Dossier Exterior / nº 011-11/2006 de 7 de agosto Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior
Novos retos trala morte de Shamil Basáyev
Transicións en Chechenia
 
 
Análise

     
   

A morte do líder rebelde checheno Shamil Basáiev, acontecida o pasado 12 de xullo, presuntamente, por mor das accións dos servizos de seguridade rusos, pecha parcialmente unha etapa dentro conflito que involucra a Chechenia e Rusia desde 1996 e as súas implicacións para o balance do poder na rexión do Cáucaso Norte.

O falecemento de Basáiev, de 41 anos, cualificado polo presidente ruso Vladímir Putin como o “inimigo nº 1 de Rusia”, acontece pouco despois do tamén abatido Abdul Saiduláiev, considerado o posible sucesor do tamén falecido Aslan Maskhádov, presidente da autoproclamada “República de Ichkeria” (Chechenia), entre 1996 e 1999. Como Maskhádov e Basáiev, Saiduláiev foi abatido por forzas vinculadas ao primeiro ministro prorruso de Chechenia, Ramzan Kadírov, apoiado polas forzas de seguridade rusas, as chamadas FSB.

Aínda que existe un enigma en torno á morte de Basáiev, xa que as fontes rebeldes chechenas consideran que foi produto dunha explosión accidental mentres en Moscova se atribuíron inmediatamente a autoría, a súa desaparición física constitúe unha evidente vitoria para Putin e a súa política de someter a Chechenia ao mandato do Kremlin, baixo unha aparente autonomía.

Este escenario pecharía unha etapa iniciada en agosto de 1999, coa segunda invasión militar rusa ao Cáucaso Norte, principalmente Chechenia e Daguestán, baixo as ordes do entón primeiro ministro Putin e o presidente Boris Ieltsin.

Paralelamente, as forzas independentistas en Chechenia atópanse actualmente nunha delicada conxuntura, visiblemente descabezadas na súa cúpula política e militar, con opcións reducidas en torno a continuar a loita armada e o consecuente co dilema sobre negociar ou non co novo goberno checheno prorruso encarnado en Ramzan Kadírov.


A sombra de Shamil Basáiev

Co espallamento das tensións independentistas en Chechenia en 1991, no momento en que se acentuaba a desintegración político-territorial da ex Unión Soviética, o movemento independentista checheno estivo concentrado nas mans de Dzhokhar Dudaiev, ex xeneral do exército soviético en Afganistán e que foi elixido como presidente de Chechenia en outubro de 1991.

Nese momento, Dudaiev declarou a independencia de Chechenia como manobra de presión cara Moscova, polo que se manifestaron as primeiras tensións políticas e, posteriormente, militares entre Chechenia e a nova Federación Rusa, herdeira política da ex URSS. A comezos de 1992 tamén se manifestaron tensións con Ingushetia, veciña de Chechenia, que tamén amosou a súa intención de independizarse de Moscova.

Con Dudaiev como indubidable líder dos independentistas chechenos, existe escasa información sobre a actuación de Shamil Basáiev, que toma o nome do líder histórico dos independentistas chechenos contra a Rusia zarista na metade do século XIX. É sabido que, tras estudar agronomía en Moscova, regresou en 1991 a Grozni, capital chechena, para alistarse no denominado “Exército da Confederación dos Pobos do Cáucaso”. Posteriormente, postulouse á presidencia, perdendo con Dudaiev.

A pesares da súa derrota electoral, Basáiev uniuse a Dudaiev na consolidación do que os chechenos denominan Ichkeria, a súa patria, en contraposición ao termo Chechenia, acuñado polos rusos e as fontes occidentais. A invasión militar rusa en 1994 deu paso a unha aberta confrontación entre os independentistas chechenos e o goberno ruso na primeira guerra de Chechenia, que durou ata a parcial derrota rusa en 1996.

