| |
|
Enmarcado nunha conxuntura sumamente delicada pola masiva afluencia
de inmigrantes subsaharianos ás costas mediterráneas europeas, os suízos aprobaron mediante
un referendo o domingo 24 de setembro, cunha contundente maioría, a adopción de máis leis
restritivas á inmigración e ao asilo político neste país.
Cos ecos do referendo suízo aínda en pleno desenvolvemento,
a crise da inmigración ilegal en Europa está a converterse nunha prioridade política para
as decisións gobernamentais dos 25 membros da Unión Europea. Pero estas decisións semellan
ir por sentidos diverxentes: o venres 22, un Cumio de ministros de Interior e Xustiza en Tampere, Finlandia, evidenciou
a falta de cohesión interna das políticas comunitarias en torno á inmigración.
Xunto a este escenario, as medidas restritivas cara a inmigración
que desde hai meses está levando a cabo o ministro de Interior francés Nicolás Sarkozy, enmarcadas
tamén dentro dun contexto pre-electoral, tomaron forma cun acordo asinado entre Francia e Senegal o mesmo
domingo 24, destinado a permitir a patrulla de embarcacións galas nas augas do país africano e evitar
a saída masiva de inmigrantes.
Estes tres acontecementos colocan o problema da inmigración
como debate político central no seo da Unión Europea. A actual crise da inmigración non debe
estar illada da polémica actual sobre o Islam tralo discurso do Papa Bieito XVI da universidade de Ratisbona,
tomando en conta a presenza de quince millóns de cidadáns musulmáns nos países da UE.
O peche suízo
Aínda que non pertence a Unión Europea, o impacto
rexional que terá a contundente resposta dos suízos ás leis de inmigración e o asilo
provocará consecuencias políticas importantes en países con grande presenza de inmigrantes,
como Francia, Alemaña, España, Austria e Holanda.
O pasado domingo 24, os suízos foron convocados para
votar dúas leis paralelas. Neste referendo federal, un 67,8% dos suízos aprobaron unha nova Lei de
Asilo Político, mentres un 68% aprobou unha nova Lei Federal sobre os Estranxeiros. O índice de participación
electoral foi do 48%.
Ambas leis foron impulsadas polo conservador ministro do Interior
Christoph Blöcher, líder da Unión Democrática do Centro, UDC, cuxa posición política
acércase a estimacións xenófobas e duramente restritivas cara a inmigración. Tamén
tivo apoio político do Partido Democrático do Centro e o Partido Radical Democrático.
Dende a perspectiva xeográfica, foron as rexións
centrais (Berna, Uri, Nildwalden, Oldwalden, Lucerna) e orientais (Graubünden, Saint Gallen, Glarus, Appenzell)
as que maior apoio tiveron á aplicación destas leis. Fai catro anos, Blöcher fracasou na súa
imposición tras unha derrota electoral. Ante a actual aprobación, ambas leis entrarán en vigor
en xaneiro de 2007.
Coa finalidade de someter estas leis ao voto popular, este referendo
había sido convocado polos partidos de esquerda, o Partido Socialista, os Verdes, diversas ONGs de dereitos
humanos e ambientais, as igrexas católica e protestante e as principais centrais obreiras. Tivo como principais
defensores ao alcalde de Xenebra, André Hediger, do esquerdista Partido do Traballo, e o sociólogo
e ex deputado socialista Jean Ziegler.
O contundente apoio popular a estas leis constitúen un
duro golpe para os impulsores deste referendo, aínda que tamén o é en clara alusión
á Lei de Estranxeiría aprobada no 2005 en España e que permite unha rapidez na regularización
de estranxeiros con contrato laboral. Non obstante, o verdadeiro triunfador deste referendo foi o ministro Blöcher,
cuxo eco político permitiu facer practicamente imposible a concesión da nacionalidade suíza
e a condición de asilo para estranxeiros. O lema político de Blöcher era claramente identificable:
“No paraíso non hai espazo suficiente para todos”.
