Dossier Exterior / nº 010-10/2006 de 24 de xullo Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior
Entre a sucesión e a transición
Cuba despois de Fidel
 
 
Análise

     
   

O pasado 15 de xuño, Raúl Castro, vicepresidente, ministro de Defensa e oficialmente nomeado sucesor de Fidel Castro a fronte do goberno en Cuba, realizou un discurso con motivo do 45 aniversario do Exército Occidental onde consideraba que o Partido Comunista de Cuba, PCC se constituiría no “garante da unidade dos cubanos”. Raúl Castro cualificou ao PCC como “a institución que agrupa á vangarda revolucionaria”, que é quen de herdar o liderado de Fidel.

Estas palabras deixaron entrever unha “transición institucional”, diferente á “sucesión persoal”, manifestada publicamente no V Congreso do PCC en 1997. Esta repentina viraxe política en favor do PCC foi realizada nun escenario preñado de simbolismo debido á presenza institucional militar, cousa que lle imprime unha sensación de cambio dentro da estrutura de poder en Cuba diante da eventual desaparición biolóxica de Fidel Castro.

O “máximo líder da revolución” cumprirá 80 anos o próximo 13 de agosto e, aínda que aparentemente non amose sinais de deterioro físico ou mental, algunhas fontes internas en Cuba, principalmente diplomáticos estranxeiros, consideran que a transición está comezando a desenvolverse dun xeito acelerado.


A preponderancia do PCC

Neste sentido, algúns recentes discursos de Fidel permiten albiscar o desenvolvemento de novos escenarios. En novembro de 2005, diante dunha nutrida concentración de mozos universitarios na Universidade de A Habana, Fidel Castro pediu ás novas xeracións un maior esforzo e implicación na tarefa de salvar a revolución socialista en Cuba e os seus logros, diante da posibilidade de “autodestruírse” produto dos seus “propios erros”.

Do mesmo xeito, nos últimos anos, Raúl Castro ven realizando unha activa axenda internacional coa finalidade de asumir o seu rol de sucesor anunciado. Mais o recente anuncio centrado na viabilidade da “transición institucional” en mans do Partido Comunista de Cuba, permite tamén analizar a posible asunción dunha especie de “dirección colexiada” entre os membros do partido para os anos inmediatamente posteriores á desaparición de Fidel, un proceso similar ao que acontecera na ex Iugoslavia á morte do mariscal Josip Broz Tito en 1980.

Como principal institución política e social en Cuba, o Partido Comunista Cubano conta cunha masiva militancia e unha total presenza na sociedade cubana, traducida en diversos órganos e estruturas de masas como a Federación de Mulleres Cubanas, a Central de Traballadores Cubanos, os Comités de Defensa da Revolución, a Alianza Nacional de Pequenos Agricultores, a Federación de Estudantes Universitarios, a Federación de Estudantes de Ensinanza Media, a Unión da Mocedade Comunista, as Milicias de Defensa Civil, a Organización de Pioneiros José Martí, a Unión de Artistas e Escritores e a Unión de Xornalistas.

Velaí a preeminencia do PCC como principal órgano de representación do Estado, cunha capacidade global para iniciar calquera tipo de reformas e como órgano clave no futuro proceso de transición. Xunto coas Forzas Armadas Revolucionarias, FAR, o PCC concentra o factor real de poder en Cuba.


Tutelando a sucesión

Tras 47 anos no poder, Castro consolidou, polo menos dende a perspectiva institucional e formal, o carácter socialista da estrutura do poder e a sociedade cubana. Nos seus recentes aínda que escasos discursos, o presidente cubano sostén firmemente o ideario socialista e o “perigo” que para Cuba supón caer “nas gadoupas do capitalismo neoliberal e os intereses imperialistas estadounidenses”, no seu esforzo por salvagardar o carácter socialista estatal.

Os irmáns Castro e a dirección do partido saben perfectamente que a maior parte da sociedade cubana é xoven. Segundo estatísticas oficiais de 1991, o 50% da poboación naceu despois da revolución, por tanto, tres xeracións de cubanos. Recentes estatísticas consideran que, para o 2005, esta proporción medrou ata un 70% dos cubanos, en total oito millóns de persoas nun país de pouco máis de 11 millóns de habitantes.