Un ano antes, as forzas rusas lograran eliminar fisicamente a Dudaiev, polo que o movemento independentista checheno comezou a quedar en mans de Maskhádov e dun Basáiev que, en 1995, cometeu o seu primeiro acto terrorista co asalto ao hospital de Budionovosk, que deixou 150 mortos e 400 feridos.

No amplo universo dos independentistas chechenos, afloraban grupos laicos comandados por Dudaiev e Maskhádov e outros fortemente integristas e relixiosos islamitas, como era o caso de Basáiev, influído pola corrente “yihadista salafista” en ascenso en Afganistán e Alxeria, na súa pretensión por espallar unha “yihad global”. Velaí as acusacións occidentais de afiliación e vinculación de Basáiev con Al Qaeda, aínda que resulta verídico que recibira apoio financeiro e loxístico de países como Paquistán e Arabia Saudita.

Trala independencia de facto, en 1997 Basáiev volveu a presentarse á presidencia, perdendo con Maskhádov pero sendo nomeado vicepresidente de Ichkeria. Na súa intención por conformar un Estado islámico no Cáucaso Norte e de provocar unha guerra dos musulmáns caucásicos contra o dominio ruso, Basáiev se enfrontou tanto a Maskhádov como a Moscova. Consolidado como o “home forte” da resistencia militar independentista, Basáiev formou o batallón Nogal, co que intentou expandir a “yihad” polo Cáucaso norte e, mesmo, con atentados en Moscova.

A segunda invasión militar rusa en agosto de 1999 resultou unha oportunidade única para que Basáiev se consolidase como o líder independentista checheno, en detrimento dun Maskhádov acusado de ter vinculacións con Moscova. Dende entón, Basáiev utilizou o terrorismo como arma eficaz na súa loita contra Rusia.

Os atentados no teatro Dubrovka en Moscova no 2002 (129 mortos) e no colexio de Beslán, Osetia do Norte, no 2004 (331 mortes, 186 deles nenos) o consolidaron como un dos terroristas máis temibles para Rusia e un dos máis coñecidos en Occidente. Foise convertendo nunha especie de imaxe mítica e heroica para diversos combatentes chechenos. Mesmo, o secuestro e posterior asasinato de cinco diplomáticos rusos en Bagdad, Iraq, foi felicitado polo propio Basáiev ,xa que consideraba que era obra dos “irmáns da yihad” e analizado como un posible intento de “internacionalización” do conflito checheno.


O cálculo ruso

O problema para os independentistas chechenos é que a morte de Basáiev aconteceu nos días previos á celebración do cumio do Grupo dos Oito, G8, en San Petersburgo, polo que foi oportunamente presentado polo presidente ruso Vladímir Putin como unha “vitoria contra o terrorismo”. Pódese especular que Basáiev puidera estar preparando un atentado de gran calibre en San Petersburgo para entorpecer un cumio vital para Putin.

Liquidado Basáiev, Rusia considera que a actual conxuntura se presenta como favorable e única para asentar o seu dominio en Chechenia e, por tanto, no Cáucaso Norte, a súa rexión máis conflitiva pero tamén máis importante por factores estratéxicos.

A eliminación de Basáiev permitirá a Putin consolidar a Ramzan Kadírov, como o seu líder de confianza en Grozni. Ramzan é fillo de Akhmad Kadírov, presidente prorruso trala segunda invasión militar de 1999 e que foi asasinado no 2004 por un atentado perpetrado na capital chechena polo propio Basáiev.

A partir do 11-S de 2001, Putin enfocou o conflito checheno baixo os parámetros da “loita internacional contra o terrorismo global”, polo que obtivo o apoio tácito do presidente estadounidense George W. Bush e dos principais líderes europeos. Esta especie de “silencio oficial” sobre o que acontecía en Chechenia foi tamén acentuada pola tibia reacción de Nacións Unidas diante da política de Putin en Chechenia.

