|
Considerado o maior pobo do mundo sen Estado, os kurdos se enfrontan
a unha das súas máis decisivas conxunturas históricas, incluso coa posibilidade de que se
alcance algún tipo de Estado independente ao norte de Iraq, conformado polo actual Kurdistán iraquí
en torno ás localidades de Mosul e Kirkuk.
Un Kurdistán independente provocaría un auténtico
reacomodo territorial en Oriente Medio, cun impacto paralelo ao que sería a conformación definitiva
dun hipotético Estado palestino. Estímase que existen pouco máis de 30 millóns de kurdos
repartidos en países como Turquía, Iraq, Irán, Siria, o Cáucaso e a diáspora
en Europa occidental, EEUU e Canadá. Velaí que un popular proverbio kurdo diga que “Oriente Medio
nunca estará en paz se non se soluciona o problema kurdo”.
Probablemente, a clave do futuro dun Estado kurdo independente
se atope no desenlace da transición post-Sadam Husein en Iraq. O norte de Iraq, de maioría kurda,
está a desenvolverse practicamente como un Estado independente, grazas á zoa de exclusión
aérea, protexida por EEUU e os seus aliados, que lles permitiu manter unha autonomía trala guerra
de 1991 e o apoio das forzas políticas e as milicias kurdas de Iraq á invasión anglo-estadounidense
do país no 2003.
Xunto a este escenario, actualmente preséntase unha renovación
da actividade armada dos grupos kurdos en Turquía, país que concentra entre 12 e 15 millóns
de kurdos, principalmente na zona do sueste do país, preto da fronteira turca co norte de Iraq. Este escenario
aumenta as tensións entre Turquía, os kurdos turcos, os kurdos iraquís e as autoridades de
Bagdad e amosa o desencanto dos kurdos de Turquía pola indefinición e atasco da súa situación
interna.
Do mesmo xeito, é probable que os partidos políticos
e grupos armados kurdos en Turquía poidan sentirse desprazados ante o relativo éxito dos kurdos de
Iraq. Por tanto, resulta importante analizar a situación dos kurdos nos principais países que inflúen
decisivamente na súa situación: Iraq, Turquía e a Unión Europea, sen esquecer as repercusións
en Siria e Irán.
Iraq
A volátil e perigosa transición iraquí
ten un pequeno apartado de certa estabilidade no norte dese país, o chamado Kurdistán iraquí.
A designación como presidente de Iraq, en abril de 2005, de Jalal Talabani, un dos mais coñecidos
líderes kurdos contra o réxime de Sadam Husein, condiciona unha boa parte da posibilidade de que
o norte de Iraq poida converterse nun Estado kurdo independente.
En xaneiro de 2006, os líderes das dúas principais
e rivais conformacións políticas do Kurdistán iraquí, a Unión Patriótica
do Kurdistán, UPK, comandada por Talabani, e o Partido Democrático do Kurdistán, PDK, de Masud
Barzani, asinaron un acordo de reunificación que remataba parcialmente as diferenzas entre ambos grupos
dende 1991, unha vez terminara a guerra do Golfo entre Iraq e unha coalición internacional comandada por
EEUU. A sede deste goberno está na localidade de Erbil.
Este acordo, denominado Alianza Kurda, garantiu os dereitos
das outras minorías étnicas e relixiosas do Kurdistán iraquí, tales son os casos dos
turcomans e os cristiáns asirios e caldeos, co cal practicamente estaban sentando as bases dun goberno autónomo
dentro dun Iraq en transición. Mesmo, desde o 2004, o Kurdistán iraquí acolle a pouco máis
de 20.000 cristiás do sur de Iraq, que escapan da violencia sectaria e a persecución de parte de
integristas sunnitas e xiítas.
Ao factor político, cada vez máis consolidado,
engádese o factor económico. As cidades de Mosul e Kirkuk posúen importantes xacementos petroleiros,
ambicionados polas multinacionais enerxéticas occidentais, principalmente estadounidenses. Velaí
que o control destes xacementos provocaron no pasado fortes enfrontamentos dentro dos distintos gobernos provisionais
iraquís.
Segundo estimacións estatísticas, estes xacementos
teñen capacidade para producir inicialmente uns 30.000 barrís diarios de petróleo, polo que
garantir o seu control significa ou ben poden revitalizar a golpeada industria petroleira iraquí ou ben
consolidar a suficiencia económica para un hipotético Estado kurdo. Neste apartado, a Alianza Kurda
enfrontouse ao anterior primeiro ministro iraquí, o xiíta Nuri Maliki, aliado do líder integrista
xiíta Muqtada al Sadr, contrario ao control kurdo dos xacementos de Mosul e Kirkuk.