Estes datos evidencian que a maioría dos cubanos só coñeceron o sistema socialista e a Fidel Castro como o seu máximo líder, sendo tamén unha realidade notoria que, no transcurso de todo este tempo, non existiu en Cuba un líder co carisma popular e o liderado persoal de Fidel Castro.

Para garantir a conservación do sistema no futuro, resulta patente para o goberno cubano a necesidade de renovar os cadros políticos dentro do Partido Comunista de Cuba e a estrutura das Forzas Armadas Revolucionarias, coa finalidade de consolidar unha nova xeración de líderes comprometidos coa revolución socialista e a independencia nacional. Este proceso foi recentemente cualificado como “revolución dentro da revolución”.

Como este proceso comezou a callar dende hai máis dunha década, tres nomes xorden actualmente como actores esenciais da transición cubana:

a) En primeiro lugar, o ministro de Relacións Exteriores Felipe Pérez Roque. Con anterioridade foi responsable de altos cargos dentro das Mocedades socialistas, rapidamente promovido polo propio Fidel Castro para ocupar altas direccións na estrutura de poder. Os principais analistas dentro e fora de Cuba o consideran como o verdadeiro “sucesor na sombra”.

En varias ocasións, as aparicións públicas de Pérez Roque ven estando acompañadas polo propio Fidel Castro, feito que pode indicar a sintonía entre ambos dirixentes. Amparado pola súa habilidade discursiva, Pérez Roque utiliza en diversas ocasións a mesma retórica e vehemencia de xestos que o máximo líder da revolución.

b) Outro nome propio é Carlos Lage Dávila, actual vicepresidente do Consello de Ministros e ministro de Economía, quen se ocupara da política económica nacional tras da desintegración da ex URSS e a transición polo calvario do “período especial de crise”. Lage tamén é cualificado como un protexido persoal dos irmáns Castro e unha das persoas con maior sentido estratéxico e político á hora de interpretar cara onde se dirixe a Cuba post-Fidel.

c) Un terceiro nome, tendente a aparecer e desaparecer dun xeito intermitente, é Ricardo Alarcón de Quesada, ex presidente do Consello de Ministros, actual presidente da Asemblea Nacional do Poder Popular e unha das figuras políticas máis recoñecidas pola sociedade cubana. A pesar de ser considerado un fiel a Fidel Castro e de manifestar certo cariz radical en moitas das súas aparicións, Alarcón amosa tamén un interesante sentido pragmático na súa dirección política.


O papel da disidencia cubana

A actuación da disidencia interna e a súa neutralización, sexa baixo control político e policial do goberno ou ben produto da mobilización popular dos cadros sociais comprometidos coa revolución, será tamén un factor a considerar na futura transición en Cuba.

Neste momento, os principais líderes da oposición a Fidel Castro son: Oswaldo Payá, Eloy Gutiérrez Menoyo, Martha Beatriz Roque, Elizardo Sánchez e Vladimiro Roca, figuras pertencentes á configuración dunha incipiente sociedade civil, formada nos últimos dous decenios. Estes líderes tiveron unha importante actuación no fortalecemento do “Grupo dos 75”, que acubilla a varios disidentes, algúns deles condenados no 2003 polo goberno cubano a prolongadas penas de prisión.

No seno da disidencia cubana existen diverxencias e fisuras. Nunha xuntanza a nivel nacional realizada en maio de 2005 na casa de Beatriz Roque evidenciou a división entre “moderados” e “radicais”. Esta marcada fractura e a realidade de que aínda só contan con centos de simpatizantes publicamente adscritos, condiciona á disidencia cubana na súa potencialidade real como axentes do cambio na transición e permite a Fidel Castro manexar unha disidencia politicamente débil.

Os seus principais líderes non semellan buscar unha saída violenta ou unha transición sen contar coa actual estrutura de poder. Para varios destes dirixentes civís, a firmeza en defender cambios democráticos e a apertura política non van separadas da necesidade de alcanzalos por medio do consenso e a participación popular. Nesta orientación atoparíase tamén a posición oficial da Igrexa Católica, cunha parcial presenza social e tendente a negociar co goberno os mecanismos da transición.

