| |
| Análise |
|
| |
|
|
| |
|
Entre o próximo 15 e 18 de xullo vaise celebrar en San
Petersburgo o cumio anual do Grupo dos Oito, G8, que reúne ás sete principais potencias industrializadas
do mundo (EEUU, Canadá, Gran Bretaña, Francia, Alemaña, Xapón e Italia), máis
Rusia. Paralelamente, este cumio acostuma a estender a invitación a determinados líderes de países
considerados como “potencias emerxentes dentro do mundo global”, cun notable contido de interese estratéxico,
tales son os casos de China, India, Brasil, México, Turquía, España ou Australia, entre outros.
Neste sentido, e probablemente xunto co Foro Económico
de Davos (Suíza), este cumio é considerado como a xuntanza global máis importante á
hora de analizar a situación xeopolítica e económica internacional. É por iso que o
presidente ruso Vladímir Putin intentará aproveitar a súa condición de anfitrión
para revitalizar a posición internacional do seu país como auténtica potencia global.
Pero, na conxuntura actual, as relacións entre Rusia
e as potencias occidentais non atravesan por un período de relacións especialmente fluídas,
principalmente por determinadas crises e posturas dos actores involucrados dentro do concerto internacional.
¿Unha nova “guerra fría?
Unha axenda diversa vai abordar este cumio global onde as posicións
dos oito principais líderes do planeta poderán navegar entre o consenso e a diverxencia. Neste sentido
tratarase unha variada temática na que teñen intereses comúns como a democratización
e transición política na Europa ex soviética, os problemas ambientais (cambio climático),
de seguridade internacional (terrorismo global, expansión da OTAN), crises puntuais (Irán, Oriente
Medio) e a viabilidade e utilización de novos recursos enerxéticos.
No entanto, diversos acontecementos complican unha cómoda
xuntanza para Putin. Nunha recente xira polos países bálticos, o vicepresidente estadounidense Dick
Cheney cualificou á Rusia de Putin como un “Estado autocrático” mentres augurou unha renovación
da “guerra fría” nas futuras relacións entre Washington e Moscova. Incluso considerou que Putin establece
un “chantaxe petroleiro” a nivel internacional. Estas declaracións provocaron unha forte resposta diplomática
por parte do goberno ruso.
Mais, os principais puntos de fricción entre Rusia e
Occidente se centran nas áreas enerxética, de democratización interna en Rusia e de intereses
xeoestratéxicos no taboleiro internacional, principalmente no espazo euroasiático e Oriente Medio.
En realidade, no que vai de ano vénse constatando unha
certa irritación nas relacións entre os países occidentais e Rusia, principalmente por factores
enerxéticos. A “guerra do gas” polo subministro enerxético, presentada entre Rusia e Ucraína
en xaneiro pasado (crise que involucrou posteriormente a países como Xeorxia, Belarús e Armenia),
provocou críticas e o temor por parte dos gobernos e a opinión pública estadounidense e europea
no sentido de que Putin utilizara a arma petroleira para determinados fins políticos, como mecanismo de
relación de cara a gobernos considerados por Moscova como aliados ou desafectos a súa política.
Beneficiada polos altos prezos internacionais do petróleo
e do gas natural, a economía rusa rexistra un notable crecemento que reforza o poder de Putin, aumentado
por unha sólida popularidade interna. Pero os pasos políticos de Putin están a posibilitar
unha sensación de conflito cos intereses occidentais, especialmente por parte de diversas multinacionais
estranxeiras afincadas en Rusia tras do desmembramento do sistema soviético.
Recentemente, Putin aprobou un novo marco de negociación
política petroleira entre o Estado ruso, a traveso da súa estatal Gazprom, e as multinacionais, con
claro énfase na preservación dos recursos enerxéticos rusos. Diversos institutos occidentais
como o “think tanks” estadounidense Freedom House consideran que na Rusia de Putin existe un preocupante balance
negativo en canto ás liberdades políticas e económicas.
Outro factor se localiza na disputa polo oleodutos e gasodutos
que van dende o mar Caspio a Occidente e Rusia. Moscova aplica unha activa política para axilizar polo seu
territorio unha ampla rede de oleodutos que poida evitar depender das multinacionais estranxeiras. Estes oleodutos
atravesan rexións conflitivas no Cáucaso, países como Xeorxia, Acerbaixán e Armenia,
así como un país aliado occidental como Turquía, e involucra os intereses non só rusos,
europeos e estadounidenses senón de Irán e China.