En Suíza habitan 1,5 millóns de inmigrantes, un
20,4% dunha poboación de 7.523.000 habitantes. En cidades como Xenebra ou Zürich, a poboación
inmigrante practicamente anda ao redor do 50%. Segundo a organización humanitaria Cáritas, estímase
en 340.000 os estranxeiros indocumentados e en 46.800 os refuxiados, un 0,6% da poboación total.
Orixinalmente, a inmigración a Suíza nas décadas
dos cincuenta e sesenta do século pasado correspondeu a españois, italianos e portugueses, posteriormente
a turcos e marroquís e, desde a década dos noventa, a albaneses, kosovares, serbios, bosnios, ucraínos,
polacos, romanos, moldavos e latinoamericanos, calculados estes últimos en 30.000 persoas.
Para moitos suízos, o factor económico pode explicar
varias razóns da votación do domingo 24. O desemprego aumentou dun 3,5% a un 5% no 2006, un índice
aínda baixo en Europa pero que en Suíza poden atribuír á chegada de inmigrantes ilegais.
¿Efecto expansivo?
As duras críticas deixáronse sentir dende Bruxelas
e as Nacións Unidas, a traveso do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, ACNUR.
Grazas á súa tradicional neutralidade, Suíza ten en Xenebra a sede europea da ONU e varias
organizacións humanitarias como a Cruz Vermella, así como reitera con orgullo posuír a célebre
Convención de Xenebra de 1951 relativa ao estatuto dos refuxiados.
Altas figuras políticas e intelectuais suízas
e europeas dubidaron da necesidade de seguir mantendo estas organizacións no país helvético
diante dun referendo que tivo un resultado que foi cualificado por Ziegler de “horribles leis racistas e xenófobas”.
Ante o grave problema da inmigración, resta por saber
cál será o impacto político e, eventualmente, electoral, do referendo suízo en outros
países europeos, especialmente Alemaña, Francia, Austria (celebra eleccións nacionais o domingo
2 de outubro), Holanda e Suecia, onde os partidos políticos de extrema dereita e antiinmigración
manteñen importantes cotas de apoio sociopolítico e cunhas leis de Estranxeiría e Asilo que
poden ser modificadas, contando co apoio popular.
O “plan Sarkozy”
Mentes os suízos votaban, en Francia tamén se
aplicaban medidas relativas ao problema da inmigración. O ministro do Interior, Nicolás Sarkozy,
anunciaba o asinamento dun pacto bilateral entre Francia e Senegal, que permite á Armada francesa un despregue
de patrullas nas augas e costas senegalesas para controlar a masiva vaga de “caiucos” con inmigrantes ilegais.
O acordo estipula tamén unha serie de mecanismos inmediatos
conxuntos de expulsión. A vixilancia francesa das costas senegalesas realizarase conxuntamente coa recen
creada Axencia Europea de Vixilancia de Fronteiras, FRONTEX, e permitirá tamén a aplicación
de proxectos de desenvolvemento agrícolas nas zoas mais pobres deste país, cunha partida inicial
de 2,5 millóns de euros.
Este pacto, cualificado por Sarkozy de “histórico”, contén
claves políticas pre-electorais moi evidentes dentro do actual clima que vive Francia, principalmente ante
o audaz arranque da socialista Segolène Royal. Sarkozy, líder do dereitista UMP e potencial candidato
presidencial para os comicios de maio de 2007, coloca o problema da inmigración no centro do debate político
francés, un tema sumamente sensible para os franceses, tras da explosión da crise dos suburbios parisinos
en novembro de 2005.
Sarkozy ven manifestando unha forte oposición á
política de regularización de inmigrantes aplicada polo goberno Zapatero, considerando que a mesma
contribuíu á actual masiva chegada de inmigrantes e a crise dos caiucos nas costas mediterráneas
europeas.
Nunha declaración célebre, quizais similar á
do suízo Blöcher, Sarkozy exclamou recentemente que “Nin Europa nin Francia poden converterse en El
Dorado. Sexamos conscientes de que unha apertura xeral das fronteiras implicaría en pouco tempo unha desestabilización
das nosas sociedades e traería a chegada ao poder de partidos xenófobos”.
