Dossier Exterior / nº 014-14/2006 de 18 de setembro Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior
Karzai, a OTAN e o retorno dos talibáns
Afganistán: violenta pacificación
 
 
Análise

     
   

Cinco anos despois dos atentados terroristas do 11-S e da operación militar en Afganistán, liderada por EEUU e os seus aliados co beneplácito da ONU e da OTAN, o panorama actual tralo derrocamento do réxime talibán neste país centroasiático presenta síntomas de caos e violencia, xerando unha sensación de fracaso na transición pro-occidental dirixida polo actual presidente Hamid Karzai.

Practicamente esquecida da atención mundial trala guerra de 2001, relegada polos conflitos de Oriente Medio, especialmente Iraq, Afganistán experimentou no verán de 2006 a ofensiva máis sanguenta da súa posguerra, enmarcada na confrontación entre as tropas da Forza Internacional de Asistencia para a Seguridade, ISAF, e as milicias talibáns, principalmente fortes nas provincias do sur do país entre Kandahar, Helmand e Uruzgan.

Mesmo, no propio centro da capital Cabul, o pasado 8 de setembro, tres ataques suicidas causaron 17 mortos, dous deles soldados estadounidenses. No que vai de 2006, as vítimas mortais entre civís e militares achéganse ao millar de persoas mentres os ataques suicidas eleváronse aos 47, en comparación cos 21 ocorridos no 2005.


A incapacidade da OTAN

A aparentemente imparable explosión de violencia completouse coa activación da “Operación Medusa” por parte da ISAF a finais de agosto e que, segundo datos outorgados pola OTAN aínda que sen confirmar a súa total veracidade, puideron causar a morte a 420 efectivos das milicias talibán. Esta ofensiva concentrouse na rexión sureña de Kandahar e na provincia de Paktia, ao este do país, neste último ataque provocando a morte do seu gobernador, Abdul Hakim Taniwal.

Non obstante, o comandante da ISAF e da Alianza Atlántica da OTAN en Afganistán, o británico James J. Jones, recoñeceu o pasado 9 de setembro durante unha xuntanza urxente en Varsovia que estas forzas amosaban a súa incapacidade para afrontar a eficaz ofensiva talibán. Jones pediu incluso a ampliación das tropas estranxeiras de 17.000 a 19.000 efectivos, para ser concentradas en torno a Kandahar e o sur, tralo traspaso de mando militar realizado o pasado 31 de xullo por parte de Washington á OTAN nestas rexións.

Por mandato da ONU, a OTAN ten a responsabilidade de establecer un sistema político, legal e militar para Afganistán, en conxunto co goberno de Karzai e as súas incipientes forzas armadas e ao marxe das operacións antiterroristas que realiza Washington neste territorio. A petición de Jones foi recibida por Canadá e polo Exército Nacional Afgano, os cales enviarán un total de 2.000 efectivos á rexión.


Os temores de Paquistán

Paralelamente, o 8 de setembro en Cabul, reuníronse os presidentes de Afganistán e Paquistán, Hamid Karzai e Pervez Musharraf, cunhas relacións que veñen sendo tirantes desde hai meses pola incapacidade de ambos gobernos, principalmente por parte paquistaní, para poder conter aos simpatizantes talibáns que pasan da fronteira afgano-paquistaní, para combater en Kandahar e cometer atentados en Cabul.

Nesta estratéxica xuntanza entre estes dous aliados vitais de Washington, Musharraf recoñeceu oficialmente que o seu goberno celebrou recentemente xuntanzas secretas con líderes talibáns na rexión fronteiriza de Waziristán, co obxectivo de intentar conter o avance do grupo independentista Exército de Liberación de Baluchistán, unha guerrilla que acomete duros enfrontamentos co exército paquistaní. Desde xuño, Musharraf enviou 80.000 soldados á fronteira afgana para combater aos rebeldes.