Se o tema enerxético vai a ser central á hora
de analizar o desenvolvemento deste cumio, non menos o será o asunto do fortalecemento do poder político
de Putin dentro de Rusia e a situación da transición democrática post-soviética neste
país.
Sen esquecer o drama checheno, dende Washington e Bruxelas observan
con moita desconfianza e coidado os mecanismos de poder que utiliza Putin, cuxo panorama político semella
irse decantando ao seu favor de cara ás eleccións lexislativas de comezos de 2007 e as presidenciais
de 2008, para as que o propio Putin estaría inhabilitado constitucionalmente para poder postularse a un
terceiro período.
En EEUU e Europa critican as recentes medidas tomadas polo Kremlin
de cara aos seus adversarios políticos. A medida legal aprobada en decembro de 2005 de limitar a actuación
das ONGs de dereitos humanos en Rusia así como unha aparente obsesión do Kremlin por controlar os
medios de comunicación provocaron fortes críticas internacionais cara a Putin.
O presidente ruso tenta contrarrestar estas críticas
apelando ao nacionalismo estatal e retomando unha retórica de estilo soviético, acusando a diversos
intereses occidentais de querer “acabar con Rusia”. Incluso, ante o secuestro e posterior asasinato de diplomáticos
rusos en Bagdad, Putin pediu ao Parlamento a aprobación dunha medida que permita enviar tropas ao estranxeiro
para impedir ataques terroristas e contra a seguridade nacional rusa.
Actualmente, a Duma ou Cámara Baixa do Parlamento ruso,
controlada polo partido de Putin “Rusia Unida”, acaba de tramitar varias leis para restrinxir o número de
partidos políticos e, principalmente, rematar cos deputados e líderes independentes, como parte dunha
ambiciosa reforma electoral que propicia o propio Putin.
Simultaneamente, a confrontación política entre
Putin e os denominados “oligarcas”, principalmente no sector enerxético (estes defendidos por varios sectores
mediáticos occidentais), foi analizada como unha evidente puxa polo poder en Rusia, neste caso decantado
a favor de Putin tralo encarceramento en Siberia do oligarca máis poderoso, Vladimir Khodorkovski, ex presidente
da petroleira Iukos, acusado de fraude fiscal.
A xeopolítica de Putin
O terceiro vértice desta delicada conxuntura constitúe
a diplomacia de Putin nos últimos meses. Prudente pero firme, Moscova intenta recuperar terreo no antigo
espazo ex soviético, principalmente no Cáucaso e Asia Central, intentando revitalizar a case inexistente
Comunidade de Estados Independentes, CEI, creada en decembro de 1991. Neste sentido, Putin utiliza imperativos
enerxéticos e de seguridade para xustificar a súa política.
Tomando en conta a deriva cara Occidente de países como
Ucraína, Xeorxia, Moldavia ou Acerbaixán, Putin reforzou os seus aliados como o presidente bielorruso
Anatoly Lukashenko (beneficiándoo na crise enerxética entre Rusia e Ucraína) mentres iniciou
unha activa xira por Asia Central para recuperar aliados en países como Kazajstán, Kirguizistán
e Uzbekistán.
Todo isto procura contrarrestar a perda de influencia rusa en
determinados países, tras das “revolucións de cores” en Xeorxia (2003), Ucraína (2004), e
as mutacións políticas cara os intereses occidentais en Moldavia e Kirguizistán no 2005.
A Putin preocúpalle a expansión dos intereses
transatlánticos post-11/S cara o espazo ex-soviético, como a posible ampliación da OTAN a
Ucraína e Xeorxia e a presenza de tropas estadounidenses cerca das fronteiras rusas, como en Uzbekistán,
Kirguizistán e Afganistán, no marco da estratexia internacional elaborada por Washington para a guerra
contra o terrorismo global. Do mesmo xeito, Putin tense esforzado por ter unha relación privilexiada con
China que poida solidificar unha política de contención cara Occidente.
Por iso, e para contrarrestar eses efectos e non quedar por
fora das resolucións das crises internacionais, Moscova iniciou unha activa diplomacia en Oriente Medio,
con manobras determinadas como permitir un cumio mundial cos líderes de Hamas para fortalecer a transición
palestina, achegarse a réximes incómodos para Occidente como a Siria de Bashar al Asad ou nivelando
a crise global provocada polo programa nuclear iraniano, rexeitando o uso punitivo de sancións cara Teherán
e garantindo o subministro tecnolóxico do seu programa nuclear pero con fins pacíficos.
Mesmo, alén de Oriente Medio e o espazo euroasiático,
a venda de 100,000 fusiles rusos Kalashnikov á Venezuela de Hugo Chávez e unha maior proxección
enerxética entre Moscova e Caracas provocaron unha discusión telefónica entre o presidente
estadounidense George W. Bush e o propio Putin.
Un cumio de definicións
Con este panorama, semella seguro que no próximo cumio
do G8 existirá unha sensación de nova era nas relacións entre Rusia e as principais potencias
occidentais. Neste sentido, Putin intentará enfocar a súa estratexia cara un mundo máis multipolar,
balanceando a hexemonía estadounidense, e aplicando un sentido máis pragmático e realista
a súa política exterior.
Con todo, é posible que exista unha mesurada estratexia
de Putin de tratar de baixar o nivel de irritación existente na conxuntura actual. Sen esquecer os seus
obxectivos enfocados a fortalecer o nacionalismo ruso e a posición de Rusia como potencia global, Putin
podería iniciar unha política de maior entendemento coas multinacionais enerxéticas, aínda
que isto non garante a finalización de determinadas crises ocasionais. Resulta tamén probable a consecución
dun novo marco de asociación estratéxica con Europa, principalmente en materia enerxética
e de loita antiterrorista.
O presidente ruso intentará sortear críticas externas
como a guerra en Chechenia, a situación dos dereitos humanos ou a posible deriva autoritaria do seu poder
interno. Para iso, intentará convencer a Occidente de que a súa política e, posiblemente,
o seu concurso no poder sirve como principal factor de estabilización para Rusia, capaz de amortecer unha
posible situación de caos interno con graves consecuencias para EEUU e Europa.
Pero Putin seguramente utilizará o cumio para sopesar
estratexias a futuro coa finalidade de garantir un papel primordial para Rusia na configuración dun novo
mapa de poder mundial. Consecuentemente, esta visión vaina complementar cunha estratexia de preservación
do seu poder político. Polo tanto, no principal foro global das potenciais mundiais, Putin espera superar
as pegadas e complicacións que Rusia ven experimentando dentro da súa volátil transición
post-soviética.
|
| |
|
|
| |
|
|
| Principais actores |
|
| |
|
|
| |
|
Vladímir Putin: (53 anos) Ex axente da KGB soviética, ex primeiro ministro (1999), foi
elixido polo ex presidente Boris Ieltsin como presidente en decembro dese ano. Gañou as eleccións
presidenciais en marzo de 2000, sendo reelixido no 2004. Popular no seu país pero cualificado como un “autócrata”
dende o exterior, moitos o consideran o líder que maior estabilidade outorgou a Rusia trala delicada transición
post-soviética.
George W. Bush: (60 anos) Presidente dos EEUU polo Partido Republicano, elixido en novembro de
2000 e reelixido no 2004. Como Putin, finaliza mandato no 2008. Acude ao Cumio do G8 cun perfil baixo, cunha marcada
caída nas súas cotas de popularidade, debido principalmente á caótica transición
iraquí e as turbulencias económicas internacionais.
Anthony Blair:
(53 anos) Primeiro ministro laborista desde 1997, reelixido no 2001 e 2005. Como Bush, chega a San Petersburgo
con índices de aceptación política baixo mínimos no seu país, a tal punto que
se especula coa súa posible dimisión do cargo antes de finalizar o seu mandato no 2009.
Hu Jintao:
(63 anos) Presidente da República Popular de China desde o 2004. Aínda que o seu país non
forma parte do G8, é considerada actualmente a cuarta potencia económica global. Esta será
a súa segunda comparecencia neste foro.
Junichiro Koizumi: (64 anos) Primeiro ministro xaponés desde o 2001, recentemente reelixido.
Tralo 11/S de 2001 amosou o seu apoio á estratexia anglo-estadounidense en Afganistán e Iraq, feito
que provocou a primeira participación militar internacional nipona trala II Guerra Mundial. O ascenso económico
e político de China está a causar inquietude na política do seu país.
Ánxela Merkel: (51 anos) Chanceler alemá do partido demócrata-cristiá CDU-CSU,
elixida en outubro de 2005, goza dunha ampla aprobación nos seus primeiros meses no poder. Acode por vez
primeira ao G8 amosando unha renovación da política atlantista e sumamente crítica coa política
exterior de Putin.
