|
Dende que en maio de 2005 comezaran en Al Aaiún, considerada
a capital da República Árabe Saharauí Democrática, RASD, unha serie de protestas e
violentos enfrontamentos entre a poboación saharauí e as forzas policiais marroquís (cualificada
como a “Intifada saharauí”), o contencioso territorial que manteñen desde 1975 o goberno de Marrocos
e a Fronte Polisaria sobre a autodeterminación do territorio do Sáhara Occidental, segue sen atopar
unha solución definitiva, e os acontecementos semellan estancarse a medio prazo.
Os consecutivos fracasos dos planos de paz de Nacións
Unidas en 2001 e 2003, levados a cabo polo ex secretario de Estado norteamericano James Baker, condicionan, aínda
máis, unha situación desesperante para a poboación saharauí.
Un labirinto para a paz
A ONU leva quince anos tentando propiciar un acordo de paz,
tras do alto ao fogo decretado en 1991. Mesmo existe unha forza de paz no territorio saharauí, a UN Mission
for the Referendum in Western Sahara, MINURSO, coa finalidade de garantir a estabilidade e o cumprimento dos acordos.
O plano de 2003 estipulaba a realización dun referendo
de autodeterminación ao final dun período de autonomía de cinco anos. Este mecanismo foi aceptado
tanto por Alxeria como pola Fronte Polisaria, así como a unánime aprobación no Consello de
Seguridade da ONU en xullo de 2003.
Outra iniciativa da ONU, impulsada polo holandés Peter
van Walsum, tampouco obtivo os seus obxectivos. Mesmo o propio defensor desta iniciativa consideraba que os esforzos
da ONU “non serviron para nada”, Cuestionando a utilidade da presenza da MINURSO neste territorio.
En abril pasado, o secretario xeral da ONU, Kofi Annan presentou
outro plano para o Sáhara, tendente a posibilitar unha iniciativa de autodeterminación do monarca
marroquí Mohammed VI. Pero o representante saharauí diante da ONU, Ahmed Bujari, anunciou uns días
máis tarde que o Polisario “rexeitaba o diálogo directo con Rabat sobre o Sáhara proposto
pola ONU”, ata que Annan “non recoñeza o dereito de autodeterminación do pobo saharauí”. Para
o Polisario, o único plan lexítimo que aceptan é o plan Baker de 2003. Pola súa banda,
Rabat amosou a súa satisfacción pola iniciativa de Annan porque “enterraba definitivamente o plan
Baker”.
O drama humanitario
Kofi Annan, baseándose nun informe de outubro de 2005
do Alto Comisionado dos Dereitos Humanos da ONU sobre a situación dos dereitos humanos no Sáhara
Occidental, amosou a súa preocupación pola situación dos dereitos humanos e as constantes
violacións realizadas polo goberno marroquí, principalmente no referente ás detencións,
palleiras, secuestros e prohibicións de acceso ás delegacións estranxeiras ao territorio saharauí.
Diversas ONGs de DDHH implicadas no conflito saharauí,
piden constantemente a constitución dunha comisión de investigación sobre as violacións
de dereitos humanos no territorio, petición publicamente expresada por Mohammed Abdelaziz, secretario xeral
da Fronte Polisaria e presidente da República Árabe Saharauí Democrática. Tamén
denunciou a misteriosa desaparición de 15 activistas pro saharauís o pasado mes de decembro, que
tentaban alcadar as costas das Illas Canarias e que foron capturados pola Xendarmería Real marroquí.
Do mesmo xeito, o Polisario realizou unha protesta polo excesivo
dispositivo de seguridade empregado polo goberno marroquí para a visita do seu monarca a Al Aiún,
o pasado 27 de marzo, calculado en 7 000 efectivos policiais e militares. Denunciou unha especie de “limpeza étnica”
no territorio, para evitar desordes nas rúas durante a visita oficial.
Segundo datos da Fronte Polisaria, existen 14 presos políticos
saharauís nas cárceres marroquís, uns 150 prisioneiros de guerra e 500 civís e activistas
desaparecidos desde o 2004. Acusan a Marrocos de que, inscrito no marco da estratexia antiterrorista internacional,
se gasta un 15% do seu orzamento público en asuntos militares, cousa que propicia o sistema de represión
contra a poboación saharauí. Tamén causou fonda sorpresa, entre os saharauís, a designación
de Marrocos como membro do Consello de Dereitos Humanos da ONU, realizada o pasado 9 de maio.
Os pasos de Mohammed VI
O monarca Mohammed VI, reactivou a finais de marzo, pouco despois
da súa visita oficial ao Sáhara Occidental, o Consello Real Consultivo para Asuntos Saharauís,
CORCAS, coa finalidade de crear un plan de autonomía para o Sáhara antes do mes de outubro, para
finalmente ser presentado diante Nacións Unidas. Esta era a terceira visita de Mohammed VI a Al Aaiún
desde que asumiu o reinado, en 1999.
O presidente deste organismo consultivo de 140 membros é
Jali Uld Errachid, saharauí que defende a opción de autonomía tutelada por Marrocos, para
contrarrestar a opción independentista defendida pola Fronte Polisaria, pero aceptando discutir con eles
o futuro do territorio. No escenario político marroquí, existe un consenso en todos os partidos en
adoptar unha posición anti-independentista saharauí.
Paralelamente, o monarca marroquí tentou dar unha imaxe
de flexibilidade e concordia co anuncio dunha “graza real” a 210 activistas saharauís e a liberación
de 37 independentistas saharauís internados no tristemente célebre “Cárcere Negro” de El Aaiún.
O propio Errachid pediu ao rei Mohammed VI a liberación dun dos o principais líderes da Fronte Polisaria,
Alí Salem Tamek. Pero en Al Aaiún, Mohammed VI asegurou que Marrocos “non cederá un palmo
nin un grao de area” no territorio saharauí.
Esta situación de estancamento e indefinición
aumenta unha sensación de frustración e abandono dentro da poboación saharauí, que
propicia o incrementoo dos partidarios da loita armada contra da “colonización marroquí” como elemento
de persuasión para poder efectuar o referendo de autodeterminación.
Unha situación sen saída?
Engadido ao enfrontamento entre Marrocos e o Polisario e as
dificultades da ONU para poder propiciar un diálogo e o cumprimento dos acordos estipulados, tamén
existen complicacións por parte dos outros actores do conflito saharauí: os gobernos de Alxeria,
Mauritania, España e Francia, así como da Unión Europea e EEUU.
Alxeria: O
goberno alxerino é considerado como o principal apoio exterior para a Fronte Polisaria, principalmente pola
presenza de 180 000 refuxiados nos campamentos de Tinduf, cousa que está na orixe do baixo perfil das relacións
diplomáticas co seu veciño marroquí.
A pesares do seu apoio á causa saharauí, algúns
simpatizantes do Polisario recean das verdadeiras intencións do goberno de Alxer. Consideran que, con este
apoio político, Alxeria ten intencións de “tutelar” ou ben influír no futuro de autodeterminación
para o Sáhara Occidental.
Mauritania: Oficialmente,
Mauritania recoñece a República Árabe Saharauí Democrática pero o seu afastamento
do problema propicia certa sincronía política con Marrocos. Asemade, o país está a
vivir momentos de convulsión interna, como o derradeiro golpe militar de 2004.
España: Pola súa banda, España atopase atenazada polo conflito saharauí,
principalmente pola sensación de ter unha “obriga histórica” cara o pobo saharauí mesturada
cunha necesidade de manter unha relación privilexiada e estable con Marrocos, especialmente en materia económica,
de inmigración e seguridade.
O contencioso saharauí forma tamén parte da dinámica
política española. Diante do fracaso do “plan Baker”, o goberno de José Luis Rodríguez
Zapatero tentou sen éxito, propiciar unha posición de intermediario entre Marrocos e o Polisario.
Zapatero inclínase cara a unha posición máis favorable ao plan de autonomía presentado
polo rei Mohammed VI, que é rexeitado abertamente polo Partido Popular, o goberno alxerino e a Fronte Polisaria.
Para tentar atopar un importante aliado, o primeiro ministro
marroquí, Driss Jettu, entrevistouse secretamente a finais de marzo co ex presidente do PP, José
María Aznar, para tentar convencelo sobre a necesidade deste plan de autonomía. Paralelamente, España
impulsa en Bruxelas un proceso de negociación UE-Marrocos similar ao existente con Turquía.
Francia: O
caso do goberno francés resulta máis evidente que o español. En París estiman sumamente
importante cultivar unha relación estable e duradeira co goberno marroquí, polo que o contencioso
saharauí non se menciona, agás cando as ONGs e as asociacións solidarias co pobo saharauí
realizan presión sobre o goberno francés.
Para París, Rabat constitúe un imprescindible
aliado en materia de inmigración, seguridade rexional, intereses económicos e influencia política
francesa no Magreb e África.
