Dossier Exterior / nº 002-02/2006 de 3 de abril Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior
Estudantes e obreiros contra Villepin
Francia: crise e precariedade laboral
 
 
Análise

     
   

Dúas semanas de protestas nas rúas, orixinalmente convocadas polas organizacións universitarias e ampliadas aos institutos de ensino secundario e aos sindicatos, contra da aprobación, vía parlamentaria, do Contrato do Primeiro Emprego, tiveron nas 135 manifestacións a nivel nacional convocadas para o martes 28 de marzo, a súa máis latente manifestación de descontento social contra do primeiro ministro Dominique de Villepin, principal defensor da polémica lei laboral aprobada a principios de febreiro, pola Asemblea Nacional Francesa.

Esta xornada de folga xeral, que repercutiu fundamentalmente nos servizos e no transporte público, constituíu un decisivo pulso político entre de Villepin e os estudantes ou traballadores anti-CPE. A aprobación, unilateral, sen ningún tipo de consenso, da polémica lei, así como a inflexibilidade do primeiro ministro á hora de negociar unha reforma máis aberta e plural, son os factores estructurais que vertebran a ampliación deste conflito.

Do mesmo xeito, é de resaltar a ampla capacidade de convocatoria e mobilización por parte dos estudantes, constituíndo un factor de peso á hora de configurar as políticas sociais.


Orixe do conflicto

O epicentro do conflito comezou na universidade da Sorbona, cunha serie de asembleas estudantís que decidiron convocar a unha permanente toma do recinto como elemento de presión que posibilitase o retiro da lei. O seu efecto expansivo foi chegando a 60 dos 84 centros universitarios franceses. O primeiro fin de semana de protestas permitiu a congregación, non só na capital senón en cidades como Burdeos, Rennes, Marsella, Lille e Toulouse, dunha serie de manifestacións de entre 503.000 e 1.500.000 persoas, segundo cifras diverxentes do ministerio do Interior e dos organizadores. Pola súa banda, as últimas enquisas dan conta dun rexeite social do 70% á polémica lei laboral.


Escenario sociopolítico da crise

Esta nova situación crítica coloca ao escenario social e político francés nunha delicada conxuntura, que repercute nos intereses políticos e electorais dos principais actores da vida política nacional. As multitudinarias manifestacións deron paso a escenas de duros enfrontamentos urbanos entre as forzas de seguridade e os grupos radicais que aproveitaron o descontento para actuar violentamente.

Neste sentido, existen actualmente 420 detidos, ao tempo que un manifestante, o sindicalista Cyril Ferez, está en coma produto da represión dos antidisturbios nos choques da pasada semana en París.

O luns 20, os sindicatos lanzaran un ultimato a Villepin para que retirase a lei. Diante desta iniciativa o goberno tentou contrarrestar o seu efecto gañando tempo ao ofrecer diálogo. Pero este diálogo non deu resultados satisfactorios. O primeiro ministro Dominique de Villepin tivo reunións cos sindicatos para modificar aspectos esencias da polémica lei, pero manténdose inflexible na petición de retirada do seu plan de emprego xuvenil, máis coñecido polas siglas CPE. Un día máis tarde, o primeiro ministro tentou reunirse cos estudantes, mais non asistiron catro dos sindicatos universitarios, visiblemente molestos pola intransixencia de Villepin.

Coma no resto de Europa, o problema da precariedade laboral en Francia acada cotas de importancia nun país con taxas oficiais do 10% de desemprego, superior á media europea. Un 22% dos menores de 24 anos non atopan traballo. Mesmo para os analistas que consideran que a reforma laboral é urxente e necesaria, sen embargo discrepan sobre os métodos e o estilo empregado por Dominique de Villepin, encadrado nos paradigmas liberais con escaso acento social.


Unha crise à la française

O caso francés ven rexistrando situacións complexas dende mediados de 2003. Nese momento, unha vaga de calor provocou un desbordamento descomunal da demanda de atención sanitaria, elemento que provocou certa sensación de indefensión xeral diante do sistema estatal de asistencia social e provocou severas consecuencias políticas para o goberno de centro-dereita de Jacques Chirac.

Pero o momento máis complicado foi a celebración do referendo constitucional europeo, en maio de 2005. Unha serie de manifestacións populares e unha forte presión social por parte dos sindicatos e da multiforme militancia de esquerda, permitiron o contundente fracaso na aprobación da Constitución europea. Este duro golpe para o proxecto de integración europeo por parte dun dos países propulsores do proxecto europeísta afondou en Francia as diverxencias e a sensación de crise social e política.

Posteriormente, en novembro de 2005, a violenta rebelión dos arrabaldos parisinos, conformado principalmente por inmigrantes musulmáns de segunda xeración, orixinarios do Magreb, constituíu un agudo problema de integración social e un elemento a engadir nesta sensación crónica de crise nacional. Dentro do goberno de Chirac, tanto Dominique de Villepin como o ministro do Interior, Nicolás Sarkozy, se situaron, daquela, a favor de utilizar a “man dura” como elemento disuasivo cara aos violentos manifestantes.