Existe un triángulo fronteirizo noroccidental entre Afganistán e Paquistán, conformado polas rexións de Waziristán, Chitral e a cordilleira do Hindu Kush, preto da Cachemira, onde estímase que pode estar localizada a cúpula de Al Qaida, incluído o propio Osama ben Laden. Este escenario crea inquietude tanto para Karzai e Musharraf como para EEUU, Gran Bretaña e a veciña India, pola potencial inestabilidade que pode espallar na rexión. Velaí os recentes reforzamentos dos acordos militares entre Washington e Londres con Cabul, Islamabad e Nova Delhi.


Un Iraq en Asia Central

Sopesando escenarios, a situación en Afganistán corre o risco de seguir o mesmo camiño que Iraq, presentando un caótico panorama que confirmaría cómo os procesos de transición e pacificación das dúas operacións militares post-11/S dirixidas por Washington dentro da estratexia da loita antiterrorista están desenvolvéndose cara o fracaso.

Dentro do seu delicado mosaico étnico e relixioso, Afganistán presenta todos os síntomas dun “Estado fracasado”: pobreza extrema, ilegalidade rampante, ausencia de institucións estables, fraxilidade estatal e dunha economía estruturada, inexistencia dunha sociedade civil dinámica e presenza militar estranxeira para garantir un goberno que, aínda que foi elixido democraticamente, amosa sinais de debilidade e impopularidade. Como Iraq, Afganistán semella deslizarse cara unha guerra civil que podería ter serias repercusións no panorama xeopolítico rexional.

A autoridade presidencial de Karzai non semella provocar unha total lexitimidade estatal e territorial, precisamente pola anarquía existente en determinadas zoas, onde predomina a ausencia do poder central, suplantada pola autoridade tradicional e coactiva dos xefes tribais e os “señores da guerra”. Incluso a recen aprobada estrutura legal impulsada por Karzai, mestura do carácter laico occidental e as tradicións islámicas, nótase relegada polo código tribal e a súa autoridade tradicional. Tampouco existe unha sólida autoridade por parte da Loya Jirga ou Asemblea xeral que funciona como Parlamento, cun poder artificial que aumenta a falta de credibilidade gobernamental.

Aínda que Karzai pertence á etnia pastuna, maioritaria no país e principal soporte étnico dos talibáns, a actual estrutura de poder en Afganistán céntrase nas etnias tadxika e uzbeca, con funcionarios que a ocupan a maior parte dos cargos dentro da débil estrutura administrativa estatal. Igualmente, a escasa cultura política afgana e a inexistencia dunha sólida sociedade civil, explica a lealdade dos afganos aos seus clans tribais como verdadeiros factores de poder.

Para Karzai ven sendo unha política oficial a constante negociación cos diversos “señores da guerra” e xefes tribais para poder obter un mínimo de autoridade gobernamental. O poder dos “señores da guerra” da conta do dividido mapa político e territorial afgano. Dentro dos comandantes da Alianza do Norte, aliada de Washington e Londres contra o réxime talibán, destaca a seguinte división: os herdeiros do comandante tadxico Ahmed Shah Massoud, agrupados en torno ao movemento Jamiat-e-Islami e o seu líder Burhanuddin Rabbani, dominan Cabul e o nordeste; o grupo do comandante uzbeco Rashid Dostum controla unha parte do noroeste, xunto ás milicias de Ismail Khan en torno á estratéxica cidade de Herat; e os xiítas da etnia hazara, do movemento Hezb-i-Wahdat, controlan o centro montañoso de Hazarajat.

No quinto aniversario do 11-S, en Washington e Bruxelas aínda toman por sorpresa os derradeiros ataques talibáns, que agora xa comezan a concentrarse na rexión central en torno a Cabul, bastión aparentemente inexpugnable pola presenza do comando da OTAN e dalgunhas forzas locais aliadas a Karzai. En total, son 37 países os que aportan as 40.000 tropas da OTAN en Afganistán, destacando entre eles EEUU, Gran Bretaña, Alemaña, Canadá, España, Francia, Lituania, Polonia, Turquía, Italia, Nova Zelanda, Noruega, Holanda e Suecia.