Dende mediados deste ano, o goberno de Erbil comezou a outorgar
concesións de explotación petroleira entre Mosul, Kirkuk, Taq Taq e Koy Sanjak, a un consorcio suízo-turco,
Addax e Ginel Enerji, así como permitiu a exploración de pozos á compañía noruega
Det Nörske Oljeselskap, as canadenses Heritage Oil e Western Oilsands, a turca Petoil, a australiana Woodside
e a británica Sterling Energy.
A Alianza Kurda evitou mencionar calquera demanda independentista,
para non contrariar o artigo 108 da Constitución iraquí recentemente aprobada nun referendo no 2005,
e que obriga aos gobernos rexionais a subscribir acordos previos co goberno de Bagdad en materia económica.
Pero non é un segredo que o goberno de Erbil ansía algún tipo de estatuto independente: unha
petición realizada no 2004 polo “Movemento por un Referendo de Autodeterminación”, recolleu un millón
de sinaturas sobre catro millóns de habitantes. Aínda así, os principais xefes kurdos negocian
con Bagdad a constitución dun Iraq federal.
No Kurdistán iraquí obsérvase certa estabilidade
económica e social e unha maior conformación política interna. Pero tamén acentuáronse
as presións militares externas, principalmente por parte de Turquía, para abortar calquera experimento
independentista que repercutira fora das fronteiras iraquís.
Turquía
A pesares de determinados avances desde o 2002 no recoñecemento
da lingua e cultura kurda, principalmente acelerados polo goberno turco de Bulent Eçevit e o actual islamita
de Recep Tayip Erdogan diante da necesidade de negociar rapidamente a admisión turca á Unión
Europea, a situación dos kurdos de Turquía segue a ser precaria, acosada pola presión política
e militar do goberno turco e paralizada en canto ás discusións sobre a autonomía na zona sueste
do país, en torno á localidade de Diyarbakir.
Precisamente, no actual goberno de Erdogan permitiuse a transmisión
dunha TV en kurdo e diarios nesa mesma lingua, así como a legalización das academias kurdas. Pero
a absorbente presión militar na política turca permitiu tamén a retirada de varios deses diarios.
Actualmente, constituíuse un Consello Supremo para a loita antiterrorista, dirixido polo ministro de Asuntos
Exteriores Abdulah Gul, que permite intuír unha renovación da represión contra as milicias
kurdas.
A detención en 1999 do líder guerrilleiro kurdo
Abdulah Oçalan, líder do Partido dos Traballadores do Kurdistán, PKK, influíu na sensación
de que a loita armada kurda chegara ao seu fin. A pesares da oficialización de certa calma, a lei marcial
e os 35.000 soldados turcos despregados no sueste do país seguen a manter a súa presenza, con manifestacións
de represión e tortura. Intelectuais e escritores turcos como Orhan Pamuk tiveron que ir a xuízo
por defender os dereitos históricos e culturais dos kurdos.
Desde o 2004, a nova dirección do PKK anunciou a renovación
da loita armada no sueste do país, aínda que en xullo pasado Oçalan declarara desde a prisión
que o seu movemento estaría disposto a aplicar un alto ao fogo coas forzas armadas turcas. Pero no seo do
PKK tamén se manifestan divisións sobre a reactivación da loita armada. Mesmo, existen diferenzas
en torno ao tratamento cos partidos kurdos iraquís: uns piden abrir contactos mentres outros critican o
apoio do UPK e PDK á estratexia de Washington en Iraq.
Os partidos políticos kurdos recoñecidos e con
representación parlamentaria, principalmente o DEHAP, veñen tentando negociar co goberno de Erdogan
unha especie de autonomía política que evite reforzar aos defensores da loita armada. A liberación
en xuño de 2004 dos parlamentarios e activistas kurdos Leyla Zana e Hatip Dicle permitiron abrir canais
de negociación entre os partidos kurdos, o goberno de Erdogan e a UE.
Pero o que máis teme a clase dirixente en Turquía,
principalmente a casta militar, é a conformación dun Kurdistán independente ao norte de Iraq.
En xullo, o goberno turco concentrou uns 220.000 efectivos militares na fronteira con Iraq, nun movemento coordinado
tamén na veciña Irán, cuxa rexión norte concentra a poboación de orixe kurdo.
O obxectivo era acabar coas bases militares do PKK nese país, que están a provocar problemas entre
os kurdos de Turquía e o norte de Iraq.
Esta provocación militar turca e iraniana foi rexeitada
polo goberno kurdo do norte de Iraq, acusando a Ankara e Teherán de querer invadir militarmente o norte
de Iraq. Incluso en Washington, tradicional aliado político-militar turco, advertiron a Turquía de
non levar a cabo esta operación, porque afectaría os plans do goberno de George W. Bush non só
na transición iraquí senón no aspecto global en Oriente Medio.
