|
O sábado 20 de maio, o Parlamento iraquí composto
por 275 deputados, co beneplácito dos líderes das tres principais comunidades étnicas e relixiosas
de Iraq: xiítas, sunnitas e kurdos, acordaron a configuración dun novo “goberno de unidade nacional”,
baixo a autoridade do primeiro ministro de orixe xiíta Nuri Al Maliki. Este goberno se conforma tralas eleccións
lexislativas do pasado 15 de decembro e cinco meses de negociacións, tensións e desacordos que colocan
á caótica transición iraquí ao borde da guerra civil.
O proceso de elección do primeiro ministro permitiu a
finais de abril a que o Parlamento puidese elixir a Al Maliki, previo á conformación deste novo goberno
composto por 37 ministros, dos cales catro son mulleres. Al Maliki substitúe así ao ex primeiro ministro
Ibrahim Jaafari, de quen era a súa principal “man dereita” nun goberno provisional quer estivo marcado polas
constantes diferenzas entre as tres comunidades e a activa participación dos grupos insurxentes.
Dende unha perspectiva inicial, semella que Iraq pode constituír
unha autoridade nacional que non sexa nin provisional, nin interina nin transitoria. Tamén existe un compoñente
histórico ao nomeamento de Al Maliki: é o primeiro xiíta elixido por un Parlamento para ocupar
o cargo de primeiro ministro desde Muhammad Fadhed al Jamali en 1953.
Simultáneo ao acto de nomeamento, realizado baixo estritas
medidas de seguridade na chamada “zoa verde” de Bagdad, diversos atentados na capital deixaron cerca de 30 mortos
mentres as recen estreadas forzas policiais iraquís atoparon os cadáveres de 21 persoas, probablemente
a cargo de grupos paramilitares, subversivos ou escuadróns da morte.
Estes actos revelan que, pese aos acordos e a posible configuración
dun goberno de unidade nacional, a transición iraquí post-Sadam segue a presentar un escenario caótico
e preocupante. Para complicar o panorama, este novo goberno está momentaneamente incompleto ante as vacantes
no nomeamento dos decisivos cargos de ministro do Interior e ministro de Defensa.
A inclusión sunnita
Probablemente, a clave principal na configuración deste
goberno de unidade nacional foi a definitiva inclusión da comunidade sunnita no marco gobernamental, principalmente
por ser esta comunidade a que alberga a maior parte da insurxencia iraquí.
No entanto, existen diversas interrogantes sobre esta participación.
Un exemplo característico é o de Saleh Mutlaq, líder do Fronte Nacional Iraquí, un
pequeno partido que forma parte do parlamento con 11 deputados. O seu rexeite a asinar o acordo deste goberno de
unidade nacional revela que aínda subsisten fisuras dentro das comunidades, especialmente a sunnita, sobre
a formulación da transición iraquí. Aínda que o seu partido non conforma un gran grupo
representativo dentro do Parlamento, Mutlaq semella ter unha considerable capacidade de influencia dentro da insurxencia
na rexión central de Anbar, considerado un dos principais bastións insurxentes.
A comunidade sunnita se atopa dividida entre os que desexan
formar parte do novo marco político iraquí e entre os que o consideran unha fórmula ilexítima,
baseada nunha invasión militar ilegal. En consecuencia, os sunnitas calculan cómo será a nova
balanza de poder nacional fronte á supremacía xiíta e a fortaleza dos grupos kurdos. Con anterioridade,
as autoridades iraquís e estadounidenses atopaban serios problemas á hora de convencer aos líderes
sunnitas tanto a participar nas eleccións como na posterior conformación das novas autoridades.
Outro escenario clave se descifra no nomeamento dun novo ministro
de Interior e de Defensa. No caso do primeiro cargo, os sunnitas esperan que este futuro representante sirva para
balancear o poder, principalmente a respecto á comunidade xiíta. Do mesmo xeito, o ministro de Interior
posúe maiores atribucións en materia de seguridade que o primeiro ministro Al Maliki ou o presidente
da Autoridade Nacional Iraquí, o kurdo Jalal Talabani.
Estabilidade ou guerra civil?
Aínda semella prematuro considerar que este goberno de
unidade nacional poderá manter un mínimo de estabilidade en Iraq. As primeiras semanas serán
claves para descifrar o futuro político deste goberno e a posibilidade de facer a Iraq un país gobernable.
O nivel da insurxencia segue a estar no seu mesmo nivel que
hai un ano. Desde febreiro, e coincidindo co terceiro aniversario da invasión militar anglo-norteamericana,
a violencia sectaria foi recorrente e elevada no territorio nacional iraquí, cunha estatística cifrada
en case 2.000 vítimas mortais. Asemade, e a pesares da problemática transición, en Washington
non se atreven a fixar no calendario unha posible retirada das tropas, aínda que se especula que poda ser
unha realidade a partires do 2009.
Neste escenario de retirada de tropas, o panorama se complica
para o presidente estadounidense George W. Bush. A comezos de ano, a presión da opinión pública
británica permitiu ao seu atribulado primeiro ministro Tony Blair falar dunha hipotética retirada
dun continxente militar a mediano prazo. O anuncio de Blair foi secundado pola decisión do goberno de Polonia
de comezar o retiro gradual de efectivos e os de Xapón e Corea do Sur, de reducir as súas tropas.