Esta directa implicación occidental en Afganistán provoca tamén diferenzas en torno á achega de efectivos, o control de determinadas rexións e a necesidade ou non de manter tropas nun país sumido na anarquía, co consecuente risco de sufrir elevadas baixas militares que provoquen crises políticas nos seus países de orixe.

Toda esta conxuntura tamén inflúe na perda de confianza e credibilidade por parte do goberno de Karzai e da estratexia estadounidense en Afganistán, excesivamente implicada en asuntos militares de seguridade.


Droga e corrupción

Tanto como a ofensiva militar talibán afecta negativamente ao goberno de Karzai e as tropas internacionais da OTAN, existe unha elevada sensación de frustración entre os afganos pola rampante corrupción do actual goberno, a ausencia dunha mínima estrutura económica que permita saír da pobreza e a inexistencia de sólidos mecanismos de xustiza, sometidos principalmente aos imperativos militares e de seguridade.

Outro elemento de importancia o constitúe a elevada produción de opio, co cal estase a constituír como a principal e mais rentable actividade económica en Afganistán e evidencia o fracaso occidental na loita por erradicar ou ben controlar o seu cultivo. O pasado 2 de setembro, o informe anual do Organismo da ONU para a Loita contra a Droga e as Mafias, UNODC, confirmou que no 2006, Afganistán producirá o 92% da produción mundial de opio, cun crecemento dun 49% no cultivo das amapoulas opiáceas, dentro dunha superficie dedicada a este cultivo do 59% do territorio afgano.

A pesares dos 2.000 millóns de dólares en axudas da ONU ao goberno de Karzai para combater o cultivo de opio e convencer aos agricultores apara que abandonasen a súa produción, o informe recoñece que na sureña provincia de Helmand, o masivo cultivo e produción está literalmente fora de control dos organismos internacionais e do poder central.

Pola súa banda, unha ONG europea, The Senlis Council, que defende para Afganistán unha legalización da produción do opio pero baixo licenza internacional, informou en xuño pasado no seu reporte “Afganistán cinco anos despois: o regreso dos talibáns”, que “as políticas de erradicación do cultivo de opio impostas pola comunidade internacional contribuíron ao descontento da poboación local”, principalmente nas provincias do sur onde se establecen as milicias talibán.

Este informe se complementa coa advertencia de que nestas rexións “o apoio das poboacións á presenza militar internacional e o goberno central desapareceu nas derradeiras semanas” e que existe un “estado de guerra”. Igualmente, se especifica cómo a produción de opio contribúe ao financiamento das milicias talibán e doutros “señores da guerra”, demasiado interesados en manter baixo o seu control estas rexións.

Existen tamén acusacións de que diversos ministros do goberno de Karzai están implicados en tráfico de drogas, feito que provocou nos derradeiros meses diversos enfrontamentos políticos internos na administración que obrigou a Karzai a pactar de novo cos “señores da guerra” e os xefes tribais, para garantir a súa fráxil gobernabilidade.

Concentrado nesta puxa política interna e na ofensiva talibán, Karzai veuse na necesidade de renunciar á axenda de modernización nacional pactada no 2001 e someter o seu mandato aos imperativos de seguridade occidentais, en detrimento da axenda social, afondando na escaseza e na frustración social.


O risco de “talibanización” rexional

Así como refuxio de Al Qaida e os “yihadistas internacionais”, para Washington o réxime talibán en Afganistán constituía un factor de preocupante inestabilidade en Asia Central, pola potencial capacidade de expansión rexional deste movemento nas veciñas Paquistán, Tadxikistán, Uzbekistán e Kirguizistán.

Trala guerra de 2001, os talibáns tiveron unha relativa marxe de tempo para reorganizarse nas cinco provincias sureñas que hoxe controlan, ocupando o baleiro estatal e a frustración popular pola paralización das promesas de reconstrución, principalmente de infraestruturas eléctricas, as autoestradas, os servizos sanitarios, as vivendas, a auga e a actividade económica. O seu repentino retorno como forza militar organizada ven sendo cualificada como os “neotalibáns”, cun apoio popular que comeza a medrar na medida en que se afonda a pobreza, a debilidade estatal e o desinterese da comunidade internacional.