Pero outros disidentes consideran a actual conxuntura como unha oportunidade única para romper coa estrutura de poder en Cuba e propiciar cambios acelerados, esperando un activo apoio dende EEUU. Entre varios destes líderes existen, mesmo, acusacións mutuas de colaboración co goberno de Castro, tal e como manifestara hai un ano o propio Payá sobre as verdadeiras intencións de Beatriz Roque.

A diferenza dos procesos de transición post-comunista en Europa do Leste, a disidencia cubana non conta con grupos nin líderes con repercusión popular similares aos casos de Vaclav Havel na ex Checoslovaquia ou Lech Walesa en Polonia. As constantes acusacións externas de violación dos dereitos sociais e políticos por parte do goberno de Castro cara os disidentes, constitúen o principal vehículo de transmisión das súas demandas a nivel internacional. Velaí que o seu papel non sexa exactamente tan decisivo na transición post-Fidel, produto tamén das súas desvantaxes co respecto ao poder do PCC.


O exilio cubano

Un apartado merece analizar a situación política da diáspora cubana, principalmente radicada en Florida aínda que tamén en países europeos como España, e as súas posibilidades dentro do futuro político de Cuba.

Aínda que segue a concentrar considerable influencia nos círculos políticos de Washington, especialmente dentro do Partido Republicano, o principal grupo do exilio cubano é a Fundación Nacional Cubano Americana, FNCA, creada por Jorge Mas Canosa en 1981.

Este organismo reduciu parcialmente a súa preeminencia na política estadounidense no que atinxe aos asuntos cubanos tras do deceso do seu fundador en 1997, principalmente diante a ausencia dun líder visible e de consenso. Paralelamente, a FNCA recibiu moitas críticas polo autoritarismo do seu fundador, a súa recalcitrante política contra do goberno de Fidel Castro e sinais de intransixencia diante outras alternativas máis moderadas para a transición en Cuba.

Actualmente, existe un debate interno dentro da FNCA, principalmente de orixe xeracional, entre os “pragmáticos” que esperan abrir canais de negociación co goberno cubano para vertebrar a transición, e a tradicional “liña dura”, orientada en radicalizar as súas posicións, apoiar o embargo estadounidense e pechar canais de diálogo.

Outros grupos con menor ou escasa influencia son:

a) O grupo dirixido por Huber Matos, ex comandante da revolución cubana, que propugna unha revolta popular encabezada por sectores disidentes das FAR.

b) A Junta Patriótica Cubana, representante dos sectores radicais que anteriormente estiveran imbricados no grupo armado Alpha 66, responsable de varios atentados terroristas contra obxectivos cubanos.

c) O grupo dirixido por Juan Ruíz, tamén conservador e radical, principalmente localizado en Miami.

d) A Plataforma Democrática Cubana, integrada polo Partido Demócrata Cristiá, PDC; a Unión Liberal Cubana, ULC, e a Coordinadora Social Demócrata, CSD. Estes movementos políticos no exilio posúen apoios dentro da Internacional Liberal e Demócrata Cristiá, especialmente en Europa e América Latina.

No caso español, existen organizacións vinculadas ao exilio como a Fundación Hispano Cubana, a Asociación Española Cuba en Transición, Plataforma Cuba Democracia Ya!, Puente Familiar con Cuba, Unión Liberal Cubana, Comité de Apoyo al Proyecto Varela e o Comité Cubano Pro Derechos Humanos, con considerable presenza nos medios de comunicación, especialmente por parte de escritores como Carlos Alberto Montaner e Raúl Rivero, este último liberado de prisión en Cuba por mediación do goberno de Rodríguez Zapatero.

O exilio cubano en España presentou no 2004 un documento á Unión Europea no que se demanda a intensificación do diálogo co goberno e sectores sociais en Cuba, a defensa dos dereitos humanos, a reforma lexislativa e a urxente cooperación económica.