Finalmente, o novo goberno italiano de centro-esquerda liderado
por Romano Prodi anunciou a semana pasada unha pronta e gradual retirada dos efectivos militares italianos, emulando
o exemplo do xefe de goberno español José Luis Rodríguez Zapatero en marzo de 2004.
Cun posible escenario de gradual retirada de tropas e coas forzas
de seguridade internas aínda en fase de construción, existen diversas especulacións sobre
un posible baleiro de poder no Iraq post-Sadam. A concentración dos factores de poder en mans de líderes
de natureza sectaria complica aínda máis esta balanza de poder, polo que diversas persoas consideran
máis oportuno seguir aos seus respectivos líderes políticos e relixiosos que seguir a unha
autoridade nacional débil e considerada como ilexítima.
Este escenario é aínda máis contraditorio:
existe unha percepción popular de que as novas autoridades están avaladas pola presenza militar estranxeira,
a pesares de que posúen visos de lexitimidade debido ás constantes eleccións e das respectivas
e elevadas participacións electorais. O problema se acentúa porque estes representantes electos son
descoñecidos para a maioría dos iraquís. A razón semella ser que moitos dos nomes e
os rostros destes representantes foron ocultados por temor a atentados e ataques persoais.
No marco do equilibrio de poder étnico-relixioso, a preponderancia
da comunidade xiíta foi un dos elementos discordantes para que os sunnitas laceptasen participar na transición
política mentres os kurdos, principalmente localizados ao norte do país, especulan sobre a posible
constitución dunha república independente, cousa que crearía serias complicacións aos
veciños iraquís, principalmente Turquía, Irán e Siria.
Os temores dos sunnitas a respecto a determinados líderes
xiítas se manifesta diante de personalidades como Bayan Jabar, ex ministro do Interior baixo o goberno de
Ibrahim Jaafari. Os sunnitas o sinalan de ser o principal director dos “escuadróns da morte”, ademais de
constituír o xefe das Brigadas Báder, brazo armado do Consello Supremo da Revolución Islámica
en Iraq, o principal partido xiíta.
O futuro do novo goberno
A vulnerabilidade deste novo goberno aumenta por mor da violenta
posguerra. Na súa primeira xuntanza co goberno de unidade nacional, Al Maliki prometeu “man dura contra
o terrorismo”, aínda que mantivo unha oferta de diálogo cara aos grupos insurxentes que abandonasen
as armas, na súa pretensión de desmantelar as milicias armadas e potenciar o seu control por parte
das unidades de seguridade do novo Estado iraquí. Pero a realidade semella virar cara outra dirección.
Al Maliki espera concretar o seu gabinete definitivo pero, sexa
quen sexa quen ocupe os cargos aínda vacantes, o seu goberno precisa dun apoio directo de líderes
como os aiatolás xiítas Alí Sistani e Muqtada al Sadr, este último líder do
poderoso “Exército do Mahdi”, milicias armadas xiítas que xa causaran problemas ás tropas
estadounidenses e británicas na súa defensa da cidade de Basora, ao sur do país, a mediados
do 2004. Igualmente, Al Maliki necesita fortalecerse con outros líderes que constitúen factores de
poder reais no Iraq post-Sadam, como o xa mencionado líder sunnita Saleh Mutlaq.
Esta dependencia tanto de líderes de milicias e aiatolás
relixiosos, así como indirectamente da presenza militar estranxeira, configura un Iraq en fase de incerta
transición. As disputas políticas entre os líderes das comunidades polos ministerios máis
apetecibles, como Petróleo e Finanzas, tamén complica as negociacións.
Do mesmo xeito, a división étnica, relixiosa e
sectaria complica a concreción dun Exército e unha policía nacional, actualmente cifrada en
250 00 efectivos, á espera de alcanzar os 325 000 policías a finais de ano. Este factor de seguridade
é utilizado por Washington e Londres como elementos que perpetúan a súa presenza militar.
Pero en ambas capitais esperan tamén facer un gradual traspaso de competencias de seguridade ás autoridades
iraquís, coa intención de outorgar maior carácter lexítimo ao proceso de transición.
Neste sentido se analiza a recente visita a Bagdad do primeiro ministro británico, Tony Blair.
A preponderancia do factor da seguridade segue a constituír
unha tarefa urxente para o novo goberno. Unha ONG local, o Iraq Body Count, calculou para maio de 2006 o número
total de civís mortos entre 34,830 e 38,990, dos que máis de 2.000 corresponden a oficiais policiais.
Pero existen diversas controversias sobre as estatísticas. Asemade, o novo goberno iraquí aínda
non termina de decidir os cargos ministeriais en Interior, Defensa e Seguridade Nacional.
O novo Iraq non terá un carácter eminentemente
laico, como desexarían EEUU e Europa occidental. O factor relixioso cobra unha importancia capital, principalmente
de cara ás demandas da maioritaria comunidade xiíta, tal e como se revelara na votación popular
da nova Constitución, en decembro pasado. Este fráxil balance de poder condiciona moitas das futuras
decisións do goberno de unidade nacional, sen contribuír en demasía a afastar o perigoso pantasma
da desintegración territorial e a guerra civil.
|