Non obstante, a medida de Sarkozy coincide cunha renovación
da actividade do líder xenófobo Jean Marie Le Pen que, aos seus 83 anos, espera que o seu partido
Fronte Nacional de Salvación, poda obter un inesperado ascenso político similar ao presentado nas
pasadas eleccións de 2002. Unha enquisa informou que un 48% dos simpatizantes deste partido ultradereitista
consideraron que non terían problemas en votar por Sarkozy nas próximas eleccións.
Europa non marcha unida
Dentro desta conxuntura, facíase necesaria a actuación
dos líderes europeos nun marco de adopción de medidas para resolver unha crise migratoria inédita
e, aparentemente, fora de control.
Durante unha visita a Madrid, a chanceler alemá Ánxela
Merkel prometeu a Zapatero abordar o problema da inmigración ilegal subsahariana “como un problema europeo”.
No que vai de ano, achegáronse en caiucos ás costas españolas das illas Canarias un total
de 24.000 inmigrantes ilegais, multiplica por cinco o número de 2005. Italia e Malta tamén experimentaron
numerosas vagas de inmigrantes nas súas costas mediterráneas.
Pero a promesa de Merkel truncouse no cumio de ministros de
Interior e Xustiza celebrado en Tampere, Finlandia, entre o 21 e 22 de setembro. Precisamente, foi a posición
alemá a máis intransixente, en mans do seu ministro Wolfgang Schäuble e o seu representante
das rexións Günther Bechstein, á hora de aceptar a petición do ministro de Xustiza español,
Juan Fernando López Aguilar, de “diñeiro, recursos, medios e determinación”. Italia e Malta
estenderon tamén esta petición.
Neste sentido, a declaración de Bechstein foi categórica:
“España non se vai afundir por 20.000 ou 30.000 homes que se acheguen ás Canarias”.
A posición alemá, secundada por Austria, Francia
e Holanda, rexeitou entregar axudas financeiras aducindo que o seu país xa tiña solucionado no pasado
unha crise similar, coa chegada de 400.000 inmigrantes, sen ser asistida por diñeiro europeo. En realidade,
existía unha especie de consenso nestes gobernos en rexeitar o proceso de regularización de 600.000
inmigrantes realizado polo goberno de Zapatero, aducindo que esta legalización é a causante da actual
crise dos caiucos.
A cambio, Berlín amosou a súa disposición
de acordar cos países africanos (Senegal, Marrocos, Mauritania, Cabo Verde), medidas para evitar unha inmigración
masiva. Do mesmo xeito, Berlín apoiou o reforzamento da FRONTEX, a fin de non financiar aos países
afectados polo problema.
Quizais intentado nivelar ambas posicións diverxentes,
a alemá e a española, a Comisión Europea instou aos países membros a crear unha forza
de acción rápida de 250-300 efectivos para actuar como “gardas de fronteiras”. Paralelamente, anunciou
unha achega de 45 millóns de euros para o 2006 dentro do programa “Aeneas”, concernente á axuda aos
países limítrofes da UE para unha mellor xestión dos fluxos migratorios e dos procedementos
de asilo, en colaboración con ACNUR. Esta asistencia sería extensiva a países de América
Latina, África e Asia.
Bruxelas tamén informou da formación dun grupo
de patrullas navais, avións e helicópteros con efectivos españois, italianos, portugueses
e finlandeses dirixidos pola Garda Civil española, para operar nas augas de Mauritania, Cabo Verde e Senegal
a fin de parar a inmigración masiva.
Pola súa banda, o goberno de Zapatero anunciou un cumio
mediterráneo da UE en Madrid para o venres 30 de setembro, coa participación de España, Francia,
Italia, Chipre, Malta, Portugal, Grecia e Eslovenia, a fin de tratar a inmigración ilegal e o control das
fronteiras marítimas. Anteriormente, os seus presidentes enviaran unha carta a Bruxelas pedindo “medidas
urxentes” para paliar o problema.