A Unión Europea
A pesares de que no pasado máis recente o problema kurdo
era o principal obstáculo nas negociacións turcas de ingreso á Unión Europea, porque
competía directamente coa problemática dos dereitos humanos, na actualidade existe unha situación
de paralización e adormecemento sobre as dos kurdos, mesmo substituídas pola preeminencia do recoñecemento
histórico oficial turco do xenocidio armenio de 1915.
Probablemente, a detención de Oçalan e certos
xestos de apertura do actual goberno de Erdogan, contribuíron a desviar parcialmente a atención europea
cara o problema kurdo en Turquía. Outro factor pode ser o apoio dos kurdos iraquís a invasión
militar de EEUU e Gran Bretaña a Iraq no 2003, acción unilateral e ilegal que foi abertamente rexeitada
polos países europeos con maior poboación kurda, como son os casos de Alemaña e Francia.
Especialmente significativo ven sendo o caso dos distintos movementos
e partidos europeos da esquerda que apoian a causa kurda, actualmente decepcionados por esta actitude tomada polos
kurdos iraquís de apoiar a invasión militar estranxeira a Iraq.
O lobby kurdo en distintos países europeos, principalmente
Alemaña, Francia, Bélxica, Suíza e Holanda, impulsan a súa presión cara os respectivos
gobernos e a autoridade comunitaria en Bruxelas para que tenten retomar a atención ao problema kurdo. Pero,
a nivel oficial, este problema está supeditado á negociación directa entre a UE e Turquía.
Siria e Irán
Con menor impacto aínda que non menos importante constitúe
o caso dos kurdos en Siria e Irán, países que non contan cunha poboación kurda superior á
existente en Turquía e Iraq.
No caso sirio apenas existen informacións sobre a problemática
kurda: sobre a concesión petroleira no norte de Iraq, unha delas involucra ao goberno de Damasco como potencial
socio. Pero, no caso dos dereitos humanos colectivos dos kurdos, as axencias internacionais e os movementos pro-kurdos
denuncian a constante represión e discriminación dos seus dereitos por parte do goberno sirio de
Bashar al Asad, principalmente desde o 2004.
Pola súa banda, a presunta operación militar turco-iraniana
de invadir o Kurdistán iraquí foi defendida polo secretario do Consello de Seguridade Nacional iraniano,
Alí Laríjani, quen acusou a EEUU de manter contactos co PKK, movemento considerado tanto por Teherán
como por Ankara de “terrorista”. Tanto os kurdos de Siria como os de Irán amosaron as súas simpatías
e solidariedade pola autonomía do Kurdistán iraquí.
No Irán acéptase a música e a cultura kurda
máis non existen academias e institucións para manter a lingua kurda. As demandas separatistas tamén
son reprimidas dende Teherán.
É posible unha solución
a futuro?
As demandas kurdas de recoñecemento da súa identidade
estarán case exclusivamente suxeitas a cómo se desenvolva a situación no Kurdistán
iraquí. Un Kurdistán independente no norte de Iraq terá unha poderosa repercusión na
situación dos kurdos en Turquía, Irán e Siria e colocaría definitivamente o seu problema
nunha perspectiva internacional.
Pero os canais de negociación e os intereses políticos
e económicos occidentais, principalmente cara os gobernos turco e iraquí, dificultarán unha
solución definitiva para a problemática kurda. Resolver a situación dos kurdos é un
delicado asunto para Occidente, principalmente a Unión Europea.
Para EEUU, especialmente na súa estratexia antiterrorista
global, convén máis manter a súa alianza militar con países como Turquía e tentar
estabilizar a Iraq, desprazando a súa atención sobre a situación dos kurdos. No entanto, o
recente xuízo en Bagdad a Sadam Husein permitiu retomar a atención polo xenocidio dos kurdos de Iraq
en 1988, así como os contactos co goberno de Erbil resultan tamén necesarios para Washington.
Outro aspecto ten que ver coa repercusión da propaganda
internacional a favor dos kurdos. A diferenza dos palestinos, os kurdos non posúen unha rede internacional
completa de apoio, a pesares de existir diversos organismos e páxinas web dedicadas a ilustrar a situación
kurda. Igualmente, o apoio kurdo á invasión occidental a Iraq afectaron as súas demandas diante
movementos e partidos de esquerda, nacionalistas e progresistas.
Un antigo proverbio kurdo explica que “os kurdos non teñen
amigos”. Coma noutras conxunturas do pasado, a situación actual reflicte dun momento decisivo, pero esta
vez pode estar parcialmente concentrado na súa capacidade para conducir o seu futuro, aínda que moi
suxeitos aos intereses externos.
|