|
As escenas de violentos enfrontamentos directos entre milicias
de Hamas e Al Fatah polo control das oficinas de seguridade e das estruturas gobernamentais da Autoridade Nacional
Palestina, ANP en Gaza, debuxa un complicado escenario para o novo goberno islamita de Hamas, que terá serias
dificultades no control das estruturas de poder dentro da ANP.
Un balance inicial dos choques fala da existencia de 20 feridos
e dun posterior asalto ao ministerio de Sanidade en Gaza. Posteriormente, presentáronse choques entre grupos
estudantís rivais en Gaza, entre partidarios de Hamas (principalmente da Universidade Islámica) e
de Al Fatah (da Universidade Al-Azhar), cun saldo de 15 feridos.
A gravidade da situación aumenta diante da presión
internacional, vía mecanismos financeiros, principalmente dende EEUU, a Unión Europea e Israel, cara
ao goberno de Hamas. A achega monetaria internacional para a ANP supón un elemento vital para garantir a
operatividade e funcionalidade dos organismos internos, principalmente de seguridade, administración e servizos
públicos.
A crise económica palestina
Esta preocupante situación económica nunha poboación
onde o desemprego se achega ao 50% levou, a que a ONU anunciase, hai escasos meses, que a ANP corre o risco dunha
inminente bancarrota, abafada pola crise financeira e o recorte da axuda occidental.
Segundo informes de organismos occidentais, a ANP debe 520 millóns
de euros aos bancos que funcionan no territorio palestino e outros 540 millóns de euros a empresas privadas.
Debido ao non recoñecemento de Hamas ao Estado israelí, EEUU e a Unión Europea decidiron,
a finais de marzo, conxelar as axudas destinadas á ANP, valoradas en 121,5 millóns de euros. A isto
débese engadir tamén que Israel bloqueou a transferencia de 41 millóns de euros por concepto
de impostos e taxas que recada ao nome da ANP polos intercambios de produtos que se realizan na franxa de Gaza
co exterior.
Se ben o Fondo Monetario Árabe, que inclúe a 20
países, anunciou o envío de 41 millóns de euros para aliviar este déficit financeiro
e o emirato de Qatar responderá cunha axuda de 40 millóns de euros, a Axencia das Nacións
Unidas para os Refuxiados Palestinos, UNRWA, anunciou a principios de abril que os efectos do corte financeiro
exterior cara a ANP "poderían contribuír moi pronto á aparición da fame"
no territorios ocupados.
Ao tempo, o retorno do terrorismo co recente atentado en Tel
Aviv (10 mortos), engadido aos choques internos en Gaza, en aumento tras da retirada militar israelí a mediados
de 2005 (acción polémica no interior do Estado israelí pero moi celebrada entre os palestinos),
semella presaxiar na actual conxuntura un panorama tendente á violencia, activada polas milicias armadas,
no control das estruturas de goberno, cousa que proporciona unha sensación de caos, ausencia de lei e violencia
na convulsionada transición palestina.
Violencia e illamento de Hamas
Desde finais da década dos noventa, algúns analistas
advertiron sobre a posibilidade dunha guerra civil entre os palestinos, principalmente Khalil Shikaki, director
do Centro Palestino de Política de Investigación de Ramallah, quen é considerado coma unha
das voces máis autorizadas sobre a complexa situación palestina.
A frustración en aumento en Gaza e Cisxordania diante
da imposibilidade de atopar unha negociación de paz que permita a formulación dun Estado palestino,
engadido á presión política e militar israelí, o fracaso gobernamental das institucións
palestinas en garantir niveis de estabilidade e os casos de corrupción atribuídos á elite
de Al Fatah dentro da ANP, provocaron serias disputas internas no complicado xadrez do panorama político
palestino. Un dos principais líderes de Hamas, Khaled Meshal, cualificou directamente de "corrupto"
ao presidente da ANP, Mahmoud Abbas, membro da cúpula histórica de Al Fatah.
Este panorama de frustración esténdese por varios
sectores da fragmentada sociedade palestina e condiciona os pasos políticos a tomar polo goberno de Hamas.
Neste sentido, semella factible a curto prazo unha vaga de manifestacións públicas alimentadas polas
cada vez máis fortes demandas de pago de salarios para profesores, policías e funcionarios da administración
pública.