Paralelamente, existe o temor en Occidente de que os “neotalibáns” comecen a configurar relacións de cooperación con grupos e movementos islamitas en Paquistán e Cachemira, tales como o Jaish-e-Mahoma (Exército de Mahoma), o ul-Mujadehim de Karakat, o indio Lashkar-e-Toiba (“Exército dos Puros”, acusado dos recentes atentados en Bombai), e o poderoso Movemento Islámico de Uzbekistán, IMU, que opera en Afganistán, Tadxikistán e Uzbekistán e que mantén unha dura puxa contra o autocrático réxime de Islam Karímov, aliado militar estadounidense. Tamén se sospeita que aínda existe un apoio externo loxístico e financeiro ás milicias talibán, procedente de Arabia Saudita e algúns emiratos petroleiros do Golfo Pérsico.

A presenza de réximes corruptos e autocráticos en Asia Central, algúns deles aliados militares occidentais, potencia o posible aumento dos grupos islamistas “yihadistas”, proclives a manter contactos cos talibáns e outros movementos locais asociados a Al Qaida e a súa estratexia da “yihad global”. Non se debe esquecer que Asia Central é unha ampla rexión de importancia xeopolítica e enerxética, onde EEUU, Rusia, China e Irán, así como os movementos islamitas, puxan por obter cotas de poder.

A modo de conclusión, e a pesares dos avances en materia de eleccións democráticas, o Afganistán post-talibán evidencia un marcado fracaso da estratexia de Washington para traer a democratización e pacificación de Asia Central. Cinco anos despois do 11-S, a inestabilidade afgana aumenta a sensación de conflitividade rexional e de constante explosión social.

     
     
Figuras clave

     
   

Ahmed Karzai: (49 anos) Primeiro presidente de Afganistán elixido democraticamente, en decembro de 2004. Anteriormente, foi presidente da Autoridade Transitoria Interina no 2002, elixido pola Loya Jirga e home de negocios vinculado á multinacional petroleira estadounidense Unocal.

A comezos dos noventa, Karzai apoiou aos talibáns e foi un dos elementos máis activos nos iniciais contactos entre Unocal, o goberno de Bill Clinton e os talibáns para a construción dunha rede de distribución de oleodutos e gasodutos dende o Océano Índico ata o Mar Caspio, con Afganistán como eixe central.

Pervez Musharraf: (63 anos) Xeneral paquistaní, ocupou o poder en outubro de 1999 mediante un golpe militar, ratificado oficialmente como presidente de Paquistán en xuño de 2001. Estreito aliado político e militar de Washington e Londres tralo 11-S, no pasado recente Musharraf dirixiu o poderoso servizo secreto paquistaní ISI, vinculado ao apoio occidental aos mujahiddin afganos que loitaron contra os soviéticos entre 1980 e 1989 e que, algúns deles, posteriormente conformaron as milicias talibán.

Para Washington e Londres, semella extremadamente necesaria a súa continuidade no poder, de cara ás eleccións presidenciais do 2007. Pero a súa situación interna, aínda que non tan impopular como Karzai, non está completamente garantida.

Abdul Rashid Dostum: Xefe do Movemento Nacional Islámico, grupo político e militar da etnia uzbeca, pertencente á Alianza do Norte que contribuíu á vitoria primeiro contra os soviéticos e despois contra os talibáns no 2001. Dostum é un dos mais poderosos “señores da guerra” afganos, cunha considerable influencia nos asuntos políticos locais.

Ismail Khan: Ex combatente contra o invasor soviético e ex gobernador da provincia de Herat, de orixe tadxico, é tamén un dos personaxes militares e políticos máis influentes do Afganistán post-talibán. Traballa na defensa dos dereitos dos musulmáns xiítas. Se considera que recibe apoio directo de Irán. Sufriu un intento de asasinato no 2005 en Herat.