Jacques Chirac: (74 anos) Presidente da República Francesa, elixido en 1995 e reelixido
no 2002. O próximo ano deixa a presidencia polo que acude ao seu último cumio de G8 en medio dunha
forte crise política no seu país que repercute negativamente na súa popularidade e do seu
partido, a centro-dereita “Reunión pola República”, RPR.
Romano Prodi:
(66 anos) Actual xefe de goberno italiano pola coalición de centro-esquerda “L´Unione”, elixido en
maio pasado, substitúe a Silvio Berlusconi. Anteriormente foi primeiro ministro no período 1996-1998
e presidente da Comisión Europea entre o 1999 e o 2004.
Stephen Harper: (45 anos) Primeiro ministro canadense, do Partido Conservador, foi elixido en
xaneiro de 2006 en substitución de Paul Martin. Acude por vez primeira ao cumio do G8. Amosa simpatías
polas políticas de Bush e Blair.
|
| |
|
|
| |
|
|
| Radiografía de Rusia |
|
| |
|
|
| |
|
Nome oficial: Federación de Rusia. Constituída por 89 repúblicas ou rexións
autonómicas internas baixo o control de Moscova. O seu sistema de goberno é república presidencialista.
Posúe un territorio enclave en Kaliningrado, entre Polonia e Lituania.
División político-territorial: Segundo a Constitución de 1993, as 89 “entidades
federais” están agrupadas en entidades “nacionais”, que levan o nome do grupo nacional maioritario (conforman
21 repúblicas, unha rexión autónoma e 10 distritos) e as entidades “administrativas territoriais”,
que conforman seis territorios ou provincias, 49 rexións e dúas cidades federais.
Existen sete grandes distritos nacionais: Distrito
Federal Noroccidental; Distrito Federal Central (onde se atopa a capital, Moscova); Distrito Federal do Volga;
Distrito Federal do Sur; Distrito Federal dos Urais; Distrito Federal Siberiano e Distrito Federal do Lonxe Oriente.
Aínda que baixo o actual dominio ruso,
a república de Chechenia proclamou a súa independencia en 1996 pero en 1999, o retorno das tropas
rusas permitiron controlar paulatinamente o territorio. Existen tensións territoriais noutras repúblicas
e rexións autónomas do Cáucaso ruso fronteirizas con Chechenia, como Daguestán, Ingushetia,
Osetia do Norte, Kabardino Balkaria e Tatarstán. Do mesmo xeito, as illas Kuriles no océano Pacífico
son reclamadas por Xapón desde 1946.
Presidente: O xefe de Estado é Vladímir Putin, desde marzo de 2000, reelixido
no 2004. O xefe de goberno ou primeiro ministro é Mikhail Fradkov.
Poboación: 144.082.000 habitantes.
Área: 17.075.400 km2.
Principais partidos políticos: A transición post-soviética permitiu a creación
de diversos partidos e movementos políticos. O Partido Comunista de Rusia, KPRF, de Gennadi Zyuganov, principal
opositor ao presidente Putin, está cada vez máis orientado cara unha variante da socialdemocracia
europea. Para as próximas eleccións se presenta un movemento disidente, o Partido Republicano, que
amosa unha tendencia independente de esquerda contraria á política de Putin.
O partido gobernante é Rusia Unida, controlado
polo presidente Vladímir Putin, de tendencia fortemente nacionalista. Tamén existen o Iabloko, un
bloque de partidos e movementos de tendencia liberal; a Unión de Forzas de Dereita e o Partido Liberal Democrático
de Vladímir Khirinovski, este último de tendencia xenófoba, nacionalista e antisemita. Tamén
existen o Partido Agrario de Rusia, o Partido Popular, o Partido do Renacemento e da Vida e o Ródina (Patria).
Composición étnica, lingüística
e relixiosa: Fontes estatísticas
estiman que en Rusia existen máis de 90 grupos étnicos distintos e se falan máis de 35 linguas
diferentes, co cal conforma un variado mosaico étnico, relixioso e lingüístico.
A poboación eslava rusa constitúe
a maior configuración estatal, aínda que é minoritaria en 9 das 89 rexións nacionais
e administrativas. O mosaico de comunidades étnico-lingüísticas inclúe ao tátaro,
bashkir, checheno, osetio, uigür, turcómano, iakuto, buriato, daguestaní, chuvashe, kabardo,
balkaro, udmurtio, mordovo, carelio, altaio, jakasio, mongol, kazajo, kalmiko, kirguizo, azerí, tuvino,
armenio, germano, ucraíno, bielorruso e moldavo.