Tras do caso do neno Elián González e a súa repatriación a Cuba por parte das autoridades estadounidenses en 2000, os diversos grupos do exilio cubano comezaron a perder influencia política en Washington, sendo o caso máis notorio o retroceso deste apoio á FNCA. Tampouco existe sintonía entre os intereses e os mecanismos de transición manexados polo exilio cubano e as demandas e alternativas da disidencia anticastrista que habita en Cuba.

En termos xerais, o exilio cubano terá o seu papel na transición, pero non será decisivo e estará limitado aos contactos e negociacións entre os gobernos estadounidense e cubano.


O papel de Washington

Ao tempo, en Washington semellan dispostos a “gañar terreo” para posicionarse cara a posible Cuba postcastrista. A “Comisión para a Asistencia a unha Cuba Libre”, creada no 2003, anunciou o pasado 10 de xullo, en boca da secretaria de Estado Condoleeza Rice, a súa estratexia denominada “Compromiso cos cubanos”, baseada en outorgar “asistencia prioritaria a un goberno cubano de transición que organice unha elección multipartidaria libre e imparcial”.

Neste sentido, o comité propón unha axuda calculada en 80 millóns de dólares, uns 63 millóns de euros, para os dous próximos anos, que procura en palabras de Rice “romper o bloque informativo do réxime” e apoiar aos grupos opositores, mellorar o seu acceso aos medios informativos e electrónicos, financiar intercambios educativos e apoiar iniciativas internacionais destinadas á transición política.

Este organismo semella actualmente confluír como o principal elemento de influencia dentro da administración estadounidense, principalmente do presidente George W. Bush, para operar nas primeiras reaccións de Washington cando aconteza o deceso físico de Fidel Castro.

Asemade, esta comisión gobernamental de alto nivel pode tamén amortecer as demandas e intereses existentes dentro do exilio cubano, así como doutros grupos de presión ou lobbies estadounidenses, principalmente económicos, interesados nunha apertura económica na illa caribeña, e da disidencia política dentro de Cuba, non necesariamente ligada aos intereses da diáspora.

Pero para Washington e, especialmente para o presidente Bush, monitorear a transición cubana supón un asunto de grande importancia para a política hemisférica estadounidense nos próximos anos, principalmente polos cambios políticos que se están a operar neste momento en América Latina.

Unha atención especial para Washington semella localizarse na relación estratéxica entre Cuba e Venezuela, considerablemente por factores políticos, enerxéticos e de seguridade. Para Washington, a especial relación de Fidel co presidente Hugo Chávez e a presunta influencia que exerce sobre o mandatario venezolano, así como a posible expansión rexional do eixe A Habana-Caracas, constitúe un elemento de considerable preocupación para Washington á hora de analizar a transición en Cuba.


Sobrevivirá a revolución a Fidel?

Quizais o maior enigma sobre a transición cubana sexa o feito de analizar ata qué punto a revolución socialista principiada en 1959 poderá continuar como marco de referencia para a sociedade.

Como factor de cohesión social, o carácter nacionalista da revolución cubana permitiu afondar na construción política dunha forte identidade nacional, especialmente nas relacións de Cuba co mundo exterior e, dun apartado específico, a respecto de EEUU. Tanto como os avances sociais, principalmente en materia sanitaria e educativa, este factor nacionalista seguramente continuará exercendo unha influencia capital como marco de referencia para a Cuba post-castrista.

A ausencia de personaxes coa capacidade política e o carisma de Fidel Castro, elemento que determina a actual concentración institucional da transición en mans do PCC e, indirectamente, das FARC, supón tamén algúns riscos para a actual estrutura de poder. Con certeza, a mediano prazo, existirán presións internas e externas dirixidas a propiciar unha apertura política gradual do ríxido sistema de poder en Cuba, así como dos medios informativos.

A pesares do recente xiro cara a unha maior centralización política en torno ao PCC, así como do tímido proceso de apertura económica iniciado tras da caída da ex URSS, a estrutura de poder cubana post-castrista tentará tutelar ou ben moderar a futura disidencia política e os cambios que se agardan. Mais este escenario estará tamén influenciado polas presións externas, principalmente dende Washington e do exilio cubano. Manexar estas presións externas será unha das tarefas máis difíciles para o proceso de transición en Cuba.