Burhanuddin Rabbani: De orixe tadxico, ex presidente de Afganistán (1992-1996), ex heroe contra a invasión soviética, actualmente é o líder do Jamiat-e-Islami, o partido político máis forte dentro da Alianza do Norte.

Mulah Omar: Durante o período talibán (1996-2001), foi a cabeza visible do Califato de Afganistán e amigo persoal de Osama ben Laden. Os seus seguidores o cualificaban como o “Comandante da Fe”. Trala caída do réxime talibán, o seu paradoiro é descoñecido. Posiblemente escondido no sur do país, pode estar a liderar o retorno dos “neotalibáns”.

Mahmoud al-Khatani: De nacionalidade saudita, é un dos catro militantes de Al Qaida que escaparon da prisión de Bagram en xullo de 2005, para reorganizar á milicia talibán no sur afgano. En xaneiro de 2006 anunciou o lanzamento dunha “guerra de terror” por parte dos “Mujahiddin de Al Qaida” e a súa unión cos talibáns contra o goberno de Karzai e as forzas militares estranxeiras.

James J. Jones: De nacionalidade británica, é o comandante da Forza Internacional de Asistencia para a Seguridade, ISAF, principal órgano da OTAN que vela pola estabilidade de Afganistán. Célebre por certificar publicamente a incapacidade da OTAN para conter ás milicias talibán no sur do país.

Ahmed Shah Massoud: Nado en 1953, asasinado por Al Qaida o 9 de setembro de 2001. De orixe tadxico, Massoud converteuse no líder militar da Alianza do Norte que combateu a invasión militar soviética, principalmente no vale do Panchir. Inimigo do Talibán e, por consecuente, de Osama ben Laden, foi ministro de Defensa durante o convulsionado goberno de Burhanuddin Rabbani (1992-1996), anterior á chegada dos talibáns.

     
     
Radiografía de Afganistán

     
   

Nome oficial: República Islámica de Afganistán (Jomhuri-ye Eslami-ye Afghanestan).

A partires da retirada militar soviética de 1989, prevalece unha situación de confusión constitucional tendente á guerra civil entre as distintas faccións étnico-políticas. As milicias fundamentalistas do Talibán toman o poder en Cabul en setembro de 1996, instituíndo o Califato e o goberno da Sharia ou lei islámica.

Os atentados terroristas do 11 de setembro de 2001 marcan o destino do Talibán, trala invasión militar liderada por Washington que permitiu o desaloxo do Talibán do poder.

Os acordos de Bonn en decembro de 2001 instituíron unha autoridade interina baixo a presidencia de Hamid Karzai e as forzas da OTAN e a ONU. Karzai foi elixido democraticamente en decembro de 2004 como presidente.

Poboación: 27.700.000 habitantes. Estímase que existen 4 millóns mais nas veciñas Paquistán e Irán.

Área: 652.090 km2.

Goberno: Un referendo constitucional celebrado no 2003, non exento de dificultades políticas, permitiu concretar o carácter de República Islámica para Afganistán, intentando conciliar os valores republicanos cos tradicionais islámicos. As xefatura de Estado e de Goberno están concentradas nas mans de Hamid Karzai. Segundo a nova Constitución, ningunha lei pode ser “contraria ao Islam”.

Poder lexislativo: A Loya Jirga ou Gran Consello e Asemblea Xeral de comunidades étnicas e políticas, instituída en decembro de 2001 e con funcións operativas desde xuño de 2002, conforma o Parlamento Nacional afgano. É bicameral: a Wolesi Jirga o Casa do Pobo (240 escanos), elixido directamente para cinco anos; e a Meshrano Jirga, ou Casa dos Anciáns, de 102 escanos, determinado por eleccións locais e provinciais.

División administrativa: 34 provincias (vilayat): Badakhastan, Badghis, Baghlan, Balkh, Bamian, Daykondi, Farah, Faryab, Ghazni, Ghowr, Helmand, Herat, Jowzjan, Cabul, Kandahar, Kapisa, Khowst, Konar, Kondoz, Laghman, Lowgar, Nangarhar, Nimruz, Nurestan, Oruzgan, Paktia, Paktika, Samangan, Sar-e Pol, Takhar, Vardak, Zabol.

