extremistas. En determinados momentos, os partidos de Haider
e Le Pen foron obxecto de disensións e divisións internas que afectaron as súas posteriores
convocatorias electorais. Outros líderes extremistas ocuparon estes espazos políticos e electorais.
A ideoloxía da nova extrema dereita
Entre o variado universo da extrema dereita europea, existe
unha especie de consenso no seu discurso antiinmigración, que lles permite cohesionar un programa político
xenófobo diante de problemas, principalmente de orixe económica, aparentemente descoidados polos
históricos partidos políticos. Pero aínda é unha incógnita coñecer con
exactitude a proposta política de varios destes partidos de ultradereita.
O espectro ideolóxico da extrema dereita europea non
é tan homoxéneo como semella e paséase por diversos núcleos de ideas, aspiracións
e frustracións de tipo político e socioeconómico, que aumentan a complexidade de moitos destes
movementos e partidos:
a) A identificación rexional, especialmente en Estados
plurinacionais (Bélxica) ou con disparidades socioeconómicas rexionais (Italia).
b) O discurso do populismo católico e conservador en
sociedades con forte cultura tradicional (Austria, Polonia), marcadamente elitista e oposto ás correntes
laicistas e progresistas.
c) Unha estruturación política da xenofobia e
o racismo, principalmente cara as comunidades inmigrantes (turcos, árabes, balcánicos e latinoamericanos)
en países como Alemaña, Francia, Suíza, Austria, Bélxica, Holanda, Suecia, Dinamarca
e Noruega.
d) Variantes do neofascismo e o neonazismo que se nutren dunha
desilusión cara o sistema político e os seus líderes, principalmente dentro das clases media
baixa e obreira (Alemaña, Austria) Aquí pódese observar unha utilización da mitoloxía
política nacionalista e irracional, similar aínda que non igual ao fascismo clásico europeo
da década de 1930.
e) Marcadas posturas de grupos antiglobalización e antieuropeos.
Este factor resulta tamén contraditorio, xa que o discurso da extrema dereita europea insírese dentro
dun mundo ideoloxicamente globalizado e capitalista, aínda que cuestiona fortemente o proxecto de integración
europeo.
Afondando este anacronismo e a contradición, estes movementos
culpan ao proceso da globalización da precariedade laboral, da inseguridade e o aumento das desigualdades
sociais, punto no que comparten determinados postulados dos partidos de esquerda. Un exemplo clásico foi
o voto en Francia no 2005 contra a Constitución Europea, que paradoxalmente acercou aos partidos de esquerda,
trotskistas, comunistas e ultradereita do Fronte Nacional.
f) Unha acérrima defensa do Estado étnico nacional
e oposición ao multiculturalismo, con características excluíntes aínda que non expansionistas,
principalmente en Estados cunha homoxénea estrutura étnica e nacional (Dinamarca, Noruega, Holanda).
Este factor amplíase diante de determinadas variantes extremistas do nacionalismo cultural (Flandes, Lombardía).
Resulta notorio tamén que existen diversos factores socioeconómicos
que potencian un rexurdimento da extrema dereita en Europa e permiten intuír a consolidación dalgúns
destes partidos dentro do espectro político europeo:
a) O aumento da inmigración, principalmente dos países
do Sur.
b) O esgotamento social cara o modelo económico (crise
do Estado do Benestar), o estancamento económico e o aumento do desemprego.
c) O cansazo social cara o discurso político tradicional,
que permite o retorno de liderazgos personalistas e populistas de dereita.
d) A debilidade organizativa e política do movemento
obreiro e diversos grupos proletarios, espazo ocupado por os partidos de extrema dereita.
e) Os temores sociais diante do proceso acelerado de europeización
e os seus efectos sobre a integridade e a identidade do Estado nacional.
Resulta tamén significativo que estes partidos non avoguen
pola supresión total da democracia representativa e parlamentaria, a diferenza dos movementos fascistas
clásicos. Participan nos procesos electorais cun programa que afonda na sensación social de inseguridade
en determinados estratos sociais, principalmente nos máis desfavorecidos economicamente dentro da súa
particular comunidade étnica, cultural ou nacional.
Pola súa banda, estes partidos avogan por un poder executivo
forte e centralizado, que limite a democracia representativa en favor da desaparición do principio da igualdade,
co cal potencian a discriminación étnica e cultural.
Tamén cumpre sinalar determinados enfoques políticos
e sociais destes partidos, que contribúen a fomentar certa sensación de contradición. O discurso
antiislámico de moitos partidos de extrema dereita conflúe co seu discurso antisemita, curiosamente
tamén defendido por grupos fundamentalistas islámicos. Por contraditorio que sexa, os ataques antisemitas
do presidente iraniano Mahmud Ahmadíneyad foron defendidos polos grupos de extrema dereita europeos, a tal
punto que o presidente iraniano invitounos a un cumio antisemita e antiisraelí en Teherán o pasado
mes de xuño. Mesmo, no pasado mundial de fútbol de Alemaña, a extrema dereita alemá
anunciou publicamente o seu apoio á selección de Irán e á visita de Ahmadíneyad
aos estadios alemás.
Outro caso corresponde ao carácter homófobo e
contrario ás legalizacións dos matrimonios homosexuais, postura común en varios grupos de
extrema dereita pero non polo xenófobo e extremista partido holandés da Lista Pim Fortuyn, cuxo líder
era homosexual e misóxino.
