|
Considerado como o cambio constitucional máis importante
desde 1949, o inicio no Bundestag (Parlamento), a reforma do sistema federal alemán permítelle á
primeira ministra Ánxela Merkel calibrar a súa fortaleza política, amparada actualmente na
súa elevada imaxe e popularidade tanto nun marco interno como exterior. Non obstante, Merkel afronta o seu
principal reto político, intentando conciliar o alcance dunhas reformas que, na práctica, poderían
modificar substancialmente o sistema federal e, no futuro, dar unha maior estabilidade ao seu goberno.
Despois dos primeiros cen días de goberno de Ánxela
Merkel, a súa imaxe disfruta das máis altas cotas de valoración popular (80% segundo as enquisas).
Dende unha visión externa, Merkel obtén unha óptima puntuación na súa política
internacional, debido á claridade dos seus primeiros pasos diplomáticos: compromiso cunha Europa
Unida na que Alemaña volva a ser o motor; firmeza cara Rusia nos aspectos enerxéticos e de dereitos
humanos; e decisión de recompoñer matizadamente as relacións transatlánticas con EEUU.
Neste contexto, o goberno alemán da “gran coalición”,
conformada polos partidos demócrata-cristiá CDU-CSU e o socialdemócrata SPD, comezou o pasado
venres 10 de marzo, a discusión parlamentaria sobre a modificación constitucional do sistema político-territorial
imperante no país dende a súa constitución como República Federal en 1949. Este proceso
de reorganización das competencias entre o goberno central e os estados federados (länders) era un
tema pendiente na axenda política alemana, paralizada desde hai tres anos polos diversos problemas de gobernabilidade
suscitados durante a xestión do anterior chanceler, o socialdemócrata Gerhard Schröder.
Merkel conta cunha maioría parlamentaria esmagante que
lle permite afrontar grandes reformas políticas. Ademais debemos ter en conta que o socio de goberno, o
socialdemócrata SPD, está debilitado en función dos cambios de liderato e das crises internas,
polo que a chanceler alemana conta cunha estabilidade da que carecía o seu antecesor Schröder.
A “gran coalición” ocupa as dúas terceiras partes
do Parlamento e do Bundesrat (Senado), órgano de representación dos länder, o cal permitiría
levar adiante un longo e complicado proceso de discusión de 20 artigos constitucionais para iniciar a “reforma
federal”. Neste sentido, o goberno central, os dous principais partidos políticos (CDU e PSD) e a conferencia
de presidentes dos länder, acordaron iniciar a lectura dun texto reformatorio nas dúas cámaras
lexislativas.
Alemaña. Máis federal ou
máis centralista?
O novo reequilibro federal se asentaría nun principio
básico: Se amplían as competencias dos “Länder” a cambio de perder un tercio do dereito a veto
do que dispuñan no Bundesrat.
A reforma do federalismo reforza as competencias dos länder,
en determinados aspectos como educación, medio ambiente, réximen penal, vivenda, promoción
social e actividades comerciais. Asemesmo os länder manteñen a súa representación directa
na Unión Europea, e poderían lexislar en asuntos de educación e cultura.
Neste marco, para os sectores máis centralistas, os temas
de educación e medio ambiente están a percibirse como os máis conflitivos neste proceso de
reformas. Esgrimen que o goberno central terá dificultade para controlar o sistema educativo, especialmente
no ensino secundario. No eido medioambiental, argumentan sen avais documentais que o reparto das competencias vai
favorecer aos länder máis ricos en detrimento dos menos desenvolvidos.
Resulta difícil prognosticar se a “reforma federal” defendida por Merkel terá ou non éxito.
En caso de aprobarse algunha reforma, esta comezaría a implementarse a comezos do 2007, coincidindo co momento
no que Alemaña pasará a dirixir a presidencia rotativa da UE e tendo en conta a moi probable oposición
dos poderes locais nalgúns dos 16 estados federados e dos seus líderes rexionais, que desexan seguir
participando e influíndo no lexislativo federal.
A influencia política dos líderes dos länders
permitiu asestar a Schröder diversas derrotas electorais en comicios rexionais no período 2004-2005.
Esta circunstancia sería un factor determinante á hora de explicar a súa derrota final nas
eleccións xerais de outubro pasado.
Tamén, a reforma federal outorga ao goberno central (Berlín)
unha maior amplitude de competencias exclusivas en asuntos relacionados co terrorismo, enerxía nuclear,
armamento, censo, empadroamento, documentos de identidade e protección do patrimonio cultural.
No novo marco de reequilibrio político e territorial,
o Bundestag saería así mesmo reforzado, en detrimento do Bundesrat. Ampliaría a súa
potestade lexislativa que conlevaría unha redución do 35% das cotas de leis que esixen a aprobación
do Senado.
Os outros desafíos de Merkel
En realidade, a chanceler alemá de 51 anos desexa reestruturar
un sistema que permita axilizar ao goberno central, coa maior rapidez posible, as reformas lexislativas que pretende
levar adiante. Pero este sistema ten os seus simpatizantes e detractores.
Chama a atención que a actual estabilidade da “gran
coalición”, teña a súa orixe na debilidade do SPD e na consolidación da imaxe da chanceler
alemana. Na actualidade, os ministros do goberno central non rifan en público as súas diverxencias,
como sucedera na anterior lexislatura de Schröder. O aparente consenso maioritario permite a Merkel albiscar
que este proceso de reformas podería saír adiante no horizonte do seu goberno de “gran coalición”.
Pero Alemaña posúe outros problemas de embergadura:
O desemprego acada a cinco millóns de persoas, un 12% da poboación económicamente activa.
Unha serie de folgas no sector público dalgunhas rexións en defensa do Estado do Benestar complica
as relacións entre o poder central e os länders. Do mesmo xeito, na recente xuntanza do Consello de
Ministros franco-alemana en París, Merkel puxo de manifesto diante do presidente francés Jacques
Chirac as dificultades que as empresas alemnas atoparon no contexto do mercado único europeo, o que cualificou
de “nacionalismo económico”, neste caso francés. Tamén no contexto europeo, Alemaña
está intentando axustar o seu preocupante déficit público aos mínimos parámetros
establecidos por Bruxelas.
Por outra banda, o “goberno Merkel” tivo que facer fronte a
unha opinión pública sensible cara o impacto social e sanitario dos casos de “gripe das aves” en
diversos länders, así como as críticas contra o seleccionador Jürgen Klinsmann, a escasos
tres meses da celebración do mundial de fútbol de Alemaña, que motivaron a unha intervención
directa da propia Merkel.
No aspecto exterior, Merkel comezou un achegamento con Washington
que permitiu recompoñer e parte as delicadas relacións transatlánticas, a pesar da revelación
pública de que axentes secretos alemás colaboraron coa invasión anglo-estadounidense en Iraq,
suceso que deixou en entredito a posición oficial de Berlín na etapa do goberno socialdemócrata.
Amais, a diferenza do seu antecesor Schröder, Merkel mantén certa distancia nas súas relacións
co presidente ruso Vladímir Putin, a pesares de ser Rusia un importante socio comercial ou enerxético.
Pero a axenda externa non semella ser a prioridade a curto e
mediano prazo no goberno da “gran coalición” de Ánxela Merkel, principalmente porque todo dependerá
do debate interno en torno á “reforma federal” e das súas implicacións políticas, tanto
internas como externas.
|