Composición étnica, lingüística e relixiosa: Existe un variado mosaico étnico e relixioso, principalmente determinado polo masivo tránsito de poboación e a estratéxica localización xeográfica de Afganistán dentro de Asia Central. Non obstante, a constante anarquía e violencia dos derradeiros 30 anos e a inexistencia dunha autoridade administrativa centralizada e eficaz explican a carencia de datos e rexistros completamente fiables.

A diversidade étnica e lingüística permite diferenciar entre as seguintes comunidades: a etnia pastuna, de orixe indo-paquistaní e que conforma o 40% da poboación afgana; as etnias tadxica e uzbeca, de orixe túrquico; as etnias hazara e dari, de orixe persa. Tamén existen comunidades de turkmenos, baluches, aimacos e incluso xudeus.

A lingua afgana-persa ou Dari é oficial e falada nun 50% da poboación. O pastún o fala un 35%, mentres as linguas túrquicas como o uzbeco e o turkmeno o falan o 11%. Existen unhas 30 linguas minoritarias, asemade dun marcado bilingüismo en varias comunidades.

A comunidade musulmán sunnita conforma aproximadamente o 84% da confesión relixiosa dos afganos, mentres os musulmáns xiítas conforman o 15%. O 1% restante se localiza en comunidades de xudeus, mazdeístas e hindús.

Partidos políticos: Coa nova estrutura política, determinada mais por razóns relixiosas e tribais que ideolóxicas, existen un total de 42 partidos políticos admitidos polo Ministerio de Xustiza. Nos nomes oficiais destes partidos, existe unha constante referencia ao Islam e a Afganistán como nación.

Os principais partidos con maior representación parlamentaria son: Jombesh-e-Milli, do comandante Abdul Rashid Dostum; Hezb-e-Wahdat-e-Islami Afganistán; Hezb-e-Wahdat-e-Islami Madum-e-Afganistán; Hezb-e-Wahdat-e-Milli Afganistán; Hezb-e-Nuhzhat-e-Mili Afganistán, de Ahmad Wali Massoud, sucesor de Ahmed Shah Massoud, comandante asasinado por Al Qaida dous días antes do 11-S; e Harakat-e-Islami Afganistán.

Existen outros movementos políticos con gran influencia, como o Jamiat-e Islami, ou Sociedade do Islam, do ex presidente Burhanuddin Rabbani; o Ittihad-e-Islami, ou Unión Islámica pola Liberación de Afganistán, así como outros grupos monárquicos, comunistas e laicos republicanos.

Economía: Basicamente rural e pouco urbanizado, Afganistán é un dos países mais pobres do mundo, cun PIB per capita de 800 dólares por habitante, unha taxa de inflación superior ao 50% e unha marcada superioridade da actividade agrícola primaria, do 80% da poboación economicamente activa. A violencia e a guerra determinan tamén a escasa actividade económica e a carencia de infraestruturas físicas.

Segundo datos das Nacións Unidas, Afganistán posúe diversos recursos naturais que poden estruturar unha economía autosuficiente. Existen reservas de gas natural, petróleo, cobre, metal, sulfuro, zinc, sal e pedras preciosas. A variada estrutura morfolóxica e xeográfica permite observar en Afganistán desde zoas desérticas áridas e semiráridas ata fértiles vales e salvaxes macizos montañosos e condicionar unha estratéxica posición xeográfica entre Oriente Medio, Asia Central e o subcontinente indio.

Non obstante, a principal actividade que está a potenciar economicamente a diversas comunidades agrarias é o cultivo do opio e das amapolas. Afganistán é dos principais produtores e distribuidores mundiais de droga, a traveso de diversas rutas por Asia Central. Se considera que un 40% da riqueza nacional provén na actividade do narcotráfico.