Personalismo extremista
Tanto como os partidos de Jean Marie Le Pen e Jörg Haider,
os líderes e os partidos de extrema dereita en distintos países europeos teñen pasado por
diversas etapas contraditorias, desde a súa aparición como axentes políticos dentro do sistema
electoral, a súa consolidación e, nalgúns casos, as súas divisións e fracturas
internas, principalmente logo de resultados electorais desfavorables.
Non obstante, é necesario diferenciar que, agás
os grupos simpatizantes con movementos fascistas e neonazis, a actual extrema dereita europea difire substancialmente
do fascismo clásico europeo, principalmente pola conxuntura histórica e económica. Tan só
o factor antiinmigración e antieuropeo, agás excepcións como a Alianza Nacional italiana,
permiten outear un carácter ideolóxico homoxeneizador, afondando determinados resgos de ambigüidade
o contradición noutros postulados.
O principal factor dinamizador da extrema dereita europea constitúe
o personalismo dos seus líderes. Son os casos referenciais do francés Jean Marie Le Pen e o seu Fronte
Nacional, rival electoral presidencial de Jacques Chirac no 2002; e o austríaco Jörg Haider, ex primeiro
ministro da rexión de Carintia e fillo dun ex oficial das SS, quen fundou o Partido Liberal para finalmente
separarse fundado outro partido, a Alianza Nacional por Austria.
Tanto Le Pen como Haider constituíronse como a principal
referencia política para os líderes e partido de extrema dereita, especialmente desde comezos da
década dos noventa do século pasado. A súa traxectoria política aumentou o temor dentro
das institucións e os gobernos europeos de que líderes da extrema dereita puidesen chegar ao goberno
nun país membro da UE.
Os exemplos de Le Pen e Haider foron seguidos polos italianos
Gianfranco Fini, líder do Partido Alianza Nacional, e Umberto Bossi, líder da Liga do Norte. Ambos
obtiveron considerables triunfos lexislativos tanto en Italia como nas eleccións europeas desde 1995 e,
mesmo, chegaron a formar parte do segundo goberno do dereitista Silvio Berlusconi (2001-2006).
O líder xenófobo e antiislámico holandés
Pim Fortuyn liderou unha lista co seu nome nas eleccións lexislativas de 2002, colleitando 26 escanos dos
150 do Parlamento. Non entanto, Fortuyn, homosexual e misóxino, foi asasinado días antes das elección.
En Suíza, o caso do millonario empresario Christoph Blöcher
foi tanto ou máis significativo que os dos seus similares Le Pen e Haider. Tras manter unha progresiva traxectoria
electoral desde o 2000, no 2004 o seu partido Unión Democrática do Centro, obtivo un 33% dos votos,
que lle permitiron formar goberno e ao propio Blöcher ser investido como ministro de Xustiza.
O contundente triunfo deste partido no recente referendo suízo
sobre a Lei de Inmigración e Asilo, impulsado por Blöcher para limitar o acceso dos inmigrantes, pode
repercutir en diversos ámbitos políticos europeos, descontentos coa masiva inmigración. Blöcher
clama tamén contra a integración de Suíza na ONU (membro desde o 2002) e a Unión Europea,
da cal Suíza non forma parte.
En Dinamarca, unha coñecida líder política
é Pia Kjaersgaard, do Partido Popular, primeira muller líder dun partido de extrema dereita que forma
parte do parlamento danés con 11 deputados. Non obstante, a filla de Le Pen pode seguir os seus pasos en
Francia.
Por último, o Vlaams Belang de Bélxica, partido
separatista flamenco que acadou o 33% dos votos nas eleccións municipais do domingo 8 de outubro, ten a
Philip de Winter e a Frank Vanhecke como os seus líderes máis visibles. O seu protagonismo pode ir
en aumento tras estes comicios municipais.
Sen esquecer os casos de Noruega e Suecia, onde existen partidos
de ultradereita con representación parlamentaria pero con líderes pouco coñecidos a nivel
europeo, o caso do Estado español non escapa á irrupción dos movementos de extrema dereita
en Europa.
Dentro do Estado español existen diversos grupúsculos
de extrema dereita aínda non cohesionados nun líder único e visible, salvo o caso nominal
de Blas Piñar e outros grupos nacionalistas e franquistas na década dos oitenta do século
pasado. No caso dos partidos, agás formacións como a Falange Española das JONS, con participación
electoral marxinal, tampouco existen partidos con gran calado electoral e social.
Un recente informe das autoridades policiais e a Garda Civil
existen unhas 30.000 persoas que integran grupos de racista e de extrema dereita, algúns orixinarios de
EEUU como Volksfront (Fronte Popular), Sangue e Honra ou Hammerskin (Supremacía Branca). Menciónase
tamén aos partidos Democracia Nacional, Alianza Nacional, España 2000, Alternativa Española
(AES) e a Alianza pola Unidade Nacional, cuxo líder foi Ricardo Sáenz de Ynestrillas, preso por actos
delictivos. Madrid, Cataluña, Valencia, Zaragoza e Castela-León semellan ser as áreas con
maior proxección destes grupos, cuxa inspiración é a xenofobia e a antiinmigración.
|