Outro factor que afonda a desesperada situación palestina
o constitúe o illamento internacional de Hamas, en parte xustificado pola negativa deste partido a desmarcase
da loita armada e por negase ao recoñecemento oficial de Israel. Este illamento non só se traduce
na suspensión de axuda económica e contactos políticos coa ANP por parte de Israel e dos gobernos
occidentais senón que tamén detecta dentro do mapa político árabe.
Mesmo un aliado directo da ANP, como é Xordania, acusou
a Hamas de introducir armas no seu territorio, declaración que provocou a suspensión dunha visita
do ministro de Exteriores palestino, Mahmud al Zahar, a Ammán. No banda xordana, o principal partido da
oposición, os Irmáns Musulmáns, solidarizáronse con Hamas, acusando á monarquía
de Abdalláh II de "ceder ás presións de EEUU e dos sionistas". Só Irán
e Siria, que teñen gobernos considerados como antioccidentais, manteñen fortes vencellos con Hamas,
aínda que tamén Rusia está desenvolvendo unha activa diplomacia en Oriente Medio, tendente
a constituír unha "válvula de escape" para Hamas. Con anterioridade, representantes de
Hamas non puideron asistir a unha reunión do Consello de Europa en Estrasburgo pola negativa israelí
a concederlles visados.
O perigoso mosaico de grupos armados e de seguridade en mans
de Al Fatah e Hamas axiganta este clima de violencia e caos. Os recentes choques son unha manifestación
desta realidade: ducias de grupos armados, tanto no bando de Hamas como no de Al Fatah, sen aparentes líderes
unificados, fragmentados en líderes locais cualificados a si mesmos como portadores da legalidade e da orde
pública, enfróntanse directamente polo control de postos policiais, o cuartel xeral da ANP e as súas
institucións de goberno.
Os grupos involucrados
No escenario da seguridade interna dentro da ANP, existen diversos
grupos que conforman un variado e pouco eficiente sistema de seguridade, a miúdo condicionado polas rivalidades
persoais internas entre os compoñentes destes grupos.
Outros factores que restrinxen a operatividade destes grupos
de seguridade consisten na ilimitada actuación directa das tropas israelís cada vez que estas penetran
nos territorios ocupados. a presenza de diversos grupos con fins específicos similares, mais que teñen
diversos intereses persoais; e a existencia de determinados liderazgos, ligados á elite política
e económica, ata hai pouco moi vinculados á Al Fatah e aos partidos tradicionais da ANP.
Neste sentido, a estrutura de seguridade dentro da ANP se divide
en:
a) Policía Civil: orde público e arresto de criminais.
b) Forza Nacional de Seguridade: control de postos de seguridade
e patrullas fronteirizas.
c) Servizo Preventivo de Seguridade: espionaxe, contraespionaxe
e captura de subversivos.
d) Garda Costeira: patrulla as fronteiras de Gaza.
e) Defensa Civil: rescate e bombeiros.
f) Intelixencia Xeral: Operacións de intelixencia e contraespionaxe.
g) Intelixencia Militar: Investigacións de corpos de
seguridade e interrogatorios.
h) Forza Especial de Seguridade: Obtención de información
sobre grupos opositores e seguimento dos corpos de seguridade.
i) Servizo Presidencial de Seguridade: Protección de
altos funcionarios da ANP, arrestos de activistas da oposición e sospeitosos de colaborar con Israel.
No caso de Al Fatah, a milicia armada máis numerosa e
importante é a Brigada Tanzim, fundada en 1983, da que é líder Marwan Barghouti, encarcerado
por Israel en 2002. A Forza 17 é outro grupo armado de importancia, xa que constituía a garda persoal
de seguridade de Yasir Arafat.
Nun principio, esta forza estivo dominada por Mohammed Dahlan,
un dos candidatos á sucesión de Arafat, actualmente home clave na estrutura política de Mahmoud
Abbas por ser xefe do Servizo Preventivo de Seguridade. Outro dos seus líderes foi Musa Arafat, sobriño
do líder histórico palestino, quen fora acusado de cometer actos de corrupción e arbitrariedades
cando comandaba o organismo de Intelixencia Militar. Musa Arafat foi posteriormente asasinado en setembro de 2005
por milicianos afectos a Hamas.