Obxectivo: eleccións 2007

Este cadro conflitivo francés non podería analizarse por completo, sen a perspectiva electoral, localizada principalmente na loita dentro do partido de goberno, Rassemblement pour la République, RPR, para suceder a Jacques Chirac no Palacio do Elíseo. Situación case similar á que se vive na esquerda, fragmentada e en proceso de atopar novos líderes.

En abril de 2007 vanse celebrar os comicios presidenciais franceses, polo que tanto Dominique de Villepin como Nicolás Sarkozy redimensionan os seus cálculos políticos. O presidente Chirac xa amosara a súa preferencia por Villepin, nomeando ao primeiro ministro como o seu eventual sucesor dentro do partido. Pero Sarkozy alberga grandes esperanzas, principalmente dentro do seu partido, Union pour la Majorité Populaire, UMP, que forma parte da coalición de movementos e partidos dentro da RPR.

A directa identificación entre de Villepin e a CPE constitúe unha pesada lousa para o primeiro ministro. Evidencia unha fractura dentro do goberno de Chirac e un marcado descontento social. Unha sondaxe do instituto de opinión IFOP localiza a baixa de popularidade de Villepin nun 61% dos enquisados. O primeiro ministro esperaba revitalizar a súa candidatura coa aprobación, tanto política como social, desta polémica lei. O descontento nas rúas e a posibilidade de que esta lei se retire, afectarán definitivamente as aspiracións electorais de Villepin.

Pola súa banda, Sarkozy tenta gañar puntos con esta crise. Non cuestiona no fondo esta lei, pero establece a necesidade de reforma, formulando a tese da súa “mala aplicación”. Así como a crise dos arrabaldos de novembro pasado, significou un notable desprestixio de Sarkozy, a actual crise do CPE pode ser un revulsivo para que o actual Ministro do Interior, Sarkozy, remonte a Villepin nas enquisas.

Pola súa banda, esta crise social permítelle á esquerda tentar organizarse unha maior cohesión interna, con obxectivos comúns e con posibilidades electorais. As demandas dos estudantes e dos sindicatos sempre contaron co apoio do Partido Socialista, do Partido Comunista, dos trotskistas e demais manifestacións políticas de movementos de esquerda. O principal problema para a esquerda está na ausencia de líderes sociais e políticos representativos que poidan incursionar no pulso entre as enérxicas figuras políticas de Villepin e Sarkozy. Na banda socialista, existe unha marcada disputa entre a candidata Sègoléne Royale e o Secretario Xeral, François Hollande.

Paralela á “crise da CPE”, e probablemente coma pretexto para outros obxectivos, existen factores engadidos ao conflito: A precariedade laboral aumenta nun contexto no que proliferan os titulados universitarios que o mercado laboral non é quen de absorber; a actividade sindical produto da confrontación entre un modelo económico liberal e de mercado fronte á defensa do Estado Social de Benestar; e, por último, a presenza nas manifestación de grupos violentos que aumentan a sensación social de inseguridade e de explosión popular permanente.

     
     
A Lei do Contrato do Primeiro Emprego, CPE

     
   

En francés, Contrat Première Embauche. O Contrato de Primeiro Emprego “é un contrato de traballo indefinido reservado aos mozos menores de 26 anos. A súa disposición máis polémica é a que permite ao patrón despedir ao traballador durante un período aprobatorio de dous anos sen necesidade de xustificar o despido”.

O primeiro ministro Dominique de Villepin anunciou a súa creación o 16 de xaneiro de 2006, no marco dun programa destinado a reducir o desemprego na mocidade, xa que afecta á cuarta parte desa poboación. O CPE se inscribe dentro da Lei para Igualdade de Oportunidades, aprobada pola Asemblea Nacional Francesa entre o 8 e 9 de febreiro. A súa adopción marcou o inicio do conflito entre o goberno, a maior parte dos sindicatos de traballadores e as organizacións estudantís.

O goberno considera que esta lei garante unha indemnización, un subsidio ao paro e o dereito á formación, axudas para vivenda e creto bancario. A precariedade laboral provocada por esta lei resulta ser a principal demanda dos universitarios e dos sindicatos, que piden a supresión total do CPE como requisito para comezar as negociacións laborais co goberno.

     
     
Principais actores

     
   

Dominique de Villepin: Primeiro ministro, principal defensor e promulgador da lei do CPE. Nomeado directamente polo presidente Jacques Chirac como o seu candidato no partido RPR para as eleccións presidenciais de 2007. A actual crise e o posible desgaste da súa candidatura constitúe o seu principal reto político a curto e medio prazo.

Nicolás Sarkozy: Ministro do Interior, líder conservador da UMP ( Unión por unha Maioría Popular), intenta rendibilizar electoralmente unha crise que afecta directamente ao seu principal rival electoral, Dominique de Villepin. Nunha clara estratexia por distanciarse da posición oficial, Sarkozy avoga actualmente por reformas na CPE, defendendo un contrato único e indefinido, con maior flexibilidade para o empresario e protección para o traballador. Tras da folga do 28 de marzo, manifestouse a favor da suspensión do CPE.

Tristan Rouquier, Bruno Julliard e Julie Coudry: Os tres principais líderes estudantís da universidade da Sorbona. Convocaron a primeira asemblea xeral universitaria para discutir a necesidade de levar a cabo manifestacións como presión contra de Villepin.

Bernard Thibault e François Chérèque: O primeiro, é líder da Confederación Xeral de Traballadores, CGT, o máis importante sindicato francés, pertencente ao partido Comunista. O segundo, é líder do sindicato reformista Confederación Francesa Democrática do Traballo, CFDT, de inspiración social-cristiá. A pesar das súas divisións persoais e dos seus intereses en ser reelixidos nos seus cargos nas próximas semanas, ambos veñen traballando conxuntamente para denunciar o CPE e acosar ao primeiro ministro de Villepin.

Jacques Chirac: Presidente da República Francesa. O seu escaso destaque na crise e o feito de verse superado actualmente pola rivalidade Villepin-Sarkozy, son razóns de peso para vaticinar un prolongado eclipse político de Chirac, visible desde o trunfo do “non” no referendo da Constitución europea en maio de 2005.

François Hollande: Secretario xeral do Partido Socialista, intenta recuperar a iniciativa da esquerda coa mobilización nas rúas.

     
     
Radiografía de Francia

     
   

Nome oficial: República Francesa.

Forma de Estado: República unitaria cun réxime semi-presidencial. Conformada por 22 rexións administrativas.

Xefe de Estado: Jacques Chirac (desde 1995, reelixido no 2002).

Xefe de Goberno: Dominique de Villepin (desde maio 2005).

Partidos Políticos: Unión para a Maioría Popular, UMP (agrupa desde o 2002 aos principais partidos de dereita: Rassemblement pour la Republique, RPR. Democracia Liberal, DL, é unha facción da demócrata-cristiá Union para a Democracia Francesa, UDF). Partido Socialista PS(social-demócrata). Partido Comunista Francés, PCF. Partido Radical de Esquerda, PRG. Os Verdes. Fronte Nacional, FN (extrema dereita).

Poboación: 59.800.000 habitantes.

Idiomas: Francés (oficial); bretón, alsaciano, corso, occitano, catalán, eusquera, flamenco.

Relixións: 34% católicos; 7% musulmáns; 2% protestantes; 1% xudeus.

PIB per cápita: $29.391 por habitante.

Crecemento económico: 1,2% (2005).

Taxa de desemprego: 9,6% (xaneiro 2006).

     
     
Revista de prensa

     
1   Pourquoi Chirac soutient Villepin”, por Béatrice Gurrey, en Le Monde (Francia), 28 de marzo de 2006.

Le président et son premier ministre sont aussi d'accord sur une analyse fondatrice: la réussite sur le front de l'emploi est essentielle pour eux deux (...) L'un veut sauver la fin de sa présidence, l'autre se donner une chance d'y accéder et réussissant à faire baisser les chiffres du chômage.
     
2   Pourquoi la mobilisation contre le CPE n'est pas un nouveau Mai 68”, por Enric Zemmour, en Le Figaro (Francia), 25 de marzo de 2006.

Leur unique slogan est “résistance”, scandé sur tous les tons. Résistance au CPE, résistance au libéralisme, résistance à la mondialisation –les étudiants de 2006 sont sur la défensive. Ils s'enferment dans les universités comme dans une citadelle assiégée.
     
3   Psicodrama francés”, editorial en El País (España), 29 de marzo de 2006.

El CPE es la chispa que ha iniciado un incendio alimentado por unos ciudadanos frustrados, opuestos a todo cambio, que intentan preservar a ultranza un modelo social necesitado de profundas reformas (...) A la vez, la lucha en el seno del Gobierno para ocupar el lugar de salida con vistas a las presidenciales de 2007 impide tener un Gobierno sólido.
     
4   The phoney revolution”, en The Economist (Gran Bretaña), 25 de marzo de 2006.

Much will depend on the turn-out next week. For the unions, their credibility depends on beating 1.5m, and causing chaos on the streets (...) But exams and holidays approach for students. Non-protesters and protesters alike face the prospect of having to repeat their academic year if their sit-ins continue.
     
5   Villepin à quitte ou double”, por Mayeul Caire, en Jeune Afrique (Francia), 25 de marzo de 2006.

Car se qui se joue, sur fond de bataille du CPE, c'est bien la guerre pour l'Élysée. La gauche politique sort d'un lutte fratricide sur le projet de traité d'Union Européenne de mai 2005. La gauche syndicale, d'un déchirement sur la réforme des retraites.
 
Volver a TitularesVolver a Dossier Exterior



Ir á páxina de inicio
Instituto Galego de Análise e
Documentación Internacional
www.igadi.org

ÚLTIMA REVISIÓN: 30/03/2006
Fernando Pol


Subir

 

Subscríbete á lista de correo do Igadi e recibe notificación das novas
informacións, artigos, documentos, convenios, publicacións, etc, que ofrece
o Igadi na súa páxina web Igadi na Rede.


Para comprender o Mundo desde aquí ...
... para proxectar a Galicia no contexto internacional.

   

Apúntate en: http://www.elistas.net/lista/igadi/alta