A pesares de que a etapa soviética propiciou
o ateísmo, o principal compoñente relixioso está na Igrexa Nacional Rusa, cristiá ortodoxa
de rito bizantino, cun notable ascenso na etapa post-soviética e que profesa aproximadamente o 20% da poboación.
O catolicismo e o cristianismo ortodoxo “uniata” (que recoñece ao Vaticano) son tamén considerables
nas rexións occidentais da Rusia europea.
As poboacións musulmáns, principalmente
no Cáucaso e a Rusia asiática, tamén son numerosas (7,6%). Existen tamén mínimas
comunidades de xudeus (0,4%) e protestantes (0,9%), así como budistas, confucianos e cultos animistas siberianos.
Economía: A etapa soviética imprimiu unha industrialización
forzada e acelerada que permitiu o desenvolvemento da industria pesada, principalmente metalúrxica, debido
aos recursos de carbón, uranio, aluminio, cobre, níquel e prata. Este sector ocupa o 20% da actividade
económica.
Os abundantes recursos enerxéticos, principalmente
petroleiros e gasíferos, permiten a Rusia, tras Arabia Saudita, localizarse como a principal potencia petroleira
mundial dun país non membro da OPEP. Isto propicia unha forte dependencia da economía rusa co sector
enerxético, calculado no 53,5% da actividade económica.
Cos elevados prezos de petróleo no mercado
mundial, que oscilan entre os $60-70 por barril, Rusia está a vivir unha bonanza económica tras anos
de fraxilidade financeira e constantes negociacións cos principais organismos internacionais, como o FMI
e o Banco Mundial.
Segundo fontes occidentais, o Índice de
Risco País ruso ven baixando, localizándose a niveis de países como Israel, República
Checa, Chile, Taiwán e Singapur. Desde 1999, Rusia experimenta índices de crecemento económico
de entre 4 e 6% anuais, produto principalmente da actividade petroleira.
Sociedade: A masiva privatización post-soviética permitiu a creación
dunha verdadeira elite económica, coñecidos como os “oligarcas”, cun excesivo poder político.
Se contabilizan cerca de 100,000 novos millonarios na Rusia actual. Este factor determina practicamente a conformación
dunha nova estrutura do poder en Rusia, independentemente de quen sexa o xefe de Estado.
Sen embargo, os datos socioeconómicos sitúan
a Rusia a algúns dos países en desenvolvemento e, mesmo, tercermundistas. O seu Índice de
Desenvolvemento Humano se localiza no número 60 a nivel mundial. Se considera que existe un 25% da poboación
que vive na pobreza, mentres a esperanza de vida se localiza nos 58 anos por habitante, por debaixo dos países
occidentais máis desenvolvidos. O crecemento vexetativo anual é negativo, un 0,3% en datos do 2003,
tendencia que propicia o envellecemento da poboación.
|
| |
|
|
| |
|
|
| Revista de prensa |
|
| |
|
|
| 1 |
|
“Save
the G8”, por Konstantin
Sonin, en The Moscow Times
(Rusia), 4 de xullo de 2006.
Being a G8 member raises a psychological
difficulties for Russian leaders. It's certainly harder to be the most-backward country in a group of the developed
than the leader of a group of weaker countries. But Russia´s interests must be before the personal travails
of the president and his aides. |
| |
|
|
| 2 |
|
“El Kremlin se blinda”, por Pilar
Bonet, en El País (España), 4 de xullo de 2006.
En vísperas de la primera cumbre
del G8 que se celebra en Rusia, el Kremlin realiza una ofensiva de imagen para aparecer como abierto en lo político
y seguro de sí mismo en lo económico. La afluencia provocada por el petróleo hace que sea
más persuasivo en el segundo campo que en el primero. |
| |
|
|
| 3 |
|
“Russia's New World Order”, por J.F.O.
Macallister, en Time
(EEUU), 10 de xullo de 2006.
There's no simple way to solve the complex
challenges a buoyant but flawed Russia poses. And it´s worth remembering that today's Russia is a very different
beast from the old Soviet Union, with its aggressive military posture and proselytizing ideology. |
| |
|
|
| 4 |
|
“Russia:
What now?”, por Peter Zeyhan,
en Stratfor (EEUU), 3 de xullo de 2006.
Assuming Russia does not become paralyzed
by fear, it appears destined to return to a model in which the nationalists, military and intelligence apparatuses
call the shots –a sort of Soviet Union with Russian ethnic base. If this is the case, the only question remaining
is: Who will lead the transformation? |
|