Non entanto, as principais ONGs de dereitos humanos, diversos intelectuais rusos e europeos así como o Consello de Europa, en especial de parte da comisaria Mary Robinson, veñen acusando a Putin de flagrantes violacións contra os dereitos humanos en Chechenia. A sociedade civil global, en especial moitos medios informativos, teñen acentuado nas súas críticas a Putin e amosou ao mundo o drama checheno.

O cálculo estritamente militar de Rusia co respecto ao conflito checheno permitiu a eliminación dos dous elementos moderados dos independentistas chechenos, como foron os casos de Maskhádov e Saiduláiev, e do elemento máis radical e conflitivo, como foi o caso de Basáiev. Anteriormente, no 2002, Rusia había logrado eliminar a outro líder da guerrilla chechena, un comandante de nome Khattab, de quen se especulaba era o verdadeiro home de Osama ben Laden en Chechenia.

Con estas desaparicións físicas, as repercusións para a guerrilla chechena están a ser contundentes: non existen relevos populares e poderosos para estes líderes. Saiduláiev foi prontamente substituído por Doka Umárov pero, ata agora, non existe un relevo publicamente informado sobre Basáiev. Especúlase que na guerrilla chechena non existe un líder coa capacidade estratéxica e a crueldade de Basáiev para levar a cabo a súa guerra contra Rusia.

Por tanto, semella evidente que este escenario favorece ao aliado de Moscova en Chechenia, o primeiro ministro Ramzan Kadírov, pero este verá a súa posición completamente asentada na presenza militar rusa en Chechenia. Existen especulacións sobre posibles diverxencias entre Kadírov e Putin sobre o futuro político de Chechenia, consistentes nun aumento de esixencias políticas de Kadírov que poden molestar ao Kremlin.


Petróleo e xeopolítica

Parcialmente controlada Chechenia, Rusia espera afrontar o que de seguro será unha nova etapa na súa política de consolidar a súa hexemonía no Cáucaso Norte. O problema para Moscova radica en que esta rexión presenta conflitos étnicos e relixiosos como rexións pertencentes a Rusia como Daguestán, Osetia do Norte, Kabardino-Balkaria e Ingushetia, e países ex soviéticos como Xeorxia, que complican a viabilidade do dominio ruso.

Pero o principal interese ruso e, en especial, de Putin no Cáucaso Norte e Chechenia, corresponde á importancia enerxética desta rexión. A pesares da súa xeografía maioritariamente montañosa, Chechenia posúe importantes xacementos petrolíferos e grandes reservas de gas natural, así como outros minerais como o sulfuro, importantes para a petroquímica.

Pero o verdadeiro sentido estratéxico e xeopolítico de Chechenia está en que o seu territorio sirve de paso para os oleodutos e gasodutos do Mar Caspio e Asia Central cara Rusia e Occidente. A revitalización da industria petroleira rusa, co total control da estatal Gazprom por parte dos novos “oligarcas” vinculados ao poder de Putin, concentra o seu interese nesta rexión.

Tanto Eltsine como Putin intentaron evitar que a independencia chechena significara a posibilidade de que o petróleo e gas natural de Acerbaixán e Kazajstán pasase a Occidente a traveso de Chechenia, Xeorxia e Turquía, grazas a unha especie de canal de transmisión no Cáucaso, tales como o oleoduto Bakú-Tbilisi-Ceyhan, BTC, recentemente inaugurado. Velaí as recentes disputas xeopolíticas entre Moscova e Washington por controlar esferas de poder no Cáucaso e Asia Central.

A importancia xeopolítica do Cáucaso Norte para Rusia se completa como a necesidade de manter un “espazo vital estratéxico” para suavizar a posible influencia de rivais como Turquía e Irán, a traveso das comunidades musulmáns caucásicas.

Do mesmo xeito, o control do Cáucaso Norte significa para Putin a posibilidade de manter baixo o seu control unha especie de “corredor” cara Oriente Medio, concibido para influír nos acontecementos que están transformando a rexión. Neste sentido, Putin reforzou os seus lazos con Irán e acaba de inaugurar novas vías de relación con Siria.


Que futuro para Chechenia?

Aínda que é esaxerado considerar que a morte de Basáiev constitúe un elemento definitivo para a pacificación en Chechenia, resulta obvio que o actual cálculo político e militar favorece a Rusia e prexudica abertamente aos independentistas chechenos.

Aos poucos días da morte de Basáiev, un voceiro dos independentistas chechenos intentou amosar unha estratexia de entendemento con goberno prorruso de Kadírov. Mesmo, o xefe dos servizos de seguridade rusos, FSB, Nikolai Patrushev, anunciou unha oferta de amnistía xeral para os combatentes chechenos a cambio da deposición das armas. Existe en Grozni unha sensación de que, descabezada a ala política e militar dos rebeldes chechenos, consolídase unha oportunidade para a pacificación do conflito baixo os parámetros de Moscova.

Reforzados Putin e Kadírov, o dilema se formula entre o novo liderazgo dos rebeldes chechenos e cal estratexia tomarán a partir de agora. Desde o asalto á escola de Beslán no 2004, non se presentan accións nin combates de gran calibre en territorio checheno e do Cáucaso Norte, cousa que determina o debilitamento loxístico dos independentistas.

Paralelamente, as tropas rusas e os seus aliados obtiveron éxitos tácticos coa eliminación física dos seus principais líderes: a ala política conformada por Maskhádov e Saidulaiev, e a ala dos “señores da guerra”, comandada por Basáiev, Khattab, Abu al-Walid, Salman Raduiev, Ruslan Gelaiev e Abu al-Saif. Moi probablemente, este factor determine unha división política entre os sucesores dos separatistas chechenos.

Parcialmente paralizado o conflito checheno, aínda está por verse o alcance da “chechenización” do Caúcaso Norte e a eventual “internacionalización” do conflito checheno, tal e como se evidenciou no atentado de Bagdad, ambas estratexias elaboradas por Basáiev e os seus aliados. Sen embargo, a pesares da superioridade rusa e certos altibaixos nos enfrontamentos, o conflito checheno aínda dista de atopar unha solución definitiva.

     
     
Principais actores

     
   

Vladímir Putin: (53 anos) Presidente da Federación Rusa. Desde a súa chegada ao poder como primeiro ministro (1999) e como presidente (2000) mantén a necesidade de controlar pola forza a Chechenia e o Cáucaso norte. Esta efectiva estratexia permitiu a eliminación física dos seus principais rivais político-militares no escenario checheno.

Ramzan Kadírov: (30 anos) Primeiro ministro de Chechenia, tralo asasinato do seu pai Ahmed Kadírov en maio de 2004. Anteriormente foi o líder da máis importante milicia prorrusa en Chechenia. Trala morte de Basáiev, se consolidará como o “home forte” ruso na rexión, que reforzaría a súa dependencia de Moscova. Así e todo, semella una incógnita a súa visión e actuación a futuro, xa que algúns analistas o cualifican de despótico e ambicioso.

Doka Umárov: (42 anos) Comandante da guerrilla chechena desde 1996, estreito aliado de Basáyev, foi nomeado a traveso da web dos independentistas chechenos (www.kavkazcenter.com) como o sucesor do presidente de Ichkeria, Saiduláyev, á morte deste.

Shamil Basáiev: Nado en 1965, á hora da súa morte mantiña o cargo de “vicepresidente da república de Ichkeria nas montañas”. Foi o líder independentista radical mais buscado por Rusia nos derradeiros anos, autor dos principais atentados terroristas dentro e fora do país.

Aslan Maskhádov: Nado en 1951. Presidente da República de Ichkeria en 1997 ata a invasión militar rusa de 1999, co cal pasou á clandestinidade das montañas chechenas. A súa opción independentista non foi un elemento discordante para negociar con Moscova pero levou a graves diverxencias cos poderosos “señores da guerra” antirrusos Shamil Basáiev e Salman Radúiev, acusado de ser o interlocutor ruso en Chechenia. Foi asasinado por un ataque dos servizos de seguridade rusos en marzo de 2005.

Abdul Saiduláiev: Nado en 1967. Comandante guerrilleiro e sucesor de Maskhadov na presidencia, foi abatido pola FSB rusa en xuño de 2006.

Khattab: Nado en 1969, foi comandante rebelde, o seu verdadeiro nome era Samir Saleh Abdullah al-Suwailem. Considerado como un terrorista, considérase que formaba parte da unidade militar de “mujahedins” árabes e chechenos vinculados a Al Qaeda. Foi asasinado polas forzas rusas no 2002.

Dzohkar Dudaiev: Nado en 1944, foi ex comandante da forza aérea soviética en Afganistán. Coa desintegración da URSS en 1991, foi elixido como o primeiro presidente da república chechena de Ichkeria ata abril de 1996, cando foi asasinado polos servizos de seguridade rusos.

Akhmad Zakáiev: (50 anos) Elixido en 1997 por Maskhádov como Ministro de Exteriores da República de Ickheria no exilio, se atopa radicado en Londres. Organizou no 2002 en Copenhague o Congreso Mundial de Chechenia. Zakáiev constitúe o principal voceiro dos independentistas chechenos no exterior, con gran influencia nas ONGs de dereitos humanos. A xustiza rusa solicitou a súa extradición pola súa presunta participación no atentado do teatro Dubrovka no 2002, recurso que foi rexeitado pola xustiza británica un ano despois, outorgándolle a Zakáiev o asilo político.

     
     
Radiografía de Chechenia

     
   

Nome oficial: Formalmente, Chechenia é unha das vinte repúblicas autónomas que conforman as 89 rexións administrativas da Federación Rusa, aínda que nunca asinara o Tratado da Federación de 1992, posterior á desintegración soviética.

Chechenia proclamou a súa independencia o 1 de novembro de 1991, baixo o nome de “República Independente de Ichkeria”, non recoñecida por Moscova. Trala primeira guerra entre 1994-1996, os rebeldes chechenos lograron consolidar unha independencia de facto que durou ata 1999, co retorno das tropas rusas tralos atentados terroristas en algunhas cidades rusas, aínda non clarificados.

O case total control militar ruso en Chechenia afonda o dominio de Moscova na ex república independente.

Presidente: Na actualidade, o único cargo oficial recoñecido é o do primeiro ministro Ramzan Kadírov. Chechenia tivo tres presidentes electos entre 1991 e 2004: Dzokhar Dudaiev, Aslan Maskhadov e Akhmed Kadírov.

Representación exterior: Cómpre considerar que, no período de independencia de facto (1996-1999), o goberno checheno de Maskhádov permitiu a creación de órganos de representación exterior, como o de Akhmad Kazáiev en Londres, que funcionaron como verdadeiras representacións no exilio unha vez se consumara a invasión rusa en 1999.

Neste período, países como Xeorxia, Paquistán e Arabia Saudita, recoñeceron certa legalidade do goberno de Maskhádov, pero non realizaron ningún recoñecemento oficial da “República de Ichkeria”. A presión política e diplomática rusa foi un elemento engadido á eficaz ofensiva militar para someter os desexos independentistas chechenos.

Existen portais en Internet onde pódense atopar direccións web relativas a organismos ou grupos de solidariedade ou órganos de representación chechenos:

-Comité Checheno de París.

-Ministerio de Asuntos Exteriores da República Chechena de Ichkeria.

-Chechen Press.

-Kavkaz Center.

-Chechnya News.

A pesares da incongruente aplicación do Dereito Internacional no conflito checheno e a indolencia do Consello de Seguridade das Nacións Unidas, existen organismos como a Organización de Seguridade e Cooperación Europea, OSCE, o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados, ACNUR, o Alto Comisionado para das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, ACNUDH, o Consello de Europa e diversas ONGs, sensibilizados co drama checheno e tendentes a realizar actividades humanitarias. Mesmo a OSCE mantén unha oficina permanente en Grozni desde 1995.

Poboación: Cálculos oficiais estiman que existe pouco mais de un millón de habitantes. Outras fontes consideran que a poboación total chechena estaría entre 600.000 e 800.000 persoas. Existe unha baixa densidade de poboación, en torno aos 92 habitantes por km2.

Área: Entre 12.000 e 13.000 km2. Chechenia atópase na superficie nororiental do Cáucaso Norte, entre o Mar Caspio e o Mar Negro, pero sen saída a estes mares. Ao Leste limita coa república autónoma rusa de Daguestán, ao Sudoeste con Xeorxia, ao Oeste coa república autónoma rusa de Ingushetia e ao Norte con Rusia.

A capital é Grozni, cuxas estimacións de poboación están determinadas polas secuelas da guerra contra Rusia. Se considera un estimado en torno ás 300.000 persoas. Outras cidades son Gudermés, Argun, Shali e Urus-Martán, pero a proliferación de auténticas “cidades pantasma”, produto dos combates, é tamén unha realidade.

Principais movementos e partidos políticos: No contexto político checheno, non existen partidos ou movementos con estrutura ou militancia concretas, principalmente porque a realidade do conflito armado contra Rusia determina as principais faccións políticas e sociais.

O movemento político principal que se formou en Chechenia en 1990 foi o Congreso Nacional do Pobo Checheno, plataforma de carácter laico liderada por Dzokhar Dudaev para impulsar o proceso independentista nacional. A Confederación dos Pobos Montañeses do Cáucaso, tamén constituíu un elemento político de importancia.

O escenario do conflito ruso-checheno permitiu a proliferación de bandas armadas, paramilitares e “señores da guerra”, principalmente vinculados á estrutura de clans familiares e ao ascenso de grupos integristas islámicos, algúns deles autóctonos con carácter independentista, outros vinculados á idea “yihadista salafista” de creación dun Estado islámico no Cáucaso Norte, tal e como propugnaban Shamil Basáiev e Khattab.

Composición étnica, lingüística e relixiosa: Aproximadamente, un 80% da poboación é de orixe autóctono checheno, unha etnia de orixe túrquico que é a mais numerosa do Cáucaso septentrional. A lingua chechena pertence a ramas das linguas oriental-caucásica (najsko-daguestaní), e denomínase “naj”, falada aproximadamente por un 85% da poboación. Velaí que os chechenos autodenomínanse como “nojchi”. O ruso é a segunda lingua.

Existen outras minorías en Chechenia como os rusos (que habitan principalmente nas zoas urbanas), armenios, ucraínos e ingushes. A diáspora chechena atópase en Moscova, Daguestán, Acerbaixán e Asia Central.

Economía: A pesares de ser unha rexión principalmente montañosa, Chechenia é unha rexión petrolífera desde que se iniciara a extracción de cru en 1893. Sen embargo, esta extracción petroleira se realiza por medios artesanais e incluso ilegais, sen existir unha infraestrutura loxística adecuada.

A presenza de elementos minerais como o sulfuro permiten tamén a produción de axentes petroquímicos, aínda que estes beneficios económicos non repercuten nunha poboación masivamente empobrecida. A importancia enerxética está desenvolvendo unha aguda puxa polo poder entre Rusia e as multinacionais do cru, esperando acadar os acordos que permitan o control das rutas enerxéticas dende o Mar Caspio. Pero diversos organismos ecolóxicos auguran un desastre ambiental polo uso indiscriminado da industria petroquímica.

Asemade o factor petroleiro e de gas natural, a agricultura constitúe o segundo sector da economía chechena, especialmente o ganado ovino, os cereais e as legumes. Existe unha industria alimentaria e de materia mecánica preto de Grozni, así como un sector forestal aínda non explotado.

A guerra e un certo clima de anarquía afectan o desenvolvemento da economía chechena. A utilización dunha moeda falsa, a ocupación ilegal de terras por parte de grupos paramilitares, as mafias criminais e o contrabando (do que participan oficiais militares rusos e combatentes chechenos) e unha economía subterránea, conforman unha caótica estrutura económica.

Sociedade: Dende 1994, o conflito checheno rexistra máis de 80.000 mortos e 200.000 desprazados dentro de Chechenia e 150.000 nas repúblicas e países veciños, como Daguestán, Ingushetia, Osetia do Norte, Kabardino-Balkaria, Armenia e Acerbaixán. Considérase que, trala renovación da guerra en 1999, se reduciu nun 25% a poboación chechena.

Actualmente, a guerra con Rusia constitúe o factor de influencia máis poderoso que determina a actual crítica situación social de Chechenia. O dominio ruso sempre estivo a determinar a historia chechena, tal e como aconteceu en 1944, onde unha masiva represión do poder soviético, acusando aos chechenos de colaborar cos nazis alemáns, provocou a deportación forzosa de 300.000 chechenos cara Asia Central, onde morreron uns 180 000. No 2004, o Consello de Europa declarou o 24 de febreiro, data da deportación, como o Día de Chechenia.

Pola súa banda, a estrutura social chechena está tamén determinada pola figura do clan familiar, arraigada en territorios propios e por vínculos sanguíneos e matrimoniais. Se considera que existen 131 clans familiares, dos cales uns 28 deles posúen o principal peso político, e constitúen o principal factor autóctono de poder en Chechenia, xunto aos xefes relixiosos.

Se considera que, historicamente, o Islam determina a identidade nacional e cultural dos chechenos, principalmente a rama sunnita trala conversión da poboación no século XVIII. Tamén existen importantes comunidades “sufíes”, que fortaleceron o carácter pragmático e tolerante do Islam en Chechenia.

A participación da relixión no proceso independentista a partires de 1991 non foi tan determinante, pero avanzou no seu factor integrista a mediados da década dos noventa, principalmente na súa variante rigorista wahabbista, predominante na península arábiga e fonte principal da ideoloxía salafista de Al Qaeda.

     
     
Revista de prensa

     
1   La caída de Basáyev”, en Informe Semanal de Política Exterior (España), 17 de xullo de 2006.

(...) ahora la cuestión es quién sustituirá a Basáyev al frente del terrorismo checheno, que pierde en él a una figura caracterizada por la crueldad pero también por una notable capacidad de organización. Su desaparición puede tener, por ello, un gran impacto negativo entre los combatientes chechenos.
     
2   La mort de Bassaev laisse les coudées franches à Kadyrov”, por Andreï Nikonov, en Courrier International (Francia), do 13 ao 19 de xullo de 2006.

Mais, selon les experts, l’assasinat de Bassaev peut compliquer les relations de Moscou avec le Premier ministre tchétchène (...) actuellement, Kadyrov ne peut pas être pleinement “indépendent”.
     
3   With Sadulaev and Basayev killed, a new generation change in the Chechen leadership nears”, por Emil Souleimanov, en The Central Asia and Caucasus Intstitute (EEUU), 12 de xullo de 2006.

Hence the key question is whether the new generation of Chechen fighters, which is bound to take leading position in the resistance soon, will share the relative pragmatism of most rebel leaders, or if their goals will be driven by the mere willingness to take revenge on a more or less abstractly defined enemy.
     
4   Basayev’s mysterious death brings hope”, por Timur Aliev, en International Security Network (Suíza), 13 de xullo de 2006.

“The situation is now fundamental different. Akhmat Kadyron said the war would end when there are no famous personalities left” (...) “And they have all gone now”.
     
5   Rebels dilemma after Basayev’s death”, en BBC (Gran Bretaña), 12 de xullo de 2006.

“Sooner or later, Chechens and Russians will have to negotiate and sort out their relations –if we keep looking back, the bloodshed will not end in the North Caucasus” (...) with the rebel movement splintered, future Chechen attacks will be on a much smaller scale and Russia’s security focus will move elsewhere.
 
Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 13/08/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta