| |
|
A preliminar situación de “empate técnico” entre
Silvio Berlusconi e Romano Prodi nas derradeiras eleccións lexislativas do domingo 9 de abril, cunha lixeira
vantaxe nos cómputos para o candidato da centro-esquerda, condiciona un escenario político confuso
e polarizado para Italia. Tras un lento reconto de votos, o impacto final do voto emigrante decidiu uns comicios
onde Prodi obtivo axustadamente máis votos no Congreso de Deputados e o Senado, institución onde
ata última hora Berlusconi mantiña unha mínima vantaxe.
O abertamente disputado resultado final presaxia situacións
complicadas para o futuro primeiro ministro. Prodi se apresurou a proclamar a súa vitoria cun 49.8% dos
votos, unha vez se coñecera que o voto emigrante decidiu a balanza. As primeiras reaccións do actual
primeiro ministro Silvio Berlusconi (quen obtivo un 49,7% da votación) se enfocaron en non recoñecer
a vitoria de Prodi e, incluso, propoñer un goberno de gran coalición, similar ao actualmente existente
en Alemania. Pero para Prodi e a súa coalición, este escenario semella improbable e indesexable.
En principio, a vitoria de Prodi na Cámara de Deputados
(630 escanos), cunha vantaxe de tan só 25.224 votos, non significa unha condición suficiente para
poder gobernar cun mínimo de consenso, xa que os cómputos preliminares outorgaban unha vitoria de
Berlusconi no Senado (315 postos) por tan só un escano. Segundo a lei electoral, o goberno italiano debe
ter a maioría nas dúas cámaras, xa que ambas teñen as mesmas facultades.
Pero o posterior reconto dos votos do exterior, os cales elixían
a 12 deputados e seis senadores, certificaron esta axustada vitoria de Prodi. Simultaneamente, a Comisión
Europea, Francia e Luxemburgo foron os primeiros actores internacionais en felicitar a Prodi polo seu triunfo electoral.
A negativa de Berlusconi a recoñecer a súa axustada
derrota e a súa oferta dun goberno de gran coalición enrarecen un panorama político complicado
e crispado a curto prazo. En principio, ante a indefinición electoral, se atopaba a posibilidade de repetir
os comicios ou ben que o presidente Carlo Azeglio Ciampi, de 85 anos, declare un novo primeiro ministro, o cal
probablemente podería ser Prodi. A próxima lexislatura se inaugura o 28 de abril e o próximo
18 de maio, Ciampi culmina o seu mandato de sete anos, polo que o Parlamento deberá decidir quén
será o próximo presidente.
Esta delicada situación política interna, no caso
de non solucionarse, podería obrigar ao actual presidente Ciampi a continuar nun breve período transitorio,
erixíndose no árbitro político nacional, mentres Berlusconi finalizaría a súa
xestión como primeiro ministro. En todo caso, a confusión electoral e o elevado nivel de incerteza
ameaza con continuar a tradición política italiana de posguerra, concernente na conformación
de gobernos inestables de curta duración.
Un escenario á alemana ou á
americana?
Unha primeira lectura dos resultados preliminares pon de manifesto
que o primeiro ministro Berlusconi obtivo unha inesperada alza na votación de última hora, quizais
determinado polo feito de que o país votou durante dous días, razón pola que puido gañar
tempo para o seu electorado, e que a participación electoral foi elevada (83%), aínda que dous puntos
menos que nas eleccións de 2001. A pesar da derrota, Berlusconi amosou sinais de querer continuar na política,
agora dende a perspectiva dunha dura oposición a Prodi.
Se ben xa semella definitiva a vitoria de Prodi, a indefinición
electoral italiana podería estar reproducindo pasadas experiencias electorais, algunhas máis próximas
no tempo. Son os casos dos comicios lexislativos en Alemaña de novembro pasado, entre a conservadora Ánxela
Merkel e o socialdemócrata Gerhard Schröder ou, a anterior, nas eleccións presidenciais estadounidenses
do 2000, entre o republicano George W. Bush e o demócrata Al Gore.
Nesta conxuntura, se formularon varias hipóteses: goberno
de gran coalición; a actuación presidencial como árbitro político; ou ben, a celebración
de novos comicios. Aínda que Prodi obtivera unha lixeira maioría na Cámara dos Deputados e
no Senado, cobra importancia coñecer estas alternativas de resolución da crise electoral:
-Goberno
de Coalición: Sería a “chave alemana”
para a crise italiana, similar ao actual goberno CDU-SPD en Berlín, con Merkel como chanceler ou xefa de
goberno. Pero, no caso italiano, non parece ser o escenario mais probable, tendo en conta o alto nivel de polarización
socio-política, a marcada división entre ambos electorados e a frontal rivalidade política
entre Prodi e Berlusconi, traducida con inusitada dureza durante a campaña electoral. A proposta de Berlusconi
de utilizar esta fórmula foi abertamente rexeitada por Prodi, aducindo que Il Cavaliere (como se lle coñece
a Berlusconi), “falsea a realidade”.
-O
papel do presidente: Un escenario que colocaría
ao presidente Ciampi, ou ben ao seu sucesor, nunha posición central e determinante que podería solucionar
satisfactoriamente a crise post-electoral. Ambas coalicións políticas poderían tamén
acordar a creación dun goberno transitorio de tecnócratas, sen figuras políticas de gran envergadura,
coa facultade de elaborar un novo orzamento para o 2007 e convocar novas eleccións. Este escenario estivo
presente no período 1993-94, con Ciampi como xefe de goberno.
-Novas
eleccións: Sería un paso a consecuencia
do anterior, aínda que podería estar descartado se finalmente existe consenso sobre a vitoria de
Prodi. En caso de repetición, ambas coalicións decidirían acudir novamente ás urnas,
probablemente a finais de 2006. Mentres, un goberno transitorio se ocuparía dos poderes executivo e lexislativo.
Outra posibilidade, antes da proclamación de Prodi, era realizar un posible recónteo de votos, como
no caso estadounidense dos condados do norte de Florida en novembro de 2000.
-Posíbeis
tránsfugas: como a definición destas eleccións
se localiza no Senado, algúns senadores electos poderían mudar de coalición política
e decantar a balanza entre Berlusconi e Prodi.
-Ascenso
dunha alternativa centrista: diante da indefinición
electoral, sectores moderados e centristas de ambas coalicións acordarían un achegamento e crearían
un novo movemento que fose quen de formar goberno. Este ascenso, probablemente, provocaría un cambio necesario
dentro da actual política italiana, caracterizada pola crispación e un certo extremismo político.
Pero este escenario tamén posúe as súas complicacións, xa que podería ocasionar
rupturas e crebas dentro das coalicións, principalmente na gobernamental “Casa das Liberdades”, por mor
da presenza de partidos de extrema dereita como a separatista Liga do Norte, cuxo apoio á coalición
de Berlusconi non sempre estivo garantido.
O decisivo voto emigrante
Se a campaña electoral amosou sinais preocupantes de
fractura e crise dentro da sociedade italiana, a presente situación de confusión electoral define
o posible retorno dos “gobernos débiles” e de corta duración, tradicionais na posguerra italiana
ata, curiosamente, a chegada de Berlusconi ao poder no 2001.
En grande medida, parte do actual enredo electoral ten a súa
orixe na reforma do sistema electoral impulsada por Berlusconi e aprobada en decembro de 2005. Deste xeito, Italia
retornaba ao sistema de representación proporcional, cousa que lle da a vitoria á coalición
gañadora cunha maioría simple na Cámara de Deputados.
Se a decisión estivera nas mans de Ciampi, e os actuais
resultados se manteñen, sería probable a designación de Romano Prodi como futuro primeiro
ministro por parte do presidente da república italiana, aínda que ao fronte dun goberno inestable
e con pouca marxe de operatividade. Pero a chave decisiva está no voto emigrante, tomando en conta que a
imaxe de Berlusconi resulta máis afectada no exterior que na propia Italia.
En total, o voto emigrante elixía 12 deputados e seis
senadores. Dos tres millón e medio de facultados para votar, votou un 39% do electorado para a Cámara
de Deputados e un 38% para o Senado, repartidos en catro circunscricións electorais: América do Norte
e Central; América do Sur; Europa; e África-Asia-Oceanía-Antártida. Os resultados obtidos
no reconto final amosaron 422,330 votos para a coalición L'Unione de Prodi (6 escanos), por 202,407 de Forza
Italia, o partido de Berlusconi (3 escanos). Os outros tres escanos estiveron repartidos nos votos das agrupacións
de Per Italia nel Mondo, Di Pietro IT.Valori e Associazioni Italiana Sud-America.
Por rexións, o voto no Senado se localizou na seguinte
expresión: Friuli-Venecia Giulia, Véneto, Lombardía, Piamonte, Lazio (onde está a capital,
Roma), Puglia e Sicilia, amosaron a súa preferencia por Berlusconi. Pola súa banda, Trentino-Alto
Adige, Valle de Aosta, Liguria, Toscana, Umbría, Cerdeña, Campania, Molise, Abruzzo, Calabria, Basilicata,
Emilia-Romana e Las Marcas, votaron por Prodi.
En medio da indefinición electoral e da proclamación
nominal de Prodi como vencedor, os italianos asistiron un día despois dos comicios ao arresto de Bernardo
Provenzano, de 63 anos, o histórico xefe da mafia siciliana, nunha efectiva operación policial que
podería reforzar a aprobación social sobre a actuación dos organismos de seguridade e, quizais
indirectamente, ao goberno de Berlusconi.
Pero o futuro tamén depende do feito de que Berlusconi
acepte a derrota ou ben se decide impugnar os resultados, ou se decide aferrarse á posibilidade de continuar
como xefe de goberno. A mediano prazo, outro escenario de conflitividade se localizará na considerable e
influínte marxe de operatividade que terá Berlusconi como líder da oposición e cómo
sorteará as demandas xudiciais pendentes.
Tamén é necesario resaltar que o futuro goberno
deberá acometer importantes decisións políticas e eleccións a curto prazo. Á
inauguración dunha nova lexislatura o próximo 28 de abril seguirá a designación do
próximo presidente da República, entre o 12 e o 18 de maio. Entre o 28 e 29 de maio se celebrarán
eleccións municipais, con segunda volta en xuño, mentres entre o 11 e 18 de xuño se podería
celebrar un referendo sobre a reforma federalista da Constitución, proxecto impulsado polo propio Berlusconi
a instancias da Liga Norte.
Con Prodi como primeiro ministro dun goberno que desde xa se
vislumbra débil e complexo, Italia experimentará un enfoque e estilo diferente. Os primeiras lemas
de Prodi, “Europa” e “paz”, determinan unha orientación máis europeísta que atlantista, enfocando
cara Bruxelas e non Washington. O anuncio dun pronto retiro das tropas italianas de Iraq tamén camiña
neste sentido. Noutro sentido, a busca do consenso e o diálogo serán outros vértices do seu
eventual goberno, diminuíndo o marcado énfase personalista de Berlusconi.
|
| |
|
Nome oficial:
República de Italia.
Forma de Estado: República parlamentaria. Conformada por 20 rexións administrativas.
Xefe de Estado: Carlo Azeglio Ciampi (desde 1999).
Xefe de Goberno: Silvio Berlusconi (desde maio 2001).
Partidos Políticos: Nestas eleccións, tanto para a Cámara de Deputados como
para o Senado, as dúas coalicións conformaron os seguintes partidos: A "Casa das Liberdades"
(Casa della Libertá), coalición que apoia ao primeiro ministro Silvio Berlusconi, estivo conformada
polos partidos Forza Italia, (conservador, centro-dereita); Alleanza Nazionale (neofascista); Centro Cristiano
Demócrata; Cristianodemócratas Unidos; Lega Nord (extrema-dereita, separatista) e Per Italia nel
Mondo.
Pola súa banda, a coalición opositora Union (L'Unione),
estivo apoiada polos partidos Refundazione Comunista; La Margherita (esquerda); Democratici di Sinistra, L'Unione-SVP,
Di Pietro Valores.Italia, Xuntos pola Unión, Il Ullivo, Os Verdes, U.D. Popular Europea e A Rosa no Puño.
Poboación: 57.600.000 habitantes.
Idiomas:
italiano (oficial), na rexión de Valle de Aosta é tamén oficial o francés e provenzal.
No país se falan tamén o alemán, esloveno, ladino, albanés, catalán, croata,
grego e occitano. Existen dialectos rexionais como o toscano, lombardo e sardo.
Relixións: 84% católicos; existen comunidades islámicas, protestantes e xudías.
PIB per capita: $25.491.
Parte do PIB mundial: 4,02%.
Crecemento económico: O "período Berlusconi" (2001-2006) presentou un crecemento
global do 0,5%, segundo os derradeiros datos da Organización para o Desenvolvemento e a Cooperación
Económica (OECD). O Banco Mundial e a publicación The Economist consideran que, para decembro de
2005, a economía italiana creceu entre un 0,5% e un 1,5%. As estimacións para o ano 2006 se localizan
entre o 0,9 e o 1,6%.
Taxa de desemprego: 7,7% (decembro 2005).
|