A pesares do entusiasmo inicial e das axudas internacionais (8 mil millóns de dólares no 2002), a paralización do programa de reconstrución das infraestruturas, principalmente eléctricas, determina a actual frustración social. O orzamento nacional está excesivamente concentrado nos aspectos militares e de seguridade, relegando os aspectos sociais que conforman a maior necesidade da poboación. Afganistán segue tamén a depender en grande medida dos donantes internacionais.

Sociedade: Os indicadores sociais de Afganistán son aínda máis preocupantes e graves. A esperanza de vida sitúase ao redor dos 46 anos, a taxa de mortalidade infantil é a mais alta do mundo, rexistrada en 144,76 decesos por cada 1.000 nacementos. Segundo a ONU, un total de 7 millóns de persoas son vulnerables á fame.

Existen un total de 900.000 persoas en permanente situación interna de desprazamento, mentres os refuxiados se contabilizan en cinco millóns de persoas en diversos países veciños, principalmente Paquistán e Irán, a partires do 2001. As secuelas da guerra permiten colocar a Afganistán como o país con maior número de minas antipersoais do mundo.

A taxa de alfabetización é unha das máis baixas do mundo, con apenas un 36% da poboación. A poboación que vive en cidades apenas se achega ao 23%. A pesares do relativo éxito no programa oficial de reconstrución do sistema educativo no 2003, existen diferenzas políticas que obstaculizan a adopción de reformas modernas nunha sociedade profundamente tradicional e marcada pola lei islámica.

A pesares de tímidos avances iniciais e do amparo legal, a situación da muller segue a ser precaria nos diversos aspectos da sociedade.

     
     
Revista de prensa

     
1   Afganistán: a cinco años del 11/9, el Talibán regresa”, por Sanjay Suri, en InterPress Service (Italia), 11 de setembro de 2006.

“Cinco años después del 11 de septiembre, Afganistán es uno de los países más pobres del mundo y el hambre cunde en el frágil sur del país” (...) “La línea del frente de Talibán divide en dos el territorio del país y domina todas las provincias del sur”.
     
2   Más soldados para liberar Afganistán”, por Angela Göpfert, en Deutsche Welle (Alemaña), 8 de setembro de 2006.

Ante lo catastrófico de las condiciones, a la OTAN le quedan en Afganistán dos alternativas posibles: aceptar el fracaso y abandonar las provincias a su propia suerte y a la voluntad de los talibanes, o lograr imponer “la ley y el orden” también en el sur del país, para lo cual, con 2.000 soldados más, la Alianza apenas tendría fuerzas necesarias para comenzar.
     
3   Afghanistan: the Intensifyng fight”, en Strategic Forecasting, Stratfor (EEUU), 8 de setembro de 2006.

The fighting will likely continue to be intense until winter weather conditions close off the militants' supply routes though the mountains along the Afghanistan-Pakistan border.
     
4   The Taliban will be back in power if the West doesn't narrow its ambitions”, por Max Hastings, en The Guardian (Gran Bretaña), 11 de setembro de 2006.

Yet it seems impossible for westerners to aspire to transform the entire culture of the country, simultaneously with erradicating opium and beating the Taliban. Presidente Karzai will never govern his country successfully on a western democratic model. Whatever form of rule evolves there, in western eyes it is unlikely to be pretty. The best we can hope is that it will prove less ugly than that of the Taliban.
     
5   Afganistán se hunde en la violencia y la corrupción”, por Georgina Higueras, en El País (España), 10 de setembro de 2006.

Cinco años después de que los sufridos afganos recibieran como una bocanada de aire fresco el acuerdo entre Estados Unidos y la Alianza del Norte para echar de Kabul a uno de los regímenes más represivos del planeta, la sombra de Irak planea sobre Afganistán y rompe su confianza en el futuro.
     
6   Taking on the Taliban”, en The Economist (Gran Bretaña), 9 de setembro de 2006.

As in Iraq, America's declaration of victory against Afghanistan's old regime was premature. Chased from Kabul, the Taliban's black-turbaned Pushtun fighters returned to their villages in southern Afghanistan, or to Pakistan's autonomous Pushtun tribal region.
 
Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/09/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta