|
Aparentemente marxinada da atención dos grandes medios
informativos, a situación social e política en Bélxica está a xerar acontecementos
de grande importancia dentro do debate da estrutura federal dos Estados nacionais europeos, principalmente pola
renovación das tensións, neste caso lingüísticas, entre as súas dúas principais
comunidades: os flamencos e os valóns.
A última polémica xurdiu logo das declaracións
realizadas polo ministro-Presidente (equivalente ao cargo de gobernador) da rexión neerlandesa de Flandes,
Yves Leterme, ao xornal francés Libération, o pasado 18 de agosto. Neste medio, Leterme explicaba
que, historicamente, Bélxica constituía un “Estado artificial” e un “accidente histórico”,
onde a preponderancia política da comunidade valona determinou unha marxinación cultural e lingüística
para a comunidade flamenca.
Neste sentido, e tendo en conta a actual realidade constitucional
e social en Bélxica, Leterme dubidaba da “capacidade intelectual” dos francófonos valóns de
aprender o neerlandés. Incluso comentou que a fenda entre flamencos e valóns nunca antes fora tan
profunda como agora.
Inmediatamente, as reaccións políticas e sociais
cara as palabras do gobernador de Flandes deixaron entrever unha renovación nas tensións entre ambas
comunidades, aflorando novas demandas de encaixe constitucional. O diario máis influínte en Bélxica,
Le Soir, rexeitou categoricamente as palabras de Leterme, acusándoo da posibilidade dunha ruptura no carácter
unitario do Estado belga.
O tenso panorama político
Ministro-presidente desde o 2004 na rexión do Flandes,
Leterme é un político conservador que pertence ao partido CDV (Christen-Democratisch en Vlaams, Democracia
cristiá de Flandes), un partido de centro-dereita con estreitos vínculos cos partidos nacionalistas
flamencos.
Considerado unha das figuras políticas máis relevantes
no actual escenario belga, Leterme ven centrando a súa política en reforzar o carácter autonómico
da rexión flamenca do Flandes, garantido pola reforma constitucional de 1993, a cuarta que experimenta Bélxica
dende 1970. Na súa reveladora entrevista, o gobernador flamenco expuxo a súa visión dun eventual
Flandes independente mentres remarcaba as principais diferenzas culturais entre os francófonos e os neerlandófonos.
Sen procurar simpatías políticas cara o bloque
flamenco, as declaracións de Leterme se enmarcan nunha conxuntura influída polo considerable ascenso
do Vlaams Blok, VB (Bloque Flamenco), partido nacionalista de extrema dereita, xenófobo e antiinmigración,
que ten experimentado un imparable ascenso electoral desde 1991 que provoca temores diante dos defensores do carácter
unitario estatal, entre os francófonos e entre os inmigrantes, principalmente marroquís e turcos.
O Vlaams Blok, co seu principal líder é Frank
Vanhecke á fronte, posúe un 11,3% dos escanos no Parlamento belga e un 18% na asemblea de Flandes,
composto por un mosaico de partidos que reparten case a escanos iguais a súa representación parlamentaria.
Mesmo, o VB converteuse nas eleccións municipais de outubro de 2000, no principal partido nas dúas
principais cidades, a capital Bruxelas e Amberes.
O ascenso do VB no panorama político belga e as demandas
dos partidos flamencos por unha maior autonomía sitúa nunha situación complicada ao goberno
do primeiro ministro Guy Verhofstadt, líder dos liberais flamencos que conformou un goberno de coalición
cos ecoloxistas desde xullo de 1999 ata o 2003, para posteriormente gobernar cos socialistas.
Resulta evidente que Verhofstadt, firme defensor do carácter
unitario do Estado belga pero aínda máis fervente europeísta, tenta conciliar as demandas
dos partidos nacionalistas flamencos máis moderados, co obxecto de conter o ascenso do VB.
É Bélxica un Estado nación?
Non existe consenso histórico sobre o carácter
nacional de Bélxica, que ten sido definido dende posicións antagónicas e débiles nalgúns
sentidos. Algunhas incluso tendentes a adoptar o concepto de “Estado artificial”, outorgado polo propio Leterme.
Outros prefiren conciliar estas posicións considerando que existe unha nación belga, cuxa forma de
goberno de monarquía parlamentaria permite ao monarca constituírse como o garante da unidade nacional
e a cohesión social.
A independencia de Bélxica dos Países Baixos aconteceu
en 1830, cando a burguesía de Bruxelas se rebelou contra das autoridades neerlandesas. A independencia das
chamadas “provincias do sur”, para posteriormente denominarse Bélxica, foi materializada coa Constitución
de 1831, con apoio militar e económico francés.
Sen embargo, as potencias europeas evitaron unha posible anexión
francesa do territorio grazas á proposta inglesa de invitar a un príncipe alemá a encabezar
a monarquía belga. Desde entón, Londres constituíse no garante da independencia nacional belga,
diante das presións holandesas, francesas e alemás.
De tal xeito foi a preponderancia do factor británico
na consolidación do Estado belga que, cando o Imperio Alemán invadiu Bélxica en agosto de
1914, o goberno británico declarou inmediatamente a guerra a Berlín, aducindo o compromiso formal
adquirido por Londres cos belgas.
Sen embargo, existían diferenzas internas entre os belgas,
principalmente de orde étnica, lingüística e cultural. A Constitución de 1831 garantiu
a existencia da monarquía parlamentaria, así como do francés como única lingua oficial.
Esta preponderancia francófona da comunidade valona inmediatamente provocou o xurdimento de tensións
e presións por parte da comunidade neerlandesa flamenca.
Non foi ata finais do século XIX cando os flamencos lograron
que se recoñecera o neerlandés como lingua, principalmente debido ao aumento demográfico desta
comunidade. Na verdade, non se realizaron modificacións de carácter lingüístico e federativo
á Constitución de 1831, evitando encarar o problema e limitándose a aprobar leis como o sufraxio
universal masculino.
As dúas guerras mundiais de 1914 e 1939 e, fundamentalmente,
a ameaza exterior alemá, permitiron amortecer temporalmente as tensións entre flamencos e valóns.
Na II Guerra Mundial, Bélxica anunciou a súa neutralidade no conflito, pero a invasión nazi
(co apoio dos grupos nazi-fascistas locais comandados por León Degrelle) deu lugar ao movemento de resistencia
interno.
A posguerra significou a inclusión de Bélxica
nos organismos de integración continentais, principalmente de carácter económico (Benelux
e Comunidade Económica Europea) e de defensa (OTAN). Mais o novo estatus non evitou a renovación
das tensións entre flamencos e valóns, especialmente a partires da década dos sesenta. A rápida
industrialización belga permitiu á rexión de Flandes superar, a partires de 1961, a Valonia
como a principal rexión económica do país. Paralelamente, a poboación flamenca comezou
a superar demograficamente á valona.
Entre 1962 e 1970, adoptáronse diversas leis sobre o
uso das respectivas linguas nos ámbitos educativo, administrativo e xudicial, baseadas no monolingüísmo
en Flandes e Valonia e no bilingüismo en Bruxelas. Pero a crispación interterritorial afectou incluso
aos partidos políticos nacionais, coas escisións dos partidos socialcristiá e socialdemócrata
nas súas respectivas seccións flamenca e valona.
As reformas constitucionais
Para aliviar as tensións, Bélxica experimentou
catro reformas constitucionais en 1970, 1980, 1988 e 1993, sendo a primeira e a última as máis significativas,
xa que permitiron transformar o carácter unitario rexional estatal cara a un máis federal.
A reforma constitucional de 1970 dividiu a Bélxica en
tres Comunidades “culturais”: Flamenca, Valonia e Xermánica. En 1980, institucionalizáronse tres
Rexións: Flandes, Valonia e Bruxelas-Capital. En 1993, última reforma e actual marco constitucional
belga, ratificado e promulgado o 17 de febreiro de 1994, Bélxica adoptou un carácter federal estatal
composto por dous tipos de entidades federadas: as Rexións e as Comunidades.