Pero, a nivel europeo, queda demostrado que a crise da inmigración
ilegal subsahariana non posúe a cohesión política necesaria para acometela dende unha perspectiva
europea integrada.
|
| |
|
Nome oficial: Confederación Helvética. Goza dunha independencia de facto desde
1291, coa alianza dos cantóns de Uri, Schwyz e Unterwalden. Adoptou a forma de Estado confederal desde a
adopción da Constitución Federal de 1848.
O carácter neutral de Suíza é
un síntoma de identidade: constitucionalmente, o país non pode formar parte de alianzas militares
internacionais nin entrar en conflito bélico algún a menos que sexa atacado. No seu territorio non
está permitido o paso de tropas estranxeiras.
Suíza é membro da ONU desde o 2002,
aínda que con anterioridade colaborara coas súas axencias (OIT, UNESCO, UNICEF, FAO, OMS), e Xenebra
posúe a oficina europea da ONU e a sede do Comité Internacional da Cruz Vermella. Non forma parte
da Unión Europea. Forma parte da OTAN para a Paz pero non da estrutura militar da organización.
Poboación: 7.523.934 habitantes.
Área: 41.290 km2.
Goberno: Confederación de réxime parlamentario, con instrumentos de democracia
directa.
O Poder Executivo reside nun Consello Federal
(seis membros). Os seus membros son elixidos polo Parlamento Federal ou Poder Lexislativo, radicado en Berna. As
eleccións lexislativas son cada catro anos.
A estrutura política presenta tres niveis
diferentes: a Federación, os cantóns e as autoridades locais.
División administrativa: 26 cantóns: Appenzell (2), Saint Gallen, Zürich,
Berna, Thurgau, Schwyz, Glarus, Graubünden, Aargau, Basilea (2), Fribourg, Jura, Lucerna, Neuchatel, Solothurn,
Ticino, Oldwalden, Valais, Vaud, Genf, Zug, Uri, Nildwalden, Xenebra.
Composición étnica, lingüística
e relixiosa: A poboación suíza
posúe un variado orixe étnico: alpino, nórdico e dinárico ou eslavo.
A súa composición de poboación
ven determinada pola composición lingüística: xermana (63,7%), francesa (20,4%), italiana (6,5%)
e rética ou romanche (lingua románica derivada do latín, 0,5%).
A maioría da poboación profesa a
relixión católica romana (41,8%), seguida da protestante calvinista (35,3%). Existen comunidades
inmigrantes musulmáns (311.000 persoas), xudeus (17.900 persoas) e non relixiosos (15,4%).
Partidos políticos: Partido do Pobo Suízo, SVP; Partido Social Demócrata,
SPS; Partido Radical Democrático, FDP; Partido Demócrata Cristiá, CVP; Partidos dos Verdes,
GPS; Partido Liberal, LPS; Partido Protestante, EVP; Unión Federal Democrática, EDU; Alianza Verde,
GB; Partido Comunista, PDA; Partido Social Cristiá, CSP; Partido dos Demócratas Suízos, SD;
Alternativa Verde Socialista, SGA; Solidarios, SOL.
Economía e sociedade: A gran prosperidade económica suíza depende
principalmente da súa industria exportadora, principalmente manufacturas, alimenticio, servizos, enxeñería,
industria, financeiro, bancario e de aseguradoras, focalizado en torno a Zürich. O PIB per cápita suízo
supera os $43.000, un dos mais elevados do mundo. Un 68% da poboación habita en zoas urbanas.
A diversidade lingüística e un factor
determinante na sociedade suíza, sendo común o bilingüismo. A chamada “Suíza alemá”
corresponde ao 60% da poboación. Un 99% da poboación está alfabetizada, cun alto nivel cultural.
Un 20,4% da poboación suíza é
de orixe inmigrante, principalmente italianos, españois, portugueses, turcos, marroquís, balcánicos,
eslavos e latinoamericanos.
|