Segundo especulan algúns analistas, o esperado pragmatismo de Raúl Castro, Felipe Pérez Roque e Carlos Lage podería propiciar unha tímida apertura de relacións con Washington, especialmente en materia comercial, abafando, deste xeito, á “liña dura” do exilio cubano. Paralelo ao proceso de relacións con EEUU, a Unión Europea seguirá fomentando o seu papel de moderador da transición cubana, con especial participación do goberno español.


Os retos futuros

Outro factor político da transición será cómo contribuír á flexibilización da ríxida estrutura burocrática do poder, así como o combate da corrupción administrativa e os cualificados “roubos ao Estado”, criticados publicamente por Fidel Castro nos derradeiros meses dentro do seu programa para combater o fraude administrativo.

Mesmo máis que o aspecto político, vai ser necesario fomentar un amplo e profundo programa de medidas económicas, a fin de superar os difíciles niveis socioeconómicos, as constantes crises enerxéticas, a sub-ocupación laboral e a carestía de produtos básicos.

Segundo estatísticas occidentais, a economía cubana experimentou un impresionante crecemento do 9% no 2005, principalmente grazas ao subministro enerxético dende Venezuela e as actividades do turismo. Pero a tutelada apertura económica, principalmente en materia turística, realizada a mediados dos noventa, fomentou tamén unha marcada fractura social, especialmente no que se refire á posesión de divisas e produtos estranxeiros.

Estímase que esta situación de carestía, engadida aos déficits de subministro enerxético, podería provocar un clima de descontento social a curto ou mediano prazo.


Unha nova etapa

A pesares das dificultades, o novo Plan Económico e Social e o Proxecto de Lei de Orzamento 2006, prevén investimentos calculados en 4.000 millóns de dólares en parques automotor e ferroviario, así como a apertura á iniciativa privada estranxeira, especialmente no sector enerxético e turístico.

En materia de relacións exteriores diplomáticas e comerciais, Cuba atravesa na actualidade por unha relación privilexiada con China, Venezuela e Irán, principalmente en materia enerxética e financeira, mentres mantén á Unión Europea como principal vehículo de apertura cara os países occidentais.

Do mesmo xeito, e xunto aos gobernos de Hugo Chávez en Venezuela e Evo Morales en Bolivia, o goberno de Fidel Castro está reactivando as súas redes de solidariedade internacional así como a súa asistencia en materia sanitaria e educativa dentro do contexto latinoamericano, a traveso tamén dunha activa diplomacia, parcialmente favorecida polo o recente xiro político á esquerda en América do Sur.

Na súa pretensión por atopar canais de apertura ao exterior, que lle permitan diminuír a abafante política que emana dende Washington, Cuba tenta moldear os mecanismos da súa transición. Existe unha evidente estabilidade política en torno ao PCC e a actual estrutura de poder, pero resta coñecer cómo serán as reaccións internas e externas unha vez Fidel Castro xa non estea e qué implicacións terán no futuro de Cuba.

     
     
Principais actores

     
   

Fidel Castro Ruz: (79 anos) Presidente da República e Máximo Líder da Revolución. A pesares de que a súa figura xera todo tipo de pronunciamentos, o seu labor foi determinante para configurar a Cuba contemporánea. Este elemento incide na sensación, dentro e fora do país, de ser un líder insubstituíble.

Raúl Castro Ruz: (75 anos) Vicepresidente, ministro de Defensa e nomeado oficialmente como o sucesor de Fidel Castro. Considerado como un pragmático e hábil operador político, probablemente tenda a mellorar a relación con EEUU, no entanto carece do carisma e a capacidade oratoria e de convencemento popular do seu irmán.

Felipe Pérez Roque: (42 anos) Ministro de Relacións Exteriores, a súa carreira política medrou dun xeito vertixinoso na segunda metade da década dos noventa, principalmente diante do ostracismo do seu antecesor Roberto Robaina. O seu concurso será clave na transición cubana.

Carlos Lage Dávila: (52 anos) Vicepresidente do Consello de Ministros e ministro de Economía, forma parte do buró político do PCC. En Cuba é considerado como o “zar económico” do proceso de apertura iniciado nos noventa. A súa posición apunta cara a síntomas reformistas.