Ambas colectividades políticas posúen unha asemblea
ou consello, un órgano lexislativo elixido directamente por sufraxio universal directo, un goberno e un
órgano executivo. Incluso existe un Colexio Electoral francés e un Colexio Electoral neerlandés
que elixen o Senado. No norte de Bélxica, onde está a Rexión de Flandes, e a Comunidade flamenca,
estes órganos practicamente se fusionaron, caso contrario da Rexión de Valonia. Deste xeito, practicamente
logrou materializarse unha división territorial entre o norte flamenco e neerlandés e o sur valón
e francófono.
Así mesmo, a revisión constitucional do 5 de maio
de 1993, mudou a configuración xurídica e política do Estado, mudando o carácter de
división territorial que tiña a provincia a un de circunscrición territorial das Rexións.
Un exemplo é a provincia de Brabante, onde se atopa a capital e que quedou dividida nunha provincia flamenca,
outra valona e Bruxelas, que asume algunhas competencias provinciais.
Non obstante, en determinadas áreas Bélxica segue
a constituír un Estado basicamente unitario, tomando en conta a forte unidade do Poder Xudicial, a ausencia
de intervención das institucións federadas nos procedementos de reforma constitucional e a reducida
capacidade de autoorganización das Rexións e Comunidades.
Algúns analistas constitucionais como F. Delpérée
consideran que a reforma de 1993 non posibilitou a creación dun sistema bicameral cun Senado forte, que
permitira constituírse como foro de igualdade para os representantes rexionais ou comunitarios, e que permitira
consolidar un carácter mais federal e autonómico.
Segundo este autor, “Bélxica transformouse nun Estado
federal composto por Comunidades e Rexións, integradas nunha monarquía parlamentaria racionalizada
cun bicameralismo imperfecto, na que as dúas cámaras federais, a de Representantes e o Senado, exercen
o poder lexislativo federal, co concurso formal do Rei. Pola súa banda, o goberno federal, o poder executivo
federal, emana e depende enteiramente da confianza da Cámara de Representantes”.
O asunto das competencias
A reforma constitucional de 1993 estableceu que o goberno federal
belga conservase todas aquelas competencias que non teñan sido explicitamente outorgadas ás Rexións
e Comunidades, como defensa, política exterior, xustiza, seguridade, o marco normativo da unión económica
e monetaria, a agricultura, a seguridade social e a organización das provincias e municipalidades.
As competencias das Rexións se limitan á planificación
urbana e espacial, medio ambiente, o uso da terra e a natureza, vivenda, política económica, enerxía,
emprego, infraestruturas, políticas hidrográficas, transporte, financiamento e control estatutario
das provincias e municipalidades.
En canto ás competencias das Comunidades, estas son relativas
ás políticas culturais, educación, medios de comunicación, o uso da lingua, a formación
vocacional, saúde pública, benestar social (menos a seguridade social), familia, integración
dos emigrantes, xuventude, políticas para a terceira idade, minusválidos e investigación científica.
No asunto fiscal, tanto as Rexións como as Comunidades
poden establecer impostos nos ámbitos que non sexan obxecto dunha imposición fiscal federal. Igualmente,
as tres Rexións e Comunidades poden promulgar decretos, equiparables ás leis estatais.
No caso de Bruxelas, esta Rexión está dotada dun
estatuto bilingüe e o seu consello rexional está formado por dous grupos lingüísticos,
un francófono e outro neerlandés, así como as asembleas lexislativas federais.
Un conflito durmido
Deste reparto de competencias se deduce que, mentres as Comunidades
son o produto das aspiracións para a autonomía cultural, as Rexións corresponden esencialmente
a reivindicacións de orde socioeconómica.
No entanto, a declaración de Yves Leterme reafirma que
as tensións entre flamencos e valóns seguen a flor de pel. Probablemente, a presenza dos organismos
comunitarios europeos en Bruxelas e unha elite política e económica tendente a favorecer o carácter
unitario estatal, permitirá amortecer as presións separatistas ou nacionalistas, aínda que
seguramente deberán conciliar as demandas autonomistas das súas dúas principais comunidades.
Dentro dunha Europa que encara un incerto proceso de integración
política, o caso belga permite tamén afrontar con maior énfase a tradicional cuestión
reivindicativa dos dereitos de recoñecemento para os distintos pobos europeos, fronte ao carácter
estatal predominante nos principais Estados nacionais europeos. As declaracións de Yves Leterme recolocaron
este tema no debate político europeo.
|