Mais, quizás o grupo máis activo nestes momentos
dentro de Al Fatah resulten ser as Brigadas de Mártires de Al Aqsa, operativo desde a "Intifada de
2000" e composto por diversos membros da cualificada "nova xeración" de líderes do
partido. Israel acusa a este grupo de, nas súas orixes, posuír contactos con Hamas e Yihad Islámica.
Cando asumira Hamas o poder dentro da ANP, en febreiro pasado,
o control destes organismos de seguridade pública comezou a manifestar un maior caudal de enfrontamento
directo con Al Fatah e os seus grupos internos, ata agora os dominadores destes organismos. Neste sentido, Hamas
tentou involucrar aos seus grupos e líderes simpatizantes dentro desta estrutura, cousa que xa provocara
choques directos mesmo horas despois das eleccións lexislativas de xaneiro que levaron ao poder ao partido
islamita.
Dentro de Hamas, existen diversos grupos militantes como as
Brigadas Mártires Izz-al-Din al Qassam, consideradas como o principal grupo de actuación na loita
armada e o terrorismo contra as tropas israelís, das que é líder Mohammed Deif. Este grupo
constitúe a vangarda da militancia armada do partido islamita.
Outro dos grupos mais activos son os Comités de Resistencia
Popular, grupo orixinario de Ramallah e comandado por Jamal Samhadana, hoxe novo xefe policial en Gaza e considerado
o principal impulsor de atentados terroristas en Israel coa utilización dos misiles Qassam. Tanto Samhadana
como Deif están na lista dos terroristas máis buscados por Israel e son considerados como "obxectivos
militares" por parte das autoridades israelís.
A "guerra" Hamas-Al Fatah
Pero o detonante da crise actual ten que ver cos diferentes
enfoques políticos establecidos polo novo goberno de Hamas, que controla o Consello Lexislativo da ANP,
e a presidencia da Autoridade Palestina, en mans de Mahmoud Abbas e Al Fatah.
A negativa de Hamas a condenar o ataque terrorista de Tel Aviv
foi contrarrestada pola aberta e pública condena efectuada por Abbas. Esta poxa polo poder, vixiada de cerca
dende o exterior por EEUU, Israel e a UE, elevou o seu nivel de crispación coas acusacións de Khaled
Mashal contra Abbas, de ser "colaborador de Israel". A resposta de Abbas foi acusar a Mashal de querer
provocar unha "guerra civil" en Palestina.
Do crispado discurso pasouse a accións políticas
concretas: o ministro do Interior, Said Siyam, nomeou a Jamal Samhadana, un dos terroristas máis buscados
por Israel, como novo xefe da forza policial en Gaza. Nesta decisión tamén se incluíu a creación
dun novo organismo de seguridade. En Tel Aviv, a reacción foi inmediata e, mesmo, altos oficiais das Forzas
Armadas ameazaron con recuperar militarmente Gaza no caso de que Hamas introducise no seu goberno en "elementos
terroristas".
Pola súa banda, o presidente palestino Abbas considerou
"ilegal" o nomeamento de Samanhada. Pero esta decisión de Hamas pode analizarse como unha medida
radical e rápida para tomar pola forza o control da seguridade dentro da ANP, ademais de tentar definir
unha autoridade centralizada para controlar as numerosas milicias paramilitares en Gaza. A alta popularidade de
Samanhada podería contribuír neste obxectivo, a pesares das reticencias israelís e occidentais.
Dentro deste enfrontamento resulta tamén necesario identificar
ata qué punto a loita interna na ANP é entre Hamas e Al Fatah e non directamente entre membros de
Al Fatah. O ascenso dunha nova xeración de líderes, implicados na loita armada e o terrorismo desde
as "Intifadas" de 1987 e 2000, supón un serio reto para a desacreditada e envellecida dirixencia
histórica do partido, personificada na figura do presidente Abbas. Noutro sentido, o enfrontamento tamén
pode ser provocado coa finalidade de desestabilizar a Hamas e realizar outras eleccións, onde unha renovada
militancia de Al Fatah puidese tomar as rendas da ANP.
Considerado coma un moderado e un líder político
débil, Abbas ten serias dificultades para conciliar as demandas da base, máis activa e moza, e contrarrestar
o peso político que ten neste momento Hamas dentro da ANP. Pero o perigo interno e rexional resulta na posibilidade
dun escenario de guerra civil en Gaza, con serias implicacións para a seguridade en Oriente Medio.
|