Ricardo Alarcón de Quesada: (69 anos) Presidente da Asemblea Nacional do Poder Popular, principal órgano de representación popular en Cuba. É considerado como un reformista e pragmático, así como un hábil negociador.

Oswaldo Payá: (54 anos) Líder do Movemento Cristiá de Liberación, MCL e promotor do Proxecto Varela, unha iniciativa de recolección de máis de 11.000 sinaturas para pedir cambios democráticos, que foron presentadas diante da Asemblea Nacional no 2002. Payá impulsa agora o documento “Todos Cubanos”, consistente en esixir a apertura política plural e democrática, defendendo os logros sociais da revolución e rexeitando o que considera “o capitalismo salvaxe e o neoliberalismo económico”.

Martha Beatriz Roque: (61 anos) Acadou notoriedade como figura da sociedade civil. Tras varias detencións nas que denunciou de maltrato físico, esta muller impulsou na súa propia casa unha das primeiras xuntanzas colectivas de líderes disidentes de toda Cuba. Dirixe a “Asemblea para Promover a Sociedade Civil, APSC”, que afirma que agrupa a 360 organismos, moitos deles de corte radical, defensores dunha liña dura contra Castro.

Eloy Gutiérrez Menoyo: (69 anos) Presidente de “Cambio Cubano”, creado en 1993, defínese como “socialdemócrata”. Foi un dos comandantes guerrilleiros que colaboraron con Fidel Castro nos tempos da revolución. Rompeu con el para refuxiarse en EEUU, mesmo creando o grupo Alpha 66, coa cooperación da CIA, para accións armadas en Cuba. Tras unha histórica reunión con Fidel en 1996, Gutiérrez Menoyo iniciou o retorno á illa caribeña en 2003 para “colaborar coa transición”. Segundo se cre, a súa tese busca unha posición “independente de EEUU e de negociación co goberno de Castro”.

Vladimiro Roca: (64 anos) Ex prisioneiro político, presidente do “Movemento Todos Unidos”, unha das organizacións de disidentes con maior peso en Cuba, e do non oficial Partido Socialdemócrata de Cuba. Desde 1991 propugna un consenso co goberno de Fidel Castro para propiciar cambios graduais.

Elizardo Sánchez: (62 anos) Dirixente da Coordinadora de Organizacións de Dereitos Humanos, que representa a catro organizacións que se presentan como defensoras dos dereitos humanos dentro de Cuba.

George W. Bush: (60 anos) Presidente dos EEUU, o seu plan para a transición en Cuba, denominado “Compromiso cos Cubanos”, está a xerar unha forte polémica a nivel internacional.

     
     
Radiografía de Cuba

     
   

Nome oficial: República de Cuba. A Constitución de 1961 adoptou o sistema socialista como oficial. Posteriormente, a Constitución de 1976 consolidou o “Estado Socialista de Obreiros e Campesiños”.

No 2002, a Asemblea Nacional do Poder Popular estableceu unha emenda na que consolidaba “irrevogablemente” o carácter socialista estatal.

División político-territorial: unha municipalidade (A Habana) e 14 provincias: Pinar del Río, Isla Juventud, Provincia de La Habana, Matanzas, Villa Clara, Cienfuegos, Sancti Spiritus, Ciego de Ávila, Camagüey, Las Tunas, Gramma, Holguín, Guantánamo e Santiago de Cuba.

A base militar estadounidense de Guantánamo, obxecto dunha concesión ilimitada a Washington en 1902, é o único conflito territorial reclamado polo Estado cubano.

Presidente: O xefe de Estado é Fidel Castro Ruz, quen ocupa os cargos de presidente do Consello de Estado, presidente do Consello de Ministros, primeiro secretario do Partido Comunista de Cuba e Comandante en xefe das Forzas Armadas Revolucionarias.

Poboación: 11.300.000 habitantes.

Superficie: 110.860 km2.

Sistema político: Réxime socialista de partido único, conformado polo Partido Comunista de Cuba, PCC, creado baixo este nome en 1965 tras do agrupamento de todas as organizacións políticas que participaron na revolución no antigo Partido Unido da Revolución Socialista.