Unión Europea: A Unión Europea tamén se sitúa nuns posicionamentos similares
a España e Francia no relativo ás súas relacións con Marrocos. O recente acordo pesqueiro
aprobado no Parlamento Europeo (409 votos a favor, 197 en contra e 70 abstencións) o 16 de maio, e ratificado
no Consello de Ministros cinco días despois, posibilita á Unión Europea e Marrocos iniciar
unha nova era nas súas relacións, conxeladas precisamente pola paralización do derradeiro
acordo pesqueiro de 1999.
Neste acordo de 2006, España se beneficia de 100 das
119 licencias pesqueiras en augas marroquís, que tamén inclúen as costas de Sáhara
Occidental. Tan só se permitiu unha especie de “contrapunto financeiro” de 144 millóns de euros,
para o desenvolvemento das poboacións costeiras de Marrocos e do Sáhara Occidental.
Dentro do Parlamento europeo existen diversos grupos contrarios
ao acordo con Marrocos a non ser que se acepte a soberanía saharauí ou o referendo de autodeterminación.
Estes grupos son, principalmente, os Verdes, varios socialistas e conservadores, ONGs e asociacións de solidariedade
co Sáhara, quen realizan as súas demandas diante do intergrupo do Parlamento Europeo polo Sáhara
Occidental, en especial no relativo aos dereitos humanos e ao recoñecemento de autodeterminación
saharauí.
EEUU: Para
finalizar, durante o auxe do plan Baker, EEUU apoiou esta iniciativa, cunha evidente intención de deixar
o problema en mans das Nacións Unidas. Pero o 11/S de 2001 mudou por completo esta estratexia: Marrocos
pasou a formar parte dos países aliados na loita contra o terrorismo internacional, polo que os imperativos
de seguridade atenazaron calquera demanda de resolución do conflito saharauí.
A inexistencia dun lobby saharauí en EEUU tamén
dificulta as súas demandas en Washington. No entanto, en xullo de 2004, Washington asinou un tratado de
libre comercio con Marrocos que non incluía ao territorio do Sáhara Occidental “porque este non forma
parte do territorio marroquí recoñecido polos EEUU”. Esta declaración foi celebrada pola Fronte
Polisaria como un recoñecemento ás súas demandas.
O factor petroleiro
O pasado 17 de maio, un representante do goberno da República
Árabe Saharauí Democrática, RASD, anunciou en Londres a concesión de 18 licencias de
explotación de hidrocarburos, seis en bloques de terra firme e outros doce en bloques en augas do océano
Atlántico, dentro dos límites do territorio do Sáhara Occidental. Esta iniciativa axustábase
escrupulosamente á normativa da ONU para este tipo de operacións en territorios sen goberno propio.
Deste xeito, a RASD espera xogar coa “carta petroleira” como
mecanismo político e económico de importancia para alcadar as súas demandas, diante dos constantes
fracasos dos planos de paz e das iniciativas externas de resolución do seu conflito con Marrocos. Velaí
que o anuncio coincidiu co 30 aniversario da ocupación marroquí.
As empresas beneficiadas polas concesións saharauís
son, principalmente, de capital británico ou radicadas no Reino Unido, pero a súa operatividade estará
restrinxida toda vez se perdure o control marroquí sobre o Sáhara Occidental. Estas empresas son
a Ophir Energy, Premier Oil, Cornet Petroleum, EnCore Oil, Europa Oil & Gas e a Maghreb Exploration Osceola
Hydrocarbon Nighthawk Energy. Agárdase que a RASD utilice as 200 millas no océano Atlántico
da zona de soberanía e exclusividade económica como elemento de interese para a explotación
das multinacionais.
Precisamente, a estratexia da RASD busca atraer ás principais
multinacionais enerxéticas con influencia en Washington e Bruxelas, para contrarrestar politicamente a estratexia
diplomática de Rabat de illar as demandas independentistas saharauís. Esta iniciativa tamén
se produce como reacción ao plano elaborado polo goberno marroquí no 2001 de conceder ás multinacionais
áreas de explotación petroleira nas augas saharauís.
As reservas nas augas saharauís non son de grande magnitude
a nivel internacional, aínda que sexan interesantes nunha perspectiva rexional. Estímanse en 14 millóns
de barrís de petróleo e 2.150 millóns de metros cúbicos de gas natural. Resulta necesario
completar que no territorio saharauí existen numerosas reservas de minerais, especialmente fosfatos, que
son explotados polo goberno marroquí.
|