|
Están os Balcáns ás portas dunha nova independencia?
Tras Croacia e Eslovenia en 1991, Macedonia en 1992, Bosnia-Hercegovina en 1995 e, proximamente en Kosovo, o momento
toca agora para Montenegro, que decide o seu futuro no referendo o próximo 21 de maio. En total, 480 000
montenegrinos están facultados para decidir o seu futuro estatuto.
Esta consulta de autodeterminación conta co aval da Unión
Europea, que estableceu as regras da consulta atopando un mínimo consenso político tanto en Serbia
e Montenegro. A Constitución de Serbia admite a separación pero non fixa porcentaxes nin mecanismos
específicos.
Este escenario xurde nunha conxuntura delicada. Bruxelas acaba
de suspender o Acordo de Estabilización e Negociación con Belgrado, vía política para
unha eventual admisión no futuro, debido aos retrasos e a presunta falta de cooperación por parte
do goberno serbio na entrega de Ratjko Mladic, acusado de ser un dos criminais de guerra da Ex Iugoslavia e buscado
polo Tribunal Internacional da Haia.
Tampouco se debe esquecer que este complexo panorama ten que
abordar as demandas kosovares de independencia, que posúen unha maior receptividade en diversos organismos
europeos.
Montenegro: as razóns para a independencia
Existe certa confusión en torno aos motivos que levan
a algúns sectores en Montenegro a formular unha idea independentista. Serbios e montenegrinos comparten
un pasado histórico común, así como unha mesma lingua, o mesmo alfabeto (cirílico)
e a mesma relixión (ortodoxa de orixe serbio). A capital serbia, Belgrado, posúe máis habitantes
de orixe montenegrino que no interior da república. En aparencia, existen factores tan ligados que semellan
non existir razóns para a independencia.
A diferenza pode manifestarse en diversos motivos políticos.
Ata 1998, Montenegro era aliado fiel do ex presidente iugoslavo Slobodan Miloševic, pero en maio dese ano en Montenegro,
Milo Djukanovic, que comandaba a coalición Da Živimo bolje (Para vivir mellor) e manifestaba unha posición
máis autonomista, conseguiu gañar as eleccións presidenciais por unha mínima diferenza
sobre Momir Bulatovic, partidario dunha estreita relación con Serbia. Daquela comezaron unha serie de agravios
e tensións dentro da entón Federación iugoslava, nos que os dereitos constitucionais de Montenegro
comezaron a ser ignorados.
Isto se afondou coa mutación na percepción exterior
cara Miloševic, principalmente dende EEUU e Europa occidental: de ser considerado un dos artífices da paz
en Bosnia pasou a ser cualificado como o “carniceiro dos Balcáns”. Pola súa contra, Djukanovic comezou
a ser visto como unha alternativa democrática. No momento da guerra en Kosovo en 1999, e probablemente para
desestabilizar a Miloševic, Occidente comezou a activar unha especie de “diplomacia económica” favorable
a Montenegro, obviando que os seus dirixentes se mergullaban no contrabando de tabaco ou droga, principalmente
controlada pola mafia italiana asentada na rexión de Puglia.
As tensións aumentaron en xullo de 2000, coa modificación
da Constitución federal de Iugoslavia realizada por Miloševic, sen consulta previa con Montenegro. Con esta
modificación se eliminaba a representación paritaria na Cámara Baixa do Parlamento a favor
dunha representación proporcional á poboación das dúas repúblicas. Ao tempo,
a elección presidencial pasou a determinarse por sufraxio directo e non por designación parlamentaria.
A convocatoria unilateral de eleccións presidenciais e lexislativas afondou aínda máis unha
crise que afectaba directamente a Montenegro.
Desde aquel momento, e pasando pola caída de Miloševic
en outubro de 2000, Djukanovic comezou unha acelerada estratexia independentista que atopou un inesperado freo
por parte da Unión Europea, co plan de “libre unión” acordado o 14 de marzo de 2002, de formar unha
nova federación entre serbios e montenegrinos. A Unión de Estados de Serbia e Montenegro formouse
o 4 de febreiro de 2003, con Milo Djukanovic como presidente pero as fortes presións por parte de Bruxelas
cara os desexos independentistas montenegrinos permitiron a suspensión, durante un período de tres
anos, de toda iniciativa de consulta sobre a independencia.
Este prazo expira no 2006 e agora só os montenegrinos
decidirán o futuro estatuto da súa república, cousa que pode levar á súa separación
de Serbia e ao remate definitivo desa entidade histórica denominada Iugoslavia.
A UE e Montenegro: Cal é estratexia
a seguir?
Nun momento no que se viven posicións autonomistas en
países membros da Unión Europea, nos casos de Cataluña e Euskadi no Estado Español,
Bretaña no francés e Escocia e Gales con respecto a Gran Bretaña, o tema de Montenegro reviste
de importantes reflexións e contradicións dentro Unión Europea.
Bruxelas impuxo unhas peculiares condicións do referendo
montenegrino: precisarase que o 55% dos electores voten a favor da independencia para que o resultado poida ser
recoñecido como válido. Pero esta relación 55/45 constitúe unha regra democrática
inédita e controvertida. Moitos analistas se preguntan que acontecerá se o 53 ou o 54% dos electores
votan a favor da independencia.
Segundo a UE, esa maioría insuficiente será considerada
como unha minoría e, no caso de darse, non poderá disolverse o Estado unitario. Resta por saber qué
clase de efectos terá este resultado sobre a convivencia en Montenegro, tomando tamén en conta os
exemplos máis próximos como Kosovo.
A dicotomía entre independencia ou unión con Serbia
pode provocar a renovación das tensións no espazo balcánico, un problema político omnipresente
na historia deste espazo xeopolítico. Bruxelas insiste en que non existe unha “zona gris” entre indecisos
pola independencia o a unión con Serbia. Kristina Galjak, portavoz de Javier Solana, Alto Representante
de Política Exterior da UE e artífice da Unión de Estados de Serbia e Montenegro, afirma que
a posición da UE está recollida no texto da lei montenegrina sobre o referendo e que non existen
outros plans que contemplen novas posibilidades.
Menos contundentes, outras voces aseguran que a UE ten preparada
unha proposta alternativa no caso de que os resultados se sitúen nesa “zona gris”: mantemento dunha Confederación
de Estados soberanos, cunha única cadeira na ONU. O problema é que os serbios non queren unha Confederación.
En Belgrado existe bastante consenso sobre o resultado final deste proceso e non queren saber doutras propostas
intermedias de Bruxelas: ou dous Estados independentes ou un único Estado unitario.
Serbia e Montenegro: dúas realidades
Todo este panorama depende tamén dos niveis de participación
electoral, elemento clave á hora de analizar os prognósticos. Pero aquí tamén se observan
marcadas diferenzas: mentres o goberno montenegrino establece coo suficiente unha participación do 41%,
o goberno serbio considera que unha participación inferior ao 51% sería motivo para non recoñecer
os resultados.
Outro factor de importancia cifrase no voto indeciso, calculado
entre o 12% e o 22%, cousa que determina un considerable nivel de confusión sobre a consulta a realizar.
Aínda non se coñece con exactitude cál é o termómetro de entusiasmo electoral
diante esta consulta. Por tanto, as previsións debuxan un escenario de incerteza.
Algunhas enquisas sitúan por diante aos unionistas, que
acusan a Podgorica (capital federativa de Montenegro) de tentar culminar con este proceso a institucionalización
dun Estado “privatizado”, onde coexisten tanto as actividades ilegais como as mafias de contrabando, narcotráfico,
lavado de diñeiro e prostitución. Velaí as críticas do político conservador
montenegrino Pedrag Popovic, do Partido Popular, NS (unionista), que afirma que “un país así non
pode aspirar a formar parte da UE”.
Pola súa banda, e sen desmerecer as súas lexítimas
demandas, o sentimento independentista actual en Montenegro semella máis vinculado á figura do presidente
Djukanovic, líder do Partido Democrático dos Socialistas, PDS, que as demandas históricas
ou políticas que poxaban pola separación formal de Belgrado. En Podgorica, algúns analistas
consideran que o voto indeciso podería desnivelarse no caso de que determinadas minorías étnicas,
tales como os 47.000 albaneses que habitan en Montenegro, decidan qué opción votar.
Neste derradeiro caso, esta decisión estaría posiblemente
vinculada ás demandas independentistas dos montenegrinos, tomando en conta que os albaneses que habitan
na ex Iugoslavia basicamente desexan un Kosovo independente. Os partidos minoritarios en Montenegro, principalmente
representantes das minorías étnicas, se localizan na opción independentista. Segundo algunhas
fontes occidentais e dentro de Montenegro, os independentistas incluso xa elaboran os futuros pasaportes e carnés
de identidade, así como as súas representacións consulares e diplomáticas.
Existen outros factores políticos importantes á
hora de analizar a dinámica interna en Belgrado e Podgorica. O recente ascenso electoral dos partidos nacionalistas
no espectro político serbio, tras dos derradeiros comicios lexislativos de febreiro, principalmente do Partido
Radical Serbio de Vojislav Seselj, provocará con certeza maiores reticencias no caso de que o referendo
amose unha maioría a favor da independencia.
O partido nacionalista serbio e os seus aliados non aceptan
baixo ningunha circunstancia unha desintegración do Estado serbio cunha posible secesión de Montenegro
e Kosovo, así como tamén negan a identidade nacional macedonia. Este escenario supón un serio
factor de poder a tomar en conta polo presidente federal serbio Boris Tadic e o seu primeiro ministro Vojislav
Kostuniça, mais vinculados aos imperativos de Bruxelas, co cal pódense orixinar diverxencias dentro
do goberno serbio.
No caso de que hoxe se realizasen eleccións, o electorado
serbio se amosaría dividido entre a apatía (algunhas enquisas lle outorgan un 40%) e a súa
preferencia polos centralistas e nacionalistas radicais de Seselj (35%). Asemade, a ruptura de relación
con Bruxelas polo “caso Mladic” que provocou a renuncia do viceprimeiro ministro serbio Miroljub Labus, deu paso
a unha crise gobernamental e a sensación social de marxinación, desencanto e incomprensión
por parte dos países europeos occidentais.
Outro factor que compre ter en conta se refire as relacións
económicas e comerciais, que presentan evidentes dificultades á hora de identificar a Serbia e Montenegro
como unha entidade única e homoxénea. Montenegro utiliza o Euro como moeda e, mesmo, posúe
un réxime comercial propio, diferenciado de Belgrado. Outro elemento ten que ver con que a Organización
Mundial do Comercio, OMC aceptou o ingreso de Serbia e Montenegro como dúas entidades económicas
diferentes e separadas.
O labirinto rexional
O referendo de Montenegro non pode estar máis mergullado
nunha realidade cambiante como a dos Balcáns, que ten que afrontar en breve o futuro estatuto de Kosovo.
Semella case seguro que esta última provincia autónoma serbia, administrada pola ONU desde 1999,
acade a súa independencia, contando co apoio practicamente garantido do Consello de Seguridade das Nacións
Unidas.
O recen elixido presidente kosovar, Fatmir Sejdiu, rexeitou
a posibilidade de que sexa Belgrado quen decida o futuro da provincia de maioría albanesa. Polo tanto, as
vontades independentistas tanto en Kosovo como en Montenegro implicarán unha forte influencia na configuración
territorial da república de Serbia e na súa futura evolución política, principalmente
cara as súas relacións con Bruxelas e cos países veciños.
Transcorridos dez anos dende a paz de Dayton que significou
o remate da guerra en Bosnia e sete anos da guerra en Kosovo, a situación nos Balcáns presenta un
escenario de delicada estabilidade. Aínda que se teñen iniciado procesos de cambio democrático,
as tensións étnicas, relixiosas e territoriais non deixan de formar parte do debate da opinión
pública sobre qué tipo de transición pos-iugoslava compre afrontar.
Pola súa banda, e a diferenza da crise entre 1991 e 1995,
a diplomacia europea de posguerra permitiu configurar unha mellor actuación como garante da estabilidade
rexional, principalmente grazas a presenza de efectivos militares da OTAN e da ONU e unha plataforma financeira
dirixida a solucionar as carencias económicas. Asemade, o proceso de ampliación europea permitiu
o ingreso no 2004 de Croacia e Eslovenia e a apertura de negociacións con Albania, a antiga República
Iugoslava de Macedonia, Bosnia-Hercegovina, Serbia e Montenegro.
No entanto, existen fisuras en canto á aplicación
dos mecanismos de transición de posguerra no antigo espazo ex iugoslavo: Bruxelas segue a manter unha posición
máis favorable ás vontades autonomistas, especialmente en Montenegro e Kosovo, cousa que irrita a
Belgrado, onde historicamente tivo forza a idea dunha grande Serbia, que acollese a todos os pobos eslavos do Sur.
Probablemente, o exemplo de Checoslovaquia, coa división
política e territorial realizada tras unha elección nacional en decembro de 1992 que permitiu a creación
da República Checa e Eslovaquia (actualmente membros da UE), pode ser considerado dende Bruxelas como o
referente máis significativo para o futuro de Serbia e Montenegro. O principal foco de análise se
localiza en clarificar ata qué punto a transición balcánica resultou ser un éxito,
ou en coñecer con exactitude se as realidades históricas e culturais das diversas comunidades étnicas
e relixiosas configuran un novo modelo de convivencia, independentemente da separación territorial.
|