O artigo 5 da Constitución da República de Cuba establece que o PCC “martiano e marxista-leninista” constitúe “a forza dirixente superior da sociedade e do Estado”.

O principal órgano de representación e participación política é a Asemblea Nacional do Poder Popular, composta por 589 membros elixidos por sufraxio universal directo, do que só o PCC participa nas eleccións. Posúe dous órganos permanentes: o Consello de Estado, que configura a máxima representación do Estado cubano a instancias internacionais; e o Consello de Ministros, máximo órgano executivo e administrativo.

Outras institucións son as Asembleas Populares e Municipais do Poder Popular e os Consellos Populares.

Economía e sociedade: Tradicionalmente dependente do cultivo e extracción da caña de azucre, do café e do tabaco. A economía cubana contemporánea estivo influenciada por tres factores de peso: o prolongado embargo estadounidense desde 1962; a dependencia enerxética e comercial da ex URSS; e os vaivéns económicos da revolución socialista.

A apertura dos anos noventa propiciou o ascenso dunha incipiente clase económica, principalmente vinculada á actividade turística e comercial, pero tamén a un sector informal da economía ao marxe do control gobernamental, principalmente vinculado á tenencia de dólares e moeda estranxeira.

Aínda así, a economía cubana dispón de varios activos interesantes para o seu desenvolvemento: o sector turístico; unha notable rede de comunicacións marítimas, terrestres e aéreas, grazas á súa localización xeográfica; existencia de industria téxtil e metalúrxica; unha industria fármaco-médica con excelentes resultados na área de biotecnoloxía; unha actividade petroleira en ascenso, principalmente cerca do Golfo de México; un amplo apoio ao sector de investimentos en I+D; e man de obra cualificada.

O alto énfase na educación popular permite a Cuba posuír un alto nivel de alfabetización, calculado no 97% da poboación. A pesar de ser un Estado socialista confesionalmente ateo, a Igrexa Católica rivaliza na relixiosidade popular coas crenzas afrocaribeñas asentadas na illa, especialmente a relixión yoruba importada polos escravos negros de Nixeria e mesturada cos ritos locais e católicos.

     
     
Revista de prensa

     
1   El Mein Kampf de Bush y la Bella Durmiente”, por Ricardo Alarcón de Quesada, en Granma (Cuba), 18 de xullo de 2006.

Hasta ahora nadie en Europa se ha dado por enterado (...) Pedirles que condenen el plan secreto para atacar la Revolución, las nuevas y más crueles restricciones a las familias cubanas (...) sería, seguramente, pedirles demasiado.
     
2   Anticastrismo totalitario”, por Alejandro Armengol, en Cuba Study Group (EEUU), 17 de xullo de 2006.

El famoso plan de la Comisión para la Asistencia a una Cuba Libre es una farsa millonaria. Un informe burocrático que no dice nada y promete mucho: $80 millones es una cifra considerable. Pero como declaró la líder disidente Martha Beatriz Roque: “Casi todo se queda en proyectos que se hacen en Estados Unidos”.
     
3   Contramedida cubana”, por Rogelio Torras, en Inter Press Service (Italia), 19 de xullo de 2006.

Hay una contradicción entre los intereses de aquellas compañías de Estados Unidos que prefieren comerciar con Cuba y la política de conflicto implementada en este momento por la administración vecina para separar, o al menos impedir, un acercamiento entre ambos países.
     
4   Con cabeza propia”, por Juan González Febres, en Cubanet (Cuba), 19 de xullo de 2006.

Se ha hecho costumbre que el gobierno norteamericano apruebe la entrega de dineros, a sabiendas de que éstos no se entregarán. Por otra parte, se acepta que Castro castigue cubanos por lo que hicieron, hacen o harán los norteamericanos. Se vive con angustias y no se piensa de forma apropiada.
     
5   Cuba prepara a Raúl para la sucesión”, por Frances Robles, en The Miami Herald (EEUU), 14 de xullo de 2006.

Están preparando el proceso. Fidel está en control y dirigiendo el proceso de cambio. En lo que Fidel se va debilitando lentamente, iremos viendo cómo Raúl y Ricardo Alarcón (...) se van haciendo más visibles.